Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Martes, 10 de xuño de 2003 Páx. 7.484

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 6 de maio de 2003 pola que se regula o procedemento sobre a equivalencia de estudios, para efectos académicos e de validación, dos extinguidos títulos de graduado escolar e certificado de escolaridade co segundo módulo do nivel III da educación secundaria para persoas adultas.

De acordo co disposto no Decreto 213/1998, do 10 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, entre as materias que son da súa competencia figuran as de planificación, regulación e administración do ensino regrado en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades.

O artigo 3.1º b) do Decreto 88/1999, do 11 de marzo (DOG do 13 de abril), polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros, establece a formación para o mundo laboral, considerada como aprendizaxe inicial que posibilite a inserción no mundo do traballo, así como a actualización e o perfeccionamento dos coñecementos que para o exercicio dunha profesión ou dun oficio esixa o cambio constante do sistema productivo.

A súa disposición adicional primeira establece que o título de graduado escolar permitirá acceder ó segundo ciclo das ensinanzas de nivel III de educación secundaria de adultos e terá os mesmos efectos profesionais có título de graduado en educación secundaria.

No seu anexo determínase o cadro de equivalencias para efectos académicos e de validacións dos cursos do sistema educativo da Lei 14/1970, e do sistema ordinario da educación secundaria obrigatoria cos módulos correspondentes á educación secundaria para persoas adultas. Neste sentido, establece a equivalencia entre o oitavo curso de educación xeral

básica, por unha banda, e o título de graduado escolar ou certificado de escolaridade, por outra, co segundo curso da educación secundaria obrigatoria e co segundo módulo de todos e cada un dos ámbitos de coñecemento do nivel III.

Tense en conta o disposto na Orde do 26 de maio de 1997, pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas e se establece a súa estructura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde establece, no seu artigo 8, que a adscrición ás ensinanzas iniciais ou ás conducentes ó título de graduado en educación secundaria e, dentro delas, ó nivel de coñecementos que corresponda, estará condicionada ós requisitos establecidos nos puntos anteriores e, cando cumpra, a unha avaliación inicial, que se levará a cabo segundo se dispón no artigo 9, puntos 3º e 4º, desta orde.

Igualmente, dispón que a avaliación inicial deberá considera-los coñecementos previos das persoas adultas e, co fin de que se lles poida orientar convenientemente, os seus intereses e as súas necesidades. Da avaliación inicial derivarase a adscrición ó nivel de ensino e, de se-lo caso, ós módulos que corresponda. No nivel III, que concerne ás ensinanzas conducentes ó título de graduado en educación secundaria, a persoa adulta poderá estar adscrita a módulos de niveis de coñecemento diferentes en función dos resultados da avaliación inicial de cada ámbito. Igualmente, a persoa adulta poderá adscribirse a tódolos ámbitos, a un único ámbito ou a varios.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

Primeira.-Os centros autorizados para impartir ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas (nivel III), unha vez realizada a avaliación inicial das persoas adultas para a súa adscrición inicial ó nivel e ós módulos que corresponda, no caso de acredita-la suficiencia para a adscrición a tódolos ámbitos do módulo terceiro das ensinanzas de educación secundaria para persoas adultas (nivel III), cando o interesado o solicite, deberán acredita-los coñecementos avaliados mediante a certificación que se establece no anexo destas instruccións.

Segunda.-As persoas adultas que teñan superada a avaliación inicial para acceder a tódolos ámbitos do módulo terceiro da educación secundaria para persoas adultas (nivel III) poderán solicitar, no centro onde realizaron a avaliación inicial, a certificación de ter superada a devandita avaliación, axustándose ó establecido no anexo destas instruccións.

Terceira.-Os extinguidos títulos de graduado escolar e certificado de escolaridade son equivalentes para tódolos efectos ó certificado de ter superado o módulo segundo de todos e cada un dos ámbitos

do nivel III da educación secundaria para persoas adultas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria