Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 09 de xuño de 2003 Páx. 7.433

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 30 de maio de 2003 pola que se establece o modelo do informe clínico para a homologación sanitaria de receitas.

O Decreto 244/2003, do 24 de abril, de homologación sanitaria de receitas oficiais para a prestación farmacéutica, regula o proceso a través do cal se verifican, con carácter previo á súa dispensación, as prescricións en receita oficial de determinados medicamentos, productos sanitarios e dietoterápicos complexos, incluídos na prestación farmacéutica e complementaria do Sistema Nacional de Saúde, co obxecto de valida-lo cumprimento dos requisitos establecidos para a súa prescrición, de acordo coas indicacións terapéuticas establecidas na autorización de comercialización, coas súas fichas técnicas e cos demais requisitos de prescrición, ó abeiro da normativa vixente na materia.

No seu artigo 4 establécese que a devandita homologación esixe informe clínico do facultativo médico que inicie o tratamento, de acordo co modelo que, mediante orde, determine a Consellería de Sanidade e que conterá, polo menos, os datos referentes á identificación do paciente, do facultativo e centro sanitario no que se prescribe, diagnóstico, prestación farmacoterapéutica e indicacións. A validez deste informe non será superior ós seis meses.

Para tal fin, de acordo coas atribucións que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aproba-lo modelo de informe clínico -incluído no anexo- que cómpre para o proceso de homologación sanitaria de receitas, regulado no Decreto 244/2003, do 24 de abril.

2. O contido deste informe comprende os seguintes puntos:

-Identificación do paciente, do facultativo e do centro sanitario no que se prescribe.

-Datos clínicos (diagnóstico e probas).

-Datos farmacoterapéuticos (indicación e tratamento).

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2003.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade