Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 12 de xuño de 2003 Páx. 7.636

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de xuño de 2003 pola que se convoca o programa de gratuidade de libros de texto en centros sostidos con fondos públicos para os niveis obrigatorios e gratuítos e se establecen as súas normas de organización e funcionamento.

Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo (BOE do 4 de xullo), reguladora do dereito á educación esta

blece no seu artigo 1 que tódolos españois teñen dereito a unha educación básica que lles permita o desenvolvemento da súa propia personalidade e a realización dunha actividade útil á sociedade.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), de calidade da educación, contempla no seu artigo 9 que o ensino básico é obrigatorio e gratuíto.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que «É da competencia plena da Comunidade Autónoma galega o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias, ...»

Polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo (BOE do 18 de agosto), traspásanse funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adquiriu o compromiso ante a sociedade de iniciar no ano 2003 un proceso que camiñe cara á gratuidade dos libros de texto no ensino obrigatorio, co obxecto de:

a) Enmarcarse dentro do principio de gratuidade nas etapas obrigatorias, como un servicio fundamental á sociedade por parte dos poderes públicos.

b) Favorece-la igualdade de oportunidades, de xeito que o alumnado da nosa Comunidade Autónoma poida ter acceso á principal ferramenta pedagóxica que se utiliza no aprendizaxe, que son os libros de texto.

c) Inculcar no alumnado valores de solidariedade e tolerancia, de coidado e conservación do material para a súa reutilización por outros, de coida-lo ben colectivo como propio.

De acordo con estes principios e obxectivos, esta consellería dispuxo dictar instruccións para unha implantación progresiva do programa de gratuidade de libros de texto, a través do réxime de préstamo, de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias e con criterios educativos e de organización que permitan un axeitado funcionamento daquel. Esta implantación iníciase no curso escolar 2003/2004, de xeito experimental.

Na súa virtude, en exercicio das competencias atribuídas no Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. A presente orde ten por finalidade regula-lo programa de gratuidade de libros de texto que se desenvolverá a partir do curso 2003-2004.

2. O programa de gratuidade será de aplicación a tódolos centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, para que faciliten

ó alumnado de ensino obrigatorio, mediante o sistema de préstamo, os libros de texto das distintas áreas establecidas para os ditos niveis.

Segundo.-Beneficiarios.

Serán beneficiarios do programa tódolos alumnos e alumnas que cursen o ensino obrigatorio en centros da Comunidade Autónoma sostidos con fondos públicos, segundo o calendario de implantación previsto no artigo terceiro desta orde.

Terceiro.-Calendario de implantación.

1. No curso 2003-2004 implantarase o programa de gratuidade de libros de texto no 6º curso de educación primaria de xeito experimental.

2. No resto dos cursos implantarase segundo o calendario que desenvolverá a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa.

Cuarto.-Adhesión e prazo de presentación.

1. Tódolos centros sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan 6º curso de educación primaria ou o vaian impartir no curso 2003/2004 enténdense adheridos a este programa, agás aqueles que expresamente notifiquen a non adhesión, segundo o modelo do anexo I, antes do 15 de xullo.

2. Os centros adheridos ó programa de gratuidade de libros de texto deberán presentar, antes do 31 de xullo de 2003, os seguintes documentos:

-Certificación da relación dos libros de texto aprobada polo órgano competente para o curso escolar ó que corresponda implanta-lo programa.

-Valoración económica, segundo anexo II.

3. De se lo caso de que o centro non fixe libro de texto para algunha materia ou materias estes non figurarán na valoración económica.

4. A documentación á que se refiren os números 1 e 2 deste artigo cuarto será dirixida ó director xeral de Centros e Ordenación Educativa e presentada no Rexistro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas delegacións provinciais desta consellería ou segundo a forma prevista no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinto.-Procedemento.

De acordo co calendario de implantación establecido no artigo terceiro seguirase o seguinte procedemento:

a) Os libros de texto que se utilice no programa de gratuidade terán unha vixencia de catro anos e serán aprobados de acordo coas instruccións publicadas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional no ano 1997 sobre libros de texto e materiais curriculares.

b) Cada centro educativo incorporará ó seu regulamento de réxime interior os criterios básicos para o funcionamento deste programa no centro. No seo

do consello escolar de cada centro poderá, así mesmo, constituírse unha comisión de seguimento integrada por representantes de distintos sectores da comunidade educativa coa finalidade de coordinar tódalas actuacións necesarias para o desenvolvemento do programa.

c) Antes do remate das actividades lectivas, os centros facilitarán ó alumnado un exemplar do anexo VII para que o entreguen o primeiro día de clase cuberto e asinado. Así mesmo, facilitarán ó alumnado os impresos para a adquisición dos libros de texto, por triplicado, segundo o modelo establecido no anexo III.

d) Os pais, nais ou titores legais e ordinarios, así como as persoas ou institucións que teñan a garda e protección dos menores, acudirán ás librerías da Comunidade Autónoma de Galicia que libremente elixan, para o que levarán os tres exemplares do impreso facilitado ó alumno no centro educativo, que entregarán na librería elixida unha vez asinados.

Dous dos exemplares asinados deixaranse na librería e o terceiro quedará en posesión da familia. As librerías entregarán en cada centro educativo, entre os días 1 e 10 de setembro de 2003, os libros de texto mercados, acompañados dun dos exemplares do anexo III de cada alumno.

e) Comezado o curso escolar e, antes do 30 de setembro, as librerías provedoras remitirán factura do total do saldo debedor a cada centro, á cal engadirán o outro exemplar das autorizacións.

f) Ó obxecto de poder facilitar libros de texto a aqueles alumnos que se incorporen ós centros con posterioridade ó inicio do curso escolar, cubrir outras necesidades derivadas da implantación por primeira vez deste programa ou posibilita-la reposición que se produza, na valoración que figura no anexo II desta orde, engadirase como fondo para o centro o importe do 10% da contía total da valoración, que se destinará á adquisición de libros de texto para cubri-las ditas necesidades.

Esta porcentaxe será tramitada por parte do director/a do centro seguindo o procedemento indicado máis arriba.

g) Comezado o curso escolar e, antes do 15 de setembro, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria transferirá ós centros educativos o 80% do custo total dos seus libros de texto.

h) Os centros remitirán á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa antes do 31 de outubro relacións certificadas, separadas, dos alumnos beneficiarios deste programa e dos importes comunicados polas librerías correspondentes de acordo cos modelos que se xuntan como anexos IV e V. Así mesmo, xunto coa dita documentación remitiranse os anexos VII, entregados no centro o primeiro día de clase.

Esta xustificación deberá axustarse ás normas vixentes sobre autonomía de xestión económica. Quedarán baixo a custodia da secretaría dos centros os documentos dos alumnos e as facturas orixinais á disposición dos órganos de fiscalización e control competentes.

i) Unha vez comprobadas as relacións ás que se fai referencia no parágrafo anterior e antes do 30 de novembro, tramitaranse as ordes de pagamento dos importes pendentes ós centros educativos.

j) O centro educativo, unha vez recibido o primeiro importe deste programa, procederá de xeito inmediato ó aboamento das contías ás librerías correspondentes. Do mesmo xeito, recibido o segundo importe, procederá á liquidación do total da débeda contraída coas librerías.

k) Concluído o proceso, os directores dos centros docentes remitirán á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa certificación de ter aboado os importes correspondentes de acordo co modelo establecido no anexo VI desta orde.

Sexto.-Da propiedade e conservación dos libros.

1. O centro, ó recibi-los libros de texto, procederá ó seu inventario e préstamo, debendo ser convenientemente identificados como da súa propiedade do mesmo dispoñer deles os alumnos en calidade de préstamo.

2. Concluído o curso escolar, os libros de texto serán reintegrados e depositados polos alumnos nos centros, coa finalidade de seren revisados e determina-lo seu grao de conservación e a súa reutilización ó curso seguinte, segundo o procedemento establecido polo centro.

3. Os alumnos beneficiarios das presentes axudas quedarán obrigados a conservar en debido estado os libros de texto entregados e a reintegralos ó centro escolar ó finaliza-lo curso. O incumprimento destas obrigas quedará suxeito ó establecido no Real decreto 732/1995, do 5 de maio e poderá dar lugar á non concesión da correspondente axuda para o curso seguinte.

Sétimo.-Financiamento do programa.

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coas consignacións económicas aprobadas para o exercicio orzamentario, financiará o programa con cargo á aplicación 07.03.323.A.480.0 e por un importe de 3.600.000 euros, ampliable, de se-lo caso, con cargo a créditos da propia consellería.

2. Segundo o artigo 9º do Decreto 201/2003, do 20 de marzo, polo que se desenvolve a autonomía na xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios, a contía que corresponda a cada centro suporá unha modificación do seu orzamento, sendo o seu carácter finalista.

3. Os centros privados concertados recibirán os importes correspondentes de acordo co establecido nos artigos 28 a 32 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve. O réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Expresando a súa conformidade como entidades colaboradoras no epígrafe correspondente do anexo II a esta orde.

Disposición adicional

As axudas concedidas a través do programa de gratuidade de libros de texto establecido na presente orde serán incompatibles con calquera outra axuda que se conceda para o mesmo fin, comprometéndose á devolución de calquera outro importe recibido, segundo anexo VII.

Disposición transitoria

Anualmente a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa dictará resolución para a aplicación deste programa, na que en todo caso incluirá a valoración económica por alumno.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Atribúese ó director do centro docente e ó seu equipo directivo, no ámbito das súas competencias, as funcións e responsabilidades propias da prestación do programa de gratuidade de libros de texto para que se estenda ó conxunto de alumnos establecidos na presente orde.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Centros e Ordenación Educativa para, no ámbito das súas competencias, dicta-las resolucións necesarias para a execución e aplicación dos preceptos contidos na presente orde.

Terceira.-Contra a presente orde os interesados poderán interpoñer, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, recurso contencioso-administrativo, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción do contencioso-administrativo.

Cuarta.- A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación do Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación

e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO