Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Martes, 17 de xuño de 2003 Páx. 7.875

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 30 de maio de 2003 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2002 pola que se regula o recoñecemento de actividades de carácter formativo como actos de interese no eido dos servicios sociais.

A Orde do 19 de novembro de 2002 (DOG nº 233, do 3 de decembro) regula o recoñecemento de actividades de carácter formativo como actos de interese no eido dos servicios sociais.

A experiencia adquirida durante o tempo da súa vixencia aconsella clarifica-lo obxecto das actividades amparadas pola citada orde e precisa-los seus destinatarios.

Ademais, introdúcese a esixencia de presenta-lo currículo ó profesorado que vaia imparti-las actividades en tódolos casos e modifícase a comisión de valoración.

Na súa virtude, segundo o establecido no artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 2 da Orde do 19 de novembro de 2002 que quedará redactado do seguinte xeito:

«Poderán solicita-lo recoñecemento de actividade de carácter formativo como actos de interese no eido dos servicios sociais as persoas físicas ou xurídicas de natureza pública ou privada que acrediten estar legalmente constituídas e que pretendan organizar:

a) Cursos ou ciclos, cunha duración mínima de corenta horas coa finalidade de promove-la formación ou especialización nas materias de atención ás persoas maiores e persoas con discapacidade, servicios comunitarios, inclusión social, atención sociosanitaria e aqueloutras materias do eido social que sexan competencia da consellería.

b) Xornadas e congresos, calquera que sexa a súa duración e co mesmo contido sinalado no punto anterior.

Por te-la finalidade de promove-la formación ou a especialización nestas materias, as anteditas actividades irán dirixidas ós profesionais e formadores».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 4 e) da Orde do 19 de novembro de 2002 que quedará redactado do seguinte xeito:

«Programa con mención do profesorado ou conferenciantes, materias concretas que van desenvolver cada un deles e currículo».

Artigo 3º

Modifícase o artigo 5 da Orde do 19 de novembro de 2002 que quedará redactado do seguinte xeito:

«1. As solicitudes, xunto coa documentación presentada, serán avaliadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto que terá a función

de eleva-la proposta de aprobación ou denegación da declaración de interese á secretaría xeral da consellería.

2. A comisión estará composta por:

-O director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade ou persoa en quen delegue, con nivel de subdirector xeral.

-O director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social ou persoa en quen delegue, con nivel de subdirector xeral.

-Unha persoa designada polo director xeral do Maior e de Persoas con Discapacidade, con nivel mínimo de xefe de servicio.

-Unha persoa designada polo director xeral de Servicios Comunitarios e Inclusión Social, con nivel mínimo de xefe de servicio.

-Un representante designado pola secretaría xeral da consellería, con nivel mínimo de xefe de servicio, que actuará como secretario.

3. A comisión poderá contar cos asesores que se consideren convenientes a criterio da secretaría xeral da consellería».

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas con anterioriedade á entrada en vigor desta orde rexeranse polo disposto na orde do 19 de novembro de 2002, publicada no DOG nº 233, do 3 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais