Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.708

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

RESOLUCIÓN do 31 de marzo de 2003 pola que se lle outorga a Inprocar de Carril, S.L. permiso de actividade e concesión para a posta en funcionamento dun establecemento de cultivos mariños no lugar de Couso-A Graña, concello de Ribeira, provincia da Coruña.

Examinado o expediente instruído para efectos de outorgamento do permiso de actividade e concesión para a explotación dun criadoiro, apreciáronse os seguintes

a) Feitos:

Primeiro.-Mediante escrito do 18 de decembro de 2000, José Luis Villanueva Vicente, en representación de Inprocar de Carril, S.L. (CIF: B36341410), solicitou permiso de actividade e concesión para a explotación dun criadeiro para o cultivo de xuvenís, no lugar de Couso-A Graña, concello de Ribeira (A Coruña).

Segundo.-O interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de establecementos.

Terceiro.-No expediente figura a seguinte documentación, referida ó resultado da información pública e oficial:

-Anuncio de información pública, inserido no DOG.

-Informe técnico biolóxico da Delegación Territorial da Coruña.

-Informe urbanístico do Concello de Ribeira.

-Informe sobre a ocupación do dominio público marítimo-terrestre, da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente).

-Informe en materia de defensa, da Comandancia Militar de Mariña (Ministerio de Defensa).

-Informe en materia de navegación, da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa (Ministerio de Fomento).

-Cualificación ambiental e declaración de impacto ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Consellería de Medio Ambiente).

-Informe xurídico do Servicio Técnico-Xurídico.

b) Fundamentos de dereito:

Este órgano é competente para resolve-lo expediente de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142) e coa Orde do 17 de marzo do 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67).

Examinadas as disposicións citadas, a proposta de resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Outorgarlle a Inprocar de Carril, S.L. (CIF: B36341410) permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación e concesión para a ocupación de 872,90 m de superficie de dominio público marítimo-terrestre, do establecemento de cultivos mariños que se indica a continuación.

-Tipo: criadeiro.

-Nome: Inprocar de Carril, S.L.

-Actividade: reproducción e primeiras etapas do ciclo vital.

-Especies: ameixa fina (Ruditapes decussatus), ameixa babosa (Venerupis pullastra) e ameixa xaponesa (Ruditapes philippinarum), ostra plana (Ostrea edulis) e ostra rizada (Crassostrea gigas).

-Situación:

Lugar: Couso-A Graña, concello: Ribeira, provincia: A Coruña.

-Superficies:

Dominio privado: 1.811 m.

Dominio público: 872,90 m.

-Características das instalacións:

1 Nave de 55,40 mx30 m=1.662 m.

1 Caseta de bombeo de 6,50 mx5,50 m=36 m.

1 Depósito regulador de 20,40 mx5,40 m=110 m.

1 Pozo de decantación de 2,30 mx1,50 m=3 m.

A actividade desenvolverase dentro da nave, nunha superficie de 720,50 m distribuídos de acordo co plano «planta de distribución e cotas», presentado

no proxecto, e contará coas seguintes salas e unidades:

-Unidade de reproductores.

-Sala de cultivos larvarios.

-Sala de fixacións e poslarvas.

-Unidade de sementeiro-poslarvas.

-Salas de producción de fitoplancto: cámara illada, cultivo en bolsas e tanques, producción en piscinas.

-Outras instalacións: laboratorio, dependencias administrativas, almacén, taller, aseos e vestiarios.

-Capacidade:

200 millons de unidades de semente de ameixa de 2-3 mm/ano.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira.-Vixencia.

O permiso de actividade e a concesión outórganse por un prazo de dez (10) anos, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG.

Poderán prorrogarse por períodos máximos doutros dez, ata un máximo total de 30 anos, logo de petición do interesado presentada dentro dos 60 días anteriores ó vencemento da súa vixencia.

Segunda.-Obras e instalacións.

As obras e instalacións, que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña das autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo de acordo co proxecto Básico de nave para criadeiro industrial de moluscos bivalvos subscrito en xaneiro do 2002, polo arquitecto Manuel J. Freijeiro, visado polo colexio profesional correspondente o día 19-2.2002, e deberán quedar totalmente rematadas no prazo de tres anos, contados desde o día seguinte ó da publicación desta resolución.

A execución das obras e instalacións e o inicio da actividade realizaranse de acordo co disposto nos artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000 citada.

Terceira.-Ocupación do dominio público marítimo-terrestre.

Á concesión de ocupación do dominio público marítimo-terrestre sonlle de aplicación na sua integridade as condicións e prescricións sinaladas no informe do 21-2-2003 da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente), aceptadas pola empresa con data 5-3-2003.

Cuarta.-Declaración de impacto ambiental.

Coa finalidade de minimiza-las posibles afeccións ambientais negativas, deberanse aplicar, xunto coas medidas que se propoñen no proxecto, as recollidas na declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avalición Ambiental do 12-12-2002, notificadas ó promotor con data 10-1-2003.

Quinta.-Modificacións.

O establecemento, nin o dominio público ocupado, nin as obras nel executadas poderán destinarse a usos distintos dos autorizados. Baixo ningún concepto se poderán modifica-las instalacións sen permiso expreso desta consellería.

Sexta.-Extinción.

O permiso de actividade e a concesión ós que se refire esta resolución extinguiranse polo incumprimento dalgunha das condicións dela, polos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, e no Decreto 193/1997, do 5 de xuño, así como polo incumprimento de calquera das prescricións sinaladas no informe do 21-2-2003 da Dirección Xeral de Costas (Ministerio de Medio Ambiente) sobre a ocupación do dominio público.

Sétima.-Licencias doutros organismos competentes na materia.

O outorgamento deste permiso de actividade e concesión non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Oitava.-Impostos.

O titular xustificaralle o pagamento á Facenda pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non estar suxeito ó acto do dito imposto, feita pola Delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Novena.-Fianzas.

Previamente ó inicio das obras, o promotor deberá depositar, ante a Dirección Xeral de Recursos Mariños, un aval correspondente ó 4% do orzamento de execución por contrata para garanti-lo cumprimento das medidas protectoras e correctoras, así como para facer fronte ós posibles danos que se poidan causar ó medio, de acordo co disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

Ademais, o promotor enviaralle á mesma dirección xeral, xustificante da constitución da fianza definitiva á que se refire o artigo 88.2º da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, ante o Servicio Provincial de Costas, correspondente ó 5% do orzamento das instalacións, para responder dos gastos de reparación e retiradas destas.

Contra esta resolución que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso postestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contencioso-administrativa, que se interporá no prazo de dous meses, contados, en ámbolos dous casos, desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do proce

demento administrativo común e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2003.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos