Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2003 Páx. 7.210

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de maio de 2003 pola que se establecen axudas para dotacións e adquisicións de equipos para a prevención e defensa contra incendios forestais durante o ano 2003.

A Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e da función pública e actuación administrativa, modifica o texto refundido da

Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que regula a concesión de axudas e subvencións que se otorga con cargo á Comunidade Autónoma galega.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega.

Esta normativa fai referencia ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, ós que se deberá axusta-la concesión de axudas públicas que se outorguen con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma (artigo 78.1º do Decreto lexislativo 1/1999 e artigo 3.1º do Decreto 287/2000).

O Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, polo que se transfiren á Comunidade Autónoma de Galicia, funcións e servicios en materia de conservación.

O Decreto 14/2002, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, modificada polo Decreto 233/2002, dispón no seu artigo 1 que a Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma galega ó que lle corresponde o exercicio das competencias que en materia de medio ambiente e conservación da natureza, establécense nos artigos 27.10º, 11º, 15º, e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación, en especial a normativa sobre protección ambiental de Galicia.

De conformidade co anterior, o obxecto desta orde será incentiva-la colaboración de tódolos sectores e axentes socioeconómicos implicados, co fin de minimiza-las consecuencias e os impactos negativos que os incendios forestais poden provocar sobre a capacidade potencial de desenvolvemento e producción dos nosos montes, así como a fauna, a flora e a paisaxe de Galicia, continuando coa política de prevención e defensa contra incendios forestais da Consellería de Medio Ambiente.

Por todo isto, e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e pola Lei 12/1989, do 4 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las axudas que os distintos axentes sociais poderán percibir para a prevención e defensa contra os incendios forestais.

Artigo 2º.-Condicións xerais.

Os interesados solicitarán a concesión das axudas baixo as seguintes condicións:

1ª Deberán presenta-la solicitude antes de comeza-lo servicio ou de merca-los equipos.

2ª No caso de se concede-la subvención, o pagamento será satisfeito unha vez realizado o servicio e/ou a compra de equipos, sen prexuízo dos anticipos que se establezan para cada caso nos artigos seguintes.

3ª Cando as axudas consistan nunha porcentaxe do orzamento do servicio ou subministración, o total da axuda calcularase segundo o orzamento apreciado e aprobado pola Consellería de Medio Ambiente. As cantidades xustificadas en concepto de IVE non serán subvencionables na medida en que sexan recuperables pola Facenda Pública.

4ª O persoal e os medios incluídos nas actividades que se van subvencionar deberán estar operativos na data que estableza a Consellería de Medio Ambiente no escrito de aprobación que se remita.

Artigo 3º.-Actividades subvencionables, importes e porcentaxes máximas das axudas.

1. As actividades, accións ou materiais que se subvencionen corresponderanlles á contratación de persoal para cuadrillas de prevención e extinción de incendios durante un período mínimo de mes e medio e máximo de tres meses, á dotación de equipos de protección persoal e de medios complementarios e á operatividade de tractores con cisterna.

2. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

3. No anexo II desta orde figura unha relación de prezos que se aplicará para valora-las accións, equipos ou subministracións. Estes prezos son indicativos para o titular da solicitude e obrigatorios como tope máximo na aplicación polos servicios de defensa contra incendios forestais para a aprobación dos orzamentos.

4. Os importes das axudas sobre o orzamento aprobado serán os seguintes:

-Contratación de persoal para cuadrillas (mínimo mes e medio e máximo tres meses), incluída Seguridade Social en réxime xeral. Subvención: ata o 70%.

-Aluguer de vehículo todo terreo de transporte ou operatividade de vehículo todo terreo propio. Subvención: ata o 70%.

-Compra de ferramenta e material de equipo. Subvención: ata o 50%.

-Batelumes. Subvención: ata o 100%.

-Vestiario ignífugo e equipamento de seguranza persoal. Subvención: ata o 50%.

-Caixa de primeiros auxilios. Subvención: ata o 50%.

-Operatividade do tractor con cisterna cunha capacidade mínima de 2000 l de auga e 100 m de mangueira. Subvención: ata o 100%.

5. Homoxeneidade e integración.

As características do material obxecto da subvención supeditaranse ás directivas comunitarias sobre EPI de acordo co Real decreto 1407/1992, do 20 de novembro, polo que se regulan as condicións de comercialización e libre circulación intracomunitaria dos equipos de protección individual (BOE nº 311, do 28 de decembro).

6. No que respecta á contratación de persoal para a formación de cuadrillas de prevención e extinción de incendios forestais, tódalas actuacións derivadas dela serán responsabilidade do órgano contratante. O persoal contratado dependerá tanto xurídica como organicamente do devandito órgano, e de ningún xeito terá vínculo laboral coa Xunta de Galicia.

Artigo 4º.-Incremento das axudas.

Cando o solicitante teña un plan anual de defensa contra incendios forestais aprobado pola Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, a axuda incrementarase nun 10%.

A porcentaxe final da subvención total con cargo a esta ou outra normativa non poderá supera-lo 100% do orzamento aprobado para as axudas que se recollan nesta orde. En caso contrario, procederase ó

reintegro do importe que exceda do orzamento aprobado.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas:

1. Comunidades de veciños (CV), comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC), sociedades agrarias de transformación (SAT), cooperativas, asociacións forestais (AF) legalmente constituídas, agrupacións de defensa forestal (ADF), persoas físicas e xurídicas de carácter privado, legalmente constituídas. Para acredita-la participación dos beneficiarios deberán remitirse xunto coa solicitude os documentos xustificativos da dita vinculación ó sector forestal, tales como estatutos, obxecto social da empresa, imposto de actividades económicas ou calquera outro documento válido para acredita-la devandita vinculación.

En todo caso, os solicitantes deberán acreditar documentalmente a representación que teñen, de conformidade co artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e modificada pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

2. No caso de que os beneficiarios se constitúan nalgunha das formas asociativas legalmente establecidas na normativa vixente, deberán achegar certificado do acordo, tomado en asemblea, ou órgano equivalente, no que se soliciten as axudas económicas para executa-las accións propostas.

Artigo 6º.-Obrigas dos beneficiarios e coordinación co Servicio de Defensa contra Incendios Forestais.

1. As cuadrillas de prevención e extinción, así como os tractores con cisterna ós que se refire esta orde realizarán os traballos silvícolas que lles sean encomendados polo órgano contratante, sen prexuízo da colaboración, no caso de ser requiridos, na extinción de incendios forestais declarados no seu ámbito territorial.

2. A actividade subvencionada comezará e rematará na data que determine a Consellería de Medio Ambiente ó aproba-la subvención, debéndose engadir como días de traballo os domingos, festivos e festas locais para as axudas que recollan a contratación de persoal (cuadrillas de prevención e extinción), así como para o tractor con cisterna. Teranse en conta, en todo caso, os prazos mínimo e máximo para a contratación de persoal reflectidos no artigo 4º.

3. Calquera modificación na localización ou composición do persoal contratado deberá ser comunicada ó Servicio de Defensa contra Incendios Forestais para o seu coñecemento.

Artigo 7º.-Criterios de selección.

Segundo o artigo 3.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a concesión de axudas axustarase ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade. Os criterios de selección para a concesión das axudas serán o seguintes:

1. Distribución territorial axeitada ós recursos, sexan do servicio de defensa contra incendios forestais ou de terceiros: ata 4 puntos.

2. Experiencia e colaboración na prevención e defensa contra incendios forestais co Servicio de Defensa contra Incendios Forestais: ata 3 puntos.

3. Número de incendios habidos en anos anteriores no ámbito territorial, parroquial ou do concello: ata 2 puntos.

4. Superficie que hai que defender: ata 1 punto.

Con base nesta valoración, a puntuación mínima que deberá te-lo solicitante para a concesión da subvención será de 6 puntos.

Artigo 8º.-Procedemento de concesión.

Sen prexuízo do disposto nos seguintes artigos desta orde, o procedemento de concesión de subvencións axustarase ó disposto prioritariamente na sección terceira do capítulo segundo do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 9º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes deberán presentarse en impreso normalizado que facilitarán os servicios de defensa contra incendios forestais nas súas oficinas provinciais ou de distrito, utilizando o modelo adxunto a esta orde; non obstante, admitirase documentación achegada polo interesado que sexa suficiente para un adecuado coñecemento do solicitado, sen prexuízo da emenda dela, a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

A presentación das solicitudes poderá realizarse en calquera lugar dos previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC).

Artigo 10º.-Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Instrucción e resolución de expedientes. Recursos administrativos.

1. As delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente valorarán as peticións segundo os criterios de selección recollidos no artigo 8º.

2. Unha vez presentada a solicitude revisarase a documentación, e en caso de que conteña defectos ou omisións non esenciais, a delegación provincial requirirá do solicitante a emenda dela, e outorgaralle un prazo de 10 días hábiles para facelo, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999 e a Lei 24/2001, con indicación de que, de non se facer así, se desestimará a súa petición e se arquivará o expediente sen máis trámite, para os efectos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999 e modificada pola Lei 24/2001.

3. As delegacións provinciais remitiranlle as súas propostas ó director xeral de Montes e Industrias Forestais quen, pola súa vez, llas elevará ó conselleiro de Medio Ambiente, que é o órgano ó que lle corresponde dicta-la resolución de aprobación da subvención. A resolución efectuarase tendo en conta os criterios de selección desta orde e en réxime de concorrencia competitiva, axustándose ós principios de concorrencia, transparencia e igualdade.

4. A Conselllería de Medio Ambiente resolverá e notificará nun prazo máximo de catro meses, contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a aprobación e contía das axudas ou a denegación razoada da solicitude. Unha vez acordada a resolución, a súa notificación ós solicitantes realizarase ós 10 días seguintes ó da toma do acordo.

5. Excepcionalmente, poderase acorda-la ampliación do prazo máximo de resolución e notificación mediante motivación clara das circunstancias concorrentes, e só unha vez esgotados tódolos medios á disposición posibles, de conformidade co disposto no artigo 42.6º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 e pola Lei 24/2001.

6. No caso de non recaer resolución expresa no dito prazo, o interesado poderá entender desestimada a solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro.

7. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada a solicitude por silencio administrativo; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, consonte o disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (LRXPAC), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e pola Lei 24/2001, do 27 de decembro, e o artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 12º.-Anticipos.

O Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 16.2º dous.3 que, con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería correspondente (neste caso da Consellería de Medio Ambiente) se poderá autorizar un anticipo de ata o 50% do importe total da subvención aprobada, nos casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos.

Para a aprobación deste anticipo, o beneficiario da subvención deberá acreditar, nun prazo máximo de quince días contados a partir da data de inicio dos traballos establecida na resolución de aprobación da axuda, que se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa

Administración pública da Comunidade Autónoma. O solicitante poderá acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria e á Consellería de Economía e Facenda para solicita-la expedición dos certificados correspondentes, ou cubrir debidamente asinada a autorización que se xunta no anexo I, para efectos de que o director xeral de Montes e Industrias Forestais poida solicitalos por vía informática.

Así mesmo, é necesario que o beneficiario envíe, nese mesmo prazo máximo de quince días, os seguintes datos:

-Nome dos integrantes da cuadrilla (especificando o nome da persoa que actúa como coordinador e responsable dos integrantes dela).

-Marca e matrícula do vehículo todo terreo (alugado ou propio), que permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó día en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva aparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.

-Un número de teléfono de contacto 24 horas.

-Escrito no que se deixe constancia de que os integrantes da cuadrilla estean equipados adecuadamente para o traballo que se vai realizar, desde a data do inicio del.

-Declaración de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.

Ademais, no caso de que se reciba axuda para a operatividade dun tractor con cisterna, deberase comunica-la matrícula do dito vehículo, o/s nome/s da/s persoa/s que operan con el e un número de teléfono de contacto 24 horas. O vehículo permanecerá en perfectas condicións mecánicas e de dotación e estará ó corrente en toda a documentación, cumprindo coas obrigas administrativas que leva aparelladas en materia de inspección técnica (ITV), pólizas de seguro, impostos, etc.

Artigo 13º.-Execución da subvención.

A aprobación da subvención implicará o compromiso dos solicitantes de executa-las accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberán realizarse na extensión e co orzamento indicado no impreso de solicitude. Unha realización da acción subvencionada un 50% inferior á proposta, agás por causa de forza maior, suporá a revogación da subvención concedida, logo da valoración dos técnicos dos servicios de defensa contra incendios forestais.

No caso de renuncia, despois de recibida a aprobación da subvención, deberá comunicarse por escrito á Consellería de Medio Ambiente.

Artigo 14º.-Responsabilidade.

A organización e materialización das actividades subvencionadas será responsabilidade exclusiva do beneficiario.

A actuación da Consellería de Medio Ambiente quedará limitada ó outorgamento da correspondente subvención e a garanti-lo cumprimento da normativa en material subvencional.

Artigo 15º.-Xustificación de gastos.

Os gastos de execución das accións subvencionadas serán debidamente xustificados polo beneficiario, mediante a presentación de facturas orixinais, nóminas, boletíns de cotización da Seguridade Social, contratos e demais documentos acreditativos da xustificación do investimento, tal e como establece o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

No momento da xustificación da execución total do proxecto, e con anterioridade ó pagamento, o beneficiario deberá xustificar que se atopa ó corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No referente os certificados da Axencia Estatal de Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, será admisible do mesmo xeito a autorización a que se refire o artigo 4º.

O prazo para a achega de xustificantes das accións realizadas, obxecto da subvención, rematará o 31 de outubro.

Artigo 16º.-Comprobacións.

O beneficiario comprométese a someterse ás actuacións de comprobación que deba efectua-la entidade concedente ou, se é o caso, a colaboradora, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas e coas previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, consonte co disposto no artigo 78.4º d) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do réxime xeral e orzamentario de Galicia, e o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Revogacións.

Consonte o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, modificado pola Lei 8/1999, e no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, será motivo de revogación (total ou parcial) da axuda recibida, mediante resolución razoada do mesmo órgano que a concedeu, e procederá ó reintegro total ou parcial da contía recibida, xunto cos xuros devengados desde o seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificar.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Así mesmo, procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou outras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Artigo 18º.-Financiamento.

O financiamento das axudas que recolle esta orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.422-C.770.0, código de proxecto 15.00.707: Subvención para investimentos en materia de prevención de incendios; dotada con 737.311 euros, nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente para o exercicio do 2003, podéndose incrementar este orzamento mediante as oportunas modificacións orzamentarias no caso de que se considere oportuno pola elevada demanda de peticións.

Artigo 19º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión, consonte o disposto no artigo 12.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 20º.-Procedemento sancionador.

O artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, regula as infraccións e sancións administrativas en materia de axudas e subvencións públicas, así como o réxime de responsabilidade e os órganos competentes para o exercicio da potestade sancionadora.

A imposición de sancións realizarase unha vez instruído o oportuno expediente, consonte o disposto no Decreto 287/2000, no Decreto lexislativo 1/1999, na Lei 30/1992 e as súas modificacións, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da postestade sancionadora.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas contidas nesta orde son compatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para as mesmas finalidades, agás as concedidas ó abeiro do Real decreto 1887/1991, modificado polo Real decreto 62/1994, do 21 de xaneiro, sempre e cando a suma das subvencións concedidas non supere o importe total do orzamento aprobado.

A concesión doutra subvención compatible, distinta da regulada por esta orde, obriga o beneficiario a facer declaración dela perante a Consellería de Medio Ambiente, independentemente da fase na que se atopa o trámite da solicitude presentada á citada consellería.

Segunda.-Sempre que exista crédito suficiente, e se debido a inclemencias meteorolóxicas a Consellería de Medio Ambiente o considera necesario, poderá aprobar ampliacións nas subvencións que estean en curso.

A dita modificación, de chegar a producirse, deberá cumpri-los requisitos previstos no artigo 12 do Decreto 287/2000.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para dictar tódalas disposicións

complementarias, dentro do ámbito das súas competencias, co obxecto de desenvolver esta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO II

Prezos máximos que se aplicarán para valorar orzamentos de persoal e equipos

UnidadeDescriciónPrezo máximo aplicable en euros

XornalContratación por xornada de 8 horas e con dedicación plena durante elas para cuadrillas de prevención e extinción, incluído seguros:

Réxime xeral

35

DíaAluguer u operatividade de vehículo todoterreo para cuadrillas de prevención e extinción, ó día30

UnidadeBatelumes de caucho con mango22

UnidadeFerramenta forestal25

UnidadeEquipamento de protección individual completo (funda, botas, casco, cinto, máscara, lentes, luvas e lanterna)150

UnidadeCaixa de urxencias de primeiros auxilios35

DíaOperatividade tractor con cisterna con capacidade mínima de 2.000 l e 100 m de mangueira11