Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2003 Páx. 7.202

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE E VOLUNTARIADO

ORDE do 30 de maio de 2003 pola que se modifica a do 20 de novembro de 2002, pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor.

A Orde do 20 de novembro de 2002 (DOG nº 232, do 2 de decembro), da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, regula as axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor. Na súa exposición de motivos establécese que nos orzamentos xerais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para o exercicio 2003, na aplicación 14.02.212A.482.0, normalmente ía existir crédito axeitado e suficiente para estas axudas, reservando para tal efecto un crédito de 2.287.913 euros.

Con data do 3 de abril de 2003 foi aprobada unha transferencia de crédito por un importe de 92.212,82 euros, consignándose na aplicación referida un crédito de 2.380.125,82 euros destinados ás ditas axudas, polo que se considera axeitado modifica-la orde de axudas no que respecta á contía dedicada para o financiamento, que resulta incrementada.

De acordo con todo o anterior e no exercicio das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifica-lo parágrafo oitavo da exposición de motivos da Orde do 20 de novembro de 2002, pola que se establecen axudas periódicas de prevención e apoio a familias para a integración do menor, quedando a nova redacción do xeito seguinte:

Nos orzamentos xerais da Consellería de Familia, Xuventude e Voluntariado para o exercicio 2003, na aplicación 14.02.212A.482.0 para as axudas que se establecen nesta orde, resérvase para tal efecto un crédito de 2.380.125,82 euros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2003.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude e Voluntariado