Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 02 de xuño de 2003 Páx. 7.049

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 21 de maio de 2003 pola que se delega nos delegados provinciais da Consellería de Medio Ambiente o exercicio de determinada competencia.

Os traballos de defensa contra incendios forestais teñen, pola súa propia natureza, un carácter especial que aconsella, na procura dun mellor cumprimento dos principios de economía, celeridade e eficacia, delegar nos delegados provinciais o exercicio da competencia para efectua-las contratacións do persoal laboral temporal necesario para o seu desenvolvemento e execución.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, e 43 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e demais disposicións de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Delégase nos delegados provinciais o exercicio da competencia para efectua-las contratacións de persoal laboral temporal dos servicios provinciais de defensa contra incendios forestais ós que sexa de aplicación o acordo do 28 de xullo de 1995 (DOG do 8 de setembro).

Artigo 2º

As contratacións que se realicen facendo uso da delegación contida nesta orde indicarán expresamente esta circunstancia e consideraranse efectuadas polo órgano delegante.

Artigo 3º

O conselleiro poderá avocar para si en calquera momento o exercicio das competencias delegadas nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2003.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente