Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Venres, 30 de maio de 2003 Páx. 7.009

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2003 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. (Sepides) e as entidades financeiras adheridas para a habilitación dunha liña de microcréditos para autónomos e microempresas.

A Xunta de Galicia e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), no ámbito do Plan Galicia e do Plan de Dinamización Económica recentemente aprobados polo Goberno da nación e pola Xunta de Galicia, respectivamente, subscribiron un convenio marco para desenvolver coordinadamente un conxunto de medidas para impulsar e estimula-la actividade económica en Galicia e contribuír así a palia-los efectos causados polo naufraxio do buque petroleiro Prestige.

Entre as medidas incluídas prevese a posta á disposición das empresas galegas por parte de Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. (entidade dependente da SEPI) e do Igape dunha liña de financiamento de microcréditos, que as partes entenden que debe favorece-lo acceso ó financiamento, ó desenvolvemento das microempresas en xeral, e á cobertura das necesidades específicas das novas microempresas en particular.

Con data do 20 de maio, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. e 17 entidades financeiras adheridas asinaron un convenio para a creación e posta en marcha dunha liña de financiamento de microcréditos para microempresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Polo que antecede, e en virtude das facultades que teño conferidas mediante o artigo 12 a) da Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, e do artigo 11.1º a) do Decreto 317/1992, do 12 de novembro, polo que se aproba o regulamento do Igape,

RESOLVO:

Facer público o texto do convenio como anexo I e a relación de entidades financeiras adheridas que subscribiron e que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2003.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego

de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Sepi Desarrollo

Empresarial, S.A. (Sepides) e as entidades financeiras adheridas, para a habilitación dunha liña de microcréditos para autónomos e microempresas que realicen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

En Santiago de Compostela 20 de maio de 2003.

Reunidos:

-José Antonio Orza Fernández, conselleiro de Economía e Facenda, en nome e representación do Instituto Galego de Promoción Económica (en diante Igape) na súa calidade de presidente, representación nata que lle corresponde de acordo coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape.

-Javier Goizueta Sánchez, en nome e representación da entidade Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. (en diante Sepides), na súa calidade de presidente de Sepides.

Considerando que:

I. A Xunta de Galicia e a Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI), no ámbito do Plan Galicia e do Plan de Dinamización Económica recentemente aprobados polo Goberno da nación e pola Xunta de Galicia, respectivamente, subscribiron un convenio marco para desenvolver coordinadamente un conxunto de medidas para impulsar e estimula-la actividade económica en Galicia e contribuír así a palia-los efectos causados polo naufraxio do buque petroleiro Prestige.

II. Desde o 28 de marzo de 2002, ó abeiro dun convenio celebrado entre o Igape, a Compañía Española de Reafianciamento, S.A., as sociedades de garantía recíproca galegas e diversas entidades financeiras, está á disposición das microempresas galegas unha liña de financiamento de microcréditos orientada a financia-la realización de investimentos en activos fixos.

III. O efecto dinamizador das actividades desenvolvidas polos empresarios autónomos e microempresas, sobre todo respecto á súa capacidade xeradora de emprego, tivo ó longo destes últimos anos un claro recoñecemento por parte das institucións públicas que realizaron importantes esforzos para favorecer estes colectivos desde os diferentes ámbitos: fiscal, prestacións sociais, apoios financeiros, simplificación de obrigas contables, etc., proceso no que se integra un novidoso marco procedemental desenvolvido pola Lei da Sociedade Limitada Nova Empresa. Sen embargo, en moitos casos, os niveis de risco inherentes ó inicio dunha nova actividade empresarial por parte de empresarios autónomos e microempresas provocan especiais dificultades para o acceso a fontes de financiamento en condicións axeitadas. Adicionalmente, estes proxectos contan ademais coa necesidade de financiar investimentos en aprovisionamentos iniciais de existencias. Estes aspectos aconsellan impulsa-la existencia de

canles de financiamento específicas para estes novos empresarios, sen obviar, non obstante, outras microempresas con necesidades similares para o seu

crecemento e consolidación que, considerando a viabilidade dos proxectos como elemento básico, conten cunha maior implicación da Administración para comparti-los riscos que pode implica-la súa posta en marcha, tendo en conta as necesidades de financiamento do capital circulante e de extensión dos prazos de reembolso. Búscase, a través da colaboración de Sepides e Igape, complementa-lo actual programa de microcréditos operativo en Galicia desde 2002, dando resposta máis específica a estes colectivos.

IV. Entre as medidas incluídas no convenio marco citado prevese a posta á disposición das empresas galegas por parte de Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. (entidade dependente da SEPI) e do Igape dunha liña de financiamento de microcréditos, que as partes entenden que debe favorece-lo acceso ó financiamento, ó desenvolvemento das microempresas en xeral, e á cobertura das necesidades específicas comentadas anteriormente das novas microempresas en particular.

As partes previamente postas de acordo conveñen en subscribir este convenio de colaboración con suxeición ás seguintes cláusulas:

Cláusula 1ª.-Obxecto.

1.1. Este convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Sepi Desarrollo Empresarial, S.A. (Sepides) e as entidades financeiras adheridas para a creación e posta en marcha dunha liña de financiamento de microcréditos para microempresas que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Cláusulas 2ª.-Beneficiarios do financiamento.

2.1. Poderán acceder ó mecanismo de financiamento previsto neste convenio aquelas empresas e autónomos con domicilio fiscal en Galicia que teñan a consideración de microempresas conforme a definición establecida pola Comisión Europea.

2.2. Para os ditos efectos, terá a consideración de microempresa a unidade económica con personalidade física ou xurídica, que reúna cada un dos seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 10 traballadores. O número de empregados corresponderá ó número de unidades de traballo/ano (UTA), é dicir, o número de asalariados a xornada completa empregados durante un ano, constituíndo o traballo a tempo parcial ou o traballo estacional fraccións de UTA. Como ano de referencia tomarase o ano do último exercicio pechado.

b) Que teña un volume de negocios anual non superior a 7 millóns de euros, ou ben un balance xeral anual que non exceda de 5 millóns de euros. Os ditos límites calcularanse segundo o último exer

cicio financeiro pechado. No caso de empresas de nova creación que, nas que aínda non se pechasen, os límites aplicalbes deberanse basear en estimacións fiables realizadas durante o exercicio financeiro.

c) Que cumpra o criterio de independencia tal como se define a continuación:

Consideraranse empresas independentes as empresas nas que o 25% ou máis do seu capital ou dos seus dereitos de voto non pertenza a outra empresa, ou conxuntamente a varias que non respondan á definición de microempresa. Este límite poderá superarse nos dous casos seguintes:

-Se a empresa pertence a sociedades públicas de participación, sociedades de capital risco ou a investidores institucionais, sempre que estes non exerzan, individual ou conxuntamente, ningún control sobre a empresa.

-Se o capital está distribuído de tal forma que non é posible determinar quén o posúe e se a empresa declara que pode lexitimamente presumir que o 25% ou máis do seu capital non pertence a outra empresa ou conxuntamente a varias empresas que non respondan á definición de microempresas.

Para o cálculo dos límites recollidos nas letras a) e b) engadiranse as cifras correspondentes da empresa beneficiaria e de tódalas empresas nas que posúa directa ou indirectamente o 25% ou máis do seu capital ou dos dereitos de voto.

2.3. Os requisitos establecidos no punto 2.2 anterior adaptaranse ó establecido en cada momento pola Comisión Europea en canto a definición de microempresas.

Cláusula 3ª. Incompatibilidade.

Os gastos financeiros que se deriven do financiamento obtido ó abeiro deste convenio non poderán ser obxecto doutros apoios xestionados polo Igape ou Sepides.

Cláusula 4ª. Destino das operacións financeiras.

4.1. O proxecto investidor deberá consistir na adquisición, instalación, ampliación ou renovación de activos fixos e/ou, para novas microempresas, aprovisionamentos iniciais de existencias adquiridos a terceiros dirixidos á posta en marcha da nova actividade empresarial. O dito proxecto non poderá ser obxecto doutro financiamento alleo ás achegas propias do promotor que a recollida neste programa. No suposto de que este proxecto investidor obtivese unha subvención a fondo perdido do Igape, o seu importe será aplicado polo Igape a amortizar anticipadamente o microcrédito.

4.2. Poderanse financia-los investimentos e gastos enumerados nos puntos 3 e 4 desta cláusula, rea

lizados con posterioridade á presentación da solicitude do préstamo ante a entidade financeira.

4.3. Salvo polo indicado no punto 4.4 seguinte, o préstamo ou contrato de arrendamento financeiro deberá destinarse exclusivamente a financiar:

a) Inmobilizado material, agás a adquisición de terreos e edificacións:

-Reforma e acondicionamento de locais.

Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Elementos de transporte, exclusivamente vehículos industriais.

-Honorarios facultativos de proxecto e dirección de obra.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

b) Inmobilizado inmaterial: unicamente aplicacións informáticas, propiedade industrial, propiedade intelectual e canons de concesións administrativas ou franquías.

4.4. Para aquelas empresas e autónomos que iniciasen a súa actividade dentro dos últimos doce meses anteriores á solicitude do préstamo, este poderá destinarse tamén ó financiamento de aprovisionamentos iniciais de existencias destinadas á súa transformación e comercialización ou á súa comercialización directa.

Cláusula 5ª. Características das operacións de financiamento.

5.1. Criterios de concesión.

Os proxectos analizaranse con base na súa viabilidade, tanto desde o punto de vista da súa dimensión como da capacidade financeira da empresa solicitante.

5.2. Importe.

O importe do principal dos préstamos ou contratos de arrendamento financeiro subscritos ó abeiro deste convenio será como máximo de 25.000 euros, non podendo exceder, se é o caso, de 7.500 euros a parte destinada a financiar aprovisionamentos de existencias.

Ó mesmo tempo, o risco vivo de cada empresa por operacións financeiras formalizadas ó abeiro deste convenio non poderá supera-los 25.000 euros máis a capitalización dos xuros correspondentes ó primeiro ano.

5.3. Tipo de xuro.

O tipo de xuro nominal anual aplicable polas entidades financeiras para as operacións acollidas a este sente convenio será o 2,5% fixo para toda a duración do préstamo.

5.4. Tipo de xuro de demora.

O tipo de xuro de demora aplicable polas entidades financeiras non poderá exceder do 10% anual.

5.5. Comisións.

As entidades financeiras adheridas non repercutirán ós beneficiarios ningún tipo de gasto ou comisión derivado das operacións aprobadas en aplicación deste convenio.

5.6. Garantías da operación.

As institucións implicadas non requirirán outra garantía adicional que as persoais da/s propia/s persoa/s física/s ou xurídica/s que promovan ou desenvolvan a actividade empresarial.

5.7. Disposición da operación financeira e realización dos investimentos.

A disposición das operacións formalizadas ó abeiro deste convenio será dunha soa vez, contra xustificación da realización das operacións financiables no período comprendido entre a presentación da solicitude e a data de formalización da operación, debendo quedar así mesmo acreditado que o pagamento ós provedores foi xa realizado no dito período ou se realiza simultaneamente á disposición dos fondos. Non se prevé, por tanto, a posibilidade de que se realicen disposicións parciais deles.

O prazo para a formalización e disposición da operación financeira será o que fixe a entidade financeira na súa comunicación de aceptación da operación e en función da programación proposta pola empresa para a execución do proxecto, sen que este poida supera-los seis meses desde a data de comunicación da operación ó Igape que se recolle na cláusula 7.2 deste convenio. Transcorridos os ditos prazos sen que se dispuxese dos fondos para a realización das operacións financiables, decaerá o expediente. Neste caso, o beneficiario poderá reitera-la súa solicitude téndose en conta a data da súa primeira solicitude para efectos de cómputo das operacións financiables respecto ó previsto na cláusula 4.2, sempre que esta corresponda ó ano inmediato anterior e, en todo caso, sometido ás condicións e requisitos que fosen aplicables ó convenio para o exercicio en que a reitera.

5.8. Prazo de amortización.

O prazo de vixencia das operacións acollidas a este convenio será como mínimo de tres (3) anos, podendo acadar ata dez (10) anos, incluíndo un (1) ano de carencia na amortización do principal e xuros. Os xuros do primeiro ano acumularanse ó principal para a súa amortización ó longo do prazo restante do préstamo.

As amortizacións serán realiszadas polo beneficiario en cotas constantes comprensivas de amortización e xuros, con devengo e vencemento nos períodos que para tal efecto se pacten entre prestamista e prestatario, debendo recolle-la póliza ou escritura o número de cotas e as datas en que se producirán a primeira e a última.

A operación financeira poderá ser amortizada sen custo de forma anticipada, total ou parcialmente, á vontade do beneficiario. As amortizacións anti

cipadas parciais que, se e o caso, realice voluntariamente o beneficiario poderán aplicarse a reducir en igual contía as cotas de amortización restantes ou ben o prazo de amortización da operación.

Cláusula 6ª.-Compromisos dos partícipes no convenio.

6.1. Sepides e Igape comprométense a:

a) Poñer á disposición das entidades financeiras que se adhiran a este convenio a través do Igape os fondos dispoñibles, que inicialmente ascenden a 10 millóns de euros, que serán achegados por ámbalas institucións a partes iguais, para a concesión por parte daquelas de microcréditos a microempresas nas condicións descritas neste convenio. Os fondos serán transferidos ás entidades financeiras de acordo coas operacións formalizadas tal como se indica na cláusula 8ª.

b) Asumir, a partes iguais entre ámbalas institucións, un 75% do risco de non pagamento do principal dos créditos concedidos polas entidades financeiras ós beneficiarios finais.

c) Incluí-la liña de microcréditos a que fai referencia este convenio en tódalas accións de divulgación e asesoramento dos instrumentos de axuda e financiamento para as microempresas e autónomos galegos que ámbalas institucións realizan.

d) Poñe-los recursos humanos e materiais da unidade de información especializada do Igape a través das súas diferentes oficinas territoriais e da oficina de Sepides na Coruña en disposición de prestar servicios de atención e información ó público sobre esta liña de microcréditos e de apoio para a formalización de solicitudes e a súa remisión á entidade financeira correspondente por petición do interesado.

e) Colaborar en tódalas labores de seguimento do grao de implantación desta liña de microcréditos.

6.2. Adicionalmente, o Igape comprométese a:

a) Presta-la súa colaboración e recursos para a divulgación deste convenio ás entidades financeiras con implantación en Galicia, e coordinar e mante-las reunións que sexan necesarias con elas para procura-la súa adhesión a el.

b) A realización, coordinadamente con Sepides, de visitas de inspección ás entidades financeiras con obxecto de verifica-lo cumprimento por parte destas das condicións establecidas neste convenio.

c) Xestiona-la operativa necesaria para a cesión dos fondos dispoñibles ás entidades financeiras e a recepción dos reembolsos correspondentes.

6.3. As entidades financeiras adheridas comprométense a:

a) Concede-las operacións financeiras nos termos e condicións establecidos neste convenio ou xus

tificar a través do Igape os motivos da súa denegación.

b) Asumir un 25% do risco de non pagamento dos créditos concedidos por estas ós beneficiarios finais.

c) Manter á disposición de Sepides e do Igape a documentación relativa ós requisitos dos beneficiarios e ó destino da operación financeira durante un prazo de alomenos cinco (5) anos desde a disposición dos fondos, e remitirlle a ámbalas aclaracións que soliciten respecto deles.

d) Desenvolve-los procedementos necesarios para o bo fin da tramitación das operacións, poñer tódolos medios dispoñibles para facilita-lo acceso a esta liña de financiamento ás microempresas galegas e colaborar na difusión deste programa.

e) Realiza-las xestións de cobramento segundo as súas prácticas habituais, tendo en conta para estes efectos o importe pendente de cobramento.

Cláusula 7ª.-Tramitación das solicitudes.

7.1. As microempresas interesadas que reúnan os requisitos establecidos neste convenio dirixirán a súa solicitude a calquera entidade financeira adherida ó convenio segundo o modelo que se inclúe como anexo I, xunto coa documentación que nel se relaciona e que incorpora unha declaración responsable sobre a veracidade dos datos contidos nela e a autorización ó adecuado tratamento e cesión dos datos persoais do solicitante entre os partícipes do convenio. Así mesmo, os solicitantes deberán formaliza-las autorizacións pertinentes ante o Banco de España para efectos de comprobación de riscos, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

7.2. Unha vez analizada a solicitude pola entidade financeira e nun prazo máximo de 15 días, deberalle comunicar ó Igape a súa disposición a aceptar ou non a dita solicitude.

No suposto de que a solicitude non sexa aceptada pola entidade financeira, esta comunicaralle tal circunstancia ó Igape simultaneamente á comunicación escrita ó solicitante.

No suposto de que a solicitude sexa aceptada pola entidade financeira, esta remitiralle ó Igape a información relativa á operación que se indica como anexo III, na que a entidade financeira manifestará a que conta coa documentación suficiente que acredita que o beneficiario cumpre os requisitos necesarios para acollerse ó financiamento recollido neste convenio. O Igape rexistrará correlativamente as comunicacións de aceptación recibidas das entidades financeiras e contestará no prazo de dous (2) días hábiles á entidade financeira sobre a concesión definitiva da operación e a existencia de fondos dispoñibles na liña para transferirlle á entidade financeira. No momento de envío desta comunicación do Igape á entidade financeira, o Igape rexistrará a

correspondente reserva de fondos asignados á operación en cuestión, que incluirá o importe equivalente a un ano de xuros, de forma que manteña un rexistro actualizado dos fondos dispoñibles na liña para futuras operacións. Esta reserva de fondos manterase ata que transcorra o prazo para a formalización da operación a que se fai referencia na cláusula 5.7. Se transcorrido dito prazo o Igape non ten constancia de que a operación foi formalizada e disposta, a dita reserva de fondos será anulada e os fondos quedarán dispoñibles para outras operacións.

7.3. A entidade financeira, unha vez recibida a confirmación por parte do Iape, acordará co solicitante o momento para a formalización e disposición do préstamo dentro do límite maximo autorizado. Previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira comprobará a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución das operacións financiables e o seu pagamento, o que poderá ser previo ou simultáneo á formalización, asegurándose de que o destino da operación financeira corresponde á liquidación destes pagamentos en cumprimento do estipulado na cláusula 4ª acerca do destino dos fondos. A entidade financeira poderá, se o xulga conveniente, admitir como operacións financiables operacións diferentes ás previstas no proxecto presentado polo solicitante, sempre que cumpran as condicións previstas nas cláusulas 4ª e 5ª deste convenio e que, se é o caso, deberá notificar ó Igape, mediante a nova remisión do anexo III.

7.4. O Igape informará mensualmente a Sepides de tódalas operacións que fosen solicitadas, tanto das aprobadas como das denegadas. Indicaranse as cantidades e condicións concedidas, a descrición dos proxectos aprobados, así como aquelas operacións falidas e de recobramento de acordo co establecido na cláusula 8.3.

7.5. As partes adheridas ó convenio comprométense a establece-los procedementos internos que resulten necesarios para asegura-la maior axilidade na tramitación das operacións, dentro do respecto á legalidade e a súa normativa propia.

Cláusula 8ª.-Liquidacións das transferencias de fondos entre Sepides, Igape e as entidades financeiras.

8.1. Quincenalmente, dentro dos dez días hábiles seguintes ó final de cada quincena, as entidades financeiras comunicarán ó Igape, de acordo co modelo que se inclúe como anexo IV, as operacións formalizadas na quincena xunto cos importes de cada operación, co obxecto de que o Igape lles transfira os fondos correspondentes ás ditas operacións. O importe incluirá o principal do préstamo e o valor dos xuros correspondentes ó período dun ano. O importe destes xuros determinarase multiplicando o principal do préstamo por un coeficiente de 0,0245.

O principal do préstamo máis os xuros dun ano así calculados constituirá o capital que deberá reintegra-lo beneficiario do préstamo durante o prazo restante. Unha copia da dita comunicación será remitida polo Igape a Sepides.

8.2. O Igape comprobará que as operacións dispostas contaban coa reserva de fondos indicada no punto 7.2 anterior, e no prazo de cinco días hábiles desde a recepción da comunicación indicada no punto anterior transferirá os fondos determinados conforme o establecido na cláusula 8.1 anterior á conta que a entidade financeira teña aberta no Banco de España. Simultaneamente, o Igape solicitará a Sepides unha transferencia de fondos correspondentes ó 50% das operacións dispostas, que Sepides está obrigado a realizarlle ó Igape dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes ó da súa recepción.

8.3. O principal do préstamo máis os xuros do primeiro ano determinados conforme o establecido na cláusula 8.1 anterior, constitúe o importe que deberán reintegra-las entidades financeiras ó Igape durante o prazo restante de cada préstamo concedido, que coincidirá co plan de reembolso pactado entre a entidade financeira e cada beneficiario.

8.4. As transfencias de fondos do Igape a cada unha das entidades financeiras quedarán sometidas ás seguintes condicións:

-Os fondos transferidos a través do Igape ás entidades financeiras non devengarán xuros, salvo que a devolución dos fondos por estas ó Igape non se produzan nos prazos estipulados neste convenio por atrasos imputables ás propias entidades. Non se terán en conta diferencias inferiores a 10 euros. As cantidades non aboadas devengarán un tipo de xuro anual do euribor a un ano máis 4 puntos porcentuais. Par estes efectos computarase o euribor do primeiro día en que se producise o incumprimento.

-Cada entidade financeira, dentro dos dez días hábiles seguintes ó final de cada quincena, reembolsará ó Igape os importes do principal máis os xuros do ano de carencia de todos aqueles microcréditos que lles reembolsasen os seus clientes na quincena anterior. O 50% dos reembolsos recibidos polo Igape serán transferidos por este a Sepides dentro dos cinco días hábiles seguintes ó da súa recepción.

-Naqueles casos de falta de pagamento do beneficiario do microcrédito e transcorrido un período de 180 días desde o primeiro impagado no que as entidades financeiras efectuarán as oportunas xestións para a súa regularización, de acordo coas súas prácticas habituais, a entidade financeira declarará falida a operación e notificaralle ó seu cliente o peche da conta do préstamo intervido por notario. Unha vez acreditada ante o Igape a declaración dunha operación como fallida, a entidade financeira reembolsaralle ó Igape o 25% do principal non recuperado e o Igape remitirá o 50%

de dita cantidade a Sepides. Para acreditar unha operación como falida, a entidade financeira remitiralle ó Igape:

*Documentación acreditativa das xestións de cobramento realizadas (requirimentos, correspondencia, etc.) de acordo coas súas prácticas habituais.

* O peche de conta intervido por notario e notificado ó seu cliente coa rescisión do préstamo da reclamación das cantidades debidas.

-Calquera recobramento posterior de operacións declaradas falidas deberá ser notificada pola entidade financeira correspondente ó Igape acompañada da correspondente transferencia de fondos ó Igape do principal recuperado dentro dos dez días hábiles seguintes a aquel no que se producise. O Igape transferirá así mesmo o 50% de ditos importes a Sepides no mesmo prazo.

Cláusula 9ª.-Control.

9.1. Tanto as entidades financeiras, como os beneficiarios das operacións de financiamento, quedan obrigados a someterse ás actuacións de control que se efectúen polo Igape ou os órganos internos ou externos de control da Comunidade Autonoma de Galicia, para verifica-lo cumprimento dos requisitos e finalidades das operacións financeiras acollidas a este convenio. Este extremo quedará reflectido no contrato de préstamo que se subscriba con cada beneficiario.

9.2. En caso de comprobación de incumprimento das condicións deste convenio para algunha das operacións financeiras acollidas a el, procederá o reintegro das cantidades inicialmente percibidas polas entidades financeiras de Sepides e Igape, deducidos os importes previamente reembolsados a estas máis os xuros de demora devengados. Ante calquera incumprimento que fose imputable ó beneficiario, a entidade financeira poderá declarar rescindido o préstamo reclamando as cantidades pendentes de pagamento e repercutindo, no seu caso, os xuros de demora correspondentes ó beneficiario.

Cláusula 10ª.-Denuncia do convenio.

10.1. Será causa suficiente para a resolución deste convenio o incumprimento por algunha das partes de calquera das súas cláusulas, logo de denuncia cun mínimo de 30 días de aviso previo.

10.2. A resolución do convenio suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa contraídas por calquera das partes.

Cláusula 11ª.-Adhesión de entidades financeiras ó convenio.

11.1. Sepides e o Igape invitarán a adherirse a este convenio a todas aquelas entidades financeiras que tendo acreditado unha presencia significativa en Galicia, así como a súa solvencia técnica e finan

ceira, xa colaborasen co instituto nos seus programas de subsidiación ó tipo de xuro de préstamos, créditos ou operacións de arrendamento financeiro.

11.2. Así mesmo poderán insta-la súa adhesión a este convenio todas aquelas entidades financeiras acreditadas polo Banco de España que, demostrando unha implantación significativa en Galicia, dispoñan dos medios técnicos adecuados para asegura-la correcta tramitación dos expedientes conforme o establecido neste convenio e os seus anexos.

11.3. A adhesión formalizarase mediante o asinamento, por apoderado con facultades bastantes da declaración que se xunta como anexo V a este convenio.

Cláusula 12ª.-Seguimento do convenio.

Unha comisión formada por un representante de Sepides e un representante do Igape habilitará os mecanismos necesarios que aseguren a adecuada coordinación entre os partícipes do convenio e resolverá tódalas incidencias ou discrepancias que poidan xurdir da interpretación das súas cláusulas. Esta comisión definirá o tipo e contido da información estatística ou doutro tipo que periodicamente enviará o Igape a Sepides sobre a evolución das operacións formalizadas ó abeiro deste convenio.

CLáusula 13ª.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poidéndose formalizar microcréditos ó abeiro del sempre que non se esgotasen os fondos dispoñibles, previstos en 10 millóns de euros, e ata o 31 de decembro do ano 2005, e estendéndose a súa vixencia ata a total liquidación das operacións formalizadas sen prexuízo das adecuacións que, se é o caso, fosen necesarias e así se pactasen por acordo das partes.

Este convenio poderá ser prorrogado por acordo das partes e, se é o caso, poderán acordarse achegas de fondos por parte de Sepides e Igape.

E en proba de conformidade, asinan este documento, no lugar e data do encabezamento, en catro exemplares nas dúas versións, castelán e galego, sendo esta última a que prevalecerá no caso de discrepancias por erros gramaticais.

Polo Igape:

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica.

Por Sepides:

Javier Goizueta Sánchez

Presidente de Sepi Desarrollo Empresarial, S.A.

ANEXO V

Documento de adhesión ó convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a sociedade Sepi, Desarrollo Empresarial, S.A. (Sepides) e as entidades financeiras, polo que se habilita unha liña de microcréditos para autónomos e microempresas que realicen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia

D./Dna. , con DNI ,

en nome e representación da entidade ,

facultado para este acto segundo o declara expresamente

DECLARA:

1. Coñece-los termos e/ou condicións do convenio de colaboración subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a sociedade Sepi, Desarrollo Empresarial, S.A. e as entidades financeiras adheridas, polo que se habilita unha liña de microcréditos para autónomos e microempresas que realicen a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, así como as súas normas de procedemento interno.

2. Que ten interese en participar no dito convenio e, polo tanto, se adhire ós termos e ás condicións referidos no punto 1.

..., ... de ... de ... (lugar e data).

Pola entidade financeira

Asdo.:

Presidente/a do Igape

ANEXO II

Relación de entidades financeiras adheridas

Banco Pastor.

Banco Bilbao Vizcaya Argentaria.

Banesto.

Banco Zaragozano.

Banco Simeón.

Banco Santander Central Hispano.

Banco popular.

Banco de Sabadell.

Banco Gallego.

Banco Etcheverría.

Banco de Galicia.

Banco Atlántico.

Caixa Galicia.

Caixa Nova.

Caja España.

Caixa Rural Galega.

Lico Leasing, S.A.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA