Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2003 Páx. 7.772

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de maio de 2003 pola que se clasifica como benéfico-social a Fundación Océano Vivo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Océano Vivo, con domicilio en Arcade-Soutomaior (Pontevedra).

Supostos de feito:

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Océano Vivo foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o día vinteoito de febreiro de dous mil tres, ante o notario Francisco Fernández Íñigo, co número douscentos vintenove do seu protocolo, por Evaristo Lareo Viñas, que intervén en nome e representación da asociación Comisión de Cofradías de Pescadores Afectados por el Siniestro del Petrolero Prestige, Manuel Pazos Vázquez, que intervén en nome e representación da Federación Provincial de Confrarías Pescadores de Pontevedra, e Francisco Javier Martínez Durán e Juan Manuel López Álvarez que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. A fundación ten por obxecto, segundo establece o artigo 7 dos estatutos, promover, incentivar e executar cantas accións se orienten á recuperación ambiental e económica de Galicia, traballando na recuperación dos danos causados polo afundimento do Prestige, canalizando as axudas públicas que, se é o caso, lle sexan concedidas ou privadas que para este fin se destinen.

Neste contexto e a título meramente enunciativo, serán fins:

a) A recuperación dos ecosistemas litorais, en especial das rías de Galicia, dos efectos dos hidrocarburos liberados no litoral galego trala vertedura e o afundimento do Prestige.

b) A colaboración directa coas confrarías de mariñeiros galegos na recuperación da riqueza natural das costas galegas.

c) A recuperación dos valores naturais e turísticos dos ecosistemas galegos ata alcanza-la devolución dos ditos valores ó seu estado anterior á vertedura e afundimento do Prestige.

d) Actuacións tendentes á recuperación e/ou creación de zonas de cultivo extractivo, a adquisición de crías para semente destinadas ó sector pesqueiro e marisqueiro, así como os investimentos destinados para reparar ou substituí-los elementos materiais utilizados no cumprimento dos fins deste artigo sete.

e) A promoción dos productos galegos provenientes do mar, tanto en mercados nacionais coma internacionais.

f) O investimento en investigación e desenvolvemento, coa finalidade de obte-la mellor avaliación dos danos ocasionados polo Prestige e a posterior recuperación dos ecosistemas litorais.

O padroado terá plena liberdade para determina-la actividade da fundación, dentro dos seus fins, cara a aqueles obxectivos concretos que, ó seu xuízo, sexan os máis adecuados en cada momento.

4. O padroado da fundación estará integrado por Evaristo Lareo Viñas como presidente, en representación da Comisión de Cofradías de Pescadores Afectados por el Siniestro del Petrolero Prestige; Manuel Pazos Vázquez como secretario, en representación da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores de Pontevedra, e Francisco Javier Martínez Durán e Juan Manuel López Álvarez como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-social da Fundación Océano Vivo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-social e a súa adscrición á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 26 de maio de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de como benéfico-social a Fundación Océano Vivo e adscribila á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E VIVENDA