Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2003 Páx. 7.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de maio de 2003 de accións sectoriais de promoción da calidade na comercialización de productos silvícolas.

O Regulamento (CE)1257/1999 do Consello, do 17 de maio, establece no seu artigo 30 a posibilidade de outorgar axudas para a transformación e comercialización de productos forestais, e no artigo 33 para a diversificación de actividades relacionadas co sector primario no contorno rural.

O Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006, aprobado por Decisión da Comisión do 7-3-2001, recolle na medida 1.2 as melloras na transformación e comercialización de productos agrícolas e forestais.

A conveniencia de repercutir no sector primario forestal os beneficios dun mercado dinámico e non intervido dos productos da madeira, precisa non só dispor de empresas competitivas de aproveitamentos, senón que tamén sexan capaces de transmitir ó sector forestal os valores que a sociedade demanda ós productos forestais a través do mercado.

A competencia internacional e a crecente demanda de novos requisitos cualitativos nos productos de consumo fai prioritario o desenvolvemento e implantación de melloras na formación empresarial, adaptacións ambientais e innovacións na xestión empresarial que permitan dinamiza-la cadea comercializadora, reducir ineficiencias e adaptarse a futuros criterios esixibles á cadea de custodia. Por iso, considérase conveniente incentivar estudios técnicos e de mercado, accións de formación e promoción de feiras e exposicións como foro divulgador dos avances do sector, axustándose ó establecido nas directrices de axuda ó sector agrario (2000/C28/02).

En virtude do anterior, ó abeiro do Decreto 287/2000 citado anteriormente, de acordo co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Considéranse as accións que se van iniciar no ano 2003, realizadas por ou para as empresas dos sectores de comercialización de productos silvícolas, cos seguintes fins: organización e asistencia a feiras e certames comerciais específicos do sector silvícola, accións formativas encamiñadas á mellora da cualificación empresarial e dos traballadores, e accións de promoción xenérica e estudios sectoriais orientados a mellora-la transparencia e información do mercado de productos silvícolas.

As actuacións desenvolveranse durante o ano 2003 podendo prolongarse durante o ano 2004 as relativas a estudios e accións formativas.

Consideraranse auxiliables os gastos de consultoría, contratación de persoal, formación e organización e asistencia a exposicións e feiras, coas limitacións indicadas no anexo II.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as empresas de comercialización e transformación dos productos forestais con enderezo social en Galicia, agrupacións ou asociacións das ditas empresas, ou empresas contratadas por estes últimos.

Artigo 3º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Importe das axudas.

Os estudios, accións formativas e organización de feiras terán unha subvención dun 75%.

Para as asistencias a feiras certames comerciais seguiranse os seguintes criterios.

-No territorio peninsular: 40% dos gastos subvencionables para as asistencias organizadas conxuntamente.

-Fóra da Península Ibérica: 50% dos gastos subvencionables.

Artigo 5º.-Criterios de selección.

1. O orzamento dispoñible distribuirase da seguinte forma entre as distintas accións obxecto de axuda:

1º Resérvase un 20% do orzamento para accións de promoción e estudios, outro 20% para actividades formativas e outro 20% para organización de feiras.

2º O crédito remanente asignarase coa seguinte orde:

a) Primeiramente as actividades formativas, dirixidas a empresarios e traballadores de empresas comercializadoras de productos silvícolas.

b) Seguidamente a accións de promoción xenérica sectorial e estudios do sector orientados á mellora da comercialización.

c) O orzamento aínda remanente asignarase a organización de feiras.

d) Por último, consideraranse as asistencias a feiras.

2. De acordo co artigo 3 do Decreto 287/2000, a concesión de axudas efectuarase baixo o réxime de concorrencia competitiva. As accións solicitadas seleccionaranse segundo os criterios de prioridade que se indican a continuación:

a) Actividades formativas: primeiro as de contido máis específico do sector de productos silvícolas, segundo as de maior duración, terceiro as dirixidas a un maior número de empresas.

b) Accións de promoción e estudios: primeiro segundo a súa relevancia coiuntural, segundo as de maior orientación comercial, terceiro pola súa aplicabilidade por outras empresas do sector.

c) Organizacións de certames comerciais: primeiro as de maior ámbito xeográfico, considerándose posteriormente os certames máis consolidados.

d) Participación en feiras: primeiro as participacións con stand propio ou compartido, entre estas,

primeiro as de maior mercado potencial das empresas participantes; finalmente as misións sen stand, sempre organizadas conxuntamente para 5 ou máis empresas, dándolles prioridade ás de maior número de empresas participantes.

Artigo 6º.-Tramitación e concesión de axudas.

1. Os interesados deberán presentar, perante a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, a seguinte documentación:

a) Instancia-solicitude, dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, segundo modelo que figura no anexo I desta orde.

b) Memoria onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo III da presente orde.

c) Copia cotexada do NIF ou CIF.

Recibidas as solicitudes examinaranse os documentos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase o interesado, de acordo co artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas, para emenda-los erros ou xunta-la documentación preceptiva no prazo de dez días hábiles.

2. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá os expedientes por proposta da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, que deberá axustarse ó disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas. A resolución individual e motivada notificaráselle ó interesado.

3. No caso de non recaer resolución expresa nun prazo de seis meses a partir da data de entrada en vigor desta orde, o interesado poderá entender desestimada a solicitude, sen perxuízo da obriga legal de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999. As resolucións serán notificadas a cada un dos solicitantes no prazo de dez días tra-la toma do acordo.

4. Contra a resolución aprobatoria ou denegatoria, que esgota a vía administrativa, cabe a interposición do recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do sía seguinte á recepción da notificación da resolución, ou no prazo de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, ou ben ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses se a resolución fora expresa, ou seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, e no artigo 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1. O prazo de xustificación de cada anualidade finalizará o 30 de outubro de 2003 e o 30 de maio de 2004 respectivamente.

2. Para a percepción dos pagamentos deberá presentarse a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Xustificación dos investimentos realizados mediante:

-Relación ordenada dos investimentos e dos pagamentos efectuados (anexo IV).

-Copias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, copia dos documentos bancarios de pagamento, ou calquera outra contemplada no artigo 15.2º do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvención públicas da Comunidade Autónoma galega.

c) Memoria (anexo V), indicando as actuacións executadas, o número de empresas e traballadores beneficiados e a incidencia cualitativa sobre as empresas participantes.

d) Certificacións do cumprimento formal das obrigas coa Seguridade Social e fiscais e de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidade Autónoma. Estas dúas últimas poderanse substituír pola autorización, segundo o modelo do anexo VI, baseándose no disposto na cláusula 3ª do convenio de colaboración entre a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de subministración de información para finalidades non tributarias.

e) Certificado bancario de conta corrente e ficha bancaria.

3. Unha vez comprobada a documentación presentada e realizada a pertinente comprobación de execución dos investimentos subvencionados, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais emitirá a correspondente proposta de pagamento.

4. De acordo co Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve ó réxime xurídico de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar pagamentos parciais. Os pagamentos parciais non superarán o 80% da subvención concedida.

5. Os pagamentos parciais serán garantidos mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ó xuro legal do diñeiro vixente no momento da concesión e por un prazo que medie entre a data de solicitude e, como mínimo, dous meses tra-lo remate do prazo de xustificación previsto. O certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez se comprobe a realización da acción obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención. Estes avais

poderán ser liberados no suposto de que se constitúan para pagamentos parciais correspondentes a fases ou partes da actuación susceptibles de avaliación independente e se comprobe a súa realización.

Artigo 8º.-Disposicións comúns.

1. A contía das axudas contempladas nesta orde axustarase ó establecido na normativa de aplicación xeral e concretamente ás directrices comunitarias sobre axudas estatais ó sector agrario (DO C 232, 12-8-2000).

2. As axudas serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins procedente de administracións públicas, salvo fondos comunitarios distintos do Feoga, sen supera-los custos totais das accións obxecto de axuda.

3. En calquera fase do proceso de tramitación, a Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais poderalle solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación esixible.

4. O beneficiario someterase ás actuacións de comprobación e control financeiro dos investimentos subvencionados por parte da Consellería de Medio Ambiente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas.

5. No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á revogación parcial ou total da axuda.

Artigo 9º.-Información e publicidade.

Na resolución individual de concesión da axuda, indicarase a contía ou porcentaxe de participación dos fondos FEOGA-O e da Xunta de Galicia.

A participación financeira do FEOGA-O e da Xunta de Galicia deberá indicarse nos documentos que se realicen con motivo das accións subvencionadas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As axudas fixadas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.614C.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma con 458.850 euros para o ano 2003, e 321.195 euros para o ano 2004.

Segunda.-Facúltase o director xeral de Montes e Industrias Forestais para dictar, no marco das súas competencias, cantas disposicións complementarias estime oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente