Visto o expediente de clasificación da Fundación Manuel Villuendas Pena, con domicilio en Betanzos (A Coruña).
Supostos de feito.
1. A fundación formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.
2. A Fundación Manuel Villuendas Pena foi constituída en escritura pública outorgada en Betanzos (A Coruña), o 20 de decembro de 2002, ante o notario Luis Gómez Varela, co número mil seiscentos sesenta do seu protocolo, por Julio Luis Villuendas Borondo e María Mercedes Muñiz Cotos, que interveñen no seu propio nome, facéndoo ademais Manuel Lagares Pérez, alcalde-presidente do Concello de Betanzos, José Fernández Ramos, alcalde-presidente do Concello de Bergondo, Francisco Manuel Díaz Pereira e María Beatriz Gómez Iglesias como concelleiros do Concello de Betanzos, que interveñen en razón dos seus respectivos cargos.
3. A fundación, segundo establece o artigo 6 dos estatutos, ten por obxecto a realización de actividades, certames, convocatorias de carácter cultural e social, que se realizarán con periodicidade mínima anual e que en cada momento serán definidas, dentro dos campos citados, de acordo coa realidade do tempo en que teñan lugar.
4. O padroado da fundación estará integrado por Manuel Lagares Pérez, alcalde do Concello de Betanzos, como presidente; José Fernández Ramos, alcalde do Concello de Bergondo, como vicepresidente; Francisco Manuel Díaz Pereira, concelleiro del Concello de Betanzos, como secretario; María Beatriz Gómez Iglesias, concelleira do Concello de Betanzos, como tesoureira.
5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Manuel Villuendas Pena, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e á súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.
Fundamentos de dereito.
1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.
2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 6 de maio de 2003.
Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.
Na súa virtude,
DISPOÑO:
Clasificar como de interese cultural a Fundación Manuel Villuendas Pena e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2003.
Jaime Pita Varela
Conselleiro da Presidencia, Relacións
Institucionais e Administración Pública