Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 05 de xuño de 2003 Páx. 7.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 28 de maio de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para formación de persoal especialista en temas de investigación mariña correspondentes ó programa de recursos humanos do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta encamiñada ó logro deste obxectivo, a dita lei, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico. O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 14 de marzo de 2002, aprobou o Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (2002-2005).

Dentro do plan, o programa de recursos mariños persegue a utilización óptima dos recursos mariños,

incluíndo a determinación das bases técnicas da xestión, actuando sobre dúas áreas fundamentais, a pesca e a acuicultura, que esixen unha cada vez máis forte presencia de persoal con altos niveis de formación e experiencia.

En aplicación do plan e dentro do programa de recursos humanos, tendo en conta a intensa demanda de especialistas no campo da investigación mariña,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Anúnciase a convocatoria das bolsas que a continuación se indican, dentro do programa de recursos humanos, con vista á formación de persoal en temas mariños, e apróbanse e fanse públicas as bases polas que se rexerá a respectiva convocatoria que se inclúe como anexo I desta orde, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia:

1. Bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña.

Artigo 2º

O financiamento destas bolsas farase con cargo á partida orzamentaria 12.04.432A.480.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma galega dos anos 2003 (7.680 euros) e 2004 (15.360 euros).

Artigo 3º.-Prazo de resolución e recursos.

O prazo máximo para resolve-las solicitudes presentadas ó amparo desta convocatoria será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poden ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se é a resolución expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio

administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 4º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO I

Bolsas para a realización de teses de doutoramento en temas de investigación mariña

O obxecto desta convocatoria é a concesión de dúas (2) bolsas dun ano de duración, prorrogable por períodos dun ano ata un máximo de catro, para a realización de teses de doutoramento nos seguintes campos:

-Alteracións patolóxicas que afectan as poboacións de berberechos Cerastoderma de Galicia.

-Optimización do cultivo de ameixa babosa, Tapes pullastra, en criadeiro.

1. Requisitos dos solicitantes.

Para optar a unha destas bolsas serán necesarios os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Ter aprobadas tódalas disciplinas requiridas para a obtención do título de licenciado en:

-Biolóxicas ou ciencias do mar para a realización da tese de doutoramento no ámbito de alteracións patolóxicas que afectan as poboacións de berberechos Cerastoderma de Galicia.

-Biolóxicas ou ciencias do mar para a realización da tese de doutoramento no ámbito da optimización do cultivo da ameixa babosa, Tapes pullastra, en criadeiro.

c) Ter obtido o título de licenciado/a nunha universidade do sistema universitario de Galicia.

d) Non ter desfrutado destas bolsas ou outras homologadas a elas en anteriores convocatorias.

2. Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

2.1. Unha asignación mensual bruta de 905 euros, se ben poderá incrementarse durante o ano 2004 nunha liña tendente á homologación con bolsas estatais no caso de existir crédito axeitado e suficiente.

2.2. Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes, que se imputará á mesma aplicación orzamentaria que as bolsas.

O seguro de asistencia médica será extensible, de se-lo caso, ó cónxuxe e ós fillos do beneficiario cando estes carezan de Seguridade Social.

A contía da bolsa poderá ser incrementada, en función das dispoñibilidades orzamentarias, ata un máximo de 1.510 euros para actividades de formación dentro do programa da bolsa, logo de solicitude do bolseiro e informe favorable da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e sempre que o titor considere necesaria a súa asistencia.

3. Período de desfrute.

3.1. A duración destas bolsas é de 12 meses comprendidos entre o 1 de setembro de 2003 e o 31 de agosto de 2004.

3.2. Ós adxudicatarios destas bolsas de nova adxudicación prorrogaráselle-la bolsa automaticamente por períodos dun ano ou fracción ata completar un total máximo de catro anos, previa a presentación, antes do 1 de xuño do ano seguinte ó de obtención da bolsa ou prórroga, da seguinte documentación:

-Memoria das actividades académicas e investigadoras realizadas durante o período transcorrido en que desfrutou da bolsa de nova adxudicación e plan de traballo durante a prórroga solicitada. Deberá ir asinada polo bolseiro e co visto e prace do director/es do proxecto de investigación.

-Informe (en papel oficial ou con selo do correspondente centro/departamento), do director/es no que se confirme que as actividades realizadas polo bolseiro durante o período de desfrute da bolsa, en relación coa adquisición de contidos e destrezas de investigación, foron axeitadas.

-Declaración do solicitante de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das administracións públicas competentes.

-Ademais, para solicita-la segunda prórroga o bolseiro deberá presenta-lo diploma de estudios avanzados.

O importe mensual das prórrogas equipárase ó das bolsas de nova adxudicación que se convoquen para o ano correspondente.

4. Centro de realización

Centro de Investigacións Mariñas (Cima), integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón (Vilanova de Arousa) e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.

5. Formalización das solicitudes.

As solicitudes, no modelo oficial RHU-05 do que a carátula externa se publica como anexo II a esta orde, están á disposición dos interesados nas dependencias da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro e na Internet nos enderezos http://www.xunta.es/NewPesca/NoticiasPesca.nsf/ e http://www.sxid.org. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, xunto coa seguinte documentación:

5.1. Certificación académica detallada na que figuren as cualificacións obtidas, as súas datas de obtención e o número exacto de convocatorias investidas en cada materia (orixinal ou fotocopia compulsada). Non serán válidas as certificacións extractadas do expediente académico do solicitante.

No caso de estudios validados, deberá presentarse así mesmo certificación académica, de idénticas características, para os estudios de orixe.

Os que acceden ó 2º ciclo dunha licenciatura a través do curso de adaptación correspondente, por estar en posesión dun título de diplomado ou por ter realizado o 1º ciclo dalgunha titulación que permita o acceso, para efectos de determina-la media do expediente académico, deberán xuntar, ademais da certificación correspondente ó curso de adaptación, 4º e 5º, a referente á diplomatura ou ós estudios de 1º ciclo realizados.

A certificación incluirá, de se-lo caso, a cualificación correspondente á tese de licenciatura e indicará expresamente que se obtivo o grao pola modalidade de tese de licenciatura e o título desta.

5.2. Currículum vitae do solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

5.3. Declaración xurada do solicitante na que conste que cumpre o requisito establecido no punto 1 d).

5.4. Declaración do solicitante de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. Tramitación.

Os servicios administrativos da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase, nun prazo de

dez días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando no seu caso as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, e na Internet nos enderezos http://www.xunta.es/NewPesca/NoticiasPesca.nsf/ e http://www.sxid.org. Esta lista estará exposta durante dez días, podendo os interesados, durante ese prazo, formular reclamación para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión procederase conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992.

7. Selección de candidatos.

7.1. Comisión de selección.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados polo director xeral de Investigación e Desenvolvemento.

7.2. Criterios de selección.

A selección de bolseiros farase en función dos méritos acreditados nos puntos 5.1 e 5.2.

7.2.1. Baremación de solicitudes:

a) Expediente académico de 1º e 2º ciclo (media licenciatura): máximo 4 puntos.

As cualificacións de 1º e 2º ciclo (estudios de licenciatura), valoraranse de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso/non presentado: 0 puntos.

b) Currículum vitae: máximo 2 puntos.

Valorarase:

b.1) A proximidade temporal á obtención do título de licenciado (ano 2003: 1 punto, ano 2002: 0,75 puntos, ano 2001: 0,50 puntos, ano 2000: 0,25 puntos, ...).

b.2) Outros (cursos, coñecemento de idiomas, ...).

A puntuación final de cada solicitante obterase da suma de expediente+currículum.

Os solicitantes ordenaranse por orde decrecente da puntuación obtida en función do tipo de bolsa e adxudicaranse as bolsas comezando polo candidato de maior puntuación.

A comisión elaborará unha lista de suplentes, en cada ámbito, por orde decrecente de puntuación, na que figurarán os solicitantes que, cumprindo os

requisitos, non acadaron puntuación suficiente para seren adxudicatarios de bolsa.

Os solicitantes que figuren na lista de suplentes só poderán acadar bolsa de producirse renuncias de bolseiros antes do 30 de setembro de 2003.

8. Resolución do concurso.

A Comisión de Selección de Investigación elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

9. Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, salvo co desfrute daquelas bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que o solicitante vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización ou estadías noutros centros para aprender ou intercambiar técnicas de investigación), así como cos contratos derivados do artigo 11.2º da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica (Lei 13/1986, do 14 de abril) ou da Lei de fomento de investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia (Lei 12/1993, do 6 de agosto).

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro poderá conceder, só en casos excepcionais, interrupcións no aproveitamento da bolsa por petición razoada do interesado, logo de informe do seu director de tese.

As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 6 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar en ningún caso á posibilidade de recupera-lo período interrompido.

Así mesmo, no caso de maternidade poderá concederse, logo de petición, unha interrupción de ata un máximo de 4 meses, reducíndose a contía da bolsa no dito período a un 75%.

No momento en que algún dos beneficiarios destas bolsas realice a lectura da súa tese de doutoramento deberá comunicalo á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro; se o escrito vén xunto cun informe do director da tese que dea conta de que o doutorando participa noutras tarefas de investigación do grupo poderase, por parte da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, autoriza-la continuación do desfrute da bolsa ata o remate do período para o que se lle concedeu.

10. Aceptación da bolsa e pagamento.

10.1. A aceptación da bolsa farase mediante documento asinado polo bolseiro, no que se comprometa a cumprir tódalas condicións recollidas nestas bases. Antes de inicia-los pagamentos, os bolseiros deberán presentar unha declaración xurada na que conste que non realizan traballo remunerado nin desfrutan doutro tipo de bolsa.

10.2. As bolsas aboaranse mensualmente. O pagamento do último mes farase despois de que o bolseiro presente:

-O informe final que resuma a totalidade do traballo realizado co visto e prace do director do traballo.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas para o mesmo fin, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

11. Obrigas dos bolseiros. Seguimento da axuda.

Os bolseiros estarán obrigados a cumprir con aproveitamento as distintas etapas do proxecto de investigación, debendo axustarse ás normas propias do departamento ou centro de investigación, onde aquel se realice, con dedicación exclusiva á súa función.

Antes de remata-lo segundo semestre do período de desfrute da bolsa, deberán remitir á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro un informe do traballo realizado ata o momento. Para poder percibi-la derradeira mensualidade deberán remiti-lo informe final que resuma a totalidade do traballo realizado incluíndo, se é o caso, copia dos traballos publicados. No informe deberá figura-lo visto e prace do director do proxecto.

A concesión e desfrute dunha bolsa non establece relación contractual ou estatutaria co centro ó que quede adscrito o beneficiario, nin implica por parte do organismo receptor ningún compromiso en canto á posterior incorporación do interesado ó cadro de persoal deste.

Os bolseiros están obrigados a residir na Comunidade Autónoma salvo durante os períodos de formación ós que expresamente se lles autorice.

O bolseiro está obrigado a notificarlle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro a data de defensa da súa tese e a cualificación obtida. No suposto de que non realice a defensa da tese, deberá notificalo igualmente á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, indicando as causas que motivaron esta circunstancia.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades cobradas consonte o establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia na redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

12. Incidencias.

A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro resolverá tódalas dúbidas e incidencias que se poidan presentar na aplicación desta convocatoria.