O Consello da Xunta de Galicia acordou na súa reunión do 2 de maio de 2002, declara-lo Plan da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo como de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.
O dito plan foi sometido ó trámite de información pública polo prazo dun mes a partir do día 30 de
maio de 2002, data de publicación do anuncio de información pública no Diario Oficial de Galicia.
Analizadas as alegacións presentadas ó plan, redactouse un documento complementario onde se modificaban os trazados inicialmente propostos.
Polo tanto, en cumprimento do artigo 25.3º da Lei 10/1995 de ordenación do territorio, sométese a información pública o documento complementario ó Plan da rede viaria de Santiago de Compostela, Ames e Teo, por un prazo dun mes contado a partir da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, co fin de que os interesados poidan examinalo, en horas hábiles de oficina, na Dirección Xeral de Obras Públicas, no Servicio Provincial de Estradas da Coruña e nos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo, e presentar ante a Dirección Xeral de Obras Públicas as alegacións que consideren pertinentes.
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2003.
Agustín Hernández Fernández de Rojas
Director xeral de Obras Públicas