Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Mércores, 04 de xuño de 2003 Páx. 7.165

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

EDICTO (89/2003).

Ana María Navarro Gómez, secretaria do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela, fai saber que no dito tribunal se tramita procedemento de quebra 89/2003, por solicitude da entidade Hardware and Programing Galicia, S.A., no que se dictou resolución que copiada literalmente di:

Auto.

Xuíza/maxistrada-xuíza: Pura Caaveiro Ameneiro.

En Santiago de Compostela o tres de abril de dous mil tres.

Únanse os escritos e documentos presentados polo procurador Regueiro Muñoz e

Antecedentes de feito:

Primeiro.-O procurador Victorino Regueiro Muñoz, en nome e representación da entidade mercantil Hardware and Programing Galicia, S.A., con data do 14 de febreiro de 2003, presentou escrito solicitando a declaración de quebra voluntaria da súa representada, polos motivos que alega na memoria que se achega xunto co balance xeral dos negocios da sociedade, con data do 31 de xaneiro de 2003,

xuntándose igualmente relación de acredores, contas anuais e informe de xestión correspondente ó exercicio económico 2002 e demais documentos, coa finalidade de xustificar debidamente a súa solicitude.

Segundo.-Remitida a anterior solicitude, dictouse providencia con data do 20 de febreiro de 2003, requirindo do referido procurador que achegase o domicilio dos acredores e xustificase o domicilio social actual da súa representada, dada a disparidade existente en canto a el, polo exame das escrituras achegadas, o que levou a efecto mediante escritos con datas do 17 e 19 de marzo de 2003, acreditando tamén a dita representación o acordo adoptado pola xunta xeral ordinaria e extraordinaria do 3 de marzo de 2003.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-De conformidade co disposto nos artigos 1017 a 1022 do Código de Comercio, ós que se remite o artigo 1324 da L.A.C. de 1881, e tendo en conta que no caso que nos ocupa se cumpriron os requisitos legalmente esixidos, presentándose a solicitude debidamente documentada, resulta procedente, de conformidade co previsto no artigo 1024 do Código de Comercio de 1829, declarar en estado de quebra a entidade Hardware and Programing Galicia, S.A., con domicilio social en avda. de San Lázaro 85, baixo, de Santiago de Compostela, con tódolos efectos legais inherentes a tal declaración.

Segundo.-En aplicación do disposto no artigo 1044 do Código de Comercio de 1829, e artigos 1333 e 1334 da L.A.C. de 1881, e como efecto legal inherente a tal declaración, débese proceder ó nomeamento dun comisario co cometido tanto de asesoramento a esta xulgadora como de adopción das pertinentes decisións sobre a conservación dos bens, exame da contabilidade e presidencia das xuntas.

De igual modo, e conforme o previsto nos artigos 1044 e 1049 do Código de Comercio de 1829, e 1333 da L.A.C. de 1881, débese designar un depositario a cargo do cal se porá a conservación de tódolos bens que se ocupen á entidade declarada en quebra e ata que se proceda ó nomeamento dos síndicos.

Terceiro.-O resto das disposicións que se adoptan son as previstas legalmente nos artigos 1044 do Código de Comercio de 1829, artigos 1337, 1338 e demais concordantes, esixidos tanto na lexislación civil como mercantil.

Parte dispositiva:

Acordo: declarar en estado de quebra voluntaria a entidade Hardware and Programing Galicia, S.A., con domicilio social na avda. de San Lázaro 84, baixo, titular do CIF: A15075146, a cal queda inhabilitada para administrar e dispoñer dos seus bens, retrotraéndose os efectos da quebra ó día de presentación do estado de solicitude dela ante o xulgado, con data do 14 de febreiro de 2003 e coa calidade de polo de agora e sen prexuízo de terceiro, con

data do 14 de febreiro de 2001. Noméase comisario da quebra a Enrique Feáns Parada, economista, a quen se fará sabe-lo seu nomeamento por medio de oficio ou fax co fin de que compareza ante este xulgado e, logo de aceptación do cargo e prestación do oportuno xuramento ou promesa, proceda inmediatamente á ocupación dos bens e papeis do quebrado, formación de inventario e depósito, na forma que a lei determina; desígnase para o cargo de depositario a Tomás Ucieda Somoza, economista, o cal antes de dar principio ás súas funcións, comparecerá a presencia xudicial a acepta-lo cargo, se é o caso, e xurar e promete-lo seu fiel desempeño, poñéndose baixo a súa custodia a conservación de tódolos bens da quebrada ata que se nomeen os síndicos. Decrétase o arresto do administrador único da quebrada, Pedro Martínez de la Riva Rico, titular do DNI: 33216899-T, que poderá evitar mediante a prestación dunha fianza de 7.000 euros, que deberá prestar no prazo de cinco días a partir da notificación

desta á representación procesual en autos da quebrada.

Procédase á ocupación das pertenzas da quebrada, os seus bens, libros, papeis e documentos de xiro, que terá efecto na forma previda no artigo 1046 do Código de Comercio de 1829. Decrétase a retención de toda a correspondencia postal e telegráfica da quebrada, para o cal se expedirán as ordes e comunicacións oportunas á Administración de Correos e Telégrafos desta cidade, co fin de que se remita a este xulgado toda a dirixida á entidade que agora é declarada en quebra, procedendo á súa apertura nas datas que se sinalen na peza que se formará. Expídase mandamento por duplicado ó rexistrador mercantil da Coruña, facéndose sabe-la existencia deste xuízo universal, para os efectos legais oportunos, da incapacidade da entidade para administrar e dispoñer dos seus bens.

Decrétase a inhabilitación do administrador único da sociedade, Pedro Antonio Martínez de la Riva Rico, para os actos de administración relativos ó tráfico dela.

Publíquese esta declaración de quebra mediante edictos que se inserirán no BOE e no DOG, e que se fixarán no taboleiro de anuncios deste xulgado, transcribindo a parte dispositiva deste auto, e nos que se fará constar que a entidade quebrada quedou inhabilitada para a administración e disposición dos seus bens, previndo que ninguén lle faga pagamentos nin entrega de bens á quebrada, debendo verificalo desde agora ó depositario administrador e, posteriormente, ós síndicos que resulten nomeados, con apercibimento de non os ter por descargados das súas obrigas e previndo a todas aquelas persoas no poder das cales existan bens pertencentes á quebrada para que fagan manifestación diso entregándolle notas ó comisario da quebra, baixo apercibimento de ser tidos por ocultadores de bens e cómplices da quebrada. Cúbrase e cúrsese o oportuno boletín á Delegación Provincial do Instituto Nacional de Estatística. Decrétase a acumulación a este xuízo

universal de quebra dos preitos e execucións pendentes contra a entidade quebrada, excepto aquelas en que só se persigan bens especialmente hipotecados, debendo o solicitante comunicar a este xulgado os procedementos pendentes de tramitación contra a entidade quebrada para acorda-lo procedente.

Expídanse oficios ós xulgados de primeira instancia e instrucción e do social desta cidade e de Vigo, co obxecto de que o secretario xudicial correspondente certifique a existencia dos procedementos a que se refire a acumulación decretada.

Unha vez que o comisario presente o estado ou a relación dos acredores, acordarase o procedente para a realización da xunta para nomeamento dos síndicos. Rexístrense estes autos no libro especial de suspensións de pagamentos e quebras deste xulgado, e con testemuño desta resolución fórmense as distintas pezas separadas do procedemento.

Notifíqueselle esta resolución á compañía quebrada, a través da súa representación procesual, e particípese a incoación deste procedemento ó Fondo de Garantía Salarial, para os fins previstos no artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíqueselle esta resolución ó Ministerio Fiscal, e póñase en coñecemento do presidente.

De conformidade co establecido nos artigos 1321 e seguintes da L.A.C., fórmense, con testemuño desta resolución, as correspondentes pezas separadas, que se subdividirán nos ramos que sexan necesarios, para actuar todo o relativo a cada unha das cinco seccións que comprende a declaración de quebra.

Contra esta resolución cabe recurso de reposición que se interporá no prazo de tres días ante este xulgado. Así mesmo, a quebrada poderá formular oposición, que se substanciará polo trámite dos incidentes, no prazo dos oito (8) días seguintes ó da publicación desta resolución, ante este xulgado.

Así o manda e asina S.S. Dou fe.

A xuíza/maxistrada-xuíza. O/a secretario/a.

E para a súa inserción no Boletín Oficial del Estado, no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil e no Diario Oficial de Galicia, expido este edicto en Santiago de Compostela o sete de abril de dous mil tres.

O/a secretario/a

Rubricado