Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Luns, 16 de xuño de 2003 Páx. 7.767

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de maio de 2003 pola que se convocan dúas bolsas para a formación de expertos en cooperación internacional para o desenvolvemento na Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior.

A Lei 23/1998, do 7 de xullo, de cooperación internacional para o desenvolvemento, establece as bases reguladoras da acción de cooperación realizada desde as comunidades autónomas e as entidades locais, atendendo ós principios de autonomía orzamentaria e autorresponsabilidade na súa execución.

A política de cooperación ó desenvolvemento está a experimentar na nosa Comunidade Autónoma un importante crecemento, que concorre xunto coas políticas públicas estatais, da Unión Europea e dos organismos internacionais.

A ampliación de medios e instrumentos financeiros e dos ámbitos xeográficos que basean e configuran esta política, esixe a formación de recursos humanos para o desenvolvemento dos programas e accións.

A aprobación desta orde persegue apoia-la formación de expertos en cooperación internacional para complementa-la formación académica dos titulados superiores coa realización de prácticas na Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, e de se-lo caso, en países menos avanzados, en colaboración con outros axentes institucionais.

Polo exposto, en exercicio das facultades que teño atribuídas para a debida aplicación dos créditos para o fin para o que foron orzamentados,

DISPOÑO:

Aproba-las seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regular e convocar dúas bolsas para a formación de licenciados na especialidade de cooperación internacional e para o desenvolvemento.

Unha das bolsas estará destinada a licenciados en ciencias da información.

Segunda.-Requisitos dos solicitantes.

Os solicitantes deben reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español.

b) Ter veciñanza administrativa en Galicia ou ser residente ausente.

c) Non supera-la idade de 30 anos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

d) Ter finalizado unha das seguintes licenciaturas superiores no momento en que remate o prazo de presentación de solicitudes: dereito, ciencias humanas, políticas, empresariais, económicas ou da información.

e) Non ter transcorrido máis de catro anos desde a data de remate dos estudios superiores.

f) Non manter relación laboral en vigor co organismo que promove a bolsa nin coas entidades colaboradoras.

Terceira.-Solicitude, documentación e prazo de presentación.

1. Os interesados deberán cubri-la solicitude que figura no anexo I dirixida ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior e presentada por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xunto coa solicitude presentaranse, ademais, os seguintes documentos:

a) Certificación académica completa ou fotocopia compulsada dela, que inclúa as cualificacións obtidas na licenciatura, xunto co título ou depósito do título.

b) Certificado de inscrición no padrón de habitantes do concello da súa residencia ou na oficina consular, de se-lo solicitante residente ausente.

c) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade do solicitante, por ámbalas dúas caras, e do libro de familia.

d) Certificado médico que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das funcións do posto de traballo.

e) Currículum vitae, xunto coa documentación cotexada acreditativa dos méritos e experiencia alegada para poder ser avaliada a solicitude.

f) Memoria explicativa do coñecemento das accións internacionais de cooperación exterior.

g) Declaración do conxunto de tódalas axudas solicitadas ou concedidas para as actividades obxecto desta orde das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación de vida laboral emitida pola Tesourería da Seguridade Social.

i) Documento acreditativo do coñecemento de galego con especificación do grao.

j) No caso de alega-lo coñecemento de idiomas estranxeiros, será necesario acreditalo mediante títulos ou diplomas expedidos por escolas ou centros públicos oficiais, españois ou extranxeiros.

k) Dúas fotografías tamaño carné co nome e apelidos ó dorso.

2. O prazo para a presentación da solicitude maila documentación sinalada no parágrafo anterior será de 15 días contados a partir do día seguinte ó da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

No caso de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou que a documentación achegada contivese erros ou fose incompleta, requirirase o solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos necesarios con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, procedendo ó arquivo do seu expediente na forma e termos indicados no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Duración das bolsas, contía e obrigas dos bolseiros.

1. O desfrute das bolsas comezará non antes do 1 de xuño de 2003 e estenderase ata o 31 de decembro de 2004. O cómputo comenzará o primeiro día do mes seguinte a aquel en que o bolseiro declare a aceptación. A dotación de cada unha delas é de 900 euros brutos mensuais.

2. A aceptación da bolsa xera a obriga do bolseiro de subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación no caso de accidente ou enfermidade, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura, así como a obriga de asumi-los gastos de desprazamento ordinario en Galicia, de se-lo caso, que deba realizar no exercicio das funcións que lle sexan encomendadas pola Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior (en diante, Secretaría), agás os desprazamentos ó resto do territorio nacional e ó exterior, nos que percibirá en concepto de viático diario unha cantidade de ata 44 euros e de ata 96 euros, respectivamente. Os gastos de locomoción de ida e volta, de orixe a destino, serán por conta da Secretaría.

3. O bolseiro quedará baixo a dependencia directa da Secretaría e realizará os traballos que esta lle asigne atendendo a súa formación e capacidades.

4. O bolseiro tamén se obriga pola aceptación a:

-Non desempeñar ningún traballo remunerado durante o período de vixencia da bolsa.

-Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

-Menciona-la súa condición de bolseiro nas teses de doutoramento ou nos traballos de investigación que poida realizar.

-Realiza-lo plan de traballo baixo as directrices da Secretaría e someterse ás normas en canto á xornada laboral e funcionamento que esta determine.

-Desprazarse por instrucción da Secretaría.

-Utiliza-los medios dispoñibles no centro de traballo para a realización das actividades que lle sexan encomendadas.

Quinta.-Procedemento de adxudicación das bolsas e baremo.

1. Para a adxudicación das bolsas constituirase unha comisión de avaliación, que adaptará o seu funcionamento ó previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, ás regras contidas no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A comisión comporase polos seguintes membros:

1. Presidente: o subdirector xeral con competencia en materia de cooperación exterior.

2. Secretario: un xefe de servicio da Secretaría.

3. Dous funcionarios da Secretaría designados polo presidente da comisión avaliadora.

Os membros da comisión non devengarán indemnización por asistencia.

2. A comisión examinará as solicitudes presentadas, valorando os méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

A) Formación (de 0 a 7 puntos).

-Por unha diplomatura, a maiores da titulación esixida como requisito para acceder á bolsa: 1 punto.

-Por outra licenciatura, a maiores da esixida como requisito para acceder á bolsa: 2 puntos.

-Por cursos de galego: 0,25 puntos en grao de iniciación e 0,50 puntos en grao de perfeccionamento.

-Por coñecemento de idiomas estranxeiros: 0,50 puntos por cada un ata un máximo de 1,50 puntos.

-Por cada curso de formación relacionados coa cooperación e acción exterior, de máis de 40 horas: 0,10 puntos ata un máximo de 0,50.

-Por cursos de posgrao ou máster en materias relacionadas coa cooperación para o desenvolvemento, Unión Europea, comercio exterior ou relacións internacionais: 1 punto (máximo 1 punto).

-Por cursos relacionados coa informática e/ou Internet, de máis de 20 horas: 0,10 puntos por cada un ata un máximo de 0,50 puntos.

B) Experiencia (ata 5 puntos).

-Experiencia en programas de voluntariado social debidamente acreditada: 0,25 por cada ano e ata un máximo de 1 punto.

-Ter sido cooperante nalgún programa de cooperación exterior acreditado documentalmente: 0,25 puntos por cada 6 meses ata un máximo de 2 puntos.

-Experiencia acreditada en relacións europeas ou internacionais 0,25 puntos por cada seis meses ata un máximo de 2 puntos.

3. Entrevista persoal.

A comisión de selección realizará unha entrevista ós aspirantes que acadaran na avaliación da formación e da experiencia unha puntuación mínima de 6 puntos, na que se valorarán as aptitudes e actitudes persoais dos aspirantes para a realización das funcións que se van desempeñar, así como o dominio e capacidade de expresión oral en idioma inglés. A entrevista será valorada de 0 a 8 puntos.

A comisión poderá estar asesorada polo persoal técnico ou profesional que considere necesario e que poderá asistir ás sesións con voz pero sen voto.

4. A comisión proporá unha lista de adxudicatarios entre os solicitantes que acaden unha maior puntuación, facéndoa pública mediante a inserción no taboleiro de anuncios da Secretaría. Incluirase unha lista de reserva, integrada polos solicitantes valorados cun mínimo de 4 puntos na fase de entrevista segundo orde de puntuación consecutiva, que serán tidos en conta para os supostos de renuncias ou baixas dos adxudicatarios.

5. A devandita comisión elevará a súa proposta ó secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior, que resolverá, logo da súa fiscalización, sobre a concesión das bolsas.

6. O prazo máximo para resolver será de tres meses. De non dictarse resolución no indicado prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

7. No suposto de que, unha vez concedidas as bolsas, os beneficiarios non declarasen a súa aceptación ou renunciasen unha vez aceptada, poderáselle concede-la bolsa ó seguinte aspirante con maior puntuación, procedéndose, do mesmo xeito, no caso de non aceptación ou renuncias sucesivas.

8. De non presentarse solicitudes, ou non acadaren as rexistradas na fase de avaliación da formación e da experiencia a puntuación mínima esixida, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución da Secretaría, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Sexta.-Aceptación, renuncia e reintegro.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo máxi

mo de cinco días naturais, comunicarán á Secretaría a aceptación ou renuncia. No caso de aceptación, xuntarase con ela certificación bancaria da conta onde deberá ser aboada a bolsa e acreditación de dispor da cobertura asistencial esixida na base cuarta, parágrafo dous. Transcorridos os sinalados cinco días, se os beneficiarios non se declararan en ningún sentido, entenderase que renuncian á bolsa, procedéndose a concerlla ó seguinte solicitante que figure por orde de puntuación na lista de reserva confeccionada inicialmente.

Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o tempo de vixencia da bolsa se producise algunha vacante por calquera circunstancia, incluída a renuncia.

2. A renuncia durante a vixencia da bolsa dará lugar ó reintegro das cantidades percibidas, logo da instrucción do correspondente procedemento de reintegro, agás supostos de enfermidade, de accidente ou derivados do cumprimento de obrigas legais.

Sétima.-Natureza xurídica da relación.

A aceptación da bolsa non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica ou a Administración xeral do Estado e o beneficiario nin suporá a súa alta en réxime algún da Seguridade Social. Os dereitos e as obrigas cíngense en exclusiva ós estipulados nestas bases reguladoras.

Oitava.-Aboamento das bolsas e viáticos.

As bolsas serán aboadas por mensualidades vencidas logo da correspondente certificación da subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior do bo aproveitamento das prácticas.

Os viáticos serán aboados previa xustificación documental dos gastos de aloxamento. Segundo a duración do desprazamento, poderanse conceder anticipos de ata o 35% do importe estimado por este concepto.

Novena.-Causas de extinción e revogación da bolsa.

1. A condición de bolseiro extínguese por:

-Expiración do período de duración da bolsa.

-Renuncia.

-Enfermidade ou accidente que o incapacite para o desenvolvemento das prácticas.

2. Darán lugar a revogación da bolsa, logo da instrucción de procedemento contradictorio:

-O incumprimento por parte do bolseiro das obrigas relacionadas na base cuarta contraídas coa aceptación da bolsa.

-A ausencia inxustificada.

-Obtención da bolsa sen reuní-los requisitos esixidos para a súa concesión ou destinala para finalidades distintas para a que foi concedida.

3. A revogación da bolsa obrigará ó beneficiario ó reintegro das cantidades percibidas incluídos os xuros de demora, logo da instrucción do procedemento de reintegro previsto na normativa de aplicación.

Décima.-Memoria final.

A máis tardar antes do 1 de febreiro de 2005, os bolseiros presentarán á Secretaría unha memoria resumo das actividades realizadas, que será avaliada pola subdirección xeral competente en materia de cooperación exterior; á súa proposta, o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior expedirá diploma acreditativo do bo aproveitamento das prácticas, con indicación da súa duración, de seren estas avaliadas positivamente en función do grao de cumprimento das tarefas encomendadas.

Undécima.-Orzamento.

Os gastos derivados da concesión das bolsas son plurianuais, para o que se destinarán 51.435 euros, dos que 12.600 euros imputaranse á aplicación orzamentaria 04.04.213.C.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003 e 38.835 euros con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma do ano 2004. Poderanse amplia-los gastos con cargo ó exercicio 2004 ó amparo dos créditos que, de se-lo caso, sexan aprobados na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para ese exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior para dictar cantas disposicións considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non recollido nesta orde, aplicarase o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública