Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 11 de xuño de 2003 Páx. 7.547

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 de maio de 2003 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2003/2004 nos centros escolares sostidos con fondos públicos.

Na disposición adicional cuarta da Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, ademais de fixar en 175 o mínimo de días lectivos para as ensinanzas obrigatorias, de atribuírlle ó Goberno a competencia para fixa-lo mínimo nas restantes ensinanzas, excluíndo, en todo caso, os días dedicados a probas finais, e de establecer que o inicio do curso non pode ser anterior ó un de setembro, nin o final das actividades lectivas posterior ó trinta de xuño, agás para o ensino de adultos e a formación en centros de traballo, determínase que lles corresponde ás administracións educativas fixar anualmente o calendario escolar.

Tendo en conta que as funcións de planificación, regulación e administración do ensino regrado son competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de fixa-lo calendario escolar e as actividades de fin de curso para o curso 2003/2004 nos centros escolares sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa,

DISPOÑO:

Capítulo I

Calendario escolar

Artigo 1º.-Aprobación.

Apróbase o calendario escolar para o curso 2003/2004 coas especificacións que se sinalan.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación en tódolos centros escolares da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos.

Artigo 3º.-Duración do curso académico.

1. O curso académico abranguerá desde o día 1 de setembro de 2003 ata o 31 de agosto de 2004.

2. Nos primeiros días do mes de setembro e ata o día 4 realizaranse as probas e sesións de avaliación correspondentes á convocatoria extraordinaria do curso 2002/2003 para os alumnos de bacharelato e de ensinanzas de réxime especial.

3. Os alumnos de bacharelato e de ensinanzas de réxime especial que non puidesen matricularse no prazo ordinario, poderán facelo no prazo extraordinario, que abranguerá desde o día 1 ata o 9 de setembro de 2003.

Artigo 4º.-Comedores escolares dos centros públicos.

1. Os comedores escolares funcionarán desde o día 2 de outubro de 2003 ata o 31 de maio de 2004, ámbolos dous inclusive.

2. Os delegados provinciais poderán autoriza-la modificación das datas de inicio e final do servicio de comedor escolar naqueles centros nos que concorran circunstancias excepcionais debidamente xustificadas que así o aconsellen.

Artigo 5º.-Actividades lectivas.

1. No 2º ciclo de educación infantil, educación especial e educación primaria, as actividades propiamente lectivas comezarán o día 10 de setembro de 2003 e rematarán o 24 de xuño de 2004.

2. En educación secundaria obrigatoria e no bacharelato, as actividades lectivas comezarán o 18 de setembro de 2003 e rematarán o 25 de xuño de 2004. Non obstante o anterior, para o segundo curso de bacharelato as actividades lectivas rematarán de acordo coas datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

3. En formación profesional, as actividades lectivas comezarán o 1 de outubro de 2003 e rematarán de acordo cos requirimentos horarios establecidos para cada ciclo formativo.

4. Nas ensinanzas de réxime especial as actividades lectivas comezarán o 1 de outubro de 2003 e non rematarán antes do 4 de xuño de 2004.

5. Os delegados provinciais, por circunstancias concretas de organización, poderán autoriza-la modificación das datas de comezo e remate das actividades lectivas.

Artigo 6º.-Períodos de vacacións.

1. As vacacións de Nadal abranguerán desde o día 22 de decembro de 2003 ata o día 7 de xaneiro de 2004, ámbolos dous inclusive.

2. As vacacións de Semana Santa abranguerán desde o día 5 ata o día 12 de abril de 2004, ámbolos dous inclusive.

3. Considéranse períodos non lectivos os días correspondentes ó Entroido, luns e martes (días 23 e 24 de febreiro de 2004).

Artigo 7º.-Días non lectivos.

1. Son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da Xunta de Galicia, en exercicio das com

petencias que lle atribúe o artigo 1.31º do Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro (BOE do 7 de novembro) e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da antedita consellería.

2. Nos centros nos que unha ou as dúas festas laborais de carácter local ás que se refire o punto anterior non coincidan con días lectivos, os consellos escolares, así como os responsables dos centros de menos de tres unidades, poderán solicitar, segundo proceda, un ou dous días non lectivos, que deberán preverse na programación xeral do centro, argumentando razóns de tradición, costume ou conveniencia pedagóxica. A dita petición deberá facerse antes do día 31 de outubro de 2003, ante o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen, logo de informe da Inspección Educativa e dos que coide oportunos, resolverá o que proceda.

É desexable que os centros da mesma localidade elixan, se é o caso, os mesmos días non lectivos, para o que se buscará o consenso entre tódolos centros para a súa selección.

3. Ademais dos anteriores, considéranse días non lectivos para efectos académicos as festividades correspondentes ós patróns de cada nivel de ensino:

-24 de outubro de 2003: Santo Antonio Mª Claret (ensinanzas artísticas: artes plásticas e deseño).

-22 de novembro de 2003: Santa Cecilia (ensinanzas artísticas: música e danza).

-27 de novembro de 2003: San Xosé de Calasanz (educación infantil e educación primaria).

-28 de xaneiro de 2004: San Tomás de Aquino (educación secundaria obrigatoria, bacharelato e ensinanzas de idiomas).

-31 de xaneiro de 2004: San Xoán Bosco (formación profesional).

4. Trasládanse as seguintes festividades:

-A de Santa Cecilia ó día 21 de novembro de 2003.

-A de San Xosé de Calasanz ó día 28 de novembro de 2003.

-A de San Tomás de Aquino ó día 30 de xaneiro de 2004.

-A de San Xoán Bosco ó día 30 de xaneiro de 2004.

5. Os centros que imparten máis dun nivel de ensino deberán unificar nunha única xornada as festividades correspondentes ós distintos patróns; circunstancia que deberán comunicar por escrito á Inspección Educativa con antelación suficiente para o seu coñecemento.

Artigo 8º.-Conmemoracións.

1. Durante o curso escolar celebraranse, como mínimo, as seguintes conmemoracións:

-Do 9 ó 15 de decembro: conmemoración da Constitución e do Estatuto de autonomía de Galicia.

-10 de decembro: Día da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

-30 de xaneiro: Día da Paz.

-8 de marzo: Día Internacional da Muller.

-15 de marzo: Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

-Do 15 ó 19 de marzo: Semana da Prensa. Un día desta semana declárase con xornais.

-Entre o 3 e o 23 de abril: Día do Libro.

-7 de abril: Día Mundial da Saúde.

-7 de maio: Día de Europa.

-Do 10 ó 14 de maio: Semana das Letras Galegas.

-4 de xuño: Día Mundial do Ambiente.

Estas datas son lectivas para tódolos efectos.

2. Sen prexuízo do anterior, os centros deberán organizar actividades diversas, tendentes a salienta-la importancia das referidas conmemoracións.

Artigo 9º.-Modificación do calendario escolar.

Calquera modificación que se precise facer ó calendario escolar deberá ser solicitada, alomenos con quince días de antelación, polo centro interesado ó delegado provincial, quen, logo do informe da Inspección Educativa e dos que coide oportunos, resolverá o procedente.

Capítulo II

Inicio do curso

Artigo 10º.-Actividades de programación.

Desde o comezo do curso ata o inicio das clases, o profesorado dos centros públicos, ben individualmente, ben formando parte dos órganos de coordinación didáctica correspondentes, baixo a dirección dos seus responsables, colaborará na elaboración da programación xeral anual e na revisión dos proxectos educativos e curriculares, participará nas reunións de ciclos, departamentos, claustros e cantas outras actividades estean relacionadas coa organización do curso. Nese período os departamentos didácticos, baixo a coordinación e dirección do respectivo xefe de departamento, dedicaranse a elabora-la programación didáctica das ensinanzas correspondentes ás áreas, materias ou módulos integrados no departamento e a organiza-lo curso escolar.

Artigo 11º.-Xornada escolar.

A xornada escolar será a establecida pola lexislación vixente para cada unha das etapas e niveis. Non obstante o anterior, aqueles centros que combinen o servicio de transporte escolar con outros centros deberán establecer, coa autorización do delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, un horario que, coas adaptacións necesarias, permita garanti-lo axuste e perfecta coordinación dos centros co dito servicio. Estes centros comunicaranlle ó delegado provincial a proposta de horario escolar para o curso 2003/2004, debendo resolver este antes do inicio das clases.

Nos períodos comprendidos entre os días 10 de setembro e 1 de outubro de 2003 e entre os días 1 e 24 de xuño de 2004 establecerase a xornada lectiva continuada en horario matinal nos centros que impartan educación infantil ou educación primaria, ou infantil e primaria, ou primaria e secundaria obrigatoria, ou infantil, primaria e secundaria obrigatoria, ou educación especial.

En tódolos centros referidos será de aplicación este tipo de xornada, agás nos casos que teñan autorización expresa do delegado provincial para outro tipo de xornada.

Capítulo III

Final de curso

Artigo 12º.-Escolas de educación infantil, colexios de educación primaria, colexios de educación infantil e primaria e centros públicos integrados.

1. Actividades non lectivas.

O período comprendido entre o derradeiro día lectivo e o 30 de xuño de 2004 será dedicado polo profesorado, entre outras actividades, a elabora-las actas de avaliación, os informes individualizados, os informes para as familias e a cubri-los libros de escolaridade; todo o profesorado dos centros públicos permanecerá no centro, polo menos, ata o día 30 de xuño de 2004, inclusive.

2. Atención ás reclamacións contra as cualificacións ou decisións de promoción.

Sen prexuízo do anterior, as direccións dos centros deben garanti-la atención ás reclamacións contra as cualificacións finais ou decisións de promoción, realizadas dentro dos prazos previstos no punto 11 do capítulo IV do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997 (DOG do 2 de setembro), para os alumnos de educación infantil e primaria, e na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro), para os alumnos de educación secundaria obrigatoria.

Artigo 13º.-Institutos de educación secundaria e centros de ensinanzas de réxime especial.

1. Calendario final do curso.

Os claustros dos centros sinalados elaborarán un calendario das actividades docentes para o final de curso 2003/2004, de acordo coas instruccións que seguen.

Os directores dos centros citados enviaránnlles ós servicios provinciais de Inspección Educativa, antes do día 21 de maio de 2004, un resumo do calendario aprobado polo claustro conforme os modelos recollidos nos anexos a esta orde e, no caso da formación profesional específica, segundo o que se determine na normativa específica. As inspeccións comunicaranlles as modificacións, se for o caso, ós centros que procedan antes do 4 de xuño de 2004, para que os directores as dean a coñecer ó profesorado para o seu cumprimento.

Ademais das actividades docentes lectivas, o calendario aprobado polo claustro deberá incluí-las

actividades docentes referidas ás probas de avaliación, sesións de avaliación conxunta, recuperacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso.

2. Horario do profesorado para o mes de xuño.

O profesorado dos institutos de educación secundaria seguirá cumprindo o seu horario lectivo ata o día 25 de xuño de 2004 incluído. A partir dese día e ata o día 30 inclusive, as direccións dos institutos de educación secundaria poderán modifica-los horarios dos profesores para adecualos ás actividades establecidas no calendario aprobado polo claustro e aceptado pola Inspección Educativa (entrega de cualificacións, atención a reclamacións e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso). En todo caso, as direccións dos centros deben garanti-la atención ás reclamacións contra as cualificacións finais, realizadas dentro dos prazos previstos na Orde do 28 de agosto de 1995 (BOE do 20 de setembro) para educación secundaria obrigatoria e bacharelato, na Orde do 16 de xullo de 2002 (DOG do 13 de setembro) para formación profesional específica, na Orde do 2 de setembro de 2002 (DOG do 17 de setembro) para ensinanzas de artes plásticas e deseño e no punto 10.2º da Orde do

24 de xullo de 1991 (DOG do 28 de agosto) para os restantes alumnos de ensinanzas de réxime especial.

Durante o mes de xuño, as direccións dos centros públicos de ensinanzas de réxime especial poderán adapta-los horarios dos profesores ás necesidades específicas de cada centro. Tal adaptación non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia no centro previsto no horario lectivo de cada profesor.

3. Sesións de avaliación da ESO e do bacharelato.

As sesións de avaliación final dos alumnos da ESO e do primeiro curso de bacharelato terán lugar os días 24 e 25 de xuño de 2004.

As datas de avaliación do segundo curso de bacharelato adecuaranse ás datas previstas para as probas de aptitude para o acceso á universidade.

Unha vez realizadas as avaliacións, poderán continua-las clases do segundo curso de bacharelato nas disciplinas que fose necesario ata a realización das probas de aptitude para o acceso á universidade e, con este fin, quedan autorizadas as direccións dos centros para introduciren modificacións nos horarios dos profesores e grupos de alumnos afectados.

4. Proba extraordinaria de materias pendentes do mes de maio.

Os alumnos de 2º de bacharelato con disciplinas pendentes de cursos anteriores serán convocados a unha proba extraordinaria durante o mes de maio.

Artigo 14º.-Probas finais nas ensinanzas de réxime especial.

1. Nas escolas de arte, as avaliacións finais, probas extraordinarias, probas de reválida, defensa de

proxectos e cantas outras actividades estean relacionadas co final de curso realizaranse despois do día 4 de xuño de 2004.

2. Na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia os exames finais do curso realizaranse a partir do día 18 de xuño de 2004 e os exames correspondentes á convocatoria de setembro terán lugar entre os días 1 e 7 de setembro de 2004.

3. As escolas oficiais de idiomas realizarán as probas finais ós alumnos oficiais entre os días 7 e 11 de xuño de 2004. As probas para alumnos libres dos ciclos elemental e superior terán lugar a partir do día 14 de xuño de 2004.

4. Os conservatorios de música e os conservatorios de danza realizarán as avaliacións conxuntas dos alumnos do plan de estudios LOXSE entre os días 7 e 10 de xuño de 2004. As probas de acceso ó grao medio LOXSE iniciaranse o día 11 de xuño de 2004. Os conservatorios superiores de música realizarán os exames oficiais correspondentes ó Plan de estudios de 1966 entre os días 18 e 23 de xuño de 2004. Os exames libres realizaranse entre o 24 e o 29 de xuño de 2004.

Artigo 15º.-Actas de avaliación final.

1. Os secretarios dos centros deberán remitirlle á delegación provincial correspondente fotocopias autenticadas das actas de avaliación final de tódolos cursos do seu centro e dos centros privados adscritos, de se-lo caso, antes do día 15 de xullo de 2004.

2. As actas correspondentes ós cursos que teñan convocatoria extraordinaria (setembro) enviaranse antes do día 15 de setembro de 2004.

Capítulo IV

Outras disposicións

Artigo 16º.-Memorias de fin de curso.

1. Os directores dos centros de educación infantil e de educación infantil e primaria enviarán ó servicio provincial de inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2004, a memoria anual do centro á que se refire o punto 5 do capítulo I do anexo á Orde do 22 de xullo de 1997, pola que se regulan determinados aspectos organizativos e de funcionamento das escolas de educación infantil, dos colexios de educación primaria e dos colexios de educación infantil e primaria dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG do 2 de setembro).

2. Os directores dos centros públicos integrados enviarán antes do 10 de xullo de 2004 ó Servicio Provincial de Inspección Educativa respectivo a memoria anual do centro á que se refire o punto 43 das instruccións que regulan a organización e o funcionamento dos centros públicos integrados, aprobadas pola Orde do 3 de outubro de 2000, pola que se dictan instruccións para o desenvolvemento

do Decreto 7/1999, polo que se implantan e regulan os centros públicos integrados de ensinanzas non universitarias (DOG do 2 de novembro).

3. Os directores dos institutos de educación secundaria enviarán ó servicio provincial de inspección respectivo, antes do día 10 de xullo de 2004, a memoria anual do centro á que se refire o punto 43 das instruccións que regulan a organización e o funcionamento dos institutos de educación secundaria, aprobadas pola Orde do 2 de agosto de 1997 (DOG do 1 de setembro).

4. Os directores dos centros de ensinanzas de réxime especial, en aplicación da disposición transitoria primeira da Orde do 1 de agosto de 1997, elaborarán ó longo do mes de xuño de 2004, logo do informe dos respectivos claustros, unha memoria que recolla o grao de consecución dos obxectivos fixados na programación xeral anual, as dificultades atopadas e as medidas correctoras introducidas, de se-lo caso. A devandita memoria, con informe do consello escolar do centro, enviarase ó servicio provincial de inspección na primeira semana de xullo de 2004 e terase en conta á hora de elabora-la programación do curso seguinte sobre todo para programar novamente obxectivos non acadados ou acadados parcialmente no curso anterior e artellar novos medios para logralos.

Artigo 17º.-Libros de texto.

Os centros deberán observa-las normas fixadas no Decreto 89/1993, do 16 de abril (DOG do 27 de abril) polo que se regula a autorización de libros de texto e outros materiais curriculares para as ensinanzas de réxime xeral, e mais no artigo 8.2º do Decreto 247/1995, do 14 de setembro (DOG do 15 de setembro), polo que se desenvolve a Lei 3/1983, de normalización lingüística, para a súa aplicación ó ensino en lingua galega nas ensinanzas de réxime xeral impartidas nos diferentes niveis escolares, que establece que os materiais que se empreguen nas áreas ou materias que se deben impartir na lingua propia de Galicia terán que estar normalmente en galego. Para tal efecto exporán no taboleiro de anuncios, na primeira quincena de xuño, a relación de libros e material didáctico impreso que se utilizará no curso 2003/2004. Unha copia da dita relación será enviada ó Servicio Provincial de Inspección Educativa antes do día 24 de xuño de 2003. Así mesmo, observarase a prohibición de venda e/ou

distribución de libros e material didáctico nos centros públicos, tanto por persoal propio, como por persoas alleas a eles.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria