Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Venres, 20 de xuño de 2003 Páx. 8.115

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 16 de xuño de 2003 pola que se establecen medidas para a xestión da captura de polbo (Octopus vulgaris) coa arte de nasa.

A Lei 6/1993, de pesca de Galicia, no seu artigo 3 dispón que lle corresponde á Administración autonómica garantir que a utilización dos recursos mariños se realice de forma que se obteña o seu máximo rendemento a través dunha explotación económica racional e eficaz que sexa compatible coa conservación das especies e co incremento do benestar comunitario.

En desenvolvemento da lei, o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, aprobou o Regulamento da actividade pesqueira e das artes e aparellos de pesca permisibles en Galicia. Con posterioridade o Decreto 294/1998, do 8 de outubro, adicionando un artigo

ó Decreto 424/1993, do 17 de decembro, permitía, suspendendo transitoriamente a aplicación dos preceptos reguladores dalgunhas modalidades, a confección de plans experimentais para o estudio de medidas de explotación dos recursos mariños co obxectivo de acada-lo rendemento máximo sustentable. En aplicación dese precepto foron aprobados plans de captura de polbo con nasa nos anos 2000, 2001 e 2002.

Baseándose nos resultados das experiencias desenvolvidas, o Decreto 348/2002, do 13 de decembro, modifica o Decreto 424/1993, do 17 de decembro, e dálle unha nova redacción ó artigo 70, establecendo as novas condicións de uso da arte de nasa polbo, procedendo agora, de conformidade co disposto no punto 10 do artigo modificado, a determina-los topes de captura e outras medidas necesarias de xestión coas que tratar de acadar unha explotación racional do recurso.

De acordo co anteriormente exposto, logo de consulta-lo sector afectado, en virtude das facultades que teño conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1º

As embarcacións que contando co permiso de explotación, estean autorizadas para realiza-la actividade extractiva coa arte nasa para polbo en augas competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, limitarán as capturas e desembarcos de polbo (Octopus vulgaris) a un tope máximo por tripulante, enrolado a bordo da embarcación, e día de 40 kg, cun máximo de 160 kg por embarcación e día.

Artigo 2º

Mediante resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños, logo de proposta das confrarías de pescadores afectadas, fixaranse os puntos de control polos que pasarán obrigatoriamente as embarcacións autorizadas con nasa de polbo co obxecto de face-las descargas e controla-los topes.

Artigo 3º

Para os efectos de control da xestión do recurso, os armadores deberán facilitar ás confrarías os datos diarios das capturas de polbo obtidas, o número de tripulantes da embarcación e a lonxa de destino.

As confrarías remitirán antes do día 15 de cada mes, á Dirección Xeral de Recursos Mariños, unha relación cos datos sinalados no punto anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Recursos Mariños para dicta-las normas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos