Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Luns, 09 de xuño de 2003 Páx. 7.429

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 7 de maio de 2003 pola que se convocan subvencións para apoia-la comercialización de productos audiovisuais e a presencia en mercados de obras audiovisuais producidas en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece as liñas de apoio ás diversas fases de producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria audiovisual.

A través das axudas á comercialización de productos audiovisuais e á promoción de presencia en mercados do sector audiovisual preténdense impulsar accións de promoción e difusión de obras audiovisuais de Galicia, como son a comercialización e a presencia en mercados, a través de concorrencia a certames, festivais e eventos en xeral de diverso ámbito.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-la comercialización de productos audiovisuais e a presencia en mercados de obras audiovisuais orixinalmente producidas en lingua galega.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353B.770 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, nos que existe un crédito por un importe de 180.000 euros.

As bases xerais desta convocatoria son as contidas no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea (axuda estatal nº 489/2000).

Bases específicas para a concesión das subvenciones.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións as productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales no territorio da Unión Europea e que conten, polo menos, cunha axencia de representación en Galicia.

O beneficiario deberá ser titular, como mínimo, do 25% dos dereitos de explotación da obra audiovisual, que inclúa a comercialización e/ou promoción.

Artigo 3º.-Motivos de exclusión.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e incumprisen as bases e a finalidade establecida na súa convocatoria, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Quedan excluídas as solicitudes baseadas nun plan de comercialización que non sexa superior ó ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quedan excluídas aquelas solicitudes que se refiran a productos audiovisuais nos que a estrea ou presentación oficial fose anterior ó 31 de decembro de 2000.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo modelo que figura como anexo a esta orde, e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do representante ou solicitante, e acreditación suficiente da representación que exerza mediante poder notarial debidamente inscrito.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa e, de se-lo caso, da axencia constituída en Galicia.

c) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

d) Fotocopia compulsada do certificado da inscrición no rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Fotocopia compulsada do documento acreditativo de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

f) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

g) Expresión do tipo de obra, soporte desta e nome da obra audiovisual.

h) Declaración da data da estrea ou da presentación oficial da obra audiovisual

i) Fotocopia compulsada da acreditación de titularidade, como mínimo, do 25% dos dereitos de explotación da obra audiovisual, que inclúa a comercialización e/ou promoción.

j) Documentación que reflicta a traxectoria profesional estable de, polo menos, dous anos que se acreditará mediante a memoria e o informe da empresa solicitante, con expresión das actividades realizadas ata a data e outros proxectos, plans de producción ou distribución para o futuro inmediato, co obxecto de constatar unha traxectoria estable da empresa nos dous últimos anos. Se a empresa fose de nova creación, esta memoria de actividades achegarase respecto dos membros do equipo directivo que a constitúa, acreditando, neste caso, a relación de actividades enumeradas e o grao de estabilidade no emprego dos membros do citado equipo na nova empresa.

k) Plan de comercialización e/ou de presencia en mercados.

Artigo 5º.-Tipos de obras, gastos subvencionables e período de execución.

Para os efectos de clasificación dos tipos de obra audiovisual incluídos nesta orde terán a consideración de:

a) Longametraxes, as produccións cinematográficas de duración igual ou superior a sesenta minutos.

b) Telefilmes, películas dirixidas á emisión en televisión.

c) Programas pilotos e/ou de series de televisión, os que mostren mediante un capítulo a viabilidade dun proxecto de serie televisiva.

d) Documentais, as produccións informativas dalgún aspecto da realidade sen empregar como principal instrumento a ficción.

e) Produccións multimedia, as que conxuguen o emprego de medios informáticos e audiovisuais interactivos tanto na súa elaboración como no seu consumo.

Consideraranse gastos subvencionables os seguintes conceptos:

-A tiraxe e o subtitulado das copias esixidas para participar, de acordo coas normas propias que regulen o evento audiovisual, así como as esixidas para a proxección do producto audiovisual nos mercados que teñan lugar nel.

-A campaña de publicidade, que poderá comprende-los seguintes conceptos: inclusión de anuncios nas publicacións oficiais do evento; aluguer de espacios publicitarios nos recintos e zonas establecidas en cada evento; material publicitario, tal como carteis, fotografías, diapositivas, carpetas de prensa, etc., nas cantidades que se van utilizar na promoción de cada obra con motivo do evento en que participe; contratación de empresas de relacións públicas, intérpretes e axentes de prensa; e organización de presentacións e conferencias de prensa.

-O transporte de materiais.

-A contratación de casetas, decoración e modulación delas.

-A inscrición, desprazamento e aloxamento das delegacións participantes, cun máximo de tres representantes para a asistencia a festivais e cun máximo de dous representantes para a asistencia a mercados de promoción audiovisual.

Os proxectos incluídos nesta orde son aqueles nos que a execución teña lugar desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o remate do exercicio orzamentario.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse no prazo de corenta días hábiles contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación, criterios de valoración, proposta e resolución.

Os servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual tramitarán as solicitudes e instrumentarán os procedementos necesarios para a concesión das subvencións.

Así mesmo, dentro das dispoñibilidades económicas, correspóndelle a esa dirección xeral eleva-la proposta de resolución ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, quen resolverá poñendo fin á vía administrativa; a dita proposta elaborarase tendo en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Interese da obra audiovisual e valor cultural.

b) Ter recibido axudas ó desenvolvemento e/ou á producción audiovisual en lingua galega, das outorgadas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

c) Capacidade empresarial do solicitante ou do grupo de empresas que apoia o proxecto (facturación, proxectos realizados, persoal).

d) Titularidade dos dereitos de explotación (porcentaxe do 25% ou superior; contido dos dereitos de explotación).

e) Viabilidade do plan de comercialización e/ou de presencia en mercados (mercadotecnia, tiraxe, copias, campaña de publicidade...).

Artigo 8º.- Prazo para resolver esta convocatoria.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria. De non se notificar resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes, previo ó recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obten

ción concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a executa-la actividade subvencionada no prazo e condicións establecidos. De non se recibi-la aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización da actividade obxecto de axuda.

Calquera variación ou modificación deberá ser notificada á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que decidirá o que proceda e adoptará as medidas que considere procedentes.

De igual maneira, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Contía das axudas.

As axudas poderán alcanzar, con carácter xeral, o 40% do plan de comercialización e/ou de presencia en mercados proposto coa solicitude e ata un máximo de 42.000 euros.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

Para o libramento da axuda, o beneficiario deberá solicita-lo pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual a documentación xustificativa da efectiva comercialización ou da presencia en mercados e dos gastos subvencionables, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive, de 2003.

Documentación que xustifica a realización da actividade subvencionada, que se presentará por exemplar duplicado (orixinal e unha copia):

Memoria de resultados do plan de comercialización e/ou presencia en mercados.

Se é o caso, documentación acreditativa da invitación oficial ou da inscrición no mercado.

Documentación para xustifica-los gastos subvencionables, que se presentará por exemplar duplicado (orixinal ou copia compulsada e unha copia):

a) Relación numerada e ordenada por capítulos de gastos que inclúan número de factura, emisor,

suma parcial folla por folla e a suma do total da relación de gastos, excluído o IVE.

b) Facturas relativas a gastos subvencionables realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no plan, excluído o IVE. Presentaranse coa mesma orde de capítulos e co mesmo número ordinal que o asignado na relación numerada na letra a).

Outros documentos esixidos polo Decreto 287/2000, do 21 de novembro (un orixinal e unha copia):

a) Declaración complementaria do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público ou privado. En caso de ser beneficiario dalgunha axuda ou subvención para a mesma actuación, deberase achega-la documentación necesaria para a súa valoración para os efectos de concorrencia coa axuda concedida.

b) Certificados orixinais e actuais que acrediten estar ó día nas súas obrigas coa Seguridade Social, de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e de estar ó día nas súas obrigas tributarias estatais. As ditas certificacións expediranse para os efectos de subvención.

c) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

Artigo 13º.-Perda da subvención.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias, de función pública e de actuación administrativa, e na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación e Audiovisual para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2003.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo