Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 13 de xuño de 2003 Páx. 7.721

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EMIGRACIÓN

ORDE do 9 de xuño de 2003 pola que se regulan axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados e ós seus familiares para o exercicio 2003.

O Decreto 196/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a estructura orgánica da Consellería de Emigración, establece, entre as súas competencias, facilita-la integración do emigrante retornado.

No exercicio desta competencia, esta consellería considera conveniente a convocatoria dunha orde de axudas de carácter extraordinario que ten por obxecto a protección de situacións de carencia derivadas do feito do retorno. Estas axudas veñen complementa-los programas establecidos pola Administración xeral do Estado para emigrantes retornados e xunto coas diversas accións informativas, formativas e integradoras programadas para este exercicio pola propia Xunta de Galicia, proporcionan un marco propio de apoio a este colectivo que retorna a Galicia.

Este programa específico de axudas de carácter extraordinario para emigrantes retornados e as súas familias ofrece novas alternativas de apoio a determinadas situacións que afectan ás familias de galegos que deciden reintegrarse na realidade social da nosa comunidade.

Por todo o exposto, en atención a estes obxectivos e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde de axudas é a concesión de prestacións económicas directas, extraordinarias e non periódicas, dirixidas ós emigrantes galegos retornados e ós seus familiares, para atender situacións de necesidade ou precariedade económica derivadas do feito do seu retorno á Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Beneficiarios e requisitos.

1. Poderán ser beneficiarios e solicitar estas axudas:

a) Os emigrantes naturais de Galicia que tiveron o seu lugar de residencia no estranxeiro e que volvesen á Comunidade Autónoma.

b) Os familiares das persoas indicadas na letra anterior unidos a estes por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou afinidade en primeiro grao, ou por adopción e parentes consanguíneos de segundo grao, así como os viúvos/as ou orfos/as de emigrantes naturais de Galicia, sempre que teñan a

nacionalidade española e que se establezan en Galicia.

Cando os solicitantes formen parte dunha mesma unidade familiar unicamente poderá ser beneficiario das axudas previstas nesta convocatoria un só dos membros dela.

2. As persoas indicadas no punto anterior, para poderen ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde, deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de 3 anos inmediatamente anteriores á data da súa chegada a España.

b) Ter traballado no exterior durante un período mínimo de 1 ano. Quedarán exentos deste requisito os emigrantes naturais de Galicia maiores de 65 anos.

c) Non ter transcorrido máis de 1 ano entre a data do seu retorno e a data de entrada en vigor desta orde.

d) Estar empadroado nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Carecer dos bens ou ingresos que lle permitan acada-lo nivel mínimo de subsistencia. Para tal efecto computarase todo tipo de rendas, incluso as axudas, públicas ou privadas, de natureza semellante ás previstas nesta orde.

3. Quedan excluídos das axudas desta convocatoria os beneficiarios da convocatoria de axudas extraordinarias a emigrantes retornados do ano 2002, reguladas polas ordes da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior do 24 de xullo e do 9 de outubro de 2002.

Artigo 3º.-Natureza e contía das axudas.

As axudas teñen carácter persoal e intransferible, non orixinarán ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e serán de pagamento único. A contía da axuda será variable en función dos criterios recollidos no artigo seguinte.

Artigo 4º.-Criterios de adxudicación.

A adxudicación das axudas efectuarase conforme os criterios e a gradación que se establece a continuación:

1. Situación económica per cápita mensual da unidade familiar do solicitante ponderada consonte o total de ingresos e de rendas percibidas e o número de membros da unidade familiar, segundo o seguinte baremo:

a) Ingresos inferiores ó 50% do salario mínimo interprofesional: 2 puntos.

b) Ingresos iguais ou superiores ó 50% e ata o salario mínimo interprofesional: 1 punto.

Para estes efectos, entenderase como unidade familiar a integrada polo solicitante, e se é o caso, o cónxuxe, fillos menores de 25 anos ou maiores con discapacidade e parentes por consaguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao sempre

que convivan e dependan economicamente do solicitante.

2. Número de membros da unidade familiar menores de 18 anos: 1 punto por menor.

3. Número de membros da unidade familiar discapacitados que dependan economicamente do solicitante: 2 puntos por persoa.

4. Estado de saúde do solicitante ou dos membros da unidade familiar que del dependen consonte a necesidade de tratamentos médicos continuados debidamente acreditados: 1 punto por persoa.

5. Gravidade da situación derivada do retorno que determina un estado de especial necesidade para o solicitante e o conxunto da unidade familiar: de 1 a 3 puntos.

Artigo 5º.-Solicitude e prazo.

1. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Emigración e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación das solicitudes será de dous meses, contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde.

Artigo 6º.-Documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial establecido como anexo I a esta orde, á que deberán achega-la seguinte documentación en orixinal ou copia debidamente compulsada:

1) DNI ou pasaporte en vigor do solicitante.

2) Documentos xustificativos da condición de galego e, ademais, caso de alegar algunha relación de parentesco das sinaladas no artigo 2.1º b) da orde, acreditación documental do vínculo do solicitante co galego de orixe.

3) Certificacións municipais que acrediten:

-Alta do solicitante no padrón do concello galego donde teña fixada a súa residencia.

-Convivencia dos membros da unidade familiar.

4) Certificado de emigrante retornado, expedido pola área ou dependencia de Traballo e Asuntos Sociais das delegacións ou subdelegacións do Goberno, no que consten, entre outros extremos, a súa saída de España e o seu retorno, así como o tempo traballado no exterior.

5) Baixa consular que reflicta a residencia no exterior.

6) Informe social emitido polos servicios sociais comunitarios do concello onde tivera fixada a residencia o solicitante, no que se reflicta a súa situación familiar, sociolaboral e económica co fin de valora-la oportunidade da concesión da axuda solicitada.

7) Cando o solicitante sexa o cónxuxe viúvo/a ou orfo/a do emigrante galego, achegará ademais o correspondente certificado de defunción expedido pola autoridade competente do país onde se producise o falecemento.

8) Certificado médico expedido por un centro de saúde público oficial, caso de alegar enfermidade.

9) Certificado expedido polo órgano competente que acredite o grao de minusvalidez.

10) Outros documentos que acrediten a situación ou estado de necesidade no que se atope o solicitante.

11) Declaración do conxunto de tódolas axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes.

2. Malia o disposto anteriormente, a Consellería de Emigración poderalle solicitar ó interesado calquera outra documentación que considere necesaria para a valoración e resolución do expediente.

Artigo 7º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achega a documentación esixida, a Consellería de Emigración requirirá o interesado para que, no prazo máximo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se entenderá desistido da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 8º.-Resolución.

Correspóndelle ó conselleiro de Emigración a resolución destas axudas, no prazo máximo de 6 meses contado desde o día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Transcorrido o dito prazo sen que se dictasen as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Recursos.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñan fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as dictou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 3 meses contados a partir do día seguinte ó que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da corrrespondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de 6 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Ademais deste réxime de recursos contra a resolución de adxudicación das axudas, esta convocatoria e as súas bases poderán impugnarse na forma e nos prazos establecidos na Lei de de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación, de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Delégase no director xeral de Apoio á Inmigración a competencia para resolve-los procedementos que se tramitan ó abeiro desta orde.

Segunda.-O programa de axudas asistenciais extraordinarias para o emigrante retornado concederase con cargo á partida orzamentaria 17.04.213A.480.1 e por un importe máximo de trescentos trinta mil euros (330.000 A). A concesión destas axudas estará condicionada a existencia de crédito orzamentario establecido para este fin.

Terceira.-As solicitudes presentadas ó abeiro das ordes da Consellería de Emigración e Cooperación Exterior do 24 de xullo de 2002 e do 9 de outubro do 2002 que modifica a anterior, polas que se regulaban as axudas extraordinarias a emigrantes galegos retornados para o exercicio 2002 que, presentadas dentro de prazo e cumprindo tódolos requisitos esixidos na correspondente orde de convocatoria, non foran atendidas por falta de dispoñibilidade orzamentaria, poderán concederse con cargo ós créditos orzamentarios previstos nesta orde de convocatoria.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2003.

Aurelio Miras Portugal

Conselleiro de Emigración

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA