Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2003 Páx. 7.219

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de maio de 2003 pola que se regulan axudas en materia de conservación dos recursos naturais e fomento de accións da poboación local para o desenvolvemento sustentable dos parques naturais.

Os parques naturais teñen como obxectivos prioritarios e fundamentais a conservación do patrimonio natural, o aproveitamento ordenado e sustentable dos recursos naturais, o seu uso e desfrute e a mellora da calidade de vida da poboación que os habita. Neste contexto acentúase o carácter integrador e globalizador do medio, no que o labor da Administración autonómica, entre outros, é adoptar un enfoque preventivo na xestión ambiental, intentando harmonizar simultaneamente as actividades económicas coa conservación dos valores que se pretende protexer.

Os poderes públicos deben garanti-la compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio dun uso prudente e racional deles. Por este motivo, apoiándose no principio de solidariedade colectiva, prevese unha distribución equitativa dos custos sociais que estes procesos producen mediante a aplicación de medidas de apoio económico ás accións que contribúen á consecución dos obxectivos expostos, axudas que, por unha parte, poderán palia-lo reaxuste das actividades da poboación no territorio e por outra, mellora-las condicións socioeconómicas e a calidade de vida dos habitantes.

Baixo os formulamentos dunha política ambiental europea, a salvagarda dos valores ambientais debe ir paralela ó benestar das comunidades rurais, garantindo os mecanismos para que os espacios naturais promovan a integración da poboación, potenciando beneficios económicos e sociais.

No labor de protección dos espacios naturais é fundamental a participación da poboación local. Os habitantes que residen nestes espacios son os xestores naturais do territorio, polo que a información e formación ambiental deben ser ferramentas útiles que potencien os recursos humanos e naturais. Consegui-la práctica de actitudes e comportamentos correctos desde un punto de vista ambiental debe ser un obxectivo para lograr.

Para protexer, conservar e mante-los procesos que condicionan a diversidade biolóxica destes espacios existen instrumentos de planificación e xestión que se deseñan especificamente, nos que se establece a normativa necesaria para orientar e adecua-los usos e actividades sobre o territorio.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, prevé a posibilidade do establecemento dun réxime de axudas para a poboación residente no espacio natural protexido ou na súa área de influencia socioeconómica. Desta maneira, xunto coa creación dun instrumento xurídico regulador da conservación da natureza, posibilitouse a creación dun

instrumento financeiro orientado ó fomento daquelas actividades ou accións que melloren e promocionen as zonas incluídas nos espacios naturais para o incremento da calidade de vida dos moradores.

O Real decreto 2225/1993, do 17 de decembro, aproba o Regulamento estatal de subvencións, establecendo como criterio xeral o réxime de concorrencia competitiva entre os solicitantes, de acordo cos criterios de outorgamento que figuren na norma de convocatoria das axudas. Por outra parte, a Lei de réxime financeiro e orzamentario desta Comunidade Autónoma dispón, no seu artigo 78.6º, que os criterios de adxudicación das axudas deberán axustarse ós principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Por outra parte, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, regula os distintos procedementos que se deben articular na xestión das axudas e subvencións, e a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, regula no seu artigo 6 o réxime das axudas e subvencións públicas, e modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Esta orde de axudas é conforme co establecido no artigo 33 do Regulamento (CE) número 1257/1999, sobre a axuda ó desenvolvemento rural con cargo ó Feoga e pola que se modifican e derrogan determinados regulamentos, e conforme co Regulamento (CE) número 1260/1999, polo que se establecen disposicións xerais sobre os fondos estructurais.

En virtude de todo o exposto, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas aplicable a parques naturais encamiñadas á realización de accións que contribúan á protección e conservación dos recursos naturais, o incremento de benestar dos cidadáns con intereses nos parques naturais e nas súas áreas de influencia, a través de accións de apoio e fomento do desenvolvemento socioeconómico das poboacións locais.

2. As axudas previstas nesta orde outorgaranse de conformidade cos criterios de publicidade, concorrencia e obxectividade, tal como vén establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Artigo 2º.-Actividades subvencionables.

1. Son actividades obxecto das axudas reguladas por esta orde:

a) Accións encamiñadas á corrección de impactos paisaxísticos e ambientais. Creación de pantallas vexetais con especies integradas no contorno, accións de restauración do medio, etc.

b) Accións encamiñadas a ordenar adecuadamente e facilita-lo uso público tales coma creación de rutas, áreas recreativas e zonas de esparexemento e uso público, etc.

c) Actuacións de mellora de hábitats, que estean incluídas nos instrumentos de ordenación aprobados e mantemento das que xa foron subvencionadas en ordes anteriores.

d) Cooperativas de traballos ambientais, transformación de productos, iniciativas de fomento do turismo compatibles cos instrumentos de planificación do parque natural e outras actuacións que contribúan á creación de emprego, especialmente aquelas iniciativas empresariais que se dirixan á promoción e revalorización dos recursos endóxenos da zona.

e) Accións de desenvolvemento agrícola, gandeiro ou forestal que contribúan á conservación da biodiversidade e ó desenvolvemento sustentable.

f) A realización e a mellora de infraestructuras e de equipamentos que teñan por obxecto a protección do espacio incluído no parque natural, o desfrute dos seus valores naturais ou o incremento da calidade de vida dos seus habitantes, exceptuando infraestructuras de carácter urbano, tales coma rede de sumidoiros, electrificación, iluminación ou saneamento público.

g) Accións de recuperación de elementos de carácter arquitectónico civil, cultural e etnográfico. Nesta alínea será subvencionable o acondicionamento exterior das vivendas rurais e a substitución de elementos ou materiais alleos á tipoloxía rural da zona.

h) Actividades de divulgación, promoción, formación e sensibilización social sobre os valores ambientais, culturais ou patrimoniais tales como campañas, xornadas, seminarios, cursos, material divulgativo, etc., encamiñadas a fomenta-lo coñecemento, conservación, protección e mellora dos parques naturais da Comunidade Autónoma.

i) Asistencias técnicas para lograr o aproveitamento sustentable dos recursos cinexéticos e forestais.

2. A adquisición de terreos non será subvencionable.

3. Tódalas accións, obras ou traballos deberán atoparse situados dentro do perímetro do parque natural ou da zona de influencia socieconómica, priorizándose as accións que se realicen dentro do perímetro do parque sobre aquelas outras que estean fóra.

Artigo 3º.-Contía das subvencións.

A Consellería de Medio Ambiente subvencionará os investimentos que se efectúen ata un máximo de 30.000 euros por proxecto ata un máximo de tres proxectos diferentes por beneficiario.

O importe máximo subvencionable ó que terán dereito os beneficiarios será do 75% do custo da obra ou acción.

O IVE non será subvencionable na medida na que sea recuperable da Facenda pública. A porcentaxe definitiva da subvención fixarase de acordo cos criterios sinalados nos artigos 7º e 8º.

Os prezos máximos que se aplicarán para valora-las accións, equipamentos ou subministracións son os establecidos no anexo IV.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas:

1. Particulares que residan dentro do límite do parque natural ou que sexan propietarios de terreo nalgunha das parroquias total ou parcialmente incluídas no parque natural. Segundo as dispoñibilidades orzamentarias, tamén poderán ser beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas residentes ou con domicilio fiscal na zona de influencia socioeconómica.

2. Titulares de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas dentro do parque natural.

3. Arrendatarios de explotacións agrarias, gandeiras ou forestais situadas nalgunha das parroquias incluídas no parque natural.

4. Comunidades de montes veciñais en man común situados total ou parcialmente no parque natural, que estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Xeral existente para o efecto. En función da natureza destas comunidades, estas serán beneficiarias con cargo ó concepto 770 ou 780.

5. Asociacións que posúan a súa sede social ou como mínimo o 50% dos socios con residencia nalgún dos concellos onde se sitúe o parque natural.

6. Agrupacións de veciños incluídas dentro do perímetro do parque natural ou na zona de influencia socioeconómica, con personalidade xurídica e legalmente constituídas para os efectos de desenvolver accións colectivas de carácter público.

7. Empresas que teñan o seu domicilio fiscal nalgún dos municipios nos que se sitúe o parque natural constituídas con anterioridade á publicación desta orde, priorizándose aquelas con domicilio fiscal dentro do parque natural.

8. Os beneficiarios sinalados nos puntos 1, 5 e 6 deste artigo percibirán a axuda con cargo ó concepto 780, e os sinalados nos puntos 2, 3 e 7 percibirana con cargo ó concepto 770.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

Tódolos documentos aportados se presentarán por duplicado.

1. Os interesados presentarán as súas solicitudes de subvención debidamente asinadas segundo o modelo do anexo I, xunto cos respectivos proxectos ou memorias de actividades ou obras que se pretende executar.

2. Xunto coa solicitude de subvención presentarase a seguinte documentación:

2.1. Para todo interesado:

a) Copia do DNI ou NIF do solicitante compulsada e, se procede, acreditación da representación do solicitante por calquera medio válido en dereito, de acordo co disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

b) Certificación bancaria orixinal.

c) Dúas copias do proxecto técnico ou proxecto básico asinado por técnico competente. No caso de que non se trate de obras ou se trate de accións con orzamento total inferior a 6.000 euros abondará unha memoria xustificativa das accións que conterá, como mínimo, a descrición dos traballos ou actividades, planos de situación e orzamento detallado, calendario e prazo aproximado de execución.

d) Autorizacións ou permisos correspondentes para levar a cabo a intervención ou, polo menos, a súa solicitude.

e) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas.

2.2. Deberase achegar, ademáis, a seguinte documentación complementaria, dependendo da natureza do beneficiario:

a) Acreditación da titularidade dos predios ou certificación do titular para a súa dispoñibilidade.

b) No caso de arrendatarios, documento que acredite a condición.

c) No caso de montes veciñais en man común, certificación de acordo da asemblea xeral conforme autoriza a xunta rectora para solicitar axudas e certificado do Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común de posuí-los estatutos en regra, figurando a composición da xunta rectora actualizada.

d) No caso de asociacións, acordo da xunta de goberno ou figura similar para solicitar axudas á Consellería de Medio Ambiente, e certificación de estar inscritos no Rexistro de Asociacións.

e) No caso de agrupacións, escrito de constitución da agrupación no que figuren tódolos membros cos

datos completos: nome, DNI, enderezo e representante legal elixido.

f) No caso de empresas ou autónomos:

-Documento acreditativo que xustifique estar de alta no IAE, cando proceda. No caso que proceda, certificado do concello conforme realiza a súa actividade no parque natural correspondente.

-Acreditación de posuí-la sede social nalgún municipio do parque natural correspondente.

g) No suposto de que o terreo obxecto dos traballos sexa propiedade de varios copropietarios, deberá presentar:

-Acreditación da titularidade do terreo de cada propietario.

-Documento que acredite o consentimento de tódolos copropietarios.

-Representación do solicitante para realiza-la acción obxecto da subvención.

h) Se a construcción está catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, deberán presentar autorización por parte desa dirección xeral da dispoñibilidade para realiza-las obras solicitadas.

2.3. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá requirir de xeito motivado consonte prevé o artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera documentación necesaria en relación coas subvencions que se vaian outorgar, que considere conveniente.

2.4.Consonte o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, de R.X.P.A.C., se a solicitude de iniciación non reúne os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación que se así non o fixera, se considerará por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42.

Artigo 6º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orden no Diario Oficial de Galicia. A solicitude presentada por representación deberá estar acompañada do documento acreditativo correspondente.

As axudas desta orde serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins, sempre que o total das subvencións non supere o custo total do investimento realizado e, en todo caso, terase en conta o disposto no artigo 38 do Regulamento (CE) nº 1257/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, no que se establece que ningunha medida poderá beneficiarse ó mesmo tempo dos pagamentos

establecidos neste regulamento e dos previstos por calquera outro réxime de axuda comunitaria.

Artigo 7º.-Selección de solicitudes.

Os criterios de avaliación e baremación de proxectos serán os seguintes:

Criterios de avaliación das actividades subvencionablesPuntos

Repercusións ambientais da acción ou proxectoDe 0 a 5

Complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de ordenación dos recursos naturaisDe 0 a 10

Incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contornoDe 0 a 5

Residencia

ou

propiedade

Residentes ou propietarios de terreos dentro do parque natural. As accións solicitadas realizaranse dentro do parque natural5

Accións realizadas na zona de influencia socioeconómica, valorándose segundo a súa proximidade ó perímetro do parqueDe 0 a 4

Número de beneficiarios directos e indirectosDe 0 a 10

Para valora-las repercusións ambientais da acción ou proxecto, así como a incidencia no desenvolvemento sustentable do parque e do seu contorno, será necesario un informe da xunta consultiva de cada un dos parques no que se determine o alcance e contido das repercusións ambientais da acción ou proxecto, a complementariedade e integración do proxecto ou actuación solicitada, coas previstas no Plan de ordenación dos parques naturais, da incidencia no desenvolvemento sustentable do parque natural e o seu contorno e das accións realizadas na zona de influencia socioeconómica.

Valorarase especialmente a incidencia das accións na flora e na fauna, a repercusión sobre os postos de traballo no contorno do parque natural e o atractivo para os visitantes, fomentando un turismo sustentable.

Artigo 8º.-Baremación.

Non se terán en conta as solicitudes que non acaden un mínimo de 15 puntos. No que se refire ás que superen a dita cantidade, subvencionaranse cun mínimo do 35% aquelas que acaden os 15 puntos, ata un máximo do 75% as que acaden os 35 puntos, aumentando un 2% por cada punto do baremo, ata esgota-lo crédito orzamentario previsto nesta orde.

Pola parte do director do parque, co visto e prace do xefe de servicio de Espacios Naturais e Biodiversidade e trala consulta previa ó órgano correspondente da xunta rectora, procederase a avaliar e propoñer unha baremación das solicitudes presentadas en cada parque natural.

Unha vez recibidos estes informes na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, procederase á súa baremación definitiva por unha comisión composta polo director xeral de Conservación da Natureza, o

subdirector de Espacios Naturais e Biodiversidade, e o xefe de servicio de Conservación de Espacios Naturais, á cal poderán ser citados os directores dos parques naturais e xefes dos servicios provinciais de Espacios Naturais e Biodiversidade.

Artigo 9º.-Inspección previa.

En tódalas solicitudes consideradas subvencionables, o director ou persoal técnico do parque natural realizará unha inspección previa, na que se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica.

Artigo 10º.-Concesión da subvención.

1. A concesión das subvencións farase mediante resolución do conselleiro de Medio Ambiente, por proposta do director xeral de Conservación da Natureza e segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

2. A concesión da solicitude realizarase nun prazo de 6 meses , que comezarán a contar a partir da data da convocatoria.

As solicitudes que non estivesen resoltas e notificadas nun prazo de seis meses desde a publicación desta orde entenderanse desestimadas por silencio administrativo, conforme o disposto no artigo 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, e sen prexuízo da obriga de resolver expresamente prevista no artigo 42º da dita lei.

3. Contra a resolución pola que se aprobe ou denegue a solicitude de subvención poderase interpor recurso de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes se o acto fose expreso, ou de tres meses se non o fose, ou ben impugnar directamente o acto ante a xurisdicción contencioso-administrativa.

4. Na resolución de concesión da subvención, o conselleiro de Medio Ambiente poderá formular directrices previamente determinadas, para a execución dos investimentos con motivo dun mellor cumprimento do fin da subvención.

5. A concesión da axuda notificaráselles ós interesados. Unha vez recibida a notificación, os beneficiarios deberán comunicar por escrito necesariamente á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a súa aceptación ou renuncia segundo as condicións que se indiquen, nun prazo de 15 días. A aceptación das axudas suporá a conformidade do interesado no cumprimento nos termos que se expresen na súa comunicación.

Artigo 11º.-Requisitos.

1. As obras obxecto de subvención deberán axustarse á lexislación vixente en xeral, e en particular ós instrumentos de planificación e xestión dos parques naturais en cuestión, e contar no momento do seu inicio coas licencias e autorizacións preceptivas.

2. A finalidade ou función da actividade ou obra deberá manterse durante un prazo mínimo de 10 anos, cando proceda.

3. Poderanse conceder subvencións nas que o prazo de execución sexa de carácter bianual.

Se se solicita unha execución bianual, deberá especificarse unha proposta de execución detallada, por unidades e orzamento, para cada anualidade.

Nas subvencións bianuais, se por motivos xustificados non se puidesen realiza-las accións completas correspondentes a unha das anualidades, o beneficiario debe solicitar por escrito a modificación da resolución co fin de que a obra se poida completar na anualidade seguinte.

4. Os investimentos obxecto de subvención de carácter anual deberán realizarse no prazo que se indique na resolución de adxudicación. Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza poderá conceder por delegación do conselleiro unha prórroga dentro dos límites legais establecidos no artigo 49.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para o que se aterá o disposto no artigo 49 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do R.X.A.P. e do P.A.C.

5. Os beneficiarios deberán colocar no lugar onde se realicen as obras, un cartel ou placa resistente á intemperie, que indique que a obra se está levando a cabo cunha subvención da Consellería de Medio Ambiente, e que se atopa cofinanciada pola Unión Europea, cos respectivos anagramas e o logotipo do parque natural.

O cartel será por conta do beneficiario e, unha vez rematada a obra, deberá permanecer en lugar visible por un prazo non inferior a un ano. O modelo deste cartel será facilitado polo correspondente parque natural.

Artigo 12º.-Xustificación do gasto.

1. O director do parque natural, en inspección final, deberá certificar que os investimentos se realizaron de acordo coa resolución aprobada.

2. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais ou as certificacións de obra correspondentes, ou mediante calquera dos medios previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, e con anterioridade ó pagamento, o beneficiario deberá xustificar que se atopa ó día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade

Social, e deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

No referente ós certificados da Axencia Estatal da Administración Tributaria e Economía e Facenda da Xunta de Galicia, o solicitante poderá acudir individualmente a estas axencias para solicita-la expedición do certificado correspondente ou cubrir e asinar debidamente a autorización que se xunta no anexo III para efectos de que este órgano poida solicitala por vía informática.

Artigo 13º.-Pagamento das subvencións.

1. Poderanse emitir certificacións parciais, que se efectuarán de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A tramitación do pagamento das axudas realizarase trala inspección previa do director do parque natural e emisión da certificación correspondente, unha vez cumpridos tódolos requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 14º.-Revisión das subvencións.

Se o 15 de outubro do exercicio actual existise remanente orzamentario, a Consellería de Medio Ambiente poderá modifica-las cantidades aprobadas, seguindo os criterios especificados nesta orde e respectando o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 15º.-Control.

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza poderá realiza-las actuacións de inspección e control necesarias para garanti-lo cumprimento do establecido nesta orde, así como a comprobación dos investimentos realizados, podendo requirírselles ós beneficiarios toda a documentación e información que lles sexa solicitada en cada momento.

Artigo 16º.-Revogación.

1. Son causas de revogación:

a) Cando se comprobe que as axudas foron destinadas a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.

b) Pola non realización da obra ou traballos obxecto da subvención.

c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) Cando existan modificacións das accións previstas de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

e) Por ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.

f) Por perda da titularidade dos terreos, ou por perda de personalidade xurídica das empresas ou asociacións, se o novo titular non se subrogase expresamente.

g) Cando o beneficiario da subvención incumpra calquera das condicións establecidas tanto nesta orde como no resto da normativa aplicable.

h) Por incumprimento de calquera dos prazos establecidos nesta orde.

i) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.

2. En tódolos supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, tralo informe previo do director do parque natural, e trala audiencia previa ó interesado, o conselleiro de Medio Ambiente poderá revogar, total ou parcialmente as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

3. No referente ós reintegros totais ou parciais, revogacións, infraccións ou sancións, ós beneficiarios das axudas seralles de aplicación o previsto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa. Neste sentido, conforme o disposto no artigo 78.7º da mencionada lei, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan esixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde, teñen a obriga conforme o artigo 78.6º i) do Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control

do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Artigo 18º.-Aplicacións orzamentarias.

Estas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 15.03.342-A 770.0 e 15.03.342-A 780.0, axudas para medidas compensatorias no contorno dos espacios naturais protexidos, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha dotación inicial de 948.183 euros para o ano 2003 e 663.654 euros para o ano 2004, distribuídos segundo a seguinte tabla:

Euros na aplicación

15.03.342-A 770.0

Euros na aplicación

15.03.342-A 780.0

Total

2003354.263593.920948.183

2004247.910415.744663.654

Total602.1731.009.6641.611.837

O orzamento inicialmente dispoñible no ano 2003 será de 354.263 euros na aplicación orzamentaria 15.03.342-A 770.0 no código de proxecto 1998 15703, e de 593.920 euros na 15.03.342-A 780.0 nos códigos de proxecto 2000 15703 e 2003 00314. Estas dotacións orzamentarias poderán incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo ás mesmas aplicacións. Esta orde de axudas encóntrase cofinanciada polo Feoga-Orientación.

No caso de que as axudas se concedan para máis dun exercicio orzamentario, o prazo para a finalización e xustificación das actuacións será o indicado na resolución da concesión, quedando condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente.

Disposición adicional

Se o permiten as dispoñibilidades orzamentarias, poderanse atende-las solicitudes dos habitantes do contorno do parque natural e que teñan un PORN aprobado ou en tramitación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para dictar cantas disposicións complementarias considere oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente