Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Martes, 27 de maio de 2003 Páx. 6.808

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2003, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se modifica o inicio e o final do período de caza do corzo (Capreolus capreolus), sinalado na Orde do 26 de xullo de 2002 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a temporada 2002-2003.

No artigo 18.2º a) da Orde do 26 de xullo de 2002, pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a temporada 2002-2003, regúlanse os réximes especiais por especies para caza maior, en particular o corzo (Capreolus capreolus) no que se di: «... Os axexos autorízanse de acordo co establecido no artigo 13º desta orde, desde o 1 de xuño do 2003 ata o 15 de agosto de 2003...».

A Orde do 26 de xullo de 2002, na súa disposición derradeira primeira, faculta o director xeral de Conservación da Natureza para modifica-lo inicio ou o final dos períodos de caza sinalados, cando haxa razóns especiais que o xustificasen.

Vistos os acordos tomados na reunión do Comité Galego de Caza do 5 de xullo de 2002, polo que se propoñían as datas para a temporada 2002-2003 de axexo do corzo, e á vista das recomendacións técnicas segundo o ciclo biolóxico desta especie na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial incidencia no período de celo, amais das solicitudes de adianto de datas formuladas pola Federación Galega de Caza e pola Asociación de Propietarios Rurais e Productores de Caza de Galicia (Aproca).

Na súa virtude, e en uso das facultades e atribucións que me confire a disposición derradeira primeira da Orde do 26 de xullo de 2002 e demais normativa de xeral aplicación,

RESOLVO:

Primeiro.-Modifica-las datas do inicio e do final do período de caza do corzo na modalidade de axexo, que figuran na Orde do 26 de xullo de 2002, pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a temporada 2002-2003, que pasan a ser desde o 17 de maio de 2003 ata o 3 de agosto de 2003.

Segundo.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2003.

Francisco García-Bobadilla Prósper

Director xeral de Conservación da Natureza