Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 27 de maio de 2003 Páx. 6.857

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2003 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 2003.

Con data do 23 de abril de 2003 foi aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2003.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 75 dos estatutos da universidade, resolve publica-lo acordo do Consello Social, así como as súas bases de execución.

Santiago de Compostela, 5 de maio de 2003.

Senén Barro Ameneiro

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da Universidade de Santiago

de Compostela para o ano 2003

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 152 dos estatutos da universidade aprobado por Decreto 473/1997, do 28 de novembro, por esta norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2003, que

acadan a contía inicial en ingresos e gastos de cento oitenta e dous millóns oitocentos noventa e tres mil oitocentos corenta euros.

1. Clasificación económica.

Ingresos:

Capítulo IIIPrezos públicos e outros ingresos37.750.500

Capítulo IVTransferencias correntes106.936.510

Capítulo VIngresos patrimoniais452.520

Capítulo VIAlleamento de investimentos reais6.310.630

Capítulo VIITransferencias de capital20.250.890

Capítulo IXVariación de pasivos financeiros11.192.790

182.893.840

Gastos:

Capítulo IRetribucións de persoal107.201.670

Capítulo IIGastos en bens correntes e servicios22.850.010

Capítulo IIIGastos financeiros440.690

Capítulo IVTransferencias correntes3.301.810

Capítulo VIInvestimentos reais48.146.190

Capítulo VIITransferencias de capital173.350

Capítulo IXVariación de pasivos financeiros780.120

182.893.840

2. Normas de execución do orzamento.

Dos gastos de persoal.

Artigo 1º

1. As retribucións do persoal activo ó servicio da universidade quedan suxeitas ó que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma galega. Os incrementos retributivos do persoal laboral deberán ser autorizados pola Comunidade Autónoma, segundo a lei orzamentaria.

2. Os custos do persoal laboral eventual contratado para substituí-lo persoal funcionario ou laboral de administración e servicios serán financiados con cargo ós créditos dos correspondentes cadros de persoal.

3. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servicios financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán supera-los ingresos.

4. A xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá os cargos internos correspondentes.

5. Constitúese un fondo para ampliación e mellora de 700.000 A na partida orzamentaria 8125.3000.12200 Ampliación e mellora, dos que 400.000 A corresponden a persoal docente e 300.000 A a persoal de administración e servicios.

6. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, productividade investigadora, trienios e Seguridade Social.

7. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ó financiamento dos planos de formación do persoal de administración e servicios, así como os corres-

pondentes á achega da universidade ó plano de pensións do persoal.

8. O Servicio de Planificación e Programación Docente e Persoal Docente e Investigador e o Servicio de Planificación e Programación de PAS deberán efectuar trimestralmente o control orzamentario das partidas e categorías correspondentes.

Dos créditos e as súas modificacións.

Artigo 2º

1. Os créditos autorizados teñen carácter vinculante e limitativo en canto ó seu concepto. Sen embargo, os créditos destinados a gastos de persoal terán carácter vinculante a nivel de capítulo, agás o artigo 15 (gratificacións e productividade). Os investimentos reais, activos e pasivos financeiros terán carácter vinculante no ámbito de artigo. Os gastos en bens correntes e servicios terán carácter vinculante no ámbito de capítulo agás o concepto 212 que non poderá ser minorado, se ben mediante redistribución de créditos do capítulo II dos centros poderá ser incrementado, previa comunicación ó Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

2. Con carácter xeral terán carácter vinculante os créditos con financiamento específico, e, en canto a subconcepto, as subvencións nominativas.

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ó importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

4. Os créditos asignados polo Consello de Goberno e o Consello Social ás facultades, escolas superiores e escolas universitarias terán por finalidade financia-los gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o funcionamento ordinario do centro.

5. Os créditos distribuídos ós departamentos teñen como primeiro obxectivo atende-los gastos derivados da investigación que se faga neles, e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ó funcionamento ordinario destes.

6. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo ós créditos dos departamentos.

7. As partidas orzamentarias do orzamento para o 2003, preséntanse de acordo coas clasificacións económica, funcional e orgánica, sen establecer vinculacións xurídicas dentro da clasificación funcional.

8. Os responsables de Asuntos Económicos deberán face-las retencións de crédito e sucesivos axustamentos dos gastos correspondentes ás nóminas de persoal contratado con cargo a créditos financiados con achegas específicas conforme lle sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

9. Os gastos de reparación e mantemento de edificios que sexan inferiores a 1.200 A deberán finan

ciarse con cargo ó crédito descentralizado ós centros para esa finalidade.

10. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentarias para contratos, proxectos e infraestructuras de investigación realizaranse pola Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT) con distribución desde as partidas xenéricas 8050.2000.62300 (infraestructuras), 8050.2000.64100 (proxectos) e 8050.2000.64200 (contratos). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servicios, co importe da facturación prevista para o 2003. No caso de que as dotacións que se vaian realizar superen o importe das referidas partidas efectuarase a correspondente xeración de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectua a OIT ós directores de centros de gasto e responsables de Asuntos Económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo Servicio de Contabilidade e Orzamentos.

11. Autorízase o vicerrector de Economía e Financiamento a executa-los axustamentos de créditos que procedan como consecuencia das desviacións que se poidan producir entre o orzamento prorrogado e o orzamento que se aproba por esta resolución.

Artigo 3º

1. A Xunta de Centro e o Consello do Departamento teñen a obriga de aproba-la distribución anual dos seus créditos así como a súa execución.

Artigo 4º

1. A modificación dos créditos orzamentarios axustarase ó disposto no artigo 156 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela mentres non se efectúe o desenvolvemento do artigo 82 da Lei orgánica de universidades e nestas bases.

2. O Consello Social delega no Consello de Goberno a aprobación de suplementos de crédito e créditos extraordinarios cando estes correspondan a expedientes con financiamento específico achegado por outros entes públicos ou privados. O rector dará conta ó Consello Social dos expedientes aprobados.

3. O rector poderá autoriza-las transferencias de crédito entre os capítulos de gastos correntes e de gastos correntes a gastos de capital, sempre e cando:

a) O gasto corrente figure orzamentado no capítulo II, III ou IV.

b) O importe da transferencia non exceda de 30.000 A.

4. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzamentada, derivados das seguintes operacións:

a) Prestacións de servicios.

b) Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

c) Correspóndelle o rector a aprobación dos expedientes de xeración de crédito.

Artigo 5º

1. O rector poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos, de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos que se van xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servicio pendentes ó peche do exercicio, imputaranse ó exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ó non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 6º

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados o 31 de decembro correspondentes a infraestructura, proxectos e convenios de investigación, prácticas de campo, cursos e en xeral os créditos financiados con achegas específicas.

2. Só poderán ser obxeto de incorporación ó exercicio seguinte os créditos do capítulo IV financiados con achegas específicas.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o rector, que dará conta ó Consello de Goberno e mailo Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ó remanente xenérico de tesourería, será aprobado polo Consello de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo rector, en función das dispoñibilidades financeiras existentes despois de realizada a liquidación do exercicio.

Da contratación administrativa.

Artigo 7º

1. Serán de aplicación para o exercicio 2003 a Lei de contratos das administracións públicas e as disposicións que a desenvolvan e o Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno e o Consello Social.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servicio de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura de contrato.

3. Constitúese un fondo de dotación artística mediante redistribución dos créditos para obras do orzamento da universidade polo importe do 1% do custo de execución material dos proxectos de obras.

Disposición adicional

Autorízase o xerente da universidade a que dicte as instruccións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición transitoria

Autorízase o vicerrector de Economía e Financiamento para que, mentres non se formalice definitivamente a operación de préstamo incluída nos orzamentos, habilite temporalmente os procedementos orzamentarios que premitan afronta-los gastos de investimento urxentes e ineludibles contra outras partidas de ingresos, procedendo con posterioridade á súa regularización, dando conta de todo iso ó Consello de Goberno e ó Consello Social.

Disposición derradeira

Estas normas entrarán en vigor ó día seguinte da aprobación definitiva do orzamento polo Consello Social, sen prexuízo de que a súa executividade se entenda a partir do 1 de xaneiro de 2003.