Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.680

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE VIGO

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2003 de delegación de competencias.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades (LOU) asígnalles ós rectores das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire ós órganos universitarios. Así mesmo, os estatutos da Universidade de Vigo desenvolven especificamente as competencias do rector.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo leva consigo unha concentración de funcións na persoa do seu rector que aconsella, dado o seu volume, recorrer á delegación de competencias sen esquece-lo debido respecto dos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa constitución recolle no seu artigo 103.1º.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos esixe.

Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confire o artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os estatutos desta universidade e demais disposicións de xeral aplicación, este rectorado decide dicta-la seguinte resolución:

I. Delegación a favor da secretaria xeral e dos vicerrectores.

1. Con independencia das competencias que lle recoñecen a LOU e os estatutos desta universidade:

Deléganse na secretaria xeral as seguintes competencias:

a) A dependencia funcional da asesoría xurídica, sendo este o camiño que se debe seguir para o pedi

mento de consultas e informes que deba render aquela ós órganos colexiados e unipersoais, así como ós restantes membros da comunidade universitaria.

b) A sinatura de certificacións supletorias dos títulos propios.

c) A expedición de certificados de actos presuntos.

d) A sinatura das resolucións que autoricen ou deneguen as rectificacións das actas académicas.

e) As materias de protocolo.

f) A representación oficial da universidade diante dos poderes públicos en materia xudicial e administrativa.

g) Delegación da sinatura en resolucións rectorais polas que se resolvan pedimentos de alumnos en relación con súa actividade académica, agás os relativos ó rendemento académico dos estudiantes.

h) As relativas ós rexistros da universidade.

i) A coordinación da matrícula e a proposta de calendario escolar.

2. Deléganse no vicerrector de Investigación as seguintes competencias:

a) A proposta, formalización e contratación de proxectos europeos.

b) O relacionado coas bolsas de estudios, tanto das propias coma das autonómicas, nacionais e internacionais, convocando e resolvendo as primeiras e solicitando e informando as restantes.

c) A promoción e avaliación da investigación.

d) As relativas ó servicio de biblioteca e publicacións.

e) As de equipamento de centros de investigación e as de xestión e coordinación dos recursos de investigación.

f) As do terceiro ciclo e doutoramento, con exclusión da sinatura dos títulos de doutor e doutor Honoris Causa.

g) As de política científica e difusión da actividade investigadora.

h) As correspondentes ós institutos universitarios.

i) A de formalización de pólizas de seguros de accidentes dos bolseiros.

j) As de contratos, informes e cursos do artigo 83 da LOU.

k) As correspondentes á oficina de I+D e relacións con outros centros de I+D.

l) A solicitude de proxectos de transferencia de resultados de investigación.

m) As de transferencia de tecnoloxía e patentes.

3. Deléganse na vicerrectora de Organización Académica e Profesorado as seguintes competencias:

a) Aprobación dos POD e do cadro de persoal docente.

b) As relativas ós concursos de profesorado contratado.

c) A aprobación das listas provisionais e definitivas de admitidos nos concursos de persoal docente funcionario e contratado.

d) Tódolos actos relativos á situación administrativa do persoal docente, incluídos os procedementos de xubilación.

e) As referentes á organización e desenvolvemento das áreas de coñecemento e dos departamentos.

f) A oferta de prazas (límite de prazas) e a oferta educativa anual (encargo de docencia).

g) A actualización e/ou modificación da normativa de xestión académica.

4. Deléganse no vicerrector de Planificación as seguintes competencias:

a) A de avaliación das novas infraestructuras.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten á Universidade de Vigo.

c) As de coordinación en materias económicas.

d) A presidencia da mesa de contratación.

5. Deléganse no vicerrector de Innovación e Calidade as seguintes competencias:

a) As referidas á organización, avaliación e seguimento da calidade da universidade.

b) As relacionadas con programas e proxectos de innovación da Universidade de Vigo.

c) As correspondentes ó rendemento académico dos estudiantes da Universidade de Vigo.

d) As relativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións e os seus servicios.

e) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestructuras docentes.

6. Deléganse no vicerrector de Relacións Institucionais as seguintes competencias:

a) As referidas á imaxe corporativa da universidade e ás súas relacións exteriores.

b) As relacións, en representación do rector, coas institucións e empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de convenios e protocolos relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo rector.

c) As correspondentes ó acceso dos alumnos á universidade.

d) As relacionadas coa orientación e fomento do emprego e iniciativas empresariais, incluíndo a sinatura de convenios de cooperación educativa.

e) As relacionadas con empresas e institucións, incluíndo as cátedras de empresa, cursos complementarios e a sinatura de convenios de colaboración en tódalas materias obxecto desta delegación.

f) As relativas á política lingüística.

7. Deléganse no vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes as seguintes competencias:

a) As de proxección da universidade na vida cultural e deportiva do territorio de influencia da Universidade de Vigo.

b) As correspondentes a servicios sociais, aloxamento e atención e información ó estudiante.

c) As de organización, realización e seguimento dos cursos de extensión universitaria.

d) As relativas a asociacións universitarias e voluntariado.

e) As da presidencia ou representación no xurado de bolsas do MEC e nos procedementos das bolsas compensatorias da Xunta de Galicia, así como en calquera outra na que se convoquen bolsas para estudiantes, agás aquelas que dependen directamente doutros vicerrectorados.

8. Deléganse no vicerrector de Titulacións, Posgrao e Formación Permanente as seguintes competencias:

a) As de elaboración e reforma de planos de estudio.

b) As de posta en marcha de novas titulacións.

c) As de harmonización das ensinanzas para a converxencia no espacio europeo de educación superior.

d) A coordinación dos estudios de posgrao e cursos de formación.

e) As de coordinación dos programas de formación continua.

f) As de coordinación e control dos centros adscritos.

g) A coordinación do campus de Pontevedra.

9. Deléganse no vicerrector de Planificación e Desenvolvemento do campus de Ourense as seguintes competencias no territorio de influencia da Universidade de Vigo no campus de Ourense:

a) As de proxección, coordinación e representación da universidade.

b) As relacións, en representación do rector, coas institucións e empresas de carácter público e privado, así como a sinatura de todo tipo de protocolos e convenios relacionados coas actividades destas, cando así sexa considerado oportuno polo rector.

c) As relacionadas con empresas e institucións, incluíndo as cátedras de empresa e cursos complementarios, e a sinatura de convenios de colaboración en tódalas materias obxecto desta delegación, cando así sexa considerado polo rector.

d) As relacionadas directamente cos asuntos específicos do campus.

II. Delegación a favor do xerente.

10. En canto ó xerente e con independencia das competencias que lle outorga a LOU e os estatutos da Universidade de Vigo, deléganse nel as seguintes competencias:

a) A de ordenación dos pagamentos.

b) As de negociación colectiva e carreira administrativa.

c) As de contratación administrativa que o Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño (BOE do 21 de xuño) polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e o Regulamento de contratación desta universidade lle outorgan ó rector, coas excepción seguintes:

1º Resolución das adxudicacións e formalización dos contratos administrativos derivados dos procedementos de contratación abertos, restrinxidos e negociados.

2º As resolucións de modificación, suspensión e revogación dos contratos administrativos incluídos no punto anterior.

3º As resolucións de execución forzosa.

d) As de concluír, de mutuo acordo co contratista e con respecto ós límites legais, a prórroga daqueles contratos administrativos para os que exista previsión legal ou contractual.

e) O mantemento das infraestructuras existentes e a xestión das reformas, melloras e ampliación das infraestructuras dos centros.

f) As modificacións de crédito que teñan a súa orixe nas incorporacións de remanente.

III. Delegación a favor dos administradores de centros/campus e do xefe de servicio de Investigación en materia de contratación.

11. Deléganse nos administradores de centros/campus e no xefe de servicio de Investigación:

a) A aprobación do gasto e a formalización dos contratos menores relativos ás adquisicións de subministracións, prestacións de consultorías/servicios/asistencias e realización de obras, dos programas de gasto que teñan encomendados, todo isto

sen menoscabo das competencias reservadas a outros órganos de contratación polo artigo 8 das normas de execución do orzamento de 2003, e da competencia reservada o rector no número 10 d) desta resolución de competencias.

b) A súa vez deléganse nos administradores de centros/campus os procedementos negociados de subministración por razón da contía, agás das competencias do número 10 d) desta resolución rectoral.

IV. Delegación a favor dos xefes de administración dos centros de Ourense e Pontevedra e dos xefes da área académica dos centros de Vigo en materia de xestión académica.

12. Deléganse nos xefes de administración dos centros de Ourense e Pontevedra e dos xefes da área académica dos centros de Vigo a sinatura dos seguintes actos de xestión na tramitación dos procedementos de matrícula ordinaria:

a) Os escritos a que fai referencia o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

b) Os trámites que teñan que efectuar os interesados, conforme o artigo 76 da mesma lei.

c) O pedimento de informes que teñan carácter preceptivo, e os facultativos cando o determina unha disposición administrativa de carácter xeral, ou se xulguen necesarios para a resolución do procedemento, de conformidade cos artigos 82 e 83 da citada lei.

d) Propoñe-la aceptación da desistencia ou da renuncia da solicitude de matricula dos alumnos.

e) Realiza-los trámites que establece o artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, relativos á caducidade dos procedementos de matricula ordinaria.

V. Delegación a favor de decanos/directores de centro en materia académica.

13. Deléganse nos decanos/directores de centros a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos:

a) A admisión de alumnos en titulacións sen límite de prazas.

b) A admisión dos traslados dos alumnos para continuación de estudios, unha vez adoptadas as decisións polas comisións de centros.

VI. Delegación da función certificante da secretaria xeral da universidade no xefe de servicio de Xestión de Persoal.

14. Delégase no xefe de servicio de Xestión de Persoal, en relación co persoal universitario, a función de certificación da secretaria xeral da universidade, referida exclusivamente ós seguintes supostos:

a) Certifica-la condición de funcionario ou traballador da universidade, en situación de servicio activo para solicita-la concesión de subvencións de matrícula nos centros de ensino.

b) Certificar ou constata-la situación de servicio activo dos funcionarios ou traballadores para que teña efectos en calquera acto da vida administrativa dos interesados, unicamente no ámbito da UVI.

Disposicións xerais

1. Os actos dictados como consecuencia desta delegación non poderán excede-los límites dela xa que, en caso contrario, serán nulos de pleno dereito e, en todo caso, faríase constar expresamente esta resolución rectoral e terían a consideración de actos dictados por esta autoridade.

2. En ningún caso poderán delegarse as competencias que se delegan nesta resolución. O rector, en todo momento, poderá avocar para si todas e cada unha das facultades que se atribúen a esta resolución.

3. Quedan derrogadas tódalas resolucións que se opoñan ou contradigan esta resolución rectoral e de forma específica a do 14 de xuño de 2002 (DOG nº 127, do 3 de xullo) e a corrección de erros (DOG nº 151, do 7 de agosto).

18. Esta resolución terá vixencia a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Vigo, 15 de maio de 2003.

Domingo Docampo Amoedo

Rector da Universidade de Vigo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA