Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Mércores, 28 de maio de 2003 Páx. 6.870

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 23 de maio de 2003 pola que se regula a subvención dos gastos derivados da constitución de hipoteca e das subrogacións hipotecarias, destinada a mozos que accedan á súa primeira vivenda en propiedade.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, no marco das súas competencias, vén levando a cabo, ó longo dos últimos anos, actuacións tendentes a favorece-lo acceso a unha vivenda en propiedade pola mocidade.

Dentro das políticas activas destinadas a facilita-lo acceso da mocidade a unha vivenda digna en propiedade, adquire unha especial relevancia a posibilidade de formalizar cos bancos préstamos hipotecarios asequibles, atendendo ás especiais necesidades deste colectivo tendo en conta, en todo caso, as súas necesidades e posibilidades económico-financeiras.

O Consello da Xunta de Galicia do 15 de maio de 2003 autorizou a sinatura do convenio entre o Instituto Galego da Vivenda e Solo e as entidades financeiras para o desenvolvemento do Programa de Hipoteca Xove.

Este programa ponse en marcha coa finalidade de facilitar o acceso á primeira vivenda en propiedade de mozos mediante a oferta de préstamos hipotecarios nas mellores condicións de mercado e mediante a subvención dos gastos derivados da constitución da hipoteca e as subrogacións hipotecarias.

En virtude do anterior e logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9 de decembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto facilita-lo acceso á primeira vivenda en propiedade de mozos mediante a oferta de préstamos hipotecarios nas mellores condicións de mercado e mediante a subvención dos gastos derivados da constitución da hipoteca e das subrogacións hipotecarias.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán resultar beneficiarios das axudas as persoas físicas adquirentes que reúnan os seguintes requisitos:

1. Idade comprendida entre os 18 e os 35 anos.

2. Ingresos non superiores a 4,5 veces o salario mínimo interprofesional.

3. Acreditación de ingresos suficientes para afronta-lo pagamento da vivenda.

4. Non ter outra vivenda en propiedade.

5. Destinala a vivenda habitual.

Artigo 3º.-Entidades colaboradoras.

As entidades financeiras asinantes do convenio do 22 de maio de 2003 terán a consideración de entidades colaboradoras para os efectos do disposto no artigo 28.d) do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Así mesmo, terán a dita consideración aquelas outras entidades que se adhiran a el con posterioridade á súa sinatura e, en todo caso, antes do 30 de xuño de 2003.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

A adquisición no territorio da Comunidade Autónoma da primeira vivenda en propiedade, xa sexa libre, de protección autonómica, ou protexida xa existente, por aqueles mozos que, cumprindo os requisitos establecidos no artigo 2º da presente orde, formalicen un préstamo hipotecario, no marco do Programa de Hipoteca Xove, con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio do 22 de maio de 2003, así como con algunha das que, de se-lo caso, se adhira a el con posterioridade.

Artigo 5º.-Axudas.

1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo subvencionará os gastos derivados da constitución ou subrogación da hipoteca nas seguintes contías:

-Ata un máximo de 1.600 euros no suposto de adquisición dunha vivenda libre.

-A totalidade do seu importe no suposto de adquisición dunha vivenda de protección autonómica (VPA) ou dunha vivenda protexida xa existente ó abeiro do actual Plan de Vivenda 2002-2005.

2. Entenderase por gastos subvencionables o importe dos gastos derivados da minuta notarial e rexistral, os derivados da taxación do inmoble e os bancarios de xestión correspondentes á tramitación das escrituras de compra venda e hipoteca que, en ningún caso, excederán de 190 euros para este último concepto.

Artigo 6º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ó da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de decembro de 2003.

Artigo 7º.-Solicitudes.

1. As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida ó director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo o modelo que se recolle no anexo desta orde, e presentaranse nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras a que se refire o artigo 3 ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Os mozos deberán achegar, á entidade financeira correspondente, a seguinte documentación:

a) DNI.

b) Fotocopia do contrato laboral e das últimas tres nóminas.

c) Fotocopia da última declaración do imposto da renda das persoas físicas.

d) Fotocopia do contrato de compravenda da vivenda obxecto de financiamento.

e) Nota simple do rexistro da propiedade.

f) Compromiso de destina-la vivenda a residencia habitual e de non ter outra en propiedade.

g) Declaración do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma vivenda perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

2. A solicitude de subvención suporá que a Comunidade Autónoma poderá facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente ou solicitala, no marco da colaboración que se estableza, da Axencia Estatal da Administración Tributaria ou doutras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de outorgamento e aboamento das subvencións.

Artigo 8º.-Xestión.

1. A xestión das axudas previstas realizarase a través das entidades financeiras, colaboradoras que serán as que comproben se os solicitantes cumpren os requisitos esixidos polo artigo 2º, reservando para si o Instituto Galego da Vivenda e Solo, en todo caso, a facultade de realizar cantas inspeccións considere oportunas co obxecto de verifica-lo devandito cumprimento.

2. Comprobados os ditos puntos, as entidades financeiras tramitarán e concederán, no caso de que o risco sexa asumible segundo o seu criterio económico-financeiro , un préstamo hipotecario marco para o acceso á vivenda libre coas seguintes características mínimas de partida, que poderán ser melloradas polas mesmas:

a) Prazo de amortización ata 35 anos.

b) As cláusulas do préstamo deberán incluír un período mínimo de carencia de dous anos para os supostos de falta de pagamento das cotas motivada por situación de desemprego.

c) Importe do 80% do valor de taxación, ampliable ata o 100%.

d) Tipo de xuro preferente para o primeiro ano, que non poderá ser superior ó tipo de interese efectivo inicial fixado para o ano 2003 polo Acordo do Consello de Ministros do 7 de marzo para os préstamos cualificados concedidos ó abeiro do Plan 2002-2005 (3,96%). Os seguintes 10 anos o tipo de xuro non poderá ser superior á aplicación dun diferencial do 0,5 ó índice euríbor. Transcorrido este período, o diferencial será o que inicialmente teñan estipulado as partes sen supera-lo 0,75.

e) Sen gastos nin comisións de apertura, amortización ou cancelación. Poderán non obstante pactarse comisións de penalización ata o límite do 0,5 por cento para o caso de subrogación da entidade prestamista.

f) Sen arredondamento.

O préstamo hipotecario, no suposto de vivendas de protección autonómica ou de vivendas protexidas xa existentes, terá as características que para o efecto se establecen no Plan de Vivenda 2002-2005.

3. Unha vez subscritos os préstamos correspondentes, as entidades financeiras remitirán ó Instituto Galego da Vivenda e Solo unha relación certificada das hipotecas formalizadas, na que conste que os debedores hipotecarios cumpren as condicións esixidas para obte-las axudas, acompañada dos impresos de solicitude debidamente cubertos polos prestatarios beneficiarios das axudas.

Así mesmo, de se-lo caso, as entidades financeiras remitirán ó Instituto Galego da Vivenda e Solo unha relación certificada daqueles solicitantes que non cumpran as condicións esixidas, na que se sinalen as causas do incumprimento, acompañada dos impresos de solicitude así como da documentación achegada.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da relación certificada remitida polas entidades financeiras e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles, resolverá expresamente o que segundo dereito corresponda sobre a procedencia do outorgamento da subvención ou de se-lo caso sobre a denegación dela.

Contra a resolución do director xeral, que non pon fin á vía administrativa, poderase recorrer en alzada perante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación.

2. O prazo máximo para resolver será de seis meses. Transcorrido este prazo sen que se dictase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as axudas convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude nos termos previstos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

3. Dictada a resolución de concesión tramitarase o correspondente expediente de pagamento a favor da entidade financeira colaboradora perceptora, non beneficiaria, da subvención.

Artigo 10º.-Percepción da axuda e criterios de asignación dos recursos.

1. Os mozos beneficiarios da subvención percibirán a axuda mediante aboamento en conta por parte das entidades financeiras.

2. O Instituto Galego da Vivenda e Solo satisfará ás entidades o importe dos gastos obxecto de subvención ó vencemento de cada trimestre natural contra a relación certificada remitida pola entidade financeira colaboradora.

Co pagamento do terceiro trimestre do ano o Instituto Galego da Vivenda e Solo comunicará a cada entidade financeira o importe máximo das subvencións susceptibles de seren aboadas para as hipotecas que se formalicen no cuarto trimestre. A entidade financeira non poderá anticipar gastos de formalización por importe superior ó comunicado para

o dito trimestre, priorizando o anticipo dos gastos en función da data de formalización da hipoteca.

A repartición das dispoñibilidades orzamentarias existentes para distribui-las cuotas correspondentes ó último trimestre do exercicio realizarase en función da porcentaxe de hipotecas que formalizasen con respecto ó total das subvencionadas no trimestre anterior.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que, en aplicación do devandito criterio, queden sen asignación de recursos.

3. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Artigo 11º.-Dispoñibilidade económica.

O importe máximo previsto en concepto de subvencións para o presente exercicio ascende á cantidade de dous millóns novecentos mil euros (2.900.000 A), que se satisfarán ás entidades finan

ceiras en concepto de perceptor, non beneficiario, da subvención con cargo ó concepto orzamentario 06.60.331A.783.6.

O gasto proxectado suxeitarase á existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos devanditos orzamentos.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Disposición adicional

Facúltase o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2003.

Alberto Núñez Feijóo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda