Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 11 de xuño de 2003 Páx. 7.546

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 21 de maio de 2003 pola que se clasifica como benéfico social a Fundación Arousa Cup.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Arousa Cup, con domicilio en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Arousa Cup foi constituída en escritura pública outorgada en Vilagarcía de Arousa o día catorce de novembro de dous mil dous, ante o notario Julio Manuel Díaz Losada, co número mil cento setenta e seis do seu protocolo, por Joaquín

Briones Berride, Jesús Meda Cajaraville, Juan Carlos Barreiro González e Melchor Gago Torrado, que interveñen no seu propio nome.

3. O obxecto da fundación é, segundo establece o artigo 6º dos estatutos a promoción, exaltación e defensa en Vilagarcía de Arousa e e toda a comarca do Salnés do deporte base, e en especial do fútbol, centrando as súas actividades en cada unha das súas diferentes categorías infantís ou de iniciación, ou outra que no futuro poida substituíla, organizando actos propios e colaborando nos que se realicen coa finalidade expresada.

4. O padroado da fundación estará integrado por Manuel Lagares Pérez como presidente, Melchor Gago Torrado como vicepresidente, Juan Carlos Barreiro González como secretario, e Jesús Meda Cajaraville como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico social da Fundación Arousa Cup, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico social e á súa adscrición á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a súa adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de maio de 2003.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de como benéfico social a Fundación Arousa Cup adscribíndoa á Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2003.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública