Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.674

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de empresas auxiliares de Izar-Fene.

Visto o expediente do convenio colectivo de empresas auxiliares de Izar-Fene (código convenio 1500523), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 5-3-2003, complementado o 31-3-2003 e subscrito, en representación da parte económica, polas empresas Indasa, Dacrio, S.A. e Montajes Cabral, S.L., e, da parte social, polos representantes dos traballadores das ditas empresas o día 25-2-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 22 de abril de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto do convenio.

O presente convenio colectivo ten por obxecto regula-las relacións económicas e sociais entre as empresas Indasa, Montajes Cabral, S.L. e Dacrio, S.A. e os seus traballadores.

Artigo 2º.-Carácter do convenio.

Declárase expresamente que as condicións pactadas son máis beneficiosas que as mínimas legais que lle correspondan ó traballador.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación ás empresas Indasa, Montajes Cabral, S.L., e Dacrio, S.A., a actividade principal das cales se realiza no recinto da factoría de Izar Fene.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Este convenio será de aplicación á totalidade dos traballadores das empresas relacionadas no ámbito territorial.

Artigo 5º.-Vixencia. Denuncia e prórroga.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o día da súa publicación no BOP e manteraa ata o 31 de decembro de 2005.

Non obstante, os seus aspectos salariais retrotraerán os seus efectos o 1-1-2002, tendo en conta, para efectos do devengo de atrasos, a data de sinatura (1-3-2002) do acordo para a regulación da subcontratación nas empresas auxiliares que presten os seus servicios nas instalacións de Izar na comarca de Ferrol.

Con dous meses de antelación ó termo da súa vixencia, calquera das partes poderá denuncia-lo convenio colectivo, notificándollo á outra parte, e á Delegación Provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, comprometéndose as partes, a constituí-la comisión negociadora no prazo máximo dun mes.

No suposto de non mediar denuncia dentro do prazo citado, este convenio colectivo prorrogarase de ano en ano tacitamente.

Artigo 6º.-Compensación e absorción-garantía ad personam.

As melloras económicas que no futuro calquera disposición obrigatoria puidese establecer, absorberanse ou compensaranse globalmente.

Así mesmo, respectaranse, a título individual, as percepcións de calquera clase que sexan máis beneficiosas que as establecidas no presente convenio.

Así, para aqueles traballadores que ata o ano 1988, tiñan reguladas as súas relacións laborais polo convenio colectivo de empresas auxiliares de Izar Fene, respectaranse na súa totalidade os dereitos adquiridos derivados da reconversión naval, entre eles, o complemento adicional establecido no convenio colectivo de 1996, o cal está suxeito ós incrementos salariais do actual e futuros convenios, que compensa o prexuízo económico que supuxo para estes traballadores a adopción do sistema de complementos salariais, formulado no convenio colectivo do 96 xa mencionado.

Capítulo II

Xornada de traballo

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será en cómputo anual do mesmo número de horas que as que se pactan no convenio colectivo de Izar Fene.

A distribución horaria e semanal da xornada de traballo será a mesma que realice a empresa Izar Fene.

Durante a xornada haberá un descanso de 15 minutos de duración «bocadillo», que será computado como tempo efectivo de traballo.

Para aqueles traballos en que se necesite a continuidade deles coa xornada de quenda, esta será de 37,5 horas semanais, quedando a expensas do cómputo de horas do convenio colectivo de Izar Fene.

Esta xornada de quenda terá un descanso de 15 minutos de duración, sendo considerado o devandito descanso como tempo efectivo de traballo.

Esta xornada de traballo será de aplicación sempre que os traballos se realicen dentro do recinto de Izar Fene. Cando os traballos se realicen noutras empresas, poderá ser de aplicación a xornada de traballo que estas teñan regularizada, manténdose sempre a garantía de cómputo de horas anuais.

Artigo 8º.-Vacacións e pontes.

Con base no artigo de xornada os días pontes serán os mesmos que desfruten os traballadores de Izar Fene.

No cómputo de haberes dos días ponte entrarán os seguintes conceptos: salario base, complemento de asistencia, complemento de carencia de incentivo, complemento de condicións ambientais en media semanal e antigüidade.

Os días de vacacións serán retribuídos conforme a media obtida polo traballador, salarios, primas, antigüidade, complemento de condicións ambientais, nos tres últimos meses traballados con anterioridade á data de iniciación delas.

As vacacións terán que ser sempre desfrutadas e nunca compensadas en metálico.

Restablecemento da xornada regulamentaria.

Deberá terse en conta que todo o anterior se basea en que a producción durante a xornada terá que ser equivalente á de mañá e tarde anterior.

Ben entendido que as empresas se reservan o dereito de restablece-la xornada regulamentaria non continuada en calquera momento en caso de que Izar Fene a modificase.

Artigo 9º.-Licencias retribuídas.

O traballador, avisando coa suficiente antelación, poderá faltar ó traballo con dereito a percibi-lo seu salario base, antigüidade e complemento de carencia de incentivos, polas seguintes causas:

a) 15 días naturais en caso de matrimonio do traballador non sendo a devandita licencia computable dentro do período de vacacións.

b) 3 días en caso de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de pais, cónxuxes, fillos e irmáns.

c) 2 días naturais en caso de enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o 2º grao de consanguinidade ou afinidade.

Cando por tales motivos o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de 2 días máis.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) 1 día por traslado de domicilio habitual.

Cando conste unha xornada legal ou convencional un período determinado, seguirase o que esta determine en canto á duración da ausencia e a súa compensación.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido, en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ó traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

Capítulo III

Ordenación económica

Artigo 10º.-Estructura salarial.

A remuneración do persoal afectado polo presente convenio colectivo estará constituído polos seguintes conceptos:

a) Salario base.

b) Complementos do salario.

Artigo 11º.-Incremento e revisión salarial.

Os incrementos sobre salarios e demais conceptos retributivos correspondentes ós anos 2002 e 2005 serán os seguintes:

2002: 3,5%.

2003: IPC previsto+1,5%.

2004 e 2005: o incremento pactado no convenio provincial para a industria siderometalúrxica.

Os atrasos resultantes da aplicación do convenio colectivo aboaranse nos dous meses seguintes á sinatura del.

Artigo 12º.-Cláusula de revisión salarial.

No suposto de que o IPC real do ano 2002 fose superior ó 3,5%, a diferencia positiva engadirase ás táboas salariais. Non obstante, se o IPC real fose superior ó incremento salarial pactado en 0,5 puntos ou máis, a diferencia positiva teríase en conta para efectos do pagamento de atrasos.

O procedemento que se seguirá para os anos 2003, 2004 e 2005 será o que se estableza no convenio provincial para a industria siderometalúrxica da Coruña.

A revisión salarial aboarase nunha soa paga durante o primeiro trimestre dos anos 2002-2005, respectivamente.

Artigo 13º.-Salario base.

Os salarios base establecidos por cada categoría profesional son os que se recollen na táboa salarial.

Artigo 14º.-Complementos do salario.

-Complemento de antigüidade.

-Complemento de asistencia.

-Complemento de carencia de incentivos.

-Complemento de condicións ambientais.

-Complemento de cualificación profesional.

-Complemento de xefe de equipo.

-Complemento de quenda.

-Horas extraordinarias.

-Pagas extras.

Artigo 15º.-Antigüidade.

Aboarase un complemento de antigüidade por importe do 4% do salario base por trienio.

Mantéñense os quinquenios (5%) e bienios que ata o convenio de 1978 se viñan percibindo e a partir do ano 1979 aplícanse trienios.

Artigo 16º.-Complemento de asistencia.

Aboarase por este concepto o establecido na táboa do presente convenio, que consistirá no aboamento dun complemento por día efectivo de traballo.

Perderase o dereito a este complemento mensual, cando no transcurso do devandito mes se falte tres días sen xustificar. Por un día de falta sen xustificar, descontaranse dous días do devandito complemento.

Non se considerará falta de puntualidade para efectos de perda do devandito complemento, cando a suma dos minutos de atraso no traballo, entre a hora de entrada e/ou saída non exceda de cinco minutos.

Artigo 17º.-Complemento de carencia de incentivos.

Aboarase por este concepto o establecido na táboa do presente convenio, por día efectivo de traballo.

Artigo 18º.-Complemento de condicións ambientais.

Aboarase un complemento fixo de condicións ambientais por día de asistencia ó traballo, o valor do cal se establece nas táboas salariais.

Artigo 19º.-Complemento de cualificación profesional.

Aboarase por este concepto o establecido na táboa salarial do presente convenio por día efectivo de traballo.

Non obstante, a percepción deste complemento será incompatible coa do complemento fixo adicional.

Artigo 20º.-Complemento de xefe de equipo.

A compensación que percibirán os traballadores que desempeñen esta función consistirá no aboamento dos valores establecidos na táboa adxunta durante o exercicio real de tal función. A todos aqueles traballadores que na data da sinatura do convenio de 1981 o viñesen percibindo, quedaralles consolidado na cantidade de 27,05 euros mensuais.

Artigo 21º.-Complemento de quenda.

Aboarase por este concepto o establecido nas táboas salariais.

Artigo 22º.-Horas extras.

Ante a grave situación de paro existente e co obxecto de fomentar unha política solidaria que favoreza a creación de emprego, acórdase a supresión das horas extraordinarias habituais, mantendo así o criterio xa establecido en convenios anteriores.

É intención das partes asinantes a posibilidade de realizar novas contratacións, dentro das modalidades de contratación vixentes, en substitución das horas extraordinarias suprimidas.

Respecto ós distintos tipos de horas extraordinarias acórdase o seguinte:

a) Horas extraordinarias que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas.

b) Valor horas extras: tomarase como base de cálculo o valor da hora ordinaria, a cal será multiplicada por un coeficiente de maioración, en función da clasificación seguinte.

* Horas extraordinarias realizadas en días laborais: coeficiente= 1,60.

* Horas extraordinarias realizadas en noites e festivos: coeficiente= 1,75.

Realización:

c) Os traballos que se realicen nos diques números 1 e 2, e entrega de barcos de nova construcción, conceptuaranse como horas estructurais, manténdose estas, sempre que non poidan ser substituídas pola utilización das distintas modalidades de contratación prevista legalmente.

d) A dirección das empresas informarán mensualmente os delegados de persoal sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas e a súa distribución. Así mesmo, en función desta información e dos criterios sinalados anteriormente, as empresas e os representantes legais dos traballadores, determinarán o carácter e natureza das horas extraordinarias, para efecto de lle dar cumprimento ó establecido na normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

Artigo 23º.-Pagas de vencemento superior ó mes.

Serán as pagas extras de verán e Nadal e serán aboadas os días 15 de xullo e 22 de decembro. Estas pagas extras consistirán no aboamento de 30 días de salario base e antigüidade.

Para o persoal que non estea percibindo o complemento de antigüidade aboarase por este concepto o valor dun trienio correspondente á súa categoría para efectos das devanditas pagas, proporcional ó tempo traballado.

Artigo 24º.-Período de devengo de haberes.

O pagamento de haberes realizarase o día 8 de cada mes nas empresas Indasa e Dacrio, S.A., e o día 10, en Montajes Cabral, S.L.

Artigo 25º.-Axudas de custo.

En caso de necesidade de desprazamento, para efectuar traballos fóra da comarca, cada empresa acordará cos seus traballadores as cantidades que se vaian percibir por este concepto.

Capítulo IV

Dereitos sindicais

Artigo 26º.-Delegados de persoal.

Os delegados de persoal terán os dereitos e garantías sindicais recoñecidos no Estatuto dos traballadores, acordo interconfederal e Lei orgánica de liberdade sindical.

Capítulo V

Disposicións sociais

Artigo 27º.-Economato e enfermería.

Constitúese unha comisión, formada polos representantes legais dos traballadores e das direccións das empresas, para xestionar ante a dirección de Izar Fene, que os traballadores afectados polo presente convenio teñan dereito ó economato laboral de Izar Fene.

Garantirase un recoñecemento médico completo de carácter anual, igual que o persoal de Izar Fene, e nas súas instalacións.

Artigo 28º.-Reserva do posto de traballo.

Os traballadores fixos de cadro de persoal que cesen temporalmente na empresa por pasaren a unha situación de invalidez provisional terán o dereito, ó ser declarados de novo aptos para o traballo, a seren reintegrados de novo ó posto de traballo que, con carácter normal, ocupasen na empresa na data causante da baixa temporal.

Sería preciso que o traballador o solicitase dentro do mes seguinte á data da súa declaración de apto por resolución firme do organismo competente, quedando a empresa obrigada a proporcionarlle ocupación efectiva, no prazo máximo dos 15 días seguintes á data en que o traballador formulase a súa petición de reingreso.

Se o traballador non o solicitase dentro do mes seguinte á data da súa declaración de apto pola súa resolución firme, a empresa quedará liberada das súas obrigas a readmitilo.

As empresas entregarán anualmente a cada productor tres fundas de traballo, sendo unha por cada catro meses; así mesmo, a empresa dará unha compensación económica de 0,91 euros mes para aseo persoal.

Artigo 29º.-Política de emprego.

As partes asinantes do presente convenio, en prol dunha maior estabilidade no emprego, acordan fomenta-la contratación indefinida, establecendo como cadro de persoal fixo mínimo das empresas o 30% do cadro de persoal total, entendendo por cadro de persoal total a media dos últimos 24 meses.

Artigo 30º.-Recualificación profesional.

As empresas de acordo cos representantes sindicais estudiarán os casos de traballadores que realicen traballos de superior categoría para cualificalos coa categoría superior que corresponda.

Artigo 31º.-Comedor.

As empresas comprométense a aboar un 50% da cota por comensal de cada traballador que use os servicios do comedor de Izar Fene, sempre e cando teña que continua-la súa xornada pola tarde, e cando por motivos de afastamento do seu domicilio se vexa necesitado de utilizalo, logo de solicitude á empresa.

Artigo 32º.-Percepcións económicas por enfermidade e accidente.

En caso de IT por enfermidade común, as percepcións económicas para o traballador serán do 100% desde o 8º día no primeiro rebaixe do ano, e o 100% desde o día décimo quinto nos demais rebaixes.

En caso de hospitalización debida a enfermidade común, enfermidade profesional e accidente de traballo, o 100% desde o primeiro día.

Artigo 33º.-Seguro colectivo.

Establecerase un seguro colectivo para o persoal afectado polo presente convenio, que cubrirá as seguintes garantías:

a) Por falecemento do traballador en accidente laboral, 24.040,48 euros.

b) Por incapacidade permanente total, absoluta ou grande invalidez para todo traballo, 24.040,48 euros, sempre e cando se cause baixa na empresa.

c) Para o traballador que desempeñe as funcións de vixilante de seguridade, terá un seguro de responsabilidade civil de 30.050,61 euros.

Artigo 34º.-Comisión paritaria.

Establécese unha comisión de interpretación e vixilancia do convenio colectivo, de composición paritaria, formada por cinco membros en representación dos traballadores, e outros cinco en representación das empresas.

As reunións da devandita comisión celebraranse, logo de convocatoria escrita, de calquera das partes.

Serán as funcións da comisión, analizar dúbidas e discrepancias que poidan xurdir en canto ó cumprimento do convenio colectivo e interpretación cando proceda, así como trata-los problemas que se lle poidan formular ás empresas, en canto á garantía dos postos de traballo, motivados polas contratacións.

Capítulo VI

Código de conducta

Artigo 35º.-Principios ordenadores.

O presente acordo sobre código de conducta laboral ten por obxecto o mantemento dun ambiente laboral respectuoso coa normal convivencia, ordenación técnica e organización da empresa, así como a garantía e defensa dos dereitos e lexítimos intereses de traballadores e empresarios.

A dirección da empresa poderá sanciona-las accións ou omisións culpables dos traballadores que supoñan un incumprimento contractual dos seus deberes laborais, de acordo coa gradación de faltas que se establece nos artigos seguintes.

Correspóndelle á empresa, en uso das facultades de dirección, impoñer sancións nos termos estipulados no presente acordo.

A sanción das faltas requirirá comunicación por escrito ó traballador, facendo consta-la data e os feitos que os motivaron. Ó mesmo tempo, a empresa dará conta ós representantes legais dos traballadores de toda sanción por falta grave e moi grave que se impoña.

Imposta a sanción, o cumprimento temporal dela só se poderá dilatar ata sesenta días despois da data da súa imposición.

Artigo 36º.-Graduación das faltas.

Toda falta cometida polo traballador cualificarase en atención á súa transcendencia ou intención en leve, grave e moi grave.

Artigo 37º.-Faltas leves.

Consideraranse faltas leves as seguintes:

1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo de ata tres ocasións nun período dun mes.

2. A inasistencia inxustificada dun día ó traballo no período dun mes.

3. Non notificar con carácter previo ou, se é o caso, dentro das 24 horas seguintes, a inasistencia ó traballo, agás que se probe a imposibilidade de telo feito.

4. O abandono do servicio ou do posto de traballo sen causa xustificada por períodos breves de tempo, se como consecuencia diso se ocasionase prexuízo dalgunha consideración nas persoas ou nas cosas.

5. As deterioracións leves na conservación ou mantemento dos equipos e material de traballo dos que se fose responsable.

6. A desatención ou falta de corrección no trato cos clientes ou provedores da empresa.

7. Non lle comunicar á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que estes poidan ocasionar algún tipo de conflicto ou prexuízo á empresa.

8. Non comunicar coa puntualidade debida os cambios experimentados na familia do traballador que teñan incidencia na Seguridade Social ou na Administración tributaria.

9. Todas aquelas faltas que supoñan incumprimento de prescricións, ordes ou mandatos dun superior no exercicio regular das súas funcións que non comporte prexuízos para as persoas ou cousas.

10. A inasistencia a cursos de formación teórico-práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo sen a debida xustificación.

11. Discutir cos compañeiros, clientes ou provedores dentro da xornada de traballo.

12. A embriaguez ou consumo de drogas non habitual no traballo.

Artigo 38º.-Faltas graves.

Consideraranse faltas graves as seguintes:

1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de tres ocasións no período dun mes.

2. A inasistencia non xustificada ó traballo de dous a catro días durante o período dun mes. Será suficiente unha soa falta cando esta afectara ó relevo dun compañeiro ou se como consecuencia da inasistencia se ocasionara prexuízo dalgunha consideración á empresa.

3. O falseamento ou omisión maliciosa de datos que tivesen incidencia tributaria ou na Seguridade Social.

4. Entregarse a xogos ou distraccións de calquera índole durante a xornada de traballo de maneira reiterada e causando, con isto, un prexuízo ó desenvolvemento laboral.

5. A desobediencia ás ordes ou mandatos das persoas de quen se dependa organicamente no exercicio regular das súas funcións, sempre que isto ocasione ou teña unha transcendencia grave para as persoas ou as cousas.

6. A falta de aseo e limpeza persoal que produza queixas xustificadas dos compañeiros de traballo e sempre que, previamente, mediara a oportuna advertencia por parte da empresa.

7. Suplantar a outro traballador, alterando os rexistros e controis de entrada ou saída ó traballo.

8. A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha del, sempre que disto non se derive prexuízo grave para as persoas ou as cosas.

9. A realización sen previo consentimento da empresa de traballos particulares, durante a xornada de traballo, así como o emprego para usos propios ou alleos dos útiles, ferramentas, maquinaria ou vehículos da empresa, mesmo fóra da xornada de traballo.

10. A reincidencia na comisión de falta leve (excluída a puntualidade), aínda que sexa de distinta

natureza, dentro dun trimestre e tendo mediado sanción.

11. Calquera atentado contra a liberdade sexual dos traballadores que se manifeste en ofensas verbais ou físicas, falta de respecto á intimidade ou á dignidade das persoas.

12. A embriaguez ou consumo de drogas non habituais, se repercute negativamente no traballo ou constitúe un prexuízo ou perigo a nivel de protección da seguridade e saúde dos traballadores no traballo.

Artigo 39º.-Faltas moi graves.

Consideraranse como faltas moi graves as seguintes:

1. A impuntualidade non xustificada na entrada ou na saída do traballo en máis de dez ocasións durante o período de seis meses ou ben máis de vinte nun ano.

2. A inasistencia ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos nun período dun mes.

3. A fraude, deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o furto ou roubo, tanto ós seus compañeiros de traballo como á empresa ou a calquera outra persoa dentro das dependencias da empresa ou durante o traballo en calquera outro lugar.

4. A simulación de enfermidade ou accidente. Entenderase que existe infracción laboral, cando encontrándose en baixa o traballador por calquera das causas sinaladas, realice traballos de calquera índole por conta propia ou allea. Tamén terá a consideración de falta moi grave toda manipulación efectuada para prolonga-la baixa por accidente ou enfermidade.

5. O abandono do servicio ou posto de traballo sen causa xustificada, mesmo por breve tempo, se como consecuencia del se ocasionase un prexuízo considerable á empresa ou ós compañeiros de traballo, puxese en perigo a seguridade ou fose causa de accidente.

6. O quebrantamento ou violación de segredos de obrigada confidencialidade da empresa.

7. A realización de actividades que impliquen competencia desleal á empresa.

8. A diminución voluntaria e continuada no rendemento do traballo normal ou pactado.

9. Os malos tratos de palabra ou obra, a falta de respecto e consideración ós seus superiores ou ós familiares destes, así como ós compañeiros de traballo, provedores e clientes de empresa.

10. A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que as faltas se cometan no período de dous meses e fosen obxecto de sanción.

11. A desobediencia das ordes ou mandatos dos seus superiores en calquera materia de traballo, se implicase prexuízo notorio á empresa ou ós seus compañeiros de traballo, salvo que sexan debidos ó abuso de autoridade por parte de directivos, xefes ou mandos intermedios, con infracción manifesta e deliberada dos preceptos legais e con prexuízo para o traballador.

12. Os atentados contra a liberdade sexual que se produzan aproveitándose dunha posición de superioridade laboral ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

Artigo 40º.-Réxime das sancións.

As sancións máximas que poderán impoñerse pola comisión das faltas sinaladas son as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de vinteún a sesenta días.

-Despedimento.

Artigo 41º.-Prescrición.

Dependendo da súa graduación, as faltas prescriben ós seguintes días:

Faltas leves: dez días.

Faltas graves: vinte días.

Faltas moi graves: sesenta días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data na que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se teren cometido.

Relación de asinantes: Indasa, Dacrio, S.A., Montajes Cabral, S.L., UGT, CC.OO.

Fene, 25 de febreiro de 2003.

Táboas 2003

CategoríaS. baseAsistenciaP.C.I.P.C.A.P.C.P.X. equip.T. díaT. noiteP. fixo adic.

Oficial 1ª 24,353,005,992,074,273,763,767,556,38

Oficial 2ª 23,823,005,862,073,063,703,707,396,69

Oficial 3ª 23,203,005,712,071,883,613,617,186,98

Especialista 23,083,005,672,070,003,613,617,167,66

Mestre taller817,173,006,712,076,210,003,707,775,80

CategoríaS. baseAsistenciaP.C.I.P.C.A.P.C.P.X. equip.T. díaT. noiteP. fixo adic.

Encargado749,483,006,162,075,180,003,647,607,61

Administrativo 1ª785,613,006,462,074,270,000,000,002,11

Administrativo 2ª749,483,006,162,073,060,000,000,002,79

Auxiliar704,513,005,782,071,880,000,000,002,51

Táboas 2003

CategoríaS. baseAsistenciaP.C.I.P.C.A.P.C.P.ExtrasTotalP. fixo adic.

Oficial 1ª8.886,44895,561.791,13618,811.278,051.460,7814.930,772.328,70

Oficial 2ª8.692,84895,561.750,70618,81914,221.428,9614.301,102.441,85

Oficial 3ª8.468,88895,561.707,17618,81562,841.392,1413.645,402.547,70

Especialista8.423,32895,561.694,73618,810,001.384,6613.017,092.797,65

Mestre taller9.806,04895,562.005,69618,811.856,431.634,3416.816,872.118,17

Encargado8.993,71895,561.840,88618,811.548,581.498,9515.396,502.778,67

Administrativo 1ª9.427,27895,561.931,06618,811.278,051.571,2115.721,96770,59

Administrativo 2ª8.993,71895,561.840,88618,81914,221.498,9514.762,141.017,33

Auxiliar8.454,08895,561.728,94618,81562,841.409,0113.669,24914,84