Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Xoves, 19 de xuño de 2003 Páx. 8.039

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de maio de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Sestico.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de A Coruña, S.A. (código convenio 1502412), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-3-2003, complementando o 9-4-2003, subscrito en representación da parte económica pola empresa e da parte social polo comité de empresa o día 5-4-2002, ratificado por Puertos del Estado o 15-1-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscripción no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente

nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo depósito do citado acordo no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 2 de maio de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

TÍTULO I

Disposicións de aplicación xeneralizada ás partes

afectadas por este convenio

Capítulo I

Ámbito. Vinculación á totalidade. Comisión

paritaria. Prelación e concorrencia de normas

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regulará as relacións laborais entre a Sociedad Estatal de Estiba y Desestiba del Puerto de A Coruña, S.A. (en diante Sestico) as empresas estibadoras e os estibadores portuarios que interveñan na realización das actividades portuarias constitutivas do servicio público de estiba e desestiba de buques e complementarias que se relacionan.

Para estes efectos, terán a consideración de actividades portuarias as seguintes:

1. Os labores de carga, descarga, estiba, desestiba e transbordo de mercadorías, obxecto de tráfico marítimo nos buques e dentro da zona portuaria.

A carga e estiba abranguen a recollida da mercadoría nas zonas cubertas ou descubertas do porto, o transporte horizontal delas ata o costado do buque; a aplicación de gancho, culler, spreader ou calquera outro dispositivo que permita iza-la mercadoría directamente desde un vehículo de transporte, ben sexa externo ben interno ó porto, ou desde o peirao, logo de depósito nel, ou amoreado na zona de operacións, ó costado do buque; o izado da mercadoría e a súa colocación na bodega ou a bordo do buque, ou alternativamente a carga rodante, e a estiba da mercadoría en bodega ou a bordo do buque.

A desestiba e descarga abranguen a desestiba de mercadorías na bodega do buque, abranguendo tódalas operacións precisas para a participación da carga e a súa colocación ó alcance dos medios de izada; a aplicación de gancho, culler, spreader ou calquera outro dispositivo que permita iza-la mercadoría; o izado da dita mercadoría e a súa colocación colgada ó costado do buque sobre a zona de peirao, ou alternativamente descarga rodante; descarga da mercadoría directamente, ben sobre vehículos de transporte terrestre, sexa externo ou interno ó porto, ben sobre o peirao para a súa recollida por vehículos ou medios de transporte horizontal directamente ó exterior do porto ou a zona de depósito ou almacén dentro del e o depósito e amoreado da mercadoría en zonas portuarias cubertas ou descubertas.

O transbordo abrangue a desestiba e descarga no primeiro buque; a transferencia da mercadoría directamente desde un buque a outro, e a carga e estiba no segundo buque.

2. Ademais das indicadas, están incluídas as seguintes:

2.1. A descarga, arrastres ata a lonxa e almacén, e cantos traballos se deriven da manipulación do peixe fresco, provenientes de buques de máis de 100 toneladas de rexistro bruto, salvo que as ditas actividades sexan realizadas polos tripulantes do propio buque, como consecuencia de pacto colectivo. Este pacto só se poderá subscribir entre os representantes legais do persoal do buque e a súa empres ou entre os sindicatos representativos do sector e as asociacións empresariais correspondentes segundo o ámbito do pacto. En ámbolos casos se deberá formalizar por escrito e depositar ante a autoridade laboral competente, de acordo coa normativa reguladora do depósito de acordo colectivos. As citadas tarefas quedarán tamén excluídas cando se establezan en convenio colectivo que sexan realizadas pola tripulación do buque. En calquera caso, deberase especifica-lo tempo máximo dentro de cada xornada laboral que se poderá dedicar á realización de tales tarefas, así como a súa retribución

específica.

2.2. As operacións que se realicen en instalacións portuarias en réxime de concesión, excepto cando as ditas instalacións estean directamente relacionadas con plantas de transformación, instalacións de procesamento industrial ou envasado de mercadorías propias que se movan polos ditos terminais marítimos de acordo co seu obxecto concesional e non sexan realizadas por unha empresa estibadora.

2.3. As operacións de carga, descarga e transbordo cando non se realicen por tubaxe, nin para o avituallamento do buque ou o seu aprovisionamento. Non obstante, terá a consideración de labor portuario o aprovisionamento sempre e canso sexa preciso contratar persoal.

2.4. As operacións de suxeición, trincaxe e solta, excepto cando as realicen as tripulacións dos buques.

2.5. O manexo de guindastres e quinche de carga de calquera tipo e outros aparellos ou elementos mecánicos cando se utilicen nas operacións portuarias incluídas neste acordo. Exceptúase a manipulación de materiais ou mercadorías e o manexo de medios mecánicos que pertenzan á Administración portuaria.

2.6. O embarque e desembarque de camións, automóbiles e calquera outra clase de vehículos de motor, cando estas operacións sexan realizadas polos seus propietarios, usuarios ou conductores habituais, dependentes daqueles.

2.7. A conducción, enganche e desenganche de cabezas tractoras que embarquen ou desembarquen remolques, excepto naqueles casos en que as ditas cabezas tractoras vaian unidas ó seu remolque como continuidade do transporte desde o exterior do recinto portuario ó buque e viceversa.

3. Quedan excluídas a conducción de vehículos de todo tipo que transporten mercadorías ata pé de guindastre ou de instalación de carga en operacións directas de camión a barco, se o transporte se produce sen solución de continuidade desde fóra da zona portuaria e a dos que reciban mercadoría a pé de guindastre ou instalación de descarga, en operacións directas de barco a camión, se o transporte se produce sen solución de continuidade ata fóra da zona portuaria e, en ámbolos casos, as operacións de simple conexión dos medios de carga e/ou descarga, así como o manexo de cabezas tractoras ou guindastres automóbiles que non estean permanentemente adscritos a labores portuarios, sempre que sexan conducidos polo seu persoal habitual.

4. Os labores complementarios, sen o carácter de servicio público a que se refire o artigo 6 do Real decreto 371/1987, para o efecto do cal as empresas estibadoras están obrigadas a realizar exclusivamente con estibadores portuarios as tarefas complementarias que se desenvolvan na zona de servicio dos portos comerciais, tales como a entrega e recepción de mercadorías, incluídos os labores de movemento horizontal que non sexan de servicio público, clasificación, unificación e consolidación de cargas, grupaxes e reconto de mercadorías, enchido e baleirado de contedores. Regularanse as condicións laborais e económicas dos estibadores portuarios, que desenvolvan estas tarefas. As ditas condicións, necesariamente, terán que atender á competitividade na prestación destes servicios.

Pesca:

Queda en suspenso do servicio público de estiba, mentres sexa de aplicación, o Real decreto 2541/1994, prorrogado polo Real decreto 2222/1998, do 16 de outubro.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

1. Afectará, como empresas, a Sestico, ou a calquera sociedade ou entidade que se constitúa con igual función no porto da Coruña, e as empresas estibadoras que realicen os labores de servicio público de estiba e desestiba de buques e os complementarios, conforme o artigo 1º deste convenio.

2. Como traballadores, afectará á totalidade dos traballadores portuarios contratados pola sociedad de estiba y desestiba, en réxime de relación laboral especial, ou polas empresas estibadoras, en réxime de relación laboral común, e a aqueles traballadores procedentes do parágrafo terceiro do punto dous da disposición transitoria segunda do Real decreto lei 2/1986.

Artigo 3º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que en concepto de percepcións de calquera clase e no seu conxunto sexan máis beneficiosas cás fixadas neste convenio colectivo, entendéndose estrictamente ad personam.

Artigo 4º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó do seu asinamento, rematando o seu período de

vixencia o 31 de decembro de 2004. Os efectos económicos serán efectivos desde o 1-1-2001, con excepción do salario base, que será efectivo desde o 1-9-2001.

Entenderase prorrogado de ano en ano se o 31 de decembro de 2004 calquera das partes signatarias del non o denunciase con polo menos dous meses de antelación ó remate da súa vixencia.

Co fin de evitar baleiro normativo, denunciado o convenio e ata que non se logre acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas obrigacionais, manténdose as normativas ata o asinamento do convenio que o substitúa.

A parte que promova a súa negociación deberalle notifica-la denuncia por escrito á outra parte, expresando detalladamente:

a) Lexitimación que ten.

b) Ámbitos de convenio.

c) Materias que se van negociar.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

Este convenio é de aplicación na zona de servicio do porto da Coruña.

Para efectos deste convenio, entenderase por zona portuaria aquela na que exerce ou poida exerce-la súa xurisdicción a autoridade portuaria da Coruña, ou a definida como tal, tanto agora como no futuro, polo órgano da Administración que teña competencias xerais sobre as actividades do porto.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico e indivisible e, para efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente. No suposto previsto no artigo 90.5º do Estatuto dos traballadores, observarase o que resolva a xurisdicción competente, de non se ter acadado previamente un acordo entre ámbalas partes.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do convenio.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Mediación entre as partes, intervindo con carácter preceptivo e previo en tódolos asuntos colectivos e nos conflictos que poidan xurdir.

3. Conciliación facultativa nos problemas colectivos, con independencia das atribucións que por norma legal lles poidan corresponder ós organismos pertinentes.

4. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos polas partes de común acordo en asuntos derivados deste convenio.

5. A mediación en temas de seguridade e hixiene; poderán solicitar dictames de técnicos na materia se así o considera oportuno.

6. A vixilancia e o seguimento do cumprimento do pactado.

7. Cantas cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

Os acordos ou resolucións adoptados polos votos favorables da maioría de cada unha das representacións integrantes da comisión terán carácter vinculante.

De non se obter decisión vinculante seguiranse as canles legalmente previstas para a resolución das cuestións propostas.

A comisión estará integrada por 4 vocais: 2 corresponderán ós traballadores e outros 2 á parte empresarial; destes últimos 1 pertencerá a Sestico e 1 ás empresas estibadoras. Os ditos vocais serán designados polas respectivas representacións na comisión negociadora deste convenio.

Poderán nomearse, como máximo, 2 asesores por cada representación, os cales poderán asistir ás reunións con voz pero sen voto.

A comisión, cos seus membros previamente convocados, deberá reunirse nas 24 horas seguintes á dita convocatoria.

Como domicilio da comisión fíxase o de Sestico.

A comisión paritaria deberase constituír dentro dos seis meses seguintes desde a publicación deste convenio.

Artigo 8º.-Fontes das relacións laborais.

Serán fontes das relacións laborais, no ámbito de aplicación deste convenio, as seguintes:

a) Este convenio colectivo, que substitúe na súa totalidade o anterior, que queda expresamente derrogado.

b) O III Acordo para a regulación das relacións laborais no sector portuario, subscrito o 27 de setembro de 1999, resolución da Dirección Xeral de Traballo do 19 de novembro de 1999.

c) O Real decreto lei 2/1986, do 23 de maio, sobre servicio público de estiba e desestiba de buques.

d) O Real decreto 371/1987, do 13 de marzo.

e) O Estatuto dos traballadores.

f) Os usos e costumes do porto e demais normas consuetudinarias de tradicional aplicación, sempre que se refiran a materias que non teñan unha regulación específica neste convenio, e que non sexan contradictorias co pactado, nin vulneren as disposicións legais e regulamentarias de preferente aplicación, de conformidade co principio de xerarquía normativa que establece o artigo 3 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo II

Estructura de persoal

Artigo 9º.-Estructura de persoal.

O cadro de persoal e a estructura de persoal deberanse adaptar á actividade real da empresa, tendo en conta para calquera modificación ou ampliación o nivel de emprego óptimo establecido no III Acordo marco.

Entenderase por nivel óptimo de emprego dos traballadores portuarios suxeitos a relación laboral especial o 85% da xornada máxima convencional, computada no nivel de porto, anualmente, e a rendemento habitual, 228 quendas anuais en xornada de 8 horas e 274 en xornada de 6 horas.

Co obxecto de determina-lo nivel de ocupación, para o establecemento do nivel óptimo de emprego, computaranse as quendas traballadas a rendemento habitual, con aplicación da polivalencia e mobilidade pactadas no III Acordo marco.

O cómputo para determina-lo nivel óptimo será realizado anualmente, e en atención ó traballo dos traballadores portuarios con relación laboral especial en activo.

Calquera incorporación á sociedade rexerase polos principios de publicidade, mérito e capacidade, establecidos no III Acordo marco.

Para estes efectos seguirase o recollido no artigo 7 do III Acordo marco, e terán preferencia os traballadores de Sestico do grupo un para ocupa-los grupos superiores, vía formación deles.

Cando nunha xornada se esgoten as listas de rotación de cada grupo profesional, implantarase a polivalencia e mobilidade funcional entre grupos, e será preferente o de relación laboral especial en caso de dobraxe, coa única limitación da capacitación profesional.

As partes asinantes comprométense a facilita-la mobilidade funcional no seo dos grupos profesionais establecidos na comisión mixta o 14 de decembro de 1994, e que se detallan a seguir:

Grupo 0. Auxiliar.

Actualmente non está establecido neste porto e, de se establecer durante a vixencia deste convenio colectivo, someterase ó disposto no III Acordo marco. Non obstante o ingreso de novo persoal, producirase preferentemente neste grupo profesional de acordo co establecido no artigo 6 do III Acordo marco.

Grupo I. Estibador.

É o profesional portuario que realiza as tarefas de manipulación de mercadorías na carga/descarga, estiba/desestiba e labores complementarios, tanto na bodega como na cuberta dos buques e na totalidade da zona de servicio do porto baixo as ordes do seu superior.

Estas tarefas agrúpanse de forma indicativa da seguinte forma:

-Realización de funcións de sinalización, tanto en cuberta como en terra, mediante a emisión de sinais manuais ou outros medios, cando así o determine

o convenio colectivo para este grupo.

-Preparación, manipulación e retirada do material auxiliar nas operacións de carga, incluído o material auxiliar de carga utilizado por todo tipo de medios mecánicos (eslingas, bragas, estrobos, redes, palés, tacos de madeira, calzos, cabaletes, etc.), realizando as operacións correspondentes con el: eslingado, atado, etc.

-Formación de unidades de carga (palés) e vultos soltos en buques, alpendres (tinglados) ou explanadas, así como o baleirado e enchido de contedores tanto a bordo como en terra.

-Realización de todo tipo de operacións de limpeza, tanto en bodega como en explanadas, cando o tipo de carga así o esixa.

-Realización de operacións de trincaxe, tanto en bodega como na cuberta dos buques, sempre e cando non as realicen as tripulacións dos buques.

-E, en xeral, calquera labor complementario dos anteriores, incluídos cantos traballos se deriven da manipulación de peixe fresco, no suposto de buques de máis de 100 tn sempre e cando non exista pacto na súa tripulación.

Dado o grao de mecanización crecente das actividades deste grupo, para todo o anterior utilizará tódolos medios mecánicos que a propia operativa esixa.

Grupo II. Oficial manipulante.

É o profesional portuario manipulante de maquinaria que, con coñecementos de mecánica, hidráulica e electricidade, conduce e manipula os diferentes vehículos empregados na operativa portuaria e en calquera outra manipulación ou desprazamento de mercadoría dentro das instalacións portuarias.

Así mesmo, e con coñecementos sobre sinalización de operacións, cando así o determine o convenio colectivo para este grupo, pode realizar funcións de oficial de cuberta dirixindo os movementos de elevación, traslado en suspensión, ata o posterior estibado en bodega ou depósito de en peirao de mercadorías e continentes mediante a emisión de sinais manuais ou outros medios, ós operadores de guindastres, puntais, dispositivos de succión/extracción, aparellos e elementos similares.

As funcións do oficial manipulante agrúpanse en:

1. Manipulación de maquinaria pequena, forquitas de menos de 8 tn.

2. Manipulación de maquinaria pequena, pinzas, algodón e bobinas de papel.

3. Manipulación de maquinaria grande maior de 8 tn.

4. Manipulación de maquinaria con quinta roda (MAFFIS).

5. Conductores de camión e tráiler.

6. Manipulación de vancarriers.

7. Manipulación de trastainers.

8. Manipulación de pá de limpeza, pá cargadora e pá de bodega.

9. Manipulación de guindastres eléctricos.

10. Manipulación de guindastres móbiles pneumáticos.

11. Manipulación de guindastres pórtico.

12. Conducción de vehículos non abranguida no artigo 2 d) do Real decreto lei 2/1986.

13. Manipulación de Reach Stacker.

14. Manipulación de Poclain ou similar, con polbo hidráulico.

As especialidades aquí enumeradas e aquelas que se incorporen por causa dos avances tecnolóxicos, non se constitúen como subdivisións deste grupo profesional, non limitando polo tanto a mobilidade funcional e tendo a súa única razón de existencia o grao de capacitación/formación dos traballadores portuarios encadrados neste grupo profesional.

As funcións xerais deste grupo son as seguintes:

-Recoller no parque de maquinaria as que lle sexan asignadas polo capataz ou empresa estibadora e realiza-las comprobacións de estado da máquina e os seus controis antes e despois da operación.

-Comunicarlle ó capataz ou á empresa estibadora calquera anomalía da maquinaria antes, durante e despois da operación.

-Manipula-la máquina respectando a sinalización e as normas de seguridade e hixiene cara ás persoas e as de calidade e seguridade cara á mercadoría.

Grupo III. Controlador de mercadoría.

É o profesional portuario que planifica, coordina e controla física e administrativamente, os movementos de mercadorías e os seus continentes, número e peso de unidades, situación e localización de elementos, clasificación, identificación, recepción, entrega, verificación da relación de mercadorías obxecto de carga, descarga e labores complementarios, recontos, ritmos e frecuencias, etc., relativos ás operacións portuarias do dito ámbito, mediante a aplicación de procedementos técnico-administrativos de obtención e fixación de datos, elaboración e procesamento da información e transmisión de resultados, inspección ocular, etc.

Para todo o anterior, terá ó seu dispor a documentación correspondente ás ordes, plans e programas relativos ás operacións portuarias do dito ámbito, transmitindo a quen corresponda (capataz, empresa estibadora, oficialidade do buque, transportista, etc.) a información que elabore, sendo responsable da súa obtención, veracidade, exactitude e constancia documental.

Grupo IV. Capataz.

É o profesional portuario que dirixe e coordina, baixo a dirección e instruccións da empresa estibadora, as operacións portuarias, incluídos os servicios auxiliares ou complementarios; é responsable do desenvolvemento da operación e do equipo, con

independencia da súa procedencia, e informa puntualmente a dita empresa do desenvolvemento e incidencias dela.

É o responsable directo do equipo no referente a rendementos, seguridade (sen prexuízo do establecido no R.D.L. 2/1986) e disciplina no ámbito funcional e espacial da operativa portuaria, así como da calidade e seguridade na manipulación da mercadoría e dos medios técnicos que se utilizan.

Entre as súas funcións destacan:

-O control da planificación e programación do traballo do seu equipo, da orde de carga e o plano de estiba baixo as ordes da empresa estibadora.

-A distribución e organización das diferentes tarefas entre o conxunto dos traballadores asignados á operación co fin de obte-lo máximo rendemento.

-A vixilancia do cumprimento dos rendementos previstos e das súas ordes ó equipo durante toda a operación, cubrindo todo tipo de partes relativos á súa función: traballo, accidentes, etc.

-A atención e, se é o caso, adopción das suxestións provenientes dos mandos do buque, da empresa estibadora ou do seu propio equipo de traballo.

-A supervisión da preparación, manipulación e retirada dos medios técnicos postos ó servicio da operación.

Cando se realicen operacións simultáneas nas que estean implicados varios capataces, a empresa estibadora poderá designar un responsable xeral que asuma, respecto do conxunto, a responsabilidade da coordinación dos labores portuarios que se realicen nun ou varios buques ou nunha área determinada da zona de servicio do porto.

En todo caso, entenderase que o responsable xeral, no caso de que a empresa estibadora considere necesaria a súa designación, deberá ser nomeado entre o persoal portuario do grupo de capataces.

Capítulo III

Solicitude de traballadores portuarios

Artigo 10º.-Procedemento.

As empresas estibadoras solicitarán de Sestico os traballadores portuarios que precisen para a realización das súas actividades, tanto portuarias constitutivas de servicio público como complementarias, e esta deberá proporcionárllelos, organizando diariamente a distribución e adscrición dos seus traballadores mediante o sistema de rotación. Nun primeiro chamamento, reservaranse para as distintas quendas de traballo os cargos de capataces e amanteiros, que serán ocupados exclusivamente por persoal fixo de relación laboral especial ou común, aínda que os postos de amanteiro, de non se dispor de persoal propio de Sestico, poderán ser ocupados por outros traballadores que teñan a debida cualificación, preferentemente estibadores.

As empresas entregaranlle a Sestico as previsións de traballo, ás 19.00 horas do día anterior, de luns a xoves.

Sestico comunicaralles ás empresas a previsión dos traballadores de que dispón, antes das 20.00 horas, para que estas poidan completa-las mans de traballo no caso de non dispor Sestico de persoal suficiente.

O venres, ás 13.00 horas, as empresas entregarán as previsións de traballo para as quendas do sábado e domingo, e confirmaranas o sábado ás 7.15 horas.

En cada festivo, es empresarios darán a previsión ás 13.00 horas do día anterior.

As empresas formularán a solicitude por escrito, con determinación do número de traballadores e especificación dos grupos profesionais interesados e con mención dos seguintes particulares, entre outros que fixe o impreso:

a) Identificación do lugar de prestación dos servicios.

b) Natureza dos servicios que se van prestar.

c) Tipo de medio de transporte empregado.

d) Natureza das mercadorías que se van manipular.

e) Tipo e características da unidade de carga.

f) Medios mecánicos que se van utilizar.

g) Modalidade da xornada que se vai realizar.

h) Indicación aproximada do tempo previsto de execución nas tarefas.

i) Traballadores de relación laboral común.

j) Reserva de capataces e amanteiros para as quendas das 14.00, 20.00 e 2.00 horas.

Capítulo IV

Xornada. Horarios. Nomeamentos. Festas.

Vacacións

Artigo 11º.-Xornada.

Para tódolos efectos as xornadas computaranse desde as 8.00 horas de cada día.

Para ter dereito ó salario recollido no artigo 21º, cada traballador deberá realizar obrigatoriamente, sempre que houbese ocupación para iso, un mínimo de 22 quendas en cómputo mensual, tendo que realizar unha media trimestral de 23 quendas mensuais.

Cando por circunstancias do traballo se realicen 2 quendas en calquera das existentes nunha xornada laboral, a segunda quenda terá a consideración de cambio de operación.

Cando as necesidades do servicio o permitan, cada traballador poderá voluntariamente supera-lo mínimo de quendas establecido.

Dada a irregularidade na prestación do traballo no porto, o control e cómputo da xornada ou quendas, para os efectos de determina-lo nivel óptimo de emprego, realizarase anualmente para cada traballador. Para estes únicos efectos computaranse como xornadas cumpridas, aínda que non se preste servicio

efectivamente durante a totalidade da xornada, as seguintes situacións:

a) Cando tendo sido nomeado, o traballo para o cal foi contratado remate antes da conclusión da xornada.

b) Cando as operacións ás que foi destinado non se inicien, ou rematen antes da súa conclusión, por causas alleas á vontade do traballador.

Considerarase actividade o conxunto de xornais realizados polos traballadores portuarios suxeitos a relación laboral especial, incluíndo os xornais en sábados tarde, domingos e festivos, cambios de operación e licencias sindicais; tamén figurarán as horas estructurais.

Considerarase inactividade aqueles días que, presentándose ós nomeamentos pactados en convenio, non se dea ocupación efectiva. Cada cambio de operación ou destino descontará unha inactividade.

Artigo 12º.-Horario.

Xornada intensiva:

Das 8.00 ás 14.00 horas.

Das 14.00 ás 20.00 horas.

Das 20.00 ás 2.00 horas.

Das 2.00 ás 8.00 horas.

Xornada partida:

Das 8.00 ás 12.00 horas e das 14.00 ás 18.00 horas.

Neste réxime poderanse descargar aquelas mercadorías non incluídas no nomenclátor de mercadorías molestas, sucias e perigosas, publicado en marzo de 1983, por resolución da Dirección Xeral de Traballo.

Sábados mañá: das 8.00 ás 14.00 horas.

Sábados tarde/noite: das 14.00 ás 20.00 horas.

Das 20.00 ás 2.00 horas.

Das 2.00 ás 8.00 horas.

Domingos e festivos:

Das 8.00 ás 14.00 horas.

Das 14.00 ás 20.00 horas.

Das 20.00 ás 2.00 horas.

Das 2.00 ás 8.00 horas.

Os días de Noiteboa e Fin de Ano a xornada única será das 8.00 ás 14.00 horas.

Artigo 13º.-Nomeamentos.

A empresa ten a facultade organizativa do traballo e do persoal para este, distribuíndoo de acordo coas necesidades do porto.

Os traballadores teñen a obriga de asistir ós nomeamentos, e aqueles que incumpran esta obriga poderán ser sancionados conforme a lexislación vixente.

Nomeamentos:

Os nomeamentos realizaranse ás 7.45 e 13.45 horas, de luns a venres. Ás 19.45 horas a empresa confirmará os traballos que se van realizar nos quendas das 20.00 e 2.00 horas. Se por circunstancias especiais as empresas anulasen a solicitude de persoal nas quendas das 20.00 e das 2.00 horas, o traballador percibirá unha retribución equivalente ó importe do complemento de destino da quenda que lle correspondese.

Os sábados realizarase un único nomeamento que será ás 7.45 horas.

Para o traballo en sábado tarde e domingo, a previsión de necesidades comunicarase no nomeamento das 13.45 horas do venres, confirmando a petición en firme no nomeamento do sábado ás 7.45 horas.

Para as quendas en día festivo, o nomeamento realizarase ás 13.45 horas do día anterior.

A quenda das 20.00 horas en vésperas de festivo aboarase segundo o que corresponda na táboa salarial como un cambio de operación. O nomeamento para esta quenda será ás 13.45 horas dese mesmo día.

Os traballadores que realicen tarefas no horario das 2.00 ás 8.00 horas poderanse incorporar ó nomeamento das 13.45 horas, notificándollo coa suficiente antelación á oficina de nomeamentos.

Para o traballo en sábado tarde/noite, domingos, festivos e vésperas de festivos acudirase en principio á voluntariedade. No caso de non dispor de persoal voluntario, o nomeamento farase por rigorosa orde de lista de entre tódolos traballadores.

Mobilidade de persoal.

En caso de necesidade haberá mobilidade do persoal de operación a operación entre tódalas quendas, é dicir, para as 14.00 horas, as 20.00 horas e as 2.00 horas, a cal será retribuída cun complemento de cambio de operación.

Considérase que por circunstancias de traballo, tódolos traballadores están dispoñibles para a realización dos cambios de operación, e a non-dispoñibilidade será comunicada no nomeamento da 7.45 horas de cada día.

Co obxecto de posibilita-la realización do maior número de quendas posibles e unha mellor distribución do persoal no cadro de persoal, cando en dous días consecutivos existan barcos que traballen en xornada partida, e co obxecto ademais de posibilita-la realización das quendas mensuais obrigatorias, o segundo día comezarase a nomear polo traballador seguinte ó último que fose designado o día anterior para a dita xornada, pasando os anteriormente citados ó final da lista.

Cando un barco en xornada partida poida finalizar antes das 13.40 horas, a empresa estibadora poderá decidir se a xornada pode pasar ou non a intensiva para tódolos efectos, co acordo do capataz e por maioría do persoal que estea realizando a operación.

Ningún traballador, en relación laboral especial ou común, poderá realizar dúas quendas mentres non saíse toda a lista a traballar, exceptuando os traballos para os cales necesite unha debida e acreditada formación.

O posto de oficial (amanteiro) será ocupado en rigorosa rotación por todo o persoal de Sestico que posúa o correspondente título de amanteiro, tendo preferencia no dito posto os oficiais que non tivesen destino en medios mecánicos.

Para efectos de facilita-lo cambio de operación, para a realización das quendas mensuais obrigatorias e cando saia toda a lista, procederase ó día seguinte a desprazar como mínimo 1 capataz, 1 oficial e 5 especialistas.

A empresa segundo nomea deberá inescusablemente comunicarlle a todo o persoal o cometido que deberá realizar e o grupo profesional para o que sexa nomeado, segundo as follas de petición das empresas estibadoras, e de acordo coas normas mínimas establecidas neste convenio.

Os capataces distribuirán os estibadores ó seu cargo tal e como son nomeados; no obstante, terán a capacidade de redistribuí-lo equipo asignado cando concorran circunstancias especiais. As ordes efectuadas polos capataces deberán ser respectadas polos traballadores, cumprindo en todo momento as normas establecidas neste convenio, e serán os encargados de que se realicen tódalas tarefas encomendadas ós traballadores ó seu cargo.

Tódolos traballadores dos distintos grupos profesionais deberán cumprir coa realización das tarefas nos seus respectivos postos de traballo. Calquera irregularidade observada, tanto por parte da empresa estibadora como polos traballadores, notificaráselle ó capataz da operación e este ó supervisor técnico; os traballadores poderán informar posteriormente o comité de empresa.

Os traballadores concluirán as operacións 5 minutos antes da hora de finalización da xornada, excepto na quenda das 8.00 ás 14.00 horas, que rematará 20 minutos antes.

Artigo 14º.-Remate de buques.

Para remata-la operación do buque, as empresas estibadoras poderán dispoñer dunha prolongación dunha hora de remate. Esta hora de remate de buques retribuirase de acordo co establecido na táboa de salarios para cada categoría e que figura no anexo.

Artigo 15º.-Vacacións.

Os traballadores portuarios, tanto vinculados por relación laboral común como por relación laboral especial, desfrutarán de 30 días naturais de vacacións anuais retribuídas.

As quendas para o desfrute das vacacións estenderanse do 1 de xuño ó 30 de setembro distribuíndose o persoal en forma rotatoria. Calquera outra quenda fóra das anteriormente sinaladas quedará suxeita ó acordo individual entre empresa e traballador.

As partes conveñen que Sestico recibirá as propostas das empresas sobre a organización das vacacións dos traballadores de relación laboral común e disposición transitoria segunda e, en virtude da operativa portuaria establecerá, antes do 15 de xaneiro de cada ano, o cadro anual de vacacións da totalidade dos estibadores portuarios.

Sestico, á vista das peticións recibidas, resolverá en beneficio do servicio público.

A relación das vacacións asignadas publicarase no taboleiro de avisos de Sestico e nos de tódalas empresas estibadoras, para coñecemento dos traballadores.

Artigo 16º.-Licencias retribuídas.

O traballador, sempre logo de aviso e con causa xustificada, poderase ausentar do traballo, con dereito a remuneración, por algúns dos seguintes motivos e polo tempo que se indica a seguir:

-20 días naturais en caso de matrimonio.

-2 días por nacemento de fillo. En caso de gravidade 5 días.

-2 días en caso de enfermidade grave de parentes ata o segundo grao de consanguinidade. 4 días en caso de requirir desprazamento a outra provincia.

-3 días en caso de falecemento de familiar ata o segundo grao. 5 días en caso de requirir desprazamento a outra provincia.

-1 día por cambio de domicilio.

-Polo tempo imprescindible para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, e sempre con xustificante de data e hora. Unha vez solucionado o motivo polo cal se solicita o dito permiso, reincorporarase á súa quenda; se a súa quenda saíse a traballar, incorporarase de primeiro no seguinte nomeamento; se non houbese traballo nese día, incorporarase á súa quenda ó día seguinte.

En todos estes casos o traballador percibirá o salario diario garantido, que se lle aboará na nómina correspondente do mes no que se produzan as ditas licencias.

Artigo 17º.-Licencias sen dereito a retribución.

O persoal que cumprise polo menos un ano de servicio efectivo poderá solicitar licencia sen soldo por un prazo non inferior a 30 nin superior a 180 días.

As ditas licencias seranlles concedidas dentro dos 15 días seguintes ó da solicitude, sempre que o permitan as necesidades do servicio. A duración acumulada destas licencias non poderá exceder de seis meses cada dous anos.

Artigo 18º.-Excedencias.

Poderán solicitar excedencia voluntaria tódolos traballadores cunha antigüidade mínima de dous anos.

As peticións dirixiranse á dirección da empresa que corresponda, a cal resolverá dentro dos 15 días seguintes ó da solicitude.

A excedencia voluntaria concederase sen dereito a percibir soldo nin retribución ningunha por un período non inferior a un ano nin superior a cinco, e transcorrido o período de excedencia sen solicita-lo reingreso cun mes de antelación, perderá o excedente a súa condición de traballador na empresa.

Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o traballador deberá cubrir un novo período de catro anos como mínimo de servicio efectivo á empresa.

Os traballadores poderán acollerse á suspensión de contrato de traballo, nos termos sinalados no Estatuto dos traballadores e cos efectos fixados no artigo 48 do dito texto legal, nas seguintes circunstancias:

a) Incapacidade temporal.

b) Maternidade. Dará lugar a excedencia voluntaria con reserva do posto de traballo.

Artigo 19º.-Festas.

As festas que desfrutarán os traballadores serán as que cada ano estableza a autoridade laboral no calendario laboral, sen prexuízo de que nas ditas festividades se poidan realizar actividades portuarias, cando sexa necesario, e de acordo co réxime de voluntariedade de servicios e compensacións económicas estipuladas, excepto os días 1 de xaneiro, 1 de maio, 16 de xullo (Nosa Sra. do Carme, festa do sector) e 25 de decembro, nos que se efectuará o traballo en caso de forza maior, pactándose as compensacións oportunas.

Non obstante o anterior, a realización de labores portuarios quedará garantida tódolos días do ano.

Capítulo V

Condicións retributivas

Artigo 20º.-Estructura da retribución.

En cumprimento do establecido no artigo 9.3º do III Acordo sectorial, fíxase a seguinte estructura retributiva, a cal se realizará e aboará por nóminas mensuais.

-Salario base.

-Complemento persoal non absorbible.

-Complemento de destino.

-Complemento de garantía ad personam.

-Complemento de cambio de operación.

-Complemento de transporte.

-Pagas extras.

-Retribución nas vacacións.

-Horas extraordinarias estructurais.

A estructura económica deste convenio rexerá ata o 31 de decembro de 2004.

Para o ano 2001 os salarios son os establecidos na táboa salarial que figura como anexo a este convenio.

Para as revisións salariais dos anos 2002, 2003 e 2004, que se efectuarán sobre tódolos conceptos salariais agás nas xornadas e quendas normais e especiais de véspera de festivo 2-8, sábados 14-8, domingos e festivos 8-8, aplicaráselle-lo IPC previsto, marcado polo Goberno/Portos do Estado na Lei de orzamentos xerais do Estado, para cada ano.

Artigo 21º.-Salario.

O salario será igual para tódolos grupos profesionais, e a súa contía será de 115.000 pesetas (691,16 euros) de salario base e de 135.000 pesetas (811,37 euros) de salario garantido.

Establécese un complemento ad personam, como garantía ós dereitos adquiridos e exclusivamente para aqueles estibadores que estivesen de alta na Sociedad Estatal de Estiba con anterioridade ó 31-12-1998, cun importe de 68.255 pesetas (410,22 euros), que se actualizará anualmente na mesma proporción que o salario base e ata a súa xubilación.

Artigo 22º.-Complemento persoal non absorbible.

Tódolos estibadores portuarios que estivesen de alta na Sociedad Estatal de Estiba antes do 31-12-2000 percibirán este complemento procedente do complemento persoal de antigüidade que desaparece como concepto retributivo. Respéctanse as cantidades vixentes e os devengos dos futuros tramos temporais na forma pactada ata o de agora (durante a vixencia deste convenio o importe por este concepto será de 5.894 pesetas -35,42 euros- por quinquenio para tódolos grupos profesionais).

O persoal de novo ingreso non xerará nin percibirá ningunha cantidade polo concepto de antigüidade, de conformidade co establecido no III Acordo marco.

Artigo 23º.-Complemento de destino e cambio de operación.

Os días que o traballador preste servicio efectivamente, percibirá en concepto de complemento de destino as cantidades sinaladas no anexo II de acordo co traballo que desempeñe.

En cada cambio de operación e dependendo a súa franxa horaria e a categoría establécense as cantidades que figuran nas táboas salariais do anexo.

Artigo 24º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte ó mes de 8.454 pesetas (50,81 euros).

Artigo 25º.-Pagas extraordinarias.

Os días 15 dos meses de xuño e decembro, tódolos traballadores portuarios percibirán cadansúa paga formada polo salario garantido. Os traballadores con antigüidade anterior ó 31-12-2000 percibirán o salario base e o complemento persoal non absorbible ou, se é o caso, o salario garantido. Os traballadores con antigüidade anterior ó 31-12-1998 percibirán, ademais, o complemento de garantía ad personam. Así mesmo, tódolos traballadores percibirán 5.000 pesetas (30,05 euros) en cada paga.

Nos supostos de ingreso ou cesamento do traballador no curso do ano, as pagas de referencia percibiranse en proporción ós meses traballados.

Artigo 26º.-Retribución durante as vacacións.

A nómina correspondente ó mes en que o traballador desfrute as vacacións regulamentarias estará

formada pola media dos conceptos incluídos nas nóminas de periodicidade mensual correspondentes ós últimos 11 meses anteriores ó desfrute e que se detallan a seguir:

-Salario base.

-Complemento salarial non absorbible (para os traballadores anteriores ó 31-12-2000).

-Media dos 11 meses anteriores do total de complementos.

-Complemento de garantía ad personam (para os traballadores anteriores ó 31-12-1998).

Artigo 27º.-Horas extraordinarias estructurais.

Consideraranse horas extraordinarias estructurais dentro do sector afectado por este convenio as realizadas por necesidades de servicio.

Artigo 28º.-Cotización á Seguridade Social.

A cotización á Seguridade Social serán en función dos correspondentes grupos de categoría, de acordo co que establecen as normas do réxime especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, aplicable ós traballadores portuarios, de acordo a como se viña cotizando anteriormente.

Capítulo VI

Formación profesional. Clasificación profesional.

Ascensos

Artigo 29º.-Formación profesional.

Sestico asume a responsabilidade de impulsar e coordina-las accións formativas necesarias en colaboración coas empresas estibadoras, o comité de empresa e a Administración pública.

Para este fin, as empresas porán en coñecemento de Sestico calquera proxecto de implantación de novas tecnoloxías, maquinaria ou instalacións de calquera tipo que requiran a formación de profesionais de especialidades non existentes na actualidade. A dita comunicación realizarase con antelación suficiente para que as empresas dispoñan de persoal capacitado ó se inicia-la aplicación da innovación obxecto da formación.

Tódalas accións formativas deberán garanti-la plena igualdade de oportunidades a tódolos traballadores portuarios, ben sexan de relación laboral común ben especial.

A clasificación profesional e os sistemas para a promoción corresponderán exclusivamente a Sestico, que contará, ademais, coas opinións dos representantes dos traballadores, das empresas estibadoras, así como daqueles outros profesionais ou organismos que considere oportunos.

Os traballadores que participen en cursos de formación profesional, así como os que se examinen de estudios académicos para obter un título, gozarán dos permisos necesarios sen perda ningunha de remuneración.

Os distintos cursos de formación programaranse, preferentemente e sempre que sexa posible, fóra da xornada laboral, e será obrigatoria a asistencia a eles.

Unha vez cuberto o período de prácticas e proba suficiente, crearase un comité de avaliación composto por un técnico experto na materia, un representante das empresas, un de Sestico e un da representación social, co fin de avaliar definitivamente o nivel de formación acadado, co fin de determina-la aptitude para a certificación definitiva da cualificación para a que foi formado o traballador.

Artigo 30º.-Clasificación profesional.

Os grupos profesionais existentes na actualidade son:

A) Grupo IV: capataz.

B) Grupo III: controlador de mercadoría.

C) Grupo II: oficial manipulante.

D) Grupo I: estibador.

E) Grupo 0: estibador en formación.

Os futuros sistemas de agrupación e clasificación profesional abranguerán tódolos traballadores portuarios, tanto vinculados a Sestico por relación laboral especial como ás empresas estibadoras por relación laboral común.

Acéptase como principio regulador das relacións empresa e traballador, que a igual traballo, sen distinción de sexo, debe corresponder igual retribución, respectando sempre os dereitos que implique a antigüidade.

Artigo 31º.-Ascensos.

As partes asinantes do convenio conveñen que os criterios que se estiman deberían axustarse ó seguinte:

-Deberá afecta-la totalidade dos estibadores portuarios.

-Respectarase a plena igualdade de oportunidades sen prexuízo de gradua-las preferencias para o acceso ó grupo profesional superior, concedendo preferencia á formación de cada estibador tendo en conta, igualmente, a antigüidade e a idade do traballador.

-Deberase axustar ás necesidades reais de ocupación, co fin de non crear expectativas de promoción inviables, permitindo a ocupación de vacantes da categoría adquirida a curto prazo.

-Deberá recolle-la situación dos traballadores vinculados por relación laboral común e os vinculados por relación laboral de carácter especial.

-Deberá recoller, en todo caso, a intervención do órgano cualificador da profesionalidade que se cree para o efecto.

-As vacantes producidas cubriranse con persoal portuario, de Sestico ou das empresas estibadoras, segundo corresponda, que se titulase no grupo que

proceda, baixo a formación profesional acreditada, de acordo co establecido no artigo 29º.

Capítulo VII

Disciplina. Faltas. Sancións

Artigo 32º.-Potestade disciplinaria.

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados ás empresas estibadoras por relación laboral común, correspóndelles exclusivamente a estas.

A potestade disciplinaria para a avaliación e imposición de sancións por incumprimentos contractuais dos traballadores vinculados por relación laboral especial coa sociedade de estiba correspóndelle exclusivamente a esta, aínda que, cando unha empresa estibadora considere que un traballador portuario do cadro de persoal de Sestico posto á súa disposición incorrese nun incumprimento contractual, llo comunicará inmediatamente por escrito a Sestico para que adopte as medidas cautelares e disciplinarias que coide convenientes no ámbito da súa competencia, sen prexuízo de que Sestico poida acorda-las ditas medidas por propia iniciativa, de ter coñecemento da infracción.

Artigo 33º.-Procedemento sancionador.

As sancións que se impoñan ós traballadores portuarios, ben sexan de relación laboral especial ben de relación laboral común, efectuaranse sempre por escrito, calquera que sexa o grao da infracción, debéndose indica-los feitos que a motivan, a avaliación da falta segundo a súa gravidade, a sanción que se impón e a data na que se fará efectiva a sanción.

Tódalas sancións poderán ser impugnables directamente ante a xurisdicción laboral, nos termos da Lei de procedemento laboral.

Isto non obstante, os traballadores sancionados poderán, facultativamente, presentar un escrito de descargos contra a sanción no que non lle poderán esixir á empresa a práctica de probas, pero ó que poderán xuntar aquelas de que dispoñan ou que coiden conveniente achegar. O escrito de descargos deberase presentar dentro dos tres días hábiles seguintes ó da notificación da sanción, e deberá ser resolto pola empresa que sancionase, dentro dos tres días seguintes ó da recepción do escrito de descargos.

Se a empresa non contesta expresamente no prazo de tres días, entenderase tacitamente confirmada a sanción. De contestarse o escrito de descargos no sentido de modifica-lo acordo sancionador, quedará sen efecto a primeira cualificación da falta e a sanción e, contra a segunda, quedará aberta a vía do recurso xurisdiccional.

A presentación do escrito de descargos implicará a suspensión da sanción e, consecuentemente, interromperá os prazos de prescrición da falta e das accións para impugnala, desde o momento da pre

sentación do escrito de descargos e ata a data da resolución -expresa ou tácita- da empresa. No suposto de non se presentar escrito de descargos, quedará imposta a sanción.

Das sancións que se impoñan por faltas graves e moi graves daráselles conta ós representantes legais e sindicais dos traballadores.

Así mesmo, cando o traballador sexa representante legal dos traballadores ou delegado sindical, establecerase sen prexuízo do disposto no Estatuto dos traballadores, con carácter previo á imposición da sanción por faltas graves e moi graves, un prazo de tres días hábiles co fin de lles dar audiencia a este e ós restantes membros da representación á que pertencese o traballador, así como ós delegados sindicais no suposto de que o traballador sancionado estivese afiliado a un sindicato e así lle constase á empresa.

Entenderase que o procedemento arriba indicado servirá, para tódolos efectos, de expediente contradictorio para os representantes legais e sindicais.

Para estes efectos, non se computarán como días hábiles os sábados.

Artigo 34º.-Prescrición.

Das faltas: as faltas leves prescribirán ós dez días, as graves ós vinte días e as moi graves ós sesenta días, a partir da data na que a empresa que teña a potestade sancionadora tivese coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de terse cometido.

Das sancións: as sancións firmes impostas por faltas moi graves prescribirán ós noventa días, por faltas graves ós sesenta días e as impostas por faltas leves ós trinta días.

O prazo de prescrición comezará a contarse desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza o acordo polo que se impón a sanción.

Artigo 35º.-Extinción da responsabilidade disciplinaria.

A responsabilidade disciplinaria extínguese pola prescrición da falta, a prescrición da sanción, cumprimento da sanción ou falecemento do traballador.

Artigo 36º.-Graduación de faltas.

Faltas leves.

1. Faltar á lista de chamamento dous días consecutivos ou máis de dous alternos ó mes, sen xustificación, ou non facelo no prazo dos tres días seguintes á falta. Considérase falta á lista de chamamento a inobservancia das normas de control da asistencia establecidas no porto.

2. Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo (máis de dez minutos de atraso), sen a debida xustificación durante o período dun mes.

3. Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio.

4. As discusións sobre asuntos estraños ó traballo durante a xornada. Se tales discusións producisen escándalo notorio, poderán ser consideradas como falta grave.

5. Incorrer en pequenos descoidos na conservación dos materiais e utensilios que o traballador teña ó seu cargo.

Faltas graves.

1. Faltar á lista de chamamento tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes, sen xustifica-la súa causa dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas durante o período dun mes. Cando tivese que relevar un compañeiro, abondará unha soa falta de puntualidade para que esta se considere como falta grave.

3. A falta de asistencia ó traballo despois de ser contratado ou facelo cun atraso superior a unha hora por causa imputable ó traballador, abandona-lo traballo antes do remate das operacións ou negarse a realiza-lo que lle corresponda segundo a quenda de rotación. Se como consecuencia do anterior se causase prexuízo de consideración ou fose causa de accidente, esta falta será considerada como moi grave.

4. Simula-la presencia dun traballador durante a lista de chamamento, ou a súa substitución no traballo por outro traballador, ou permuta-la realización de determinadas faenas sen coñecemento ou anuencia da empresa.

5. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte a boa marcha deste, a diminución voluntaria do rendemento, ou retarda-lo cumprimento das ordes recibidas dos seus superiores, sen causa que habilite para iso.

6. Non lles comunicar ás empresas, coa puntualidade debida, os cambios experimentados na familia, que poidan afectar á Seguridade Social, e que cause prexuízo á empresa. A falta maliciosa destes datos considerarase como falta moi grave.

7. A asistencia á lista de chamamento, ó traballo, así como a permanencia dentro da zona portuaria en estado de embriaguez ou derivado do consumo de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas, cando non sexa habitual.

8. A negativa a someterse ós controis de alcoholemia, por requirimento da Sociedad de Estiba.

9. Ofender ou faltar ó respecto ós compañeiros de traballo. Se implicase quebranto da disciplina, ou dela se derivase prexuízo notorio para as empresas ou compañeiros de traballo, considerarase como falta moi grave.

10. Neglixencia na observación e cumprimento das normas ou instruccións sobre seguridade e hixiene ou das medidas que sobre a materia se deban observar. Se da dita neglixencia se derivase accidente, esta falta poderá ser considerada como moi grave.

11. A negativa por parte do traballador a utilizar medios de protección persoal ou a deterioración maliciosa deles.

12. A negativa a realizar traballos en horas extraordinarias ou de remate nos termos pactados en convenio colectivo.

13. Mal uso dos medios auxiliares de carga e descarga e instalacións dos peiraos que orixinen rotura ou maior desgaste do que normalmente produce o seu uso.

14. A imprudencia grave en acto de servicio. Se implicase risco de accidente para el ou para os seus compañeiros ou perigo de avaría para as instalacións, poderá ser considerada como falta moi grave.

15. A negativa por parte do traballador a realizar labores en polivalencia ou mobilidade funcional, nos termos pactados en convenio colectivo e/ou acordos sectoriais.

16. A non comunicación polos capataces das infraccións realizadas polos traballadores que estean baixo as súas ordes. Se existise connivencia por parte do capataz, esta considerarase como moi grave.

17. Esixi-lo pagamento de gratificacións, primas ou outras remuneracións non previstas no convenio de aplicación, pola práctica de determinadas faenas.

18. A negativa por parte do traballador a recibi-los cursos de formación organizados por Sestico, para alcanzar unha adecuada cualificación profesional ó seu posto de traballo.

Faltas moi graves.

1. Faltas ás listas de chamamentos durante catro veces consecutivas ou 10 alternas no mes, sen xustificación ou non facelo dentro dos tres días seguintes a cada falta.

2. Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas nun período de seis meses.

3. As faltas inxustificadas ó traballo máis de tres días nun período dun mes.

4. A embriaguez e o estado derivado do consumo de drogas tóxicas, estupefacientes ou substancias psicotrópicas durante o traballo, sempre que fose habitual.

5. Orixinar rifas e pendencias cos seus compañeiros e/ou participar activamente nelas.

6. Permiti-los encargados ou capataces o traballo de persoal para a realización de labores incluídos no ámbito funcional do convenio colectivo de aplicación, incumprindo as normas legais ou o pactado nel.

7. Facer desaparecer, inutilizar, derramar ou causar avarías en utensilios e ferramentas, máquinas, aparellos, instalacións, edificios e documentos, de forma voluntaria.

8. Causar accidentes por neglixencia ou imprudencia inescusable.

9. A simulación de enfermidade ou accidente.

10. A fraude, a deslealdade, o abuso de confianza, a transgresión da boa fe contractual e, en xeral, os actos que produzan prexuízo grave e desprestixio da empresa.

11. Revelar a elementos estraños ás empresas datos de reserva obrigada.

12. Proporcionar ou usa-la información, declaracións ou documentos falsos ou adulterados ou a mantenta defectuosos para obter determinados beneficios económicos ou doutra índole.

13. Os malos tratos de palabra ou obra e a falta de respecto e consideración ós empresarios, encargados, capataces, así como ós compañeiros de traballo ou subordinados.

14. A desobediencia, considerándose como tal a negativa a efectua-lo traballo ordenado, infrinxíndose o disposto sobre obrigas dos traballadores.

15. O abuso de autoridade por parte dos encargados ou capataces respecto do persoal que lle estea subordinado, así como esixir deste ou admitir del dádivas, obsequios ou favores de calquera natureza.

16. A estafa, o roubo ou o furto, tanto ós seus compañeiros de traballo como de mercadorías.

17. Causar estragos, intencionadamente ou por neglixencia, na mercadoría manipulada.

18. Accidentarse intencionadamente ou prolongar, por algún procedemento de fraude, a normal curación das lesións consecutivas ó accidente.

19. O contrabando de mercadorías e/ou divisas, con ocasión do traballo.

20. O rexeitamento por parte do traballador de dúas ofertas de emprego adecuadas ó seu grupo profesional e especialidade provenientes de empresas estibadoras que desexen establecer con el unha relación laboral común, de acordo co disposto na lexislación vixente.

21. A diminución continuada e voluntaria no rendemento de traballo normal ou pactado convencionalmente, ou induci-lo compañeiros para tal fin.

22. A participación en folga ilegal ou en calquera forma de alteración colectiva ilegal no réxime normal de traballo.

23. A negativa durante unha folga á prestación dos servicios mínimos.

Artigo 37º.-Sancións.

Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dunha a tres quendas, ou o mesmo número de días.

Por faltas graves:

-Suspensión de emprego e soldo de catro a quince quendas, ou o mesmo número de días.

Por faltas moi graves:

-Suspensión de emprego e soldo de dezaseis a noventa quendas, ou o mesmo número de días.

-Despedimento.

Entenderase cumprida a sanción de suspensión de emprego e soldo regulada nesta alínea, cando se cumprisen as quendas ou transcorresen igual número de días cás quendas sancionadas.

Capítulo VIII

Seguridade e hixiene no traballo

Artigo 38º.-Normativa sobre seguridade e hixiene.

Mentres non se desenvolva o estipulado no artigo 14 do III Acordo sectorial, sobre as medidas que se adoptarán para a mellor protección dos riscos de seguridade e hixiene, seguiranse aplicando as normas actualmente en vigor.

Tódolos traballadores teñen o dereito e a obriga de coñece-los riscos inherentes ó seu posto de traballo. Para iso recibirán da empresa a formación e información suficientes conforme o regulado na Lei 31/1995 de prevención de riscos laborais.

Artigo 39º.-Roupa de traballo.

Sestico comprométese a entregarlles a tódolos traballadores os seguintes medios de protección e seguridade:

-1 par de botas de seguridade tipo Panter S-3 cada ano.

-1 par de botas de auga seguridade forradas cada dous anos.

-1 traxe de auga cada ano.

-1 anorak de abrigo cada dous anos.

-1 traxe de frío composto de 1 pantalón e 2 chaquetas cada 2 anos (se houbese conxelado).

-2 traxes de faena ó ano, chaqueta e pantalón.

-2 camisas ó ano.

-6 pares de luvas ó ano.

-Elementos reflectantes.

-1 casco ou elemento identificador para sinalar qué traballador exerce as funcións de capataz.

-Máscaras de celulosas, protectores de riles, etc.

-Tódolos demais medios de protección sinalados na vixente lexislación sobre seguridade.

O material arriba indicado entregaráselle ós traballadores, agás causa de forza maior, no primeiro trimestre do ano que corresponda, de forma persoal.

Capítulo IX

Dereitos de reunión e información. Dereito

dos representantes dos traballadores. Dereitos

sindicais

Artigo 40º.-Dereito de reunión e información.

Sen prexuízo dos dereitos sindicais recoñecidos e declarados na lexislación vixente, os traballadores

portuarios afectados por este convenio teñen os seguintes dereitos:

1. A representación dos traballadores poderá convocar asembleas nos locais da sociedade estatal. Para iso, terán dereito ó uso dos salóns de nomeamento de Sestico, ou de calquera outro que esta poña ó seu dispor, antes ou ó remata-los chamamentos diarios, sen máis requisitos que non interromper estes.

2. A recibir información a través dos seus representantes.

3. A que lles sexan facilitados a título individual os datos mecanizados polas empresas nos que conste información relativa á súa persoa.

Artigo 41º.-Dereitos da representación dos traballadores.

En igual sentido que no indicado no punto anterior, os representantes legais dos traballadores teñen os seguintes dereitos:

1. Uso dun total de 40 horas mensuais para cada un dos membros do comité de empresa, acumulables, retribuídas para a xestión sindical. Non se consideran como tales as ocasionadas por viaxes con motivos sindicais; neste caso só se computarán as correspondentes ás quendas nas que lles correspondese traballar efectivamente.

2. As horas de xestión serán acumulables duns representantes a outros sen que se poida exceder do número total correspondente.

3. As seccións sindicais constituídas, e aquelas que se constitúan, terán dereito a nomear un delegado sindical cunha reserva de 40 horas mensuais retribuídas para a xestión sindical. O indicado crédito horario será tamén acumulable.

4. A retribución do crédito sindical será do salario real dunha quenda normal de traballo.

Artigo 42º.-Dereitos sindicais.

Serán de aplicación os restantes acordos alcanzados no artigo 16 do III Acordo sectorial, en relación cos dereitos que se regulan neste artigo, e nos dous anteriores.

Artigo 43º.-Función de Sestico.

En cumprimento do obxecto que asigna ás sociedades de estiba e desestiba o artigo 7 do Real decreto lei 2/1986, Sestico contribuirá á realización das actividades portuarias descritas no artigo 1º deste convenio, facilitándolles ás empresas estibadoras os traballadores portuarios, de profesionalidade acreditada, que lles sexan necesarios en cada momento para a súa execución, baixo os criterios de regularidade, eficacia e o menor custo posible do servicio.

Artigo 44º.-Persoal que preste servicio ás empresas estibadoras.

Para o cumprimento da función que se describe no artigo anterior, as empresas estibadoras contarán cos traballadores portuarios propios, contratados por

relación laboral común, e os traballadores portuarios pertencentes ó cadro de persoal fixo de Sestico, os servicios dos cales poderán solicitar en función das súas necesidades. En calquera caso, e de non dispoñerse de persoal do anteriormente indicado, as empresas estibadoras estarán obrigadas a completa-las mans ou equipos de traballo que en cada momento solicitasen, contratando para iso traballadores portuarios que dispoñan da necesaria cualificación profesional.

Artigo 45º.-Dirección e control da actividade laboral.

A organización do traballo é competencia da sociedade estatal e das empresas estibadoras, cada unha dentro do seu ámbito, respectándose o establecido neste convenio.

En correspondencia con esta competencia, a dirección, o control e a responsabilidade das actividades laborais dos traballadores portuarios que interveñan nas operacións, corresponderalle á empresa estibadora que os realice, e iso con independencia de se o fai con persoal portuario propio de relación laboral común ou con persoal de Sestico, se ben, neste último caso, tal responsabilidade quedará limitada ó tempo no que os traballadores estean destinados ás operacións para as que fosen chamados pola empresa estibadora.

A transmisión e execución das ordes das empresas levarase a cabo a través da estructura orgánica dos traballadores portuarios.

Os traballadores comprométense a realiza-las tarefas que lles sexan asignadas, en calquera das empresas estibadoras, cumprindo as ordes impartidas, sempre que as ditas ordes respecten o negociado no convenio colectivo con respecto ás condicións laborais dos traballadores con relación laboral especial e dos traballadores con relación laboral común, e todo aquel persoal que realice tarefas na dita operación.

Artigo 46º.-O procedemento de incorporación e suspensión de traballadores en relación laboral común.

O procedemento será o recollido no III Acordo marco.

Artigo 47º.-Melloras sociais.

A empresa manterá as melloras sociais que ata o de agora viñan desfrutando, da seguinte maneira:

Seguro de accidentes: a empresa concertará un seguro colectivo de accidentes para todo o persoal por unhas contías de 4.000.000 de pesetas (24.040,48 euros) en caso de falecemento e de ata 5.000.000 de pesetas (30.050,60 euros) en caso de invalidez. En caso de baixa por accidente de traballo establécese un complemento salarial de 750 pesetas (4,51 euros) diarias.

Fondo de asistencia: a empresa destinará anualmente a cantidade de ata 3.500.000 pesetas (21.035,42 euros), para fins asistenciais para tódolos traballadores da sociedade, coas coberturas e contías que se reflicten no anexo II.

Cláusulas adicionais

Primeira.-Acórdase expresamente que o ámbito persoal deste convenio colectivo se estenderá, exclusivamente, ós traballadores portuarios que teñan a condición de fixos da Sociedade Estatal de Estiba e Desestiba do Porto da Coruña, S.A., con relación laboral especial, ós traballadores portuarios que suspendan temporalmente a relación laboral especial coa sociedade e constitúan unha relación laboral común cunha empresa estibadora de conformidade co establecido no artigo 10 do Real decreto lei 2/1986, do 23 de maio, e ós traballadores acollidos á disposición transitoria 2ª, II, parágrafo 3º, do antedito real decreto lei, ós que, para efectos de evitar indesexadas tensións dentro do colectivo laboral das súas respectivas empresas, se integrará plenamente dentro deste convenio nun prazo máximo de 6 anos.

Os traballadores acollidos á disposición transitoria 2ª.2 parágrafo 3º, continuarán realizando a función recollida pola comisión mixta na Acta do 23 de novembro de 1995 durante a vixencia deste convenio. Así mesmo, estes traballadores continuarán, durante o dito período, coas condicións laborais actuais ou as que no futuro se poidan pactar.

Segunda.-Acórdase de maneira expresa que, independentemente de que o cadro de persoal de Sestico non acade o número de traballadores suficiente que o artigo 63 do vixente Estatuto dos traballadores esixe para a constitución de comité de empresa, o número de representantes do persoal actualmente nomeados e os que no seu momento corresponda elixir polo número de traballadores, terán para tódolos efectos os mesmos dereitos que o referido texto legal lle confire ó comité de empresa, e igualmente continuarán exercendo as súas funcións en tal concepto, ata que o número de traballadores dea lugar ó restablecemento de comité nos termos do dito artigo.

Disposición transitoria

Única.-Todo o persoal da empresa terá a obriga de se xubilar ó cumprir 55 anos, sempre e cando teña dereito a percibi-lo 100% da súa base reguladora, de conformidade co que estipula o III AM e o réxime de Seguridade Social aplicable no sector.

Disposición derradeira

Ós seis meses da publicación deste convenio a comisión paritaria reunirase e avaliará as posibles incidencias económicas que se poidan producir como resultado da aplicación do cambio de inicio da xornada e proporalle á comisión negociadora do convenio, en caso de se producir perda de quendas exclusivamente imputadas a esta causa, as correspondentes modificacións.

Disposición derrogatoria

Quedan sen efecto cantos pactos e acordos se asinasen con anterioridade entre as representacións das partes e se contrapoñan ó pactado neste convenio colectivo.

ANEXO II

Concederanse axudas a tódolos traballadores de Sestico, así como ós familiares ó seu cargo, concretándose da seguinte maneira:

1. Axudas en caso de prolongada ou custosa enfermidade, a cal será acordada entre a empresa e o comité en función da situación do traballador.

2. Axudas nos casos de accidente, operacións, traslados e gastos de hospital, etc., sempre que a Segu

ridade Social non cubra estas continxencias coas suficientes garantías, e que se acordará igual ca no punto anterior.

3. Axudas regulamentarias nos seguintes casos:

3.1. Odontoloxía. Concederase unha axuda económica dun 50% sobre os gastos odontolóxicos cun límite máximo de 55.000 pesetas (330,56 euros). O gasto deberá ser acreditado mediante a factura correspondente.

3.2. Tratamentos médicos. Enténdense para estes efectos os tratamentos de custo elevado e cunha certa duración no tempo.

Para cursar solicitude por este punto presentarase un orzamento aproximado dunha duración mínima de 6 meses; as súas contías estarán entre 100.000 pesetas (601,01 euros) como mínimo e 475.000 pesetas (2.854,81 euros) como máximo nos referidos seis meses. Neste caso concederase o 75% da contía dos gastos, revisándose a prestación ó remate dos seis meses.

3.3. Ortopedia. O mínimo a que deben ascende-los gastos neste punto para solicita-la axuda neste punto é de 30.000 pesetas (180,30 euros), e o período de revisión 18 meses.

Concederase:

-De 30.001 a 40.000 pesetas o 60%; de 180,31 a 240,40 euros o 60%.

-De 40.001 a 50.000 pesetas o 70%; de 240,41 a 300,51 euros o 70%.

-De 50.001 a 60.000 pesetas o 80%; de 300,51 a 360,61 euros o 80%.

-De 60.001 a 70.000 pesetas o 90%; de 360,61 a 420,71 euros o 90%.

-De 70.001 a 80.000 pesetas o 100%; de 420,71 a 480,81 euros o 100%.

Independentemente do importe ó que ascenda a factura, concederase unha axuda cunha contía máxima de 80.000 pesetas (480,81 euros).

3.4. Intervencións cirúrxicas. Gozarán de axuda do fondo de asistencia as intervencións cirúrxicas cuns gastos que estean abranguidos entre un mínimo de 55.000 pesetas (330,56 euros) e un máximo de 110.000 pesetas (661,11 euros), unha vez excluídos os gastos do acompañante; a prestación é como segue:

-De 55.000 a 80.000 pesetas o 50%; de 330,56 a 480,81 euros o 50%.

-De 80.001 a 110.000 pesetas o 40%; de 480,82 a 661,11 euros o 40%.

3.5. Ópticos. Só gozarán de axuda os gastos por lentes ou lentes de contacto graduadas.

Concedidas unhas lentes ou lentes de contacto para o titular ou algún dos seus beneficiarios, soamente se admitirá a renovación para a mesma persoa unha vez transcorrido un ano da anterior concesión, agás no caso de que exista unha variación significativa da corrección óptica. A axuda para lentes de contacto aboarase cando á súa utilización sexa por prescrición médica. A axuda será do 50% do custo real, cun límite máximo de 12.000 pesetas (72,12 euros), para a montura, e do 75% do custo real, cun límite máximo de 17.000 pesetas (102,17 euros) para os cristais.

3.6. Próteses auditivas. Se a utilización dunha prótese auditiva é por prescrición facultativa, conce

deranse axudas do 50% do custo real, cun límite máximo de 20.000 pesetas (120,20 euros).

4. Axudas extra-regulamentarias no caso de incapacidade total ou parcial do traballador.

5. O traballador que se crea con dereito a unha axuda do capítulo de asistencia, e atendendo a excepcionais circunstancias, formulará a súa petición mediante escrito razoado dirixido á empresa ou ó comité, coa achega dos documentos e datos que acrediten a súa necesidade, e a empresa ou o comité poderán solicitar novos documentos e datos se o consideran conveniente.

Na reunión inmediata da empresa co comité resolverase a petición, e comunicaráselle ó traballador por escrito o acordado ó respecto.