Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 28 de maio de 2003 Páx. 6.874

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 266/2003, do 15 de maio, polo que se transforma o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental dependente do Concello de Melide (A Coruña) en conservatorio profesional de música.

Segundo o disposto no artigo 31 do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia da Comunidade Autónoma galega a regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, e de acordo co artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo (Diario Oficial de Galicia do 23 de xullo), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ó que lle corresponden estas competencias.

Por Decreto 394/1991, do 14 de novembro (DOG do 21 de novembro) creouse o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental dependente do Concello de Melide.

Este conservatorio veu impartindo, ademais do grao elemental para o que tiña concedida a autorización definitiva, as ensinanzas de grao medio de música con carácter provisional, primeiro ó abeiro dun convenio asinado o 1 de outubro de 1996, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Concello de Melide, e posteriormente mediante unha autorización provisional concedida pola Orde do 2 de xullo de 2001 (DOG do 22 de agosto).

Mediante estas autorizacións provisionais a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria recoñecía a validez académica das ensinanzas de música de grao medio que se impartiran no centro, e comprometíase á creación do conservatorio profesional, unha vez que o concello levase a cabo a adaptación das instalacións ós requisitos mínimos previstos no artigo 15.1º do Real decreto 389/1992, do 15 de abril (Boletín Oficial del Estado do 28 de abril).

Realizadas estas obras de adaptación o Concello de Melide solicita a transformación do conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental dependente deste concello en conservatorio profesional de música, para imparti-las ensinanzas dos graos elemental e medio de música que establece a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (BOE do 4 de outubro).

A Delegación Provincial da Coruña informa do cumprimento efectivo dos requisitos mínimos que establece o Real decreto 389/1992, do 15 de abril, para os centros que imparten as ensinanzas artísticas regradas previstas no capítulo primeiro do título II da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e de que a estruc

tura e planificación académica do centro se axusta ó disposto no Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos (DOG do 25 de outubro), modificado e ampliado polo Decreto 179/2003, do 27 de febreiro (DOG do 14 de marzo).

Cumpridos tódolos trámites regulamentarios, e en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día quince de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Transfórmase o conservatorio de música oficial non estatal de grao elemental dependente do Concello de Melide (A Coruña) en conservatorio profesional de música.

Artigo 2º

Neste conservatorio impartiranse as ensinanzas dos graos elemental e medio de música reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e polo Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música e o acceso ós ditos graos, modificado e ampliado polo Decreto 179/2003, do 27 de febreiro.

Artigo 3º

O centro queda obrigado ó cumprimento da lexislación vixente para os centros que imparten ensinanzas artísticas e a solicita-la oportuna revisión cando teña que modificarse calquera dos datos que figuran neste decreto.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para dicta-las medidas necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, quince de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria