Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2003 Páx. 8.059

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2003, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se convocan a concurso de traslado prazas vacantes de secretarías de xulgados de paz entre secretarios de paz a extinguir de máis de 7.000 habitantes e oficiais da Administración de xustiza.

Por estaren vacantes na Administración de xustiza postos de traballo nas secretarías dos xulgados de paz, dotados orzamentariamente e dado que a súa provisión se considera conveniente en atención ás necesidades do servicio, procede convocar concurso de traslados de conformidade co establecido nos artigos 455, 481 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, no Regulamento orgánico de secretarios da xustiza municipal aprobado polo Decreto do 12 de xuño de 1970 e no capítulo III do título IV do Regulamento orgánico do corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza aprobado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro.

Por todo iso, o Ministerio de Xustiza, coordinadamente coa Comunidade Autónoma de Galicia, dispón convocar un concurso para a provisión dos postos que se relacionan no anexo I segundo as seguintes bases:

Primeira.-Postos que se poden solicitar.

1. Poderán tomar parte no presente concurso e solicita-las vacantes de postos de traballo de secretarías de xulgados de paz da Administración de xustiza os funcionarios pertencentes ó corpo a extinguir de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes e os oficiais da Administración de xustiza, calquera que sexa a súa situación administrativa, agás os suspensos que non rematasen o período de suspensión.

2. Os funcionarios do corpo de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes, declarados a extinguir, terán preferencia sobre os integrantes do corpo de oficiais para prazas de secretarías de xulgados de paz de localidades de máis de 7.000 habitantes.

As secretarías das agrupacións de xulgados de paz que non superen os 7.000 habitantes de dereito só poderán ser cubertas por oficiais da Administración de xustiza, xa que o Decreto 1639/1970, do 12 de xuño, polo que se aproba o Regulamento orgánico

de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes, soamente permite a estes ocupar prazas en localidades de censo superior ó citado.

3. A adxudicación das prazas de secretarías de xulgados de paz a oficiais da Administración de xustiza non suporá en ningún caso ascenso nin cambio de corpo ou categoría para os adxudicatarios.

4. Os participantes poderán solicita-las prazas vacantes incluídas no anexo I desta resolución de convocatoria, sempre que reúnan os requisitos xerais esixidos na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes. As ditas vacantes identificaranse pola súa denominación, localidade e provincia.

Segunda.-Requisitos e condicións de participación.

1. Os funcionarios dos corpos a extinguir de secretarios de xulgados de paz de máis de 7.000 habitantes e os do corpo de oficiais da Administración de xustiza só poderán participar se, na data de remate do prazo de presentación de instancias, transcorreu un ano desde a data do nomeamento no seu actual posto de traballo definitivo.

2. Os funcionarios en servicio activo con destino provisional estarán obrigados a participar no presente concurso.

No caso de que non obtivesen destino neste concurso e se cubrise a praza na que actualmente están destinados, atribuiráselle-lo desempeño provisional dun posto correspondente ó seu corpo.

3. Ós funcionarios en situación de excedencia voluntaria que soliciten o reingreso sen obter destino no concurso e superasen o prazo máximo da súa excedencia voluntaria, adxudicaráselles unha praza deserta.

4. Os funcionarios que estean nas situacións de excedencia voluntaria establecidas no artigo 34 letras b) e c) do Real decreto 249/1996, sobre excedencias por agrupación familiar e por interese particular, só poderán participar no concurso se na data de remate do prazo de presentación de solicitudes transcorreron dous anos como mínimo desde que foron declarados nesa situación.

5. Os funcionarios en situación de excedencia para o coidado de fillos ó abeiro do disposto no artigo 35 do Real decreto 249/1996, só poderán concursar se transcorreu un ano desde a data de nomeamento no último destino definitivo.

6. Os excedentes forzosos que ocupen prazas ofertadas no presente concurso terán a obriga de participar neste co obxecto de obter un posto de traballo definitivo. De non participaren neste concurso ou non obteren un posto de traballo, destinaráselles a calquera dos non adxudicados ós outros concursantes.

Os excedentes forzosos, os suspensos definitivos que perdesen o seu posto de traballo e os excedentes voluntarios do artigo 34 a) do Regulamento orgánico aprobado polo Real decreto 249/1996, gozarán, por esta orde, a primeira vez que se anuncie a concurso

a vacante do corpo na mesma localidade onde servían cando se produciu o seu cesamento no servicio activo, de dereito preferente para ocupala.

7. Regulación do dereito de preferencia establecido no artigo 44.3º do Regulamento orgánico: dado que a preferencia estende os seus efectos a tódalas prazas dunha localidade determinada, para exercer este dereito deberán solicitar tódalas vacantes que se oferten na localidade para a que se exerce a preferencia e agrupar estas peticións nos primeiros números da orde de preferencia da solicitude, e ordenar a seguir o resto dos postos, pedidos sen preferencia. Igualmente deberán solicitar na súa instancia, especificándoa no punto P1 do modelo de instancia V-2 ou V-3, segundo proceda, a localidade do último destino servido en propiedade e de forma definitiva, achegando fotocopias compulsadas dos documentos acreditativos da posesión e cesamento no devandito destino.

Non se terá en conta a preferencia nos seguintes casos:

-Se non solicita tódolos postos de traballo da localidade da que se trate nos primeiros números da orde de preferencia da solicitude.

-Se non especifica a localidade á que desexa acollerse con preferencia no punto P1 do modelo de instancia V-2 ou V-3, segundo proceda.

-Se non achega fotocopias compulsadas dos documentos aludidos no parágrafo anterior.

8. Non poderá adxudicárselles ós funcionarios un posto de traballo correspondente ó mesmo centro onde estean destinados coa excepción prevista no artigo 52 c) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, ó regula-la reordenación de efectivos.

O funcionario ó que lle adxudicaron o seu posto de traballo de forma forzosa, por motivo da reordenación de efectivos prevista no art. 52 do Regulamento orgánico, poderá participar nos concursos de traslado, aínda cando non transcorrese o prazo dun ano que esixe o artigo 57, parágrafo c) do Regulamento orgánico. Ademais, terán dereito preferente, por unha soa vez, para obter outro posto de traballo do propio centro con motivo do concurso ordinario no que se ofreza e tomando parte nel.

Para poder exerce-lo devandito dereito deberá axustarse ás seguintes especificacións:

-Solicitar nos primeiros lugares da orde de preferencia da solicitude aqueles postos de traballo pertencentes ó centro para o que desexa acollerse á preferencia.

-Indicar no modelo de instancia V-1, no punto P1, o centro de traballo e localidade para os que desexa acollerse á preferencia.

-Achegar fotocopia compulsada do seu nomeamento con carácter forzoso para o centro de traballo e localidade indicados no punto P1.

No caso de que non seguise as instruccións especificadas no parágrafo anterior perderá, para o presente concurso, o dereito preferente que lle recoñece o citado artigo 52 c).

Terceira.-Baremos.

A valoración de méritos para a adxudicación dos postos de traballo farase de acordo con dous baremos, segundo a praza corresponda a xulgados con poboación superior ós 7.000 habitantes ou non.

1. Para prazas de secretarías de paz de máis de 7.000 habitantes

1.1. Os funcionarios do corpo a extinguir de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes terán preferencia sobre os oficiais da Administración de xustiza; valoraráselle-la antigüidade polos servicios efectivos prestados no corpo, outorgándolles un punto por cada ano completo de servicios, computando proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día) e establecendo os meses como de 30 días.

1.2. Os funcionarios do corpo de oficiais da Administración de xustiza optarán a estas prazas con posterioridade ós secretarios de paz mencionados no punto anterior. Entre os oficiais teranse en conta as seguintes preferencias (art. 481 da LOPX):

1º Oficiais que estivesen en posesión do título de licenciado en dereito.

2º Oficiais titulares dunha secretaría de paz.

3º Demais oficiais.

Dentro de cada unha das preferencias citadas, a valoración de méritos levarase a cabo de acordo co baremo de antigüidade e coñecemento da lingua galega establecido no punto seguinte e no caso de empate polo mellor posto da escala.

2. Para prazas de secretarías de paz de menos de 7.000 habitantes

Só poderán optar a estas prazas os funcionarios do corpo de oficiais da Administración de xustiza.

Entre os oficiais teranse en conta as seguintes preferencias (art. 481 da LOPX):

1º Oficiais que estivesen en posesión do título de licenciado en dereito.

2º Oficiais titulares dunha secretaría de paz.

3º Demais oficiais.

Dentro de cada unha das preferencias citadas, a valoración de méritos levarase a cabo de acordo co baremo da antigüidade e do coñecemento da lingua galega na forma seguinte, e en caso de empate polo mellor posto escalafonal:

a) Antigüidade.-Polos servicios efectivos no corpo outorgarase un punto por cada ano completo de servicios, computándose proporcionalmente os períodos inferiores (0,0027777 por día) e establecéndose os meses como de 30 días.

b) Coñecemento oral e escrito da lingua oficial propia das comunidades autónomas.- Nas prazas radicadas nas comunidades autónomas que teñan lingua oficial propia, como é o caso, o coñecemento oral e escrito desta, debidamente acreditado por medio de certificación oficial da comunidade autónoma ou homologación do título achegado e do nivel ó que corresponda o título, supón o recoñecemento para estes efectos de ata 6 puntos segundo o nivel de coñecementos acreditado nos termos da disposición adicional segunda do Regulamento orgánico

aprobado polo Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro na forma seguinte:

1) Curso de iniciación e perfeccionamento ou curso básico de linguaxe xurídica galega: dous puntos.

2) Curso medio de linguaxe xurídica galega: catro puntos.

3) Curso superior de linguaxe xurídica galega: seis puntos.

Non serán valorados aqueles documentos fotocopiados non compulsados.

Os oficiais en posesión do título de licenciado en dereito deberán achegar unha fotocopia compulsada acreditativa do devandito extremo, non se terá en conta a preferencia no caso de que non achegasen a dita acreditación.

Os oficiais titulares dunha secretaría de paz deberán achegar fotocopia compulsada do seu nomeamento para o devandito posto de traballo, non se terá en conta a preferencia no caso de que non se achegase a dita acreditación.

Cuarta.-Modelos e prazos de presentación de solicitudes

1. Os funcionarios destinados definitivamente en postos das relacións de postos de traballo do corpo a extinguir de secretarios de paz e do corpo de oficiais da Administración de xustiza correspondentes a Galicia, así como os que se atopen en situación de servicios especiais e excedentes por coidado de fillo que teñen reservado o seu posto de traballo en Galicia, presentarán a súa solicitude axustada ó modelo V-I publicado como anexo II da presente resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou contados a partir do día seguinte a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia, dirixida ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Os funcionarios destinados en xulgados ou tribunais do ámbito territorial de xestión do Ministerio de Xustiza ou doutras comunidades autónomas con competencias, presentarán a súa solicitude, con independencia de ónde estean radicadas as prazas que se soliciten, ante o departamento de xustiza do seu actual destino.

2. Os funcionarios destinados en postos das relacións de postos de traballo doutros corpos da Administración de xustiza ou doutras administracións que se atopen en excedencia segundo o artigo 34 letra a) do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, nos corpos de secretarios de paz de máis de 7.000 habitantes ou de oficiais da Administración de xustiza, que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-2 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou a partir do día seguinte á súa publicación no

Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. Dirixirán a súa solicitude ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

3. Os restantes solicitantes que desexen participar no presente concurso, como os excedentes forzosos aínda que teñan un destino provisorio, os suspensos definitivos que perdesen o seu posto de traballo, os participantes con destino provisional por reingresar no servicio activo, así como os restantes excedentes voluntarios por agrupación familiar ou por interese particular, que fagan constar como primeiro destino calquera dos convocados mediante a presente resolución, radicados en Galicia, utilizarán o modelo V-3 publicado como anexo II a esta resolución no prazo de 10 días naturais seguintes ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia, ou a partir do día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial del Estado, no caso de que a publicación non se faga simultaneamente no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia. Dirixirán a súa solicitude ó director xeral de Xustiza da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Xunta de

Galicia, edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela.

4. As solicitudes poderán remitirse tamén na forma prevista no art. 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As que se presenten nas oficinas de correos enviaranse en calquera das dúas modalidades seguintes:

a) Por correo ordinario, neste caso deberá ter entrada no rexistro xeral do Ministerio de Xustiza, das xerencias territoriais ou rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local da Comunidade Autónoma de Galicia (edificio administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela), para os funcionarios destinados nos xulgados e tribunais de Galicia, en todo caso antes da data de remate do prazo de presentación de instancias.

b) Por correo certificado, neste suposto presentaranse nas oficinas de correos en sobre aberto para ser datadas e seladas polo funcionario de correos antes de ser remitidas. Os participantes no concurso deberán envía-la instancia que teña o selo da oficina de correos, sen que poida admitirse pasado o prazo de presentación de instancias aquela que non cumpra este requisito, aínda que posteriormente se puidese acreditar tal circunstancia.

5. Os excedentes voluntarios por interese particular engadirán á súa solicitude declaración de que non foron separados de calquera das administracións públicas.

6. A solicitude para tomar parte neste concurso será única para cada funcionario participante. Do mesmo modo, mediante unha única instancia, deberá optar por participar desde o corpo no que o funcionario se atope en activo, ou reingresar ó servicio activo no corpo do que forme parte como excedente.

Aqueles funcionarios que incumpran o previsto nos dous parágrafos anteriores serán excluídos da participación no concurso.

Ó resultar irrenunciables os destinos obtidos a instancia do funcionario, no caso de obter destino o reingresado ó servicio mediante concurso de traslado quedará automaticamente en excedencia no corpo no que se atopase en activo, polo que o seu destino actual se ofrecerá como praza vacante en posteriores concursos de traslado.

7. A solicitude formulada será vinculante para o peticionario unha vez transcorrido o período de presentación de instancias.

Quinta.-Peticións condicionadas.

No caso de estar interesados nas vacantes que se anuncian para unha mesma provincia dous funcionarios pertencentes ó corpo de oficiais, poderán condiciona-la súa petición ó feito de que ámbolos dous obteñan destino na mesma provincia, e entenderanse no caso contrario anuladas as peticións condicionadas efectuadas por ambos. Os funcionarios que se acollan a esta petición condicional deberán concretalo na súa instancia, agrupando os postos que condicionan nos primeiros números de orde de preferencia da solicitude e poñendo o resto dos non condicionados a seguir e xuntar fotocopia da petición do outro funcionario.

No caso de que non se concretase na instancia, non se agrupasen nos primeiros números de orde os postos condicionados ou non se achegase a fotocopia da instancia do segundo concursante, entenderase anulada a petición condicionada efectuada por ambos.

Sexta.-Adxudicacións.

1. A orde de prioridade para a adxudicación dos postos de traballo virá dada pola puntuación total obtida segundo os baremos da base terceira.

2. No caso de empate na puntuación total, acudírase para dirimilo á orde de escala do funcionario.

Sétima.-Carácter dos destinos adxudicados.

1. Os traslados que se deriven da resolución do presente concurso, terán a consideración de voluntarios para os efectos previstos no Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razóns de servicio.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables.

Oitava.-Resolución e prazo posesorio.

1. A presente convocatoria resolverase por resolución provisional do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, e publicarase simultaneamente nos taboleiros de anuncios do Ministerio de Xustiza, da Xerencia Territorial de Xustiza da Comunidade Autónoma, así como do Tribunal Superior de Xustiza e das audiencias provinciais.

Así mesmo, exporase nos ditos taboleiros de anuncios a relación de admitidos e excluídos, coas causas de exclusión e o prazo para emendar posibles erros materiais.

2. As resolucións provisionais expresarán o posto de orixe dos interesados ós que se lles adxudique destino e a súa localidade, así como a súa situación administrativa, se esta é distinta á de activo, e o posto adxudicado a cada funcionario con referencia ó centro de traballo e localidade.

3. Contra as resolucións provisionais polas que se resolvan os concursos de traslado cabe formular alegacións no prazo de dez días desde a súa publicación nos taboleiros de anuncios referidos, perante a autoridade á quen se dirixiu a petición de participación no presente concurso, utilizando para iso o modelo que se xunta á presente convocatoria como anexo III. Tras resolvérense as alegacións, o concurso de traslado obterá firmeza.

Aquelas alegacións que non fosen resoltas expresamente consideraranse desestimadas ante a publicación da resolución definitiva do concurso.

4. Os prazos posesorios especificaranse na resolución definitiva do concurso.

5. Se non se lograrse a simultaneidade da publicación da resolución cos boletíns oficiais das comunidades autónomas, os prazos computaranse desde o día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial del Estado.

6. O cómputo dos prazos posesorios iniciarase cando rematen os permisos ou licencias dos que estean gozando os funcionarios, a menos que por circunstancias excepcionais debidamente motivadas se suspenda ou revogue o goce destes.

Novena.-Recursos.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo competente no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, de conformidade co establecido nos artigos 14.2º e 25 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa; ou ben recurso potestativo de reposición ante este órgano no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da súa publicación no BOE, segundo establecen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2003.

Juan José Martín Álvarez

Director xeral de Xustiza

ANEXO I

Localidade-ProvinciaDenominaciónSecret.

paz

IdiomaInformática

Camariñas-A CoruñaXdo. de Paz1SiNon

Carnota (*)-A CoruñaXdo. de Paz1SiNon

Mazaricos-A CoruñaXdo. de Paz1SiNon

Muxía (*)-A CoruñaXdo. de Paz1SiNon

Bueu-PontevedraXdo. de Paz1SiNon

(*) xulgados de menos de 7.000 habitantes.