Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Xoves, 29 de maio de 2003 Páx. 6.957

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do aproveitamento hidroeléctrico no río Conso, no concello de Vilariño de Conso (Ourense), promovido pola empresa Hidroeléctrica del Liñares, S.L.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise pública a Resolución do 5 de febreiro de 2003, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto do aproveitamento hidroeléctrico no río Conso, no concello de Vilariño de Conso (Ourense), promovido pola empresa Hidroeléctrica del Liñares, S.L. que se transcribe como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación que constitúe o expediente do proxecto presentado por Hidroeléctrica del Liñares, S.L., entre a que se atopan os seguintes documentos:

-Proxecto: aproveitamento hidroeléctrico no río Conso. Xaneiro, 2000.

-Estudio de impacto ambiental del A.H. no río Conso. Termo municipal de Vilariño de Conso. Ourense. Setembro, 2001.

-Estudio específico das posibles afeccións do A.H. no río Conso ó lugar Macizo Central. Termo municipal de Vilariño de Conso. Ourense. Xullo, 2002.

A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudio ambiental e restante documentación avaliada, tendo en conta que, no caso de que exista contradicción entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

En calquera caso, a prelación da documentación é a seguinte:

-Declaración,

-Estudio específico das posibles afeccións do A.H. no río Conso ó lugar Macizo Central. Termo municipal de Vilariño de Conso. Ourense. Xullo, 2002.

-Estudio de impacto ambiental do A.H. no río Conso. Termo municipal de Vilariño de Conso. Ourense. Setembro, 2001 e Proxecto: aproveitamento hidroeléctrico no río Conso. Xaneiro, 2000.

a) Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese en exclusiva á instalación dun aproveitamento hidroeléctrico en réxime de explotación fluínte no río Conso, no concello de Vilariño de Conso, entre as cotas 993,5 e 895 msnm, para un caudal máximo de 3.800 l/s.

As instalacións previstas son as recollidas no documento titulado Estudio específico das posibles afeccións do A.H. no río Conso ó lugar Macizo Central. Termo municipal de Vilariño de Conso. Ourense. Xullo, 2002, coa distribución reflectida no plano nº 3 Estructuras do proyecto.

b) Condicionado.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Sobre a emisión de po e gases.

1.1.1. Evitarase o levantamento de po mediante a humectación das superficies obxecto de remoción e dos viais de obra susceptibles desta emisión, así como mediante a cubrición no transporte de materiais pulverulentos.

1.1.2. Os motores de combustión da maquinaria de obras deberán cumprir cos niveis de emisión de gases estipulados regulamentariamente, debendo dispor de documentación que o acredite.

1.2. Sobre a presión sonora.

1.2.1. O nivel de presión sonora, tanto na fase de obra como na de funcionamento, cumprirá cos límites dispostos na Lei 7/1997, de protección contra a contaminación acústica, ou se é o caso, co disposto polo Concello de Vilariño de Conso.

2. Protección do solo.

2.1. Delimitarase a zona de obras, e dentro desta sinalizaranse os viais para o paso de maquinaria, a zona seleccionada para parque de maquinaria e almacenamento de materiais, os lugares destinados ó depósito temporal de terras, as zonas de amoreamento da terra vexetal e a localización dos contedores ou elementos destinados á recollida dos residuos ata a súa entrega ó xestor autorizado.

A existencia destas zonas e os usos permitidos nelas deberán ser postos en coñecemento da totalidade do persoal que realice traballos relacionados coa instalación.

2.2. As superficies afectadas restrinxiranse ás mínimas necesarias para o desenvolvemento das obras e execución das estructuras do aproveitamento,

de acordo co criterio exposto na documentación ambiental.

2.3. As superficies destinadas a albergar instalacións auxiliares de obra seleccionaranse considerando o emprego de superficies máis degradadas e con menor necesidade de realizar labores de adecuación.

2.4. Dado que non se ten previsto a reserva dunha zona para a elaboración do formigón, este necesariamente deberá ser provisto desde planta ou plantas localizadas fóra da obra, e que conten coas debidas autorizacións.

2.5. Durante as obras de escavación nas que se empreguen explosivos controlaranse as cargas e, se é o caso, disporanse mallas ou outros sistemas que eviten a proxección e rodadura de materiais.

2.6. Nas obras de instalación das conduccións, así como no acondicionamento e execución dos accesos, estabilizaranse as terras removidas, evitando en todo caso que se produzan arrastres.

2.7. As tarefas de reparación e mantemento da maquinaria de obras realizaranse en talleres autorizados. Cando isto non sexa posible, debido ás restriccións na circulación por estradas da maquinaria, disporanse os medios necesarios para evitar calquera afección ó medio.

2.8. Tal e como se recolle na documentación, a restauración e revexetación das superficies realizarase no menor tempo posible. Mentres non se consoliden estes, e nas zonas nas que exista risco de erosión, adoptaranse medidas complementarias, coidando especialmente este aspecto en períodos de chuvia.

3. Protección das augas.

3.1. Sobre os caudais.

3.1.1. No tramo afectado polo aproveitamento deberá manterse, para poder considerar ambientalmente viable o proxecto, o seguinte réxime de caudais mínimos (m/s):

Out.Nov.Dec.Xan.Feb.Mar.Abr.Mai.Xuñ.Xul.Ago.Set.

0,400,540,540,540,540,400,400,400,40Nat.Nat.Nat.

3.1.2. Instalaranse dispositivos de medida en continuo para o control do caudal derivado e do ecolóxico, que deberán transmiti-los valores obtidos ata un sistema central que manteña unha base de datos en tempo real e un histórico. Este sistema central deixarase preparado para que a Administración poida acceder a través dun ordenador remoto.

Así mesmo, e co obxecto de facilita-lo control por parte do servicio de gardería, instalarase un dispositivo de capacidade mediante regreta, nun lugar

perfectamente visible. Na captación, e preferentemente na propia regreta, disporase a transformación das cotas en caudais, obtidas da regresión cota-caudal, para os novos caudais.

Así mesmo, deberá disporse tabulado, nun lugar visible e accesible, o caudal concesional, o réxime de caudais ecolóxicos e a súa distribución polos diferentes elementos.

3.2. Sobre a calidade.

3.2.1. Adoptaranse as medidas descritas na documentación ambiental co obxecto de protexe-lo río durante as obras de construcción do azude e da canle de descarga, así como no caso dos cruzamentos das conduccións cos regueiros, evitándose ó máximo posible o emprego de formigón. Este aspecto será obxecto dun especial seguimento.

3.2.2. Durante a ampliación e acondicionamento dos accesos adoptaranse as medidas descritas no proxecto (instalación de cunetas e balsas de retención) para evita-la vertedura de materiais cara ó río. Nas zonas da traza das conduccións próximas ó curso adoptaranse asemade medidas que eviten a chegada de materiais ó río.

3.2.3. Nos accesos incorporaranse cunetas que se rematarán con arquetas que permitan a sedimentación de posibles arrastres. Asemade, a súa saída deseñaranse de xeito que se evitan asolagamentos, ademais de instalarse dispositivos de disipación de enerxía.

3.2.4. De acordo co recollido na documentación ambiental, queda prohibido o lavado de maquinaria ou a realización de verteduras, agás aqueles previamente autorizados pola Confederación Hidrográfica do Norte.

3.2.5. Tal e como se prevé para as augas sanitarias na fase de explotación, durante a fase de obras tamén estas serán xestionadas de forma que se garanta a inocuidade da súa vertedura no medio.

3.2.6. Se durante o período de funcionamento do aproveitamento se producise algunha vertedura que alterase a calidade das augas, deberanse incrementa-los caudais de auga circulante ata acada-lo nivel de dilución suficiente, de xeito que se acaden os niveis de calidade establecidos para augas salmonícolas (táboa do anexo I da Directiva 78/659/CEE relativa á calidade das aguas continentais que requiren protección ou mellora para ser aptas para a vida dos peixes).

3.2.7. Os dispositivos do sistema oleohidráulico disporán dun cubeto ou doutro dispositivo que recolla as posibles fugas de aceite.

4. Protección da vexetación.

4.1. Tal e como se recolle na documentación ambiental, durante a fase de elaboración do proxecto constructivo realizarase un inventario detallado dos

exemplares arbóreos existentes nos terreos que se van afectar, adaptando o trazado das conduccións co obxecto de minimiza-lo número de pés afectados, e respectando aqueles de maior entidade.

4.2. Previamente á corta de arborado e da vexetación de ribeira obteranse as oportunas autorizacións.

5. Protección da fauna.

5.1. Realizarase a inspección previa prevista á zona de obras co obxecto de realizar un inventario de niños das especies mencionadas no estudio específico presentado. Á vista dos resultados obtidos, proporanse as medidas que se consideren oportunas para evita-la súa afección.

5.2. A escala de peixes, así como os dispositivos de protección, deberán ser consensuados previamente coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza e recollidos no proxecto constructivo.

6. Protección da paisaxe.

6.1. Adoptaranse as medidas recollidas na documentación avaliada co obxecto de acada-la integración das novas estructuras co seu contorno, tanto no deseño como nos materiais que se empreguen.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Previamente á execución da liña de evacuación eléctrica contarase co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

8. Sobre os residuos.

8.1. O almacenamento temporal de residuos, á espera da súa entrega a xestor autorizado, efectuarase dentro da zona delimitada para as obras en lugares previamente seleccionados, dotados dos medios necesarios para garanti-la non afección ó contorno e o cumprimento da lexislación de aplicación. En todo caso, e no que respecta ós residuos clasificados como perigosos, o tempo de almacenamento non excederá dos seis meses establecidos regulamentariamente.

8.2. A xestión de residuos efectuarase conforme os criterios recollidos na documentación ambiental, considerando que:

-Previamente á vertedura prevalecerá a reciclaxe ou reutilización dos materiais.

-Os residuos catalogados como perigosos serán entregados a xestores autorizados.

Así mesmo, cumprirase co disposto no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, en relación co envasado e a etiquetaxe dos residuos perigosos ata a súa entrega a xestor autorizado.

8.3. Previamente ó inicio da actividade, tódolos residuos de obra deberán estar retirados.

9. Restauración e revexetación.

9.1. Das zonas afectadas polas obras.

9.1.1. Restauraranse e revexetaranse a totalidade das superficies de uso non permanente afectadas polo proxecto, tal e como se prevé na documentación avaliada, incluíndo tamén a traza da liña de evacuación eléctrica e se é o caso, o lugar para o depósito dos sobrantes de terras. Esta restauración e revexetación efectuarase conforme o proxecto requirido no punto 10.2.6.

9.1.2. A selección das especies para empregar na revexetación efectuarase considerando as especies presentes na zona, de xeito que ó final se acade a harmonización das superficies revexetadas co seu contorno.

9.1.3. A reposición da terra vexetal efectuarase de xeito que se acaden espesores similares ós existentes previamente á execución da obra e considerando as necesidades das especies vexetais que se sementarán e/ou plantarán. No caso de que o volume de terra vexetal amoreada non sexa abondo para acadar estes obxectivos, os préstamos deberán te-la súa procedencia acreditada.

9.2. Ó finaliza-la fase de explotación.

9.2.1. Limparanse e acondicionaranse os tramos de leito fluvial afectados pola restitución da auga ó seu nivel orixinal e recuperaranse e revexetaranse tódalas superficies afectadas, de xeito que se logre a integración destas superficies co seu contorno. A restauración e revexetación efectuarase seguindo os criterios expostos nos puntos 9.1.2 e 9.1.3.

9.2.2. Así mesmo, e con carácter xeral, procederase ó peche das tomas, baleirado dos conductos, extracción do aceite do dispositivo oleohidráulico e á retirada dos transformadores eléctricos e calquera tipo de substancia ou aparello susceptible de provocar contaminación. Todos estes elementos serán axeitadamente xestionados conforme a lexislación vixente que lles sexa de aplicación.

10. Documentación adicional.

Previamento ó inicio das obras, o promotor presentará perante o órgano de conca, quen á súa vez o remitirá a esta dirección xeral para a súa valoración e se procede imposición de medidas correctoras adicionais que se deriven:

10.1. Tres (3) exemplares dun documento, asinado polo técnico/s responsable/s, no que:

10.1.1. Se desenvolvan as características e se localicen os dispositivos de medida de caudais requiridos no punto 3.1.2 desta declaración e a determinación da relación cota-caudal para as regretas.

10.1.2. Proxecto do dispositivo de franqueo e dos dispositivos de protección da fauna piscícola.

10.1.3. Documento no que se recollan a metodoloxía, resultados e medidas propostas en relación co recollido no punto 5.1.

10.2. Dous (2) exemplares dun documento, asinado polo técnico/s responsable/s, no que se desenvolvan os seguintes aspectos:

10.2.1. Definición e xustificación da alternativa finalmente seleccionada en relación co acceso ó azude.

10.2.2. Determinación do lugar de depósito de sobrantes de terra, acompañado de plano de localización referenciado en coordenadas UTM e de copia da autorización emitida polo organismo competente.

10.2.3. Memoria na que se xustifique o cumprimento do establecido no punto 2.2 en relación coa selección previa de superficies auxiliares de obra.

10.2.4. Determinación do sistema de xestión para as augas residuais durante a fase de obras.

10.2.5. Plano en planta, a escala 1:1.000 ou maior detalle, referenciado en coordenadas UTM, no que se localicen os elementos indicados no punto 2.1 desta declaración, indicando o punto de vertedura da fosa séptica.

10.2.6. Proxecto desenvolvido para a restauración e integración paisaxística. Os planos virán referenciados en coordenadas UTM.

10.2.7. Estudio acústico coa forma e contido estipulados polo Decreto 150/1999, polo que se desenvolve o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, indicando expresamente a cualificación da zona de acordo co planeamento municipal. Acompañarase de medicións preoperacionais, efecutadas por empresa homologada.

10.2.8. Programa de vixilancia ambiental desenvolvido, incorporando proposta de seguimento para o control da presión sonora para a fase de explotación e a adopción das medidas propostas para a protección da fauna. Este programa deberá defini-la totalidade dos controis que se van realizar, a periodicidade de realización dos seguimentos, os indicadores que se empregarán para determina-la existencia de afección, os limiares de alerta e de risco e as medidas a adoptar no caso de que se superen estes limiares. Incorporará así mesmo a identificación do responsable do control do seguimento ambiental, de acordo co requirido no punto 12.3 desta declaración.

Para fixa-las periodicidades dos controis e os limiares considerarase especialmente a potencialidade de ocorrencia da afección e as súas consecuencias.

10.3. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de obras, de acordo co Decreto 298/2000,

polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

Unha vez avaliada a antedita documentación, remitiráselle ó órgano de conca o resultado desta, non podendo o promotor proceder ó inicio das obras ata que non conte co informe favorable desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

No caso particular da liña de evacuación eléctrica, deberase contar previamente a súa execución co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tal e como se recolle no punto 7.1 desta declaración. Esta dirección xeral procederá a comunicar este feito ó promotor.

Ó menos 48 horas antes do inicio das obras, o promotor comunicará a esta dirección xeral o data de inicio destas, incoporando cronograma das obras.

11. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

O obxecto deste programa é o de garantir ó longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras previstas na documentación avaliada e no condicionado desta declaración. Este programa debe permitir detectar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudio ou no condicionado da declaración, permitindo determinar ou cuantificar impactos e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas.

Tódolos controis realizados no seguimento e tódalas incidencias producidas rexistraranse no momento do seu control nun libro-rexistro que estará á disposición da Administración. Estes rexistros deberán considerarse na elaboración dos informes a remitir a esta dirección xeral.

Tendo en conta o anterior, o promotor deberá presentar perante esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, coa periodicidade sinalada, dous (2) exemplares, asinados polo técnico/s responsable/s, da seguinte documentación:

11.1. Informe de obras:

11.1.1 Mensualmente presentarase un cronograma actualizado das obras, incluíndo os aspectos relativos á protección da fauna e á restauración e revexetación.

11.1.2. Con carácter trimestral presentarase:

11.1.3. Memoria na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental, indicando as datas de cada control, de acordo co programa de vixilancia ambiental aprobado. Incorporarase copia das autorizacións para a corta de arborado e de vexetación de ribeira.

11.1.4. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1:1.000 ou maior detalle, dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras

respecto ó total, referido ós distintos elementos que a conforman, así como o lugar de toma das fotografías requiridas no seguinte punto.

11.1.5. Reportaxe fotográfica onde se reflicta claramente o desenvolvemento dos traballos, indicando nestas a data e hora de toma da fotografía.

11.2. Informe fin de obras, presentarase antes de dous (2) meses desde o remate dos traballos:

11.2.1. Representación, en plano con coordenadas UTM a escala 1:1.000 ou maior detalle, de tódolos elementos construídos e as zonas onde se aplicaron medidas protectoras e/ou correctoras. Sinalarase, asemade, o lugar de toma das fotografías requiridas no seguinte punto.

11.2.2. Reportaxe fotográfica das zonas afectadas polo proxecto, indicando a data e hora da toma. Nesta, deberá distinguirse claramente os elementos construídos e superficies restauradas.

11.2.3. Copia do certificado de calibración dos dispositivos automáticos de medida e rexistro dos caudais requiridos no punto 3.1.2.

11.2.4. Memoria das incidencias acontecidas e das medidas adoptadas ó respecto, así como do seguimento ambiental realizado desde a presentación do último informe de obras.

11.2.5. Documentación acreditativa de ter notificado a pequena producción de residuos perigosos para a fase de explotación, de acordo co Decreto 298/2000, polo que se regula a autorización e notificación de productor e xestor de residuos de Galicia.

11.3 Informe de seguimento ambiental: a partir da data de inicio da explotación presentarase con periodicidade semestral durante os dous (2) primeiros anos, e anual nos seguintes, a seguinte documentación:

11.3.1. Memoria, coas súas conclusións, na que se recollan os controis realizados para observa-lo cumprimento do condicionado ambiental, de acordo co programa de vixilancia ambiental aprobado. A toma de mostras, analíticas e medicións deberán ser realizadas por entidades homologadas.

11.3.2. Resultados das medicións de caudais realizadas cos dispositivos de medida requiridos no punto 3.1.2. Estes resultados representaranse graficamente (tempo-caudal).

11.4. Informe ambiental previo ó abandono: nun prazo de seis (6) meses previos á finalización da explotación do aproveitamento, remitirase ó órgano ambiental informe que conteña as accións previstas polo promotor para o abandono, especificando as estructuras que van ser desmanteladas ou cedidas para outras actividades, a restauración e revexetación proxectada para as superficies afectadas e o destino final dos residuos xerados. Este será obxecto

de avaliación por parte do órgano ambiental, sendo preciso informe favorable para a súa execución.

11.5. Informe posterior ó abandono: nun prazo máximo de dous (2) meses contado desde o final das accións previstas para o abandono, enviarase informe que conteña a descrición detallada das accións de carácter ambiental, especialmente no relativo a residuos perigosos e elementos paisaxísticos, xunto con documento gráfico que reflicta o estado final do lugar.

12. Condicións adicionais.

12.1. Para efectos de seguimento da presente declaración, o órgano de conca comunicará a este órgano ambiental a data de notificación da DIA ó promotor.

12.2. As condicións sinaladas nesta DIA son de cumprimento obrigatorio para o promotor. Nembargantes, este poderá solicitar ó órgano ambiental a revisión das medidas sinaladas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves dificultades para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes no aproveitamento, e sempre e cando as novas medidas propostas, permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, o promotor solicitarao á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental a través do órgano de conca, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase nun prazo máximo dun (1) mes despois de ser notificada a presente declaración. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas e comunicaralle ó promotor o acordo adoptado. O promotor non poderá comeza-las obras antes de contar cunha comunicación desta dirección xeral para o efecto.

12.3. Co obxecto de acada-la máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, o promotor deberá designar un responsable do control deste, notificando o seu nomeamento ó órgano de conca, quen o comunicará ó órgano ambiental.

12.4. Calquera cambio no proxecto obxecto da documentación avaliada deberá ser notificado previamente, a través do órgano de conca, a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, quen o avaliará e, se é o caso, aprobará, informando se procede ou non a modificación da declaración ou a iniciación dun novo trámite de avaliación ambiental.

12.5. O órgano ambiental, a iniciativa propia ou a proposta do órgano de conca, poderá dictar, en calquera intre e para os sos efectos ambientais, condicionados adicionais á presente declaración en función dos resultados que se obteñan tanto no desenvolvemento das obras como da explotación, ou ante

a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

12.6. Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano de conca por propia iniciativa ou pola solicitude da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e ata que sexan corrixidas.

12.7. Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar un aval para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/96, do 7 de novembro. A proposta de aval, que deberá fixa-lo órgano de conca, establécese no 4% do orzamento de execución por contrata.

12.8. O incumprimento total ou parcial por parte da empresa promotora, das condicións impostas nesta DIA, poderá ser causa suficiente para proceder á solicitude de peche cautelar e adopta-las medidas oportunas en cumprimento da lexislación vixente.

12.9. A presente resolución, adoptada por esta dirección xeral, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes.

12.10. O proxecto de referencia estará ó abeiro do disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

12.11. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

12.12. Como queira que a publicación da DIA no Diario Oficial de Galicia é preceptiva segundo o disposto no artigo 5.7º Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, non poderán iniciarse os traballos ata que sexa cumprido este trámite.

ANEXO I

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a instalación e explotación dun aproveitamento hidroeléctrico de tipo fluínte no río Conso, entre as cotas 993,50-895 para un caudal máximo de 3.800 l/s.

As instalacións proxectadas para o aproveitamento son:

-Azude de gravidade (coordenadas UTM 644.162; 4.669.679), de 3,5 m de altura desde o leito ata o vertedoiro, e 25,5 m de lonxitude. A captación prevese submerxida na marxe esquerda.

-Conducto de derivación: formado por un tubo de aceiro ó carbono, con 1.700 mm de diámetro, e 2.500 m de lonxitude. Proxéctase soterrado en todo o seu trazado, afectando a unha anchura real de terreo duns 5,6 m.

-Conducto forzado: tamén de aceiro ó carbono, prevese cunha lonxitude de 250 m e diámetro de 1.600 mm, soterrado, afectando a unha anchura real de terreo duns 3 m.

-Central (coordenadas UTM 646.055; 4.668.180): prevese con aspecto rústico, ocupará unha superficie de 520 m.

-Liña eléctrica: trazado soterrado, con conexión á liña existente nas proximidades da central.

No que respecta ós accesos proxéctase, no caso do azude, o acondicionamento nunha lonxitude de 500 m dun camiño que parte desde a estrada de San Mamede de Edrada ata Pradoalbar, sendo preciso ademais amplia-lo en 100 m para acada-lo azude e, no caso do edificio da central, abrirase un novo camiño desde o estribo esquerdo da ponte de Edrada ata o edificio, cunha lonxitude de 400 m. En ambos casos, a anchura será de 3,5 m e levarán unha capa de rodadura de saburras de 30 cm de espesor, formigonando unicamente nos casos nos que sexa estrictamente necesario polas fortes pendentes.

Resumo das medidas protectoras e correctoras.

*Protección do solo e da cuberta vexetal:

-Adaptación do trazado das conduccións co obxecto de afecta-lo menor número de pés arbóreos posible.

-Delimitación da zona de obra ás superficies estrictamente necesarias, impedíndose a circulación da maquinaria e outros labores ligados á construcción polo resto da área.

-Marcado previo dos pés arbóreos para cortar.

-Selección de zonas e vías auxiliares de obras que non formen parte do futuro aproveitamento, delimitación destas e posterior restauración e revexetación.

-Retirada e mantemento da terra vexetal, evitándose a súa compactación por paso de maquinaria ou afeccións por erosión hídrica.

-Análise da posibilidade de acondicionamento dun trazado alternativo a media ladeira para o acceso ó azude.

*Protección das augas:

-Prohibición de efectua-lo lavado de cubas de formigón e outras ferramentas nos leitos.

-Planificación das obras de construcción do azude e da canle de descarga de xeito que non se produzan arrastres de sedimentos polo leito, establecendo, de

ser necesario, as medidas oportunas de canalización das augas, balsa de decantación, etcétera.

-Protección dos leitos no seu cruzamento coas conduccións durante as obras: realización das obras durante as épocas nas que se prevexa menor risco de precipitacións, canalización das augas de escorrega durante as obras, canalización das augas mediante pasos sobre o conducto, minimización das afeccións á vexetación de ladeira e inmediata revexetación das zonas afectadas.

-Restitución ó leito mediante vertedoiro e coieira (en pedra do propio río).

*Protección da paisaxe:

-Na apertura de accesos e modificación dos existentes empregaranse materiais que non supoñan contraste coas gamas cromáticas do terreo.

-A anchura de pista non superará os 3,5 m, salvo en situacións moi puntuais e por necesidades excepcionais.

-Reducción ó mínimo das posibles modificacións do terreo, evitando a creación de noiros e terrapléns.

-Reducción ó mínimo das posibles afeccións ós muros de separación de parcelas ou de suxeición de bancais. En todo caso, os tramos que resultasen afectados serán restablecidos á súa situación orixinal.

-A liña eléctrica irá soterrada inicialmente, restaurándose o solo e vexetación afectados.

-Os solos que poidan resultar manchados con aceites ou fuel, restos de cemento e de formigón e todo tipo de entullo xerable nunha obra, serán retirados a un vertedoiro controlado apto para este fin.

-Revexetación de noiros e terrapléns.

-Construcción do edificio da central respectando as pautas arquitectónicas da zona. Emprego de pedra, madeira e lousa.

-Revestimento do azude con pedra.

*Protección da fauna:

-Modificación da escala de peixes.

-Instalación de dispositivos de protección da fauna, consistentes en reixas cunha luz de 2 cm, instaladas de xeito que non atrapen os peixes máis pequenos de xeito irreversible.

-Emprego de cargas pequenas, localizadas e directas no caso de executarse barrenados para a construcción de ataguías e alicerces.

*Xestión de residuos: efectuarase en función da súa natureza e posibilidades de reutilización.

-A terra vexetal empregarase, na medida do posible, como substrato para a restauración vexetal das superficies afectadas. O resto da terra vexetal e a

terra mineral sobrante transportarase a vertedoiro controlado.

-As rocas provenientes da escavación con explosivos empregaranse, sempre que sexan adecuadas, para a instalación de coieiras de protección de marxes e de disipación de enerxía na canle de restitución da central, así como para a coieira de orientación de fluxo cara á escala no azude. O resto transportarase a vertedoiro controlado.

-A madeira en pé será retirada para a súa posterior venda. A de encofrado retirarase para a súa posterior reutilización noutras obras.

-Os restos de ferralla, plásticos, cemento e demais retiraranse a vertedoiro controlado.

-As posibles verteduras de aceite ou fuel que puideran producirse durante o transcurso das obras serán retirados xunto co substrato contaminado e transportados a vertedoiro de residuos perigosos.

ANEXO II

Resumo dos informes

*A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite os seguintes informes:

a) Con data 3 de xaneiro de 2002 acorda informar favorablemente.

b) Con data 21 de novembro de 2002:

Destaca a inexistencia de informes baseados en traballos de campo relativos ó impacto do proxecto sobre o patrimonio arqueolóxico, segundo o establecido no Real decreto 1131/1988, do 30 de setembro, referente á execución do Real decreto lexislativo de avaliación de impacto ambiental, e no artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia.

A zona onde se localiza o proxecto (concello de Vilariño de Conso, Ourense) non conta cun inventario exhaustivo de depósitos arqueolóxicos, polo que non se pode establece-lo impacto do proxecto no patrimonio arqueolóxico sen unha prospección superficial previa.

Así mesmo, hai que ter en conta a natureza do rexistro arqueolóxico galego, moitas veces enmascarado por unha tupida vexetación, ou ben cuberto por procesos sedimentarios, polo que non se debe descarta-la posible existencia de depósitos non detectados ata agora.

Por todo iso, considérase conveniente, de acordo co artigo 32 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, a realización dun estudio específico do impacto do proxecto sobre o patrimonio cultural (facendo especial fincapé no patrimonio arqueolóxico), onde sexan establecidas as posibles afeccións neste patrimonio. Neste estudio deberá incluírse unha prospección arqueolóxica, levada a cabo por técnicos competentes, de acordo

cun proxecto presentado e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (de acordo coa Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia e o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia).

Así mesmo, e desde o punto de vista do patrimonio arquitectónico é necesario contar cun inventario exhaustivo do patrimonio cultural da zona afectada, resultado da recollida de información nos catálogos existentes e do traballo de campo, así como a identificación e valoración de incidencias sobre estes elementos e o establecemento das medidas correctoras oportunas, facendo fincapé nos muíños e pontes existentes no río.

Considérase zona afectada, desde o punto de vista arquitectónico e etnográfico, ademais da xerada polas obras (explanacións, acondicionamentos...), todo o leito do río desde o azude ata a central, co obxecto de engloba-los muíños que quedarían afectados pola modificación do caudal.

*A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas informa favorablemente, sinalando non obstante que se deberá indica-la potencia total instalada e a producción media anual.

*A Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable.

*A Dirección Xeral de Conservación da Natureza emite os seguintes informes:

a) Recibido con data 7 de outubro de 2002:

Recibiuse documentación complementaria que desenvolve as posibles afeccións á LIC Macizo Central e as medidas correctoras. Os elementos constructivos que producen impactos ambientais son o azude, a conducción de derivación, o edificio da central, os camiños de acceso e a liña de evacuación.

O maior impacto é o producido pola conducción de derivación, dado que, polas súas dimensións, afecta a unha maior superficie e variedade de terreos. Segundo a citada documentación a conducción discorre soterrada, restaurando a cuberta vexetal. Trázase pola marxe esquerda para minimiza-lo seu percorrido e pola maior facilidade de execución e, polo tanto, menor afección ó medio. A súa colocación require a escavación dunha gabia cunha afección a unha franxa de terreo de 3 m de anchura.

Segundo o estudio presentado, a traza da conducción afecta a dous hábitats da Rede Natura: 4030, breixeiras secas europeas; 8230, rochedos silíceos con vexetación pioneira. O camiño de acceso ó azude afecta tamén o hábitat 4030.

A afección á vexetación de ribeira, que está pouco desenvolvida na zona, é moi reducida, prevéndose unha afección mínima no azude e na central.

A liña de evacuación proxéctase soterrada desde a saída da central ata o punto de conexión coa rede, discorrendo polo camiño de acceso á central e logo paralela á estrada existente, polo que as modificacións ambientais serán mínimas.

As medidas correctoras que se propoñen son as seguintes:

-Respectarase ó máximo o bosque presente na zona, incluída a vexetación de ribeira, non eliminando ningún pé arbóreo ou arbustivo que non sexa estrictamente necesario.

-Delimitación das zonas de obra impedindo a circulación de maquinaria polo resto da área.

-Amoreamento de terra vexetal e mantemento en condicións para o seu posterior emprego.

-Apertura de viais de anchura non superior a 3,5 m.

-Reducción ó mínimo imprescindible das modificacións do terreo.

-Restauración de cunetas e accesos.

-Soterramento da liña de evacuación ata o punto de enganche.

-Vertedura de estériles en zonas aptas.

-Limpeza dos solos que poidan resultar manchados por formigón ou aceites.

-Revexetación de noiros e terrapléns con especies axeitadas. Empregaranse as seguintes densidades: en gramíneas 25 g semente/m; en arbustos 1 ud/m e en árbores 0,25 ud/m.

-Construccións respectando as pautas arquitectónicas do lugar.

As medidas de protección da fauna consisten na dotación de dispositivos de interdicción e pasos de fauna, así como a correspondente escala piscícola.

O réxime de caudais mínimos proposto nesta nova documentación é de 306 l/s nos meses de novembro, decembro e xaneiro, e de 153 l/s para o resto do ano. Estes caudais son insuficientes, tal e como se especificou en informes anteriores, debéndose mante-lo réxime de caudais ecolóxicos do cadro, en m/s:

Out.Nov.Dec.Xan.Feb.Mar.Abr.Mai.Xuñ.Xul.Ago.Set.

0,400,540,540,540,540,400,400,400,40Nat.Nat.Nat.

Considéranse suficientes tódalas medidas correctoras propostas, téndose dotado das partidas orzamentarias correspondentes. Considérase que a afección ó hábitat 4030 é asumible, por canto afecta a unha mínima parte da súa extensión na zona e é factible a súa recuperación completa nun breve espacio de tempo. En canto a afección ós hábitats de ribeira, esta é mínima, non obstante, debe pro

cederse á reposición do 100% das afeccións, con plantación do número e calidade suficiente das especies arbóreas autóctonas nos tramos afectados.

A afección ó hábitat 8230 é moi puntual e asumible, xa que existe representación suficiente deste hábitat no resto da zona. Asemade, deben repoñerse tódalas especies arbóreas que se eliminen na traza dos camiños e da conducción, con especial atención ás frondosas autóctonas.

A este informe acompaña os elaborados polo Servicio de Medio Ambiente Natural de Ourense con datas 30 de novembro de 2001 e 21 de xaneiro de 2002.

b) Recibido con data 27 de marzo de 2002:

Debido a que o aproveitamento proxectado se atopa na LIC Macizo Central da Rede Natura 2000, débese realizar un estudio específico das posibles afeccións ós hábitats que motivaron a creación do mencionado espacio.

Por outra banda, no proxecto constructivo débense detalla-los dispositivos de protección da fauna e os dispositivos de franqueo, previstos na Lei de pesca fluvial, que deben ser consensuados coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

c) Recibido con data 14 de marzo de 2002:

Emítese informe do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico do río Conso, entre as cotas 990 e 895 msnm, promovido por Hidroeléctrica del Liñares, S.L., cunha solicitude de caudal de 3,8 m/s e un azude de 3,5 m.

A empresa promotora propón uns caudais mínimos de 306 l/s (20% do módulo) para os meses de freza da troita común e de 153 l/s (10% do módulo) o resto do ano. Así mesmo ten realizado un inventario piscícola comprobando a existencia de troita común (Salmo trutta fario) e boga de río (Chondrostoma polylepis), cunhas densidades de 0,05 a 0,1 ind/m e unhas biomasas de 0,94 a 2,37 g/m. Estes valores son acordes cos obtidos por esta dirección xeral para a zona en cuestión.

As achegas naturais supoñen un módulo de 1,53 m/s, cun caudal medio de estiaxe arredor dos ós 0,4 m/s. Analizando os caudais mínimos propostos pola empresa promotora pode compararse que incluso o caudal de freza é inferior ó caudal medio de estiaxe, polo que non é suficiente para a preservación das poboacións piscícolas existentes no tramo e o mantemento do ecosistema fluvial en condicións similares ás preexistentes. Infórmanse negativamente os caudais mínimos propostos por ser manifestamente insuficientes.

Por outra banda, hai que resaltar que o aproveitamento proxectado localízase na LIC Macizo Central da Rede Natura 2000, polo que se deberán adopta-las medidas oportunas para estudiar e, se é o

caso, corrixi-las posibles afeccións ós valores que motivaron a creación do mencionado espacio.

Este informe vai acompañado de informe específico de determinación do réxime de caudais ecolóxicos mínimos para o tramo comprendido entre as cotas 1017 e 890 msnm do río Conso.

ANEXO III

Resumo das alegacións

O Grupo Erva, asociación dedicada ó estudio e defensa da natureza, legalmente constituída e inscrita co nº 1175 da sección 1ª do Rexistro de Asociacións do Goberno Civil de Pontevedra, así como no Rexistro de Asociacións Protectoras do Medio Ambiente da Consellería de Presidencia, por medio de Alberto Gil Carrera, con DNI 36.109.837, en representación da citada asociación, expón:

1. Que vista a solicitude de autorizacións administrativas para a instalación de varios aproveitamentos hidroeléctricos no río Conso, no concello de Vilariño de Conso.

2. Que segundo Resolución do 22 de novembro de 2001, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se somete a información pública o estudio de impacto ambiental do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Conso, promovido por Hidroeléctrica de Liñares, S.L., así como outro proxecto presentado para o mesmo río, no concello de Vilariño de Conso.

3. Desde esta asociación queremos face-las seguintes alegacións a estes proxectos:

1º Consideracións previas:

O estudio de impacto ambiental presentado do proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no río Conso, no termo municipal de Vilariño de Conso (Ourense), non cumpre cos requisitos esixidos polo Decreto 442/1990, de avaliación do impacto ambiental para Galicia.

Os proxectos afectarían gravemente os valores naturais do espacio natural Macizo Central incluído na proposta de LIC para integra-la Rede Natura 2000 e catalogado como Espacio en Réxime de Protección Xeral segundo o aprobado pola Orde do 7 de xuño de 2002, que pretende aplica-las medidas de protección impostas pola Dir 92/43/CEE, relativa á conservación dos hábitats e da flora e fauna silvestres.

É obrigación da autoridade ambiental competente evitar que os valores que motivaron a inclusión deste espacio na proposta de LIC sexan alterados. Polo que a Direrección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental non pode permiti-la alteración dos mesmos coa aprobación dos proxectos.

As instalacións obxecto de solicitude sitúanse dentro dos límites do concello de Vilariño de Conso, están dentro do Espacio Natural Serra de Queixa,

Montes do Invernadeiro, previsto como Solo Non Urbanizable de Protección de Espacios Naturais das normas complementarias e subsidiarias de planeamento urbanístico da Consellería de Ordenación do Territorio.

O artigo 25, pto. 2, referido á ordenanza reguladora de solo non urbanizable protexido, das normas complementarias e subsidiarias de planeamento urbanístico provinciais, determina: «... os espacios que polas súas características deban ser obxecto dunha especial protección, non poderán ser dedicados a usos que impliquen transformación do seu destino ou da súa natureza, ou lesionen o valor específico que se queira protexer».

As instalacións que se pretenden instalar alterarían grave e irreversiblemente os valores que se pretenden conservar coa protección sinalada nas normas de planeamento urbanístico, polo que a súa construcción suporía ir contra das directrices desta normativa urbanística.

2º Estudio de efectos ambientais.

O estudio ambiental presentado polos promotores presenta unha serie de carencias e irregularidades que fan considera-la imposibilidade de que se formule unha declaración de efectos ambientais con base nel.

Nas cuestións concretas cabe ter en conta:

-Falla de información en canto ó medio biótico, co que non é posible avalia-lo efecto que o proxecto tería sobre o medio natural.

-Non considera a catalogación dos espacios naturais ós que afecta, que serían afectados polo proxecto irreversiblemente, non nomeando a presencia de hábitats considerados no anexo I da Dir. 92/43/CEE, e as especies de fauna e flora catalogados no anexo II desta, así como da Dir. 79/409/CEE.

-No referido á fauna dáse unha situación de pobreza descritiva, falla de metodoloxía axeitada e valoración cualitativa e cuantitativa, polo que o proceso de tramitación destes proxectos non pode derivar en declaración de impacto ambiental, pois como no caso da vexetación, non caracteriza correctamente o medio biótico.

Nos estudios presentados non se ten en conta a lexislación vixente no referido a protección da flora, fauna e os seus hábitats.

Non se describe a metodoloxía empregada na realización do inventario faunístico, nen a bibliografía empregada para determina-las especies descritas na zona.

Esta cuestión fai inviable unha correcta caracterización do aspecto faunístico, e en consecuencia, non resulta adecuada a posterior avaliación de efectos do proxecto sobre a mesma.

Na área afectada polos proxectos cabe destaca-la presencia de aves incluídas no anexo I da Dir. 79/409/CEE, mamíferos, peixes e invertebrados incluídos no anexo II da Dir. 92/43/CEE, así como de especies inventariadas no Real decreto 439/1989. Acompáñase a relación das distintas especies, así como de comentarios respecto de referencias e importancia do estudio dos invertebrados.

-No referido á vexetación non se fai un axeitado inventario florístico, nin se especifica a metodoloxía empregada para a catalogación e cartografiado da vexetación presente na área de estudio.

Infravalora o interese das comunidades presentes na zona catalogadas como de interese especial ou de interese prioritario segundo a Dir. 92/43/CEE.

Non considera como áreas de interese as formacións de bosque ripícola, consideradas prioritarias segundo a antedita directiva, e que se ven directa e indirectamente afectadas polo proxecto.

-En canto á avaliación dos efectos do proxecto:

Non valora, nin cualitativa nin cuantitativamente os efectos que sobre o medio terá a diminución do caudal, o cambio da morfoloxía das beiras, a perda de áreas de desova de peixes, áreas de interese para os distintos ciclos dos invertebrados, etc.

Durante a fase de construcción da presa, conducción de derivación e central, prevese unha forte sedimentación por achega de materiais en suspensión, cuestión que se repetirá durante a fase de explotación cada vez que se proceda á limpeza do encoro e cámara de sedimentación. Isto producirá contaminación por incremento da turbidez e achega de sólidos cara ó leito fluvial, o que reduciría a superficie útil para a freza e afectará a diversidade e abundancia da comunidade bentónica fluvial.

Durante a fase de funcionamento o obstáculo que suporía o azude e a diminución do caudal nos tramos cortocircuitados produciría unha rotura do continuo hidrolóxico que ocasionaría unha reducción na superficie habitable e na velocidade media das augas e cambios na temperatura destas, afectando gravemente as poboacións piscícolas.

Os noiros que se orixinarían só de tende-la conducción de derivación desde o azude, así como da conducción forzada, suporían unha grave afección tanto paisaxística, como sobre a flora e fauna totalmente irreversible, incrementando notablemente a superficie afectada polo proxecto e non calculada no estudio presentado. Non se avaliou o efecto sobre os distintos taxóns especialmente no referido ás superficies afectadas para os distintos tipos de hábitat.

O proxecto afecta a unha das áreas de curso alto de maior interese de cara ó aproveitamento para a práctica da pesca deportiva e reservorio de crías de troita para posibles repoboacións doutros tramos

de río. Este proxecto poría en perigo estas actividades.

A presencia destes noiros facilitaría a expansión de especies alóctonas de crecemento rápido presentes en tramos próximos dos ríos Sil e Bibei, como son R. pseudoacacia, A. dealbata, A. melanoxylon como xa ten sucedido con infraestructuras levadas a cabo na área próxima ó proxecto.

O proxecto non especifica a situación da canteira para achegas de material, nin localización nin características do lugar de vertedura de terras sobrantes.

O proxecto non prevé nin describe ningún dos sistemas de escala que prevé a lexislación vixente como de obrigada instalación.

O levantamento dos tendidos eléctricos desde as centrais supón un grave risco para especies protexidas.

Ante o anteriormente exposto, o Grupo Erva solicita que se consideren que:

-A falla de rigor dos estudios non pode derivar nunha declaración, xa que non presentan o requirido no Decreto 442/1990, de avaliación de impacto ambiental.

-O elevado impacto ambiental que a execución do proxecto significaría e se rexeite.

-Informasen o Grupo Erva por escrito das medidas emprendidas ó respecto.