Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Xoves, 12 de xuño de 2003 Páx. 7.630

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 5 de xuño de 2003 pola que se establece un programa de fomento da inserción laboral das mulleres víctimas de violencia doméstica.

Ó abeiro do disposto no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía para Galicia, de conformidade co previsto no artigo 149.1º.7 da Constitución española, correspóndelle á Comunidade Autónoma a execución da lexislación do Estado en materia laboral. Consonte o anterior, as funcións e servicios inherentes ás devanditas competencias asumíronse mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro.

Estas funcións correspóndenlle, hoxe en día, á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, segundo o disposto no Decreto 212/2003, do 3 de abril, polo que se establece a estructura orgánica dela, sendo o órgano da Administración autonómica competente en materia de políticas activas de emprego.

Consonte o anterior, correspóndelle a execución de medidas activas que posibiliten a creación de emprego. Así, as actuacións que a Administración autonómica puxo en marcha nos últimos catro anos a través das políticas activas de emprego déronlle pulo á mellora das condicións do noso mercado de traballo, o que contribuíu á reducción dos niveis de desemprego en Galicia. Sen dúbida, o feito de que o deseño e estructuración destas intervencións se fixera atendendo ás peculiaridades dos distintos colectivos foi un dos factores que permitiu unha maior eficacia destas.

Pero malia os avances acadados, tanto en termos globais como específicos, por colectivos, as mulleres, especialmente aquelas víctimas de violencia doméstica, seguen a constituír un dos grupos sociais con máis dificultades para acceder a un posto de traballo.

Por esta razón, a Xunta de Galicia, no ámbito de actuación das políticas activas de emprego, pon agora en marcha este programa, coa finalidade de facilita-la integración sociolaboral das mulleres víctimas de violencia doméstica, a través das distintas medidas activas de emprego. A articulación deste programa na estratexia das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia terá lugar a través dunha adecuación e utilización conxunta dos instrumentos e mecanismos que xa veñen formando parte daquelas, para a súa realización dun modo integral a favor dun colectivo concreto, o das mulleres víctimas de violencia doméstica, incluíndo desde accións de mellora da empregabilidade ata incentivos á contratación indefinida e temporal, programas experienciais e programas mixtos de formación e emprego. Neste senso, debe aclararse que, esta, non é unha orde de convocatoria de axudas e subvencións, senón

de creación e posta en marcha dun programa específico, dirixido ás mulleres víctimas de violencia doméstica e, polo tanto, haberá que ter en conta, polo que respecta a cuestións relativas ó financiamento dos incentivos establecidos, órgano competente para resolver, e réxime de recursos, entre outras cuestións, o establecido nas respectivas bases reguladoras e nas distintas ordes anuais de convocatoria das axudas e subvecións dos correspondentes programas de políticas activas de emprego.

En función do exposto, informado o Comité Autonómico de Emprego, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica e, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e contido.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun programa de fomento da integración sociolaboral, a través das diversas medidas activas de emprego, das mulleres víctimas de violencia doméstica que estean desempregadas.

2. Para consegui-lo antedito obxectivo gozarán de prioridade e outorgaránselle incentivos adicionais, de acordo co seguinte:

a) Preferencia no acceso ós programas:

-De mellora da empregabilidade, en concreto, ós servicios de orientación profesional e ós cursos de formación ocupacional.

-Ós mixtos de formación-emprego, a través da súa participación en escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego.

-Ós de cooperación ou experienciais, a través dun contrato temporal de inserción, ou cando este non sexa posible, de obra ou servicio de 12 meses de duración.

b) Incentivos adicionais para:

-A súa contratación por conta allea.

-A través das distintas fórmulas de autoemprego.

3. A incorporación das beneficiarias nas diferentes medidas activas de emprego establecidas no punto anterior realizarase de conformidade coa normativa reguladora delas, tendo en conta que terán, sempre, carácter prioritario. Cando se efectúe a través de programas de cooperación, a dita incorporación deberá producirse antes de que transcorran 3 meses desde a súa incorporación ó programa.

Artigo 2º.-Beneficiarias: requisitos.

1. Poderán ser beneficiarias do programa as mulleres galegas víctimas de violencia doméstica que estean desempregadas.

2. Ademais, será necesario acredita-la súa problemática social, ben a través da presentación de copia da correspondente denuncia ante a autoridade gobernativa ou xudicial competente, ben dun informe dos servicios sociais ou ben a través de calquera outro medio que, de conformidade coa normativa vixente, se puidese establecer.

Artigo 3º.-Solicitude de incorporación ó programa.

1. As solicitudes deberán formularse no modelo que se publica como anexo, dirixidas ás delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañadas dalgún dos seguintes documentos:

a) Copia compulsada da denuncia presentada ante a autoridade xudicial ou gobernativa competente.

b) Informe emitido por técnicos dos servicios sociais.

c) Calquera outro medio que, de conformidade coa normativa vixente, se poida establecer.

2. Con carácter previo á presentación das solicitudes, as mulleres que desexen incorporarse ó programa deberán figurar inscritas como demandantes de emprego non ocupadas no Servicio Público de Emprego de Galicia.

3. Na solicitude as interesadas deberán facer constar a cál ou cáles das medidas previstas no artigo 1º.2 a) desta orde desexan acollerse.

4. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá a solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, terase por desistida da súa petición, logo da correspondente resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

Artigo 4º.-Incorporación das beneficiarias.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais revisarán a documentación que integra o expediente de incorporación ó programa e, cando estea completa, elevarán a proposta de incorporación á Dirección Xeral de Promoción do Emprego ou de Formación e Colocación, en función das medidas ás que as solicitantes desexen acollerse.

2. Recibido o expediente de solicitude, o respectivo centro directivo dictará a resolución de incorporación das solicitantes ó programa nas medidas que solicitaran, que deberá ser notificada á interesada. Transcorrido o prazo de 6 meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver sen que se dictara resolución expresa, as solicitudes entenderanse estimadas.

3. As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación da resolución, se fose expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses

e contarase, para o solicitante e outros posibles interesados, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, agás nos casos en que proceda o requirimento regulado nos tres primeiros puntos do artigo 44 da devandita lei, nos que o prazo se contará desde o día seguinte a aquel no que se reciba a comunicación do acordo expreso ou se entenda presuntamente rexeitado.

4. O Servicio Público de Emprego de Galicia levará, a través das súas bases de datos, un rexistro das beneficiarias incorporadas ó programa, debendo garantir, en todo caso, a súa intimidade.

Artigo 5º.-Oferta de medidas activas de emprego ás beneficiarias.

A integración sociolaboral das beneficiarias incorporadas ó programa fomentarase a través das diferentes medidas de políticas activas de emprego implementadas ou que se poidan implementar pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais respectando, en todo caso, a súa normativa específica.

Artigo 6º.-Selección das beneficiarias.

A selección das beneficiarias, que terán preferencia para participar nas diferentes medidas de políticas activas de emprego, realizarase de conformidade coa súa normativa e coas particularidades que, para cada unha, se establecen nos artigos seguintes.

Artigo 7º.-Programas de mellora da empregabilidade.

1. As persoas seleccionadas para participar no programa contarán con prioridade absoluta para participar en accións de formación, orientación e busca de emprego, sempre e cando manifesten a súa intención de integrarse nas citadas accións e cumpran os requisitos de acceso que se establezan na normativa reguladora.

2. As mulleres que manifestaran a súa intención de integrarse en accións de formación profesional ocupacional consensuarán, co/a orientador/a laboral correspondente, a tipoloxía da acción formativa na que se considere conveniente a súa inclusión.

Artigo 8º.-Programas mixtos de formación-emprego.

Nos programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego, seguiranse os procedementos de selección establecidos na súa normativa reguladora. Non obstante, cando as beneficiarias deste programa decidan acollerse a eles, terán prioridade absoluta para incorporarse ós respectivos proxectos, sempre e cando cumpran os requisitos mínimos de participación.

Artigo 9º.-Programas de cooperación.

1. Ás beneficiarias que se incorporen a través dos programas de cooperación ofertaráselles un contrato de traballo, nunha categoría profesional adecuada á súa titulación académica, por un período de 12 meses, que se poderá desenvolver en calquera concello da Comunidade Autónoma de Galicia, a elección das propias beneficiarias.

2. A selección das beneficiarias realizarase, na forma e co procedemento que se estableza por resolución da Dirección Xeral de Promoción do Emprego, polas entidades subvencionadas, mediante a presentación de ofertas especiais ante o Servicio Público de Emprego.

3. A contratación realizarase, preferentemente, utilizando a modalidade de contrato temporal de inserción, establecido no artigo 15.1º d) do Estatuto dos traballadores, na redacción dada pola Lei 12/2001, do 9 de xullo, no que se prevé unha subvención, para os custos salariais e de seguridade social equivalente á base mínima do grupo de cotización ó que corresponda a categoría profesional desempeñada.

4. Así mesmo, tamén percibirán un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese situado nun concello distinto ó do seu domicilio, agás que as cabeceiras destes disten menos de 25 quilómetros.

5. As beneficiarias do programa poderán ser contratadas por entidades locais, por órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, ó abeiro do disposto nas respectivas ordes polas que se establecen as axudas e subvencións para o fomento do emprego, a través dos programas de cooperación, coas seguintes especificidades:

-As subvencións para a contratación das beneficiarias do programa deberanse solicitar polas propias entidades contratantes, por iniciativa propia ou por instancia da propia beneficiaria ou da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-A presentación de solicitudes de subvencións para a contratación de beneficiarias do programa poderá realizarse fóra do prazo previsto nas respectivas ordes reguladoras, en función de cando se produzan os malos tratos e a incorporación das beneficiarias.

-Na resolución de concesión da subvención farase constar, expresamente, a finalidade delas, isto é a contratación de beneficiarias do programa.

Artigo 10º.-Incentivos á contratación por conta allea.

1. As empresas que contraten ou incorporen a mulleres acollidas a este programa verán incrementada, nunha contía de 600 A, as axudas establecidas nos programas de incentivos ó fomento á contratación por conta allea, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos para cada programa, nas respectivas ordes reguladoras.

2. Estes incentivos quedarán sometidos ó réxime de axudas de minimis e, polo tanto, non poderán excede-los límites cuantitativos (100.000 A nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001, da Comisión Europea, do 2 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro de 2001).

Artigo 11º.-Programa de fomento do autoemprego, economía social e iniciativas de emprego.

1. As mulleres desempregadas incorporadas a este programa que creen o seu propio posto de traballo poderán acollerse ós incentivos previstos nos programas de apoio ó autoemprego, á economía social e ás iniciativas de emprego, convocadas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, sempre que reúnan os demais requisitos e condicións establecidos na súas bases reguladoras, contando cun incentivo adicional de ata 600 euros.

2. O disposto nos parágrafos anteriores aplicarase ós seguintes programas:

-Programa de promoción do emprego autónomo.

-Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais.

-Programa de apoio á creación, ampliación de centros especiais de emprego.

-Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.

-Programa de apoio ás iniciativas de emprego para o desenvolvemento local e rural (ILES-IER).

-Programa de apoio ás iniciativas de base tecnolóxica.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para facilita-lo desenvolvemento do programa, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá asinar convenios ou protocolos de colaboración con entidades que se dediquen a apoia-las mulleres víctimas de malos tratos.

Segunda.-As disposicións previstas nas ordes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais do 3 de febreiro de 2003, relativas ó procedemento e tramitación das axudas e subvencións para o aboamento do incentivo á mobilidade xeográfica dos beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, serán de aplicación ás beneficiarias deste programa.

Terceira.-A comprobación da condición de beneficiaria do programa, realizarase directamente polo órgano xestor das axudas.

Cuarta.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego ou de Formación e Colocación, segundo proceda, para resolve-los expedientes instruídos ó abeiro do establecido nesta orde.

Quinta.-No exercicio 2003, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.0 cun crédito de 751.265 euros; 16.04.241A.470.1 cun crédito de 13.341.735 euros; 16.04.241A.470.2 cun crédito de 13.978.892 euros; 16.04.241A.470.3 cun crédito de 1.500.000 euros; 16.04.241A.480.3 cun crédito de 300.506 euros; 16.04.241B.475.0. cun crédito de 10.002.234 euros e 16.04.241B.475.1 cun crédito de 14.867.909 euros. Estas

contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural; da orde que establece o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, da orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que perciban a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria do programa de axudas á contratacion indefinida a persoas

con discapacidade; da orde pola que se convocan as axudas a empresarios autónomos sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo; da orde pola que se convocan os programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica; da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo

autónomo e da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca o programa de fomento da estabilidade e da contratación por conta allea, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241.A e 241.B, tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 16.04.241A.470.0, 16.04.241A.470.1, 16.04.241A.470.2, 16.04.241A.470.3, 16.04.241A.480.3, 16.04.241B.475.0 e 16.04.241B.475.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os directores xerais de Promoción do Emprego e de Formación e Colocación a dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA