Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Venres, 23 de maio de 2003 Páx. 6.628

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 16 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos programas para a promoción do emprego autónomo e para a integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e traballo autónomo.

As diversas medidas de promoción do emprego postas en práctica pola Comunidade Autónoma complétanse con medidas específicas de fomento da cultura emprendedora e de apoio a actividades e iniciativas de autoemprego.

As iniciativas de autoemprego promovidas polos traballadores reveláronse tradicionalmente como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra productiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Por outra banda, no título VII da Lei 13/1982, de integración social dos minusválidos, establécese como finalidade primordial da política de emprego de traballadores minusválidos, a súa integración no sistema ordinario de traballo ou, no seu defecto, a súa incorporación ó sistema productivo mediante fórmulas especiais de traballo protexido, como son os centros especiais de emprego; tamén, como fórmula alternativa ó traballo por conta allea o autoemprego constitúe un elemento eficaz para a inserción socio-profesional das persoas con discapacidade.

Neste contexto, e como unha das actuacións do plan de medidas dirixidas a favorece-la inserción laboral das personas con discapacidade, inclúense axudas e subvencións para a creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego, en canto constitúen iniciativas eficaces que xeran emprego para o dito colectivo e son un instrumento adecuado para a inserción posterior no mercado ordinario de traballo. Co mesmo obxectivo de contribuír á integración laboral deste colectivo establécese unha liña de incentivación ó emprego autónomo dirixida en exclusiva ós traballadores con discapacidade desempregados. Desde a perspectiva do acceso ó emprego das persoas con discapacidade desempregados, o dito marco de incentivos complétase coa normativa reguladora do programa de fomento da contratación indefinida das personas con discapacidade dirixido a promove-la incorporación deste colectivo na empresa ordinaria.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servicios transferidos, correspóndelle á Comunidade Autónoma a xestión de calquera tipo

de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ó Traballo e, segundo a disposición adicional terceira da orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de outubro de 1998, a xestión das axudas dos programas para a creación e o mantemento do emprego recollidas nela.

A través do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica da Xunta de Galicia e mailo Decreto 23/2003, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais asume o exercicio das anteditas competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego e as relativas a cooperativas.

Nesta orde regúlanse, nos seus anexos A, B e C, respectivamente, os programas de promoción do emprego autónomo, de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego e o de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, na súa adaptación ás actuais circunstancias e ás directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo establecendo o marco da actuación para o desenvolvemento do autoemprego e para a integración laboral das persoas con discapacidade.

Introdúcense como innovación máis salientable a definición como beneficiarios do programa de promoción do emprego autónomo aqueles traballadores desempregados que creen o seu propio posto de traballo mediante a constitución dunha sociedade limitada cun capital social fundacional inferior a 60.100 euros cubrindo, deste xeito o baleiro que existía nos programas de promoción do autoemprego respecto da figura xurídica máis utilizada polos emprendedores. Tamén é de destacar o establecemento dun novo sistema no prazo de presentación das solicitudes pois estas xa non están suxeitas ó exercicio económico anual, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras destes programas axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio

correspondente. Para o exercicio 2003 a dita determinación recóllese na disposición adicional sétima desta orde.

Así mesmo, os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas confinanciadas polos fondos europeos.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 das axudas e subvencións establecidas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, coa finalidade de incentiva-lo traballo autónomo por conta propia así como promove-la integración laboral das persoas con discapacidade, a través dos seguintes programas:

-Programa de promoción do emprego autónomo (anexo A).

-Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego (anexo B).

-Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade (anexo C).

2. As bases específicas de cada un dos programas regúlanse nos correspondentes anexos A, B e C desta orde e forman parte integrante dela.

Artigo 2º.-Concepto de desempregado.

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e pola súa vez carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social, e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade de colexio profesional.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde.

Artigo 4º.-Financiamento.

Estes programas financiaranse con cargo ós créditos das aplicacións orzamentarias 16.04.241A. 470.1, 16.04.241A.470.2 e 16.04.241B.475.0. 108.

Capítulo II

Normas comúns: competencia e procedemento

Artigo 5º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles:

a) Ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando a actividade pola que se solicita subvención se vaia desenvolver no respectivo ámbito provincial.

b) Ó director xeral de Promoción do Emprego cando se trate de solicitudes de axudas para a creación ou ampliación de centros especiais de emprego.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nos distintos programas dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de axudas dos distintos programas desta orde presentaranse respectando os prazos específicos previstos nos anexos desta orde.

3. As solicitudes deberán ir acompañadas da documentación, xeral e específica, que nos anexos A, B e C se estableza para cada programa ou tipo de axuda.

Artigo 7º.-Emenda da solicitude.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1 e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

Cando se trate de solicitudes de axudas vinculadas á creación directa de emprego valorarase especialmente, agás a coincidencia nos programas específicos dirixidos a determinados colectivos, as seguintes circunstancias:

1. As solicitudes formuladas ou que afecten a desempregados membros de colectivos con especial dificultade para acceder ó traballo: menores de 30 anos, maiores de 45 anos, mulleres, parados de longa duración, discapacitados ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social.

2. A incidencia social e sobre o emprego no contorno xeográfico no que se desenvolva a actividade, con especial consideración cando supoñan a implantación de actividades de servicios de utilidade colectiva, de lecer e culturais, ou de servicios personalizados de carácter cotián e social, encadrables nos novos viveiros de emprego.

Artigo 10º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ó abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario.

Os peticionarios das axudas e subvencións previstas nesta orde deberán presentar, xunto coa solicitude, unha declaración comprensiva de tódalas axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para

un mesmo proxecto, ou, de se -lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

Así mesmo, na fase de xustificación do pagamento deberán achegar unha declaración complementaria e actualizada co mesmo contido que a descrita no parágrafo anterior.

2. As axudas e subvencións establecidas para cada programa son incompatibles coas establecidas para os demais programas previstos nesta orde.

3. Non se poderán imputa-los mesmos gastos ós distintos tipos de axuda previstos en cada programa desta orde, agás nos supostos de rendas para o inicio da actividade, nos que só se utilizarán como parámetro para o cálculo da contía da subvención.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Acreditaren, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

c) Comunicárenlle ó organo concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

d) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

Artigo 12º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 13º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 14º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, e no director xeral de Promoción do Emprego, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-Coa finalidade de fomenta-la cultura emprendedora e o autoemprego, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá realizar, con medios propios ou alleos, acti

vidades de formación, investigación, divulgación e difusión.

Quinta.-A comprobación da condición de minusválido realizaraa directamente o órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra Administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sexta.-As solicitudes de axudas realizadas ó abeiro das ordes de convocatoria correspondentes ó exercicio anterior, que non puideron ser atendidas por falta de dispoñibilidades orzamentarias e sempre que reunisen e observasen os prazos e condicións establecidos nelas, e/ou se é o caso, realizasen o investimento obxecto da axuda, poderán ser atendidas con cargo ós créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2003.

Sétima.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. No exercicio económico 2003, as axudas recollidas nos anexos desta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2 cun crédito de 13.978.892 euros, 16.04.241A 470.1 cun crédito de 13.341.735 euros e 16.04.241B.475.0 108 cun crédito 2.190.933 euros. Estas contías están recollidas na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural; da orde que establece o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de

base tecnolóxica, da orde que establece as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de fomento do emprego en empresas de economía social e de promoción e divulgación do cooperativismo; da orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que perciban a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria do programa de axudas á contratación indefinida de persoas con discapacidade, da orde pola que se convocan as axudas a empresarios autónomos sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo e da orde pola que se convocan os programas de fomento dos contratos en prácticas e para a innovación tecnolóxica e das demais ordes que establezan as bases das medidas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos

programas orzamentarios 241A e 241B tendo como límite global o crédito asignado nas aplicacións 16.04.241A.470.2, 16.04.241A.470.1 e

16.04.241B.475.0.108 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Disposición transitoria

Agás as axudas e subvencións ó custo salarial e á bonificación de cotas á Seguridade Social para o mantemento de centros especiais de emprego, que se rexerán pola súa regulación específica; as solicitudes de axudas e subvencións correspondentes ós programas desta orde polas actuacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro do ano 2002 e a data de entrada en vigor da presente orde, aínda que transcorrera o prazo de alta ou se iniciase a execución do proxecto de investimento, poderán acollerse ás axudas previstas nos anexos desta orde. O prazo para a presentación destas solicitudes remata o 15 de xullo de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais

ANEXO A

Programa de promoción do emprego autónomo.

Obxecto e beneficiarios

Primeira.-Obxecto.

Este programa ten como obxecto promover e axudar a financiar aqueles proxectos que faciliten a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolve-la súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores autónomos ou por conta propia.

Segunda.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa os desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos por conta propia, sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, ou ben constitúan unha sociedade limitada, na que tódolos socios sexan persoas físicas, teñan un capital social fundacional inferior a 60.100 euros e cumpran os requisitos establecidos na base sexta deste anexo.

-Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou no réxime especial do mar da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

-Non percibiran subvencións ó abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolveran como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estiveran de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

2. Para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de beneficiarios os que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, e sempre que cumpran as condicións establecidas no punto anterior.

3. Para os efectos deste anexo, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

Tipos de axuda

Terceira.-Tipos de axuda.

Este programa de promoción de emprego autónomo inclúe os seguintes tipos de axuda:

-Subvención financeira.

-Rendas para o inicio da actividade.

-Axuda para a adquisición da condición de socio.

Cuarta.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade facilita-la creación do seu propio posto de traballo mediante a reducción de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo podendo destinarse ata un 25% a financia-lo activo circulante. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía

calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

En todo caso, o importe máximo desta subvención non poderá supera-la contía de 3.000 euros.

A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Non poderán acceder a este tipo de axuda aqueles traballadores autónomos que constitúan unha sociedade limitada.

Quinta.-Rendas para o inicio da actividade.

Poderán concederse subvencións de ata 3.600 euros, en concepto de renda para o inicio da actividade, por unha soa vez, para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que non medien máis de dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional ata a data da solicitude desta subvención.

Con carácter xeral, a contía da renda para o inicio da actividade non poderá supera-lo 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado ou, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, da achega inicial ó capital social.

No caso de que o beneficiario desta renda sexa unha muller, a dita porcentaxe será do 60% e o límite máximo da subvención incrementarase ata 4.800 euros.

Con carácter excepcional, cando concorran razóns de interese social e circunstancias especiais para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderanse conceder axudas en concepto de renda para o inicio da actividade por unha contía máxima de 1.200 euros, sen necesidade de acreditar investimento en activo fixo.

Sexta.-Axuda para a adquisición da condición de socio.

1. Poderán concederse subvencións, ata un límite máximo de 3.000 euros, en concepto de axuda para a adquisición de participacións do capital social dunha sociedade limitada, ós desempregados que no momento de darse de alta no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social, figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e constitúan unha sociedade limitada cun capital social fundacional inferior a 60.100 euros.

2. A contía desta axuda, en ningún caso poderá ser superior ó 80% da cantidade que teña que desembolsar como contribución inicial para a adquisición da condición de socio.

3. O número inicial de socios da sociedade limitada que se constitúa non poderá ser superior a tres, agás que tódolos socios que reúnan os requisitos sinalados no parágrafo 1, pertenzan a algún dos seguintes colectivos:

-Mozos e mozas menores de 25 anos ou titulados universitarios de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado.

-Mozos e mozas menores de 30 anos que estean incorporados e teñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, de 23 de xaneiro).

-Mulleres que se reincorporen á actividade laboral tras unha ausencia prolongada dun mínimo de tres anos.

-Desempregados maiores de 45 anos.

-Desempregados que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados co posto de traballo ó que se incorporan.

-Desempregados que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnos en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ó que se incorporan; ou ben, que traballasen, no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior, en obras ou servicios de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

-Desempregados cun tempo en desemprego igual ou superior a 12 meses.

-Desempregados en situación de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

A. Perceptores da Renda de integración social de Galicia ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

B. Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

C. Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

D. Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de víctima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

E. Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autónomica.

F. Inmigrantes ou persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as súas características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

-Mulleres desempregadas que non pertenzan a ningún dos colectivos anteriores.

4. O beneficiario da axuda quedará obrigado a mante-la súa achega ó capital social da sociedade e a súa porcentaxe de participación no capital social durante un período de tempo mínimo de tres anos. Así mesmo e durante o mesmo prazo, a sociedade deberá mante-lo importe do capital social fundacional, agás comunicación previa e a autorización do órgano que concedeu a subvención. Para estes efectos, no primeiro trimestre de cada ano natural e durante o período de tempo sinalado, o beneficiario deberá demostrar por calquera medio admisible en dereito estas circunstancias.

5. O prazo de presentación de solicitude desta axuda será de dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Solicitudes, documentación e xustificación

Sétima.-Solicitude e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a este programa, e deberán ir acompañadas, por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI e acreditación do NIF do solicitante e, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura pública de constitución.

b) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social.

De se-lo caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

De se-lo caso, documentos acreditativos das circunstancias sinaladas na base sexta.

c) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, documentación acreditativa de exención do imposto en virtude do establecido no artigo 83.1º b) da Lei 39/1998, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa redacción dada pola Lei 51/2002, do 27 de decembro.

Alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de se-lo caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.

No suposto de que se solicite subvención financeira esta documentación debera achegarse, se é o caso, na fase de xustificación de pagamento.

d) Memoria económica do proxecto empresarial que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, xunto con facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamento dos activos que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes.

e) Nos casos en que se solicite subvención financeira, xuntarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo XIV) ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

f) No caso que se solicite axuda para a adquisición da condición de socio, documento acreditativo do desembolso total da achega inicial ó capital social da sociedade, e, se é o caso, documento acreditativo da concorrencia das circunstancias sinaladas na base sexta, punto 3.

g) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XI).

h) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo XIII).

i) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece na base oitava, parágrafo 1º, punto A, letra d) deste anexo (segundo o modelo do anexo XII).

Oitava.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución de concesión, da documentación común e específica que se relaciona nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

d) Declaración complementaria do establecido na base sétima, g) deste anexo, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira de reducción de xuros, xuntarase copia do contrato de préstamo. Con posterioridade, o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, a documentación acreditativa da exención do imposto, e alta no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social ou no réxime especial do mar como traballadores por conta propia ou en mutualidade de colexio profesional, de non telo presentado con anterioridade.

b) Cando se trate da renda para o inicio da actividade, documentación acreditativa, se é o caso, do investimento en activo fixo.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, común ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

ANEXO B

Programa de apoio á creación, ampliación e mantemento de centros especiais de emprego.

Obxecto e beneficiarios

Primeira.-Obxecto.

O obxecto deste programa é incentiva-la creación, ampliación e mantemento de emprego nos centros especiais de emprego mediante o financiamento parcial de iniciativas ou proxectos técnica, económica e financeiramente viables que xeren emprego estable

para traballadores con discapacidade desempregados.

Segunda.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro de Centros Especiais de Emprego desta Comunidade Autónoma.

Tipos de axuda

Terceira.-Tipos de axuda.

Neste programa recóllense as accións subvencionables e tipos de axudas seguintes:

a) Proxectos de creación de centros especiais de emprego e proxectos de ampliación do cadro de persoal de centros especiais de emprego xa en funcionamento.

-Axudas para asistencia técnica.

-Subvención financeira.

-Subvención en función do investimento en activo fixo.

b) Mantemento de centros especiais de emprego.

-Bonificación de cotas á Seguridade Social.

-Subvención do custo salarial.

-Subvención para a adaptación de postos de traballo.

-Subvención para o saneamento financeiro.

-Subvención para o equilibrio orzamentario.

Cuarta.-Creación e ampliación de centros especiais de emprego.

1. As axudas para creación e ampliación de centros especiais de emprego reguladas nesta orde concrétanse nas seguintes:

a) Axudas para asistencia técnica.

Poderanse subvenciona-los gastos ocasionados pola asistencia técnica necesaria para a creación de centros especiais de emprego.

Esta asistencia técnica só poderá ser solicitada durante o primeiro ano, contado desde a data de constitución do centro, e deberán prestala empresas ou persoas físicas especializadas que reúnan garantía de solvencia profesional, poderá consistir nalgunha das modalidades seguintes:

-Estudios de viabilidade, organización, comercialización e outros de natureza análoga.

-Contratación de directores, xerentes ou técnicos, por un período máximo dun ano.

-Auditorías e informes económicos, sempre que estes non se realicen de xeito obrigatorio por unha disposición que así o esixa.

-Labores de asesoramento nas diversas áreas de xestión empresarial, excluídas as tarefas que, pola súa natureza, teñan carácter ordinario e continuado na actividade da empresa.

A asistencia técnica poderá ser subvencionada ata o 50% do seu custo.

b) Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade facilita-lo emprego nos centros especiais de emprego, mediante a reducción dos xuros dos préstamos para financiar investimentos en activo fixo, concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e solicitados a nome dos centros especiais de emprego. Non obstante, no caso de constitución do centro especial de emprego, poderase destinar ata un 25% do préstamo a financia-lo activo circulante.

Esta subvención será, como máximo, de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade de crédito que conceda o préstamo, pagadoira dunha soa vez, en contía calculada como se a subvención se devengase cada ano da duración deste, incluído o posible período de carencia.

En ningún caso, o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poderá resultar inferior a un punto.

c) Subvención en función do investimento en activo fixo.

Aqueles centros especiais de emprego que se consideren proxectos de recoñecido interese social poderán beneficiarse dunha axuda calculada en función do investimento en activo fixo.

2. As iniciativas e proxectos referentes ós centros especiais de emprego que soliciten os beneficios recollidos no número anterior deberán reunir viabilidade técnica, económica e financeira e supoñe-la creación de emprego estable, non podendo superar, entre os tres tipos de axudas, a contía de 12.000 euros por cada posto de traballo creado con carácter indefinido para traballadores con discapacidade, agás nos supostos nos que concorrendo causas excepcionais así o autorice a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Para a determinación da contía das axudas valorarase, entre outros, a porcentaxe de traballadores minusválidos respecto do total do cadro de persoal do centro especial de emprego, só se poderá acada-la contía máxima da subvención cando o número de traballadores con discapacidade supere o 90% do cadro de persoal.

Tamén se poderá acada-la dita contía cando o número de minusválidos supere o límite mínimo legal (70%) e se complete o cadro de persoal ata supera-lo 90% coa contratación doutros colectivos en risco de exclusión social. A situación de exclusión social

deberá acreditarse documentalmente e, para os efectos, entenderase por colectivos na dita situación os seguintes:

A) Perceptores da Renda de integración social de Galicia ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

B) Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

C) Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

D) Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de víctima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

E) Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autónomica.

F) Inmigrantes ou persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as súas características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

Para os efectos de determina-la porcentaxe de traballadores minusválidos, non se computará o persoal non minusválido dedicado á prestación de servicios de axuste persoal e social, así como o que preste servicios naquelas actividades ou postos de traballo específicos que, pola súa propia natureza ou complexidade, non poidan ser desempeñados por persoas minusválidas.

Entenderanse por servicios de axuste persoal e social os de rehabilitación, terapéuticos, de integración social, culturais e deportivos que procuren ó traballador minusválido do centro especial de emprego unha maior rehabilitación persoal e mellor adaptación da súa relación social.

Quinta.-Mantemento de centros especiais de emprego.

Para o mantemento de postos de traballo de carácter estable, ocupados por minusválidos con contrato indefinido, establécense as seguintes axudas:

a) Bonificación do 100% da cota empresarial á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional, e as cotas de recadación conxunta. Estas bonificacións serán deducidas directamente polos centros especiais de emprego das cotas que se liquidarán mensualmente á Seguridade Social, logo da autorización administrativa da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

A autorización deberá renovarse cada vez que se produzan novas contratacións e cando realicen alteracións ou modificacións dos contratos.

A concesión desta axuda será comunicada, ademais de ós beneficiarios, á Seguridade Social.

b) Subvencións do custo salarial correspondente ós postos de traballo de carácter estable ocupados por persoas con discapacidade con contrato indefinido que realicen unha xornada de traballo laboral normal e que estean en alta na Seguridade Social, ata un importe máximo do 50% do salario mínimo interprofesional. No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a subvención experimentará unha reducción proporcional á xornada laboral realizada.

c) Subvencións para adaptación de postos de traballo e eliminación de barreiras arquitectónicas por un importe non superior ó custo real e, en todo caso, cunha contía máxima de 1.800 euros por posto de traballo.

d) Subvención por unha soa vez destinada a equilibrar e sanear financeiramente os centros especiais de emprego co fin de logra-la súa reestructuración para alcanzar niveis de productividade e rendibilidade que garantan a súa viabilidade e estabilidade.

e) Subvención dirixida a equilibra-lo orzamento nos centros especiais de emprego que carezan de ánimo de lucro e sexan de utilidade pública e imprescindibles polo labor que realizan.

Non se poderán conceder subvencións para equilibrio orzamentario, cando os resultados económicos adversos deriven dunha xestión deficiente do centro.

Sexta.-Criterios de gradación das axudas.

As subvencións e axudas graduaranse en función do rendemento económico e social do centro; da actividade económica desenvolvida, con especial preferencia das encadrables no ámbito das novas tecnoloxías da información e da comunicación; da dimensión, estructura, titularidade do centro e da presencia ou non de ánimo de lucro; da composición do seu cadro de persoal, con especial atención á proporción de traballadores minusválidos respecto do total no centro especial de emprego, así como á natureza e grao de minusvalidez dos seus compoñentes en relación coa súa capacidade productiva e de adaptación ó posto de traballo que desempeñen; da modalidade e condicións dos contratos subscritos e das cotizacións dos traballadores minusválidos do centro; das variables económicas que concorran no centro en relación co seu obxecto e función social; da proporcionalidade e relación do investimento realizado cos postos de traballo que se crean; dos servicios de axuste persoal e social que preste o

centro ós seus traballadores minusválidos; así como en función dos mecanismos e actuacións desenvolvidas polo centro especial de emprego para favorece-lo paso ó emprego ordinario en atención ó tipo e grao

de minusvalidez dos traballadores do centro; e só alcanzarán o seu grao máximo cando os contratos dos ditos traballadores sexan indefinidos e a tempo completo.

Solicitudes, documentación e xustificación

Sétima.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos ó presente programa e deberán ir acompañadas, por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou copia compulsada, da documentación que se relaciona:

1. Documentación común para tódolos tipos de axudas:

a) Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF, e se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

b) Certificación da inscrición do centro especial de emprego, ou, no seu defecto solicitude de inscrición.

c) Memoria sucinta en relación coa finalidade ou obxecto da axuda e xustificación da súa necesidade, agás nas solicitudes de subvención ó custo salarial e de bonificación de cotas á Seguridade Social.

d) Certificación da relación nominal dos traballadores do centro especial de emprego con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención; agás no caso de axudas ó mantemento de centros especiais de emprego, nos que se xuntará unha relación nominal dos traballadores con discapacidade polos que se solicita subvención.

e) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outra axuda ou subvención (segundo o modelo do anexo XI).

f) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo XIII).

g) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece na base oitava, parágrafo 1º, punto A, letra d) deste anexo (segundo o modelo do anexo XII).

2. Documentación específica para a axuda de asistencia técnica:

a) Cando se trate da modalidade de contratación o currículum vitae da persoa que vai a presta-lo servicio.

b) E, cando se trate de estudios ou de asesoramento, o orzamento detallado e un índice do seu contido, así como a memoria da entidade ou o currículum vitae da persoa que realice o estudio ou asesoramento.

3. Documentación específica para a subvención financeira:

a) Memoria económica do proxecto que inclúa o orzamento de investimento e o plan de financiamento en relación coa finalidade ou obxecto da axuda e xustificación da necesidade súa e na que deberá constar necesariamente, entre outros, os seguintes extremos: sector de actividade económica, número de empregos creados, número de empregos mantidos, tipo de proxecto e se está relacionado coa sociedade da información.

b) Compromiso da entidade financeira sobre a súa concesión, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo XIV) ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

c) Facturas ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamentos dos activos fixos e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes que se financiarán co préstamo.

4. Documentación específica para as subvencións en función do investimento en activo fixo:

a) Memoria ampliada do proxecto e antecedentes na que deberá constar necesariamente, entre outros, os seguintes extremos: sector de actividade económica, número de empregos creados, número de empregos mantidos, tipo de proxecto e se está relacionado coa sociedade da información.

b) Detalle do plan de investimentos en activos fixos (incluír facturas pro forma e orzamentos).

c) Estudio económico-financeiro de viabilidade do proxecto.

d) Balance de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios.

5. Documentación específica para bonificacións de cotas á Seguridade Social e para a subvención do custo salarial:

a) Fotocopia compulsada dos documentos TC1 e TC2 do último mes ingresado, conforme ás normas de cotización da Seguridade Social, inmediatamente anterior ó da mensualidade pola que se solicita a axuda do custo salarial.

b) Coa primeira solicitude achegarase, ademais, a documentación do cadro de persoal de traballadores con discapacidade: contrato de traballo e parte de alta na Seguridade Social de cada traballador e nómina/s. Nos meses sucesivos presentaranse a/as nómina/s correspondentes á mensualidade pola que

se solicita a axuda e, en casos de altas, a documentación anterior correspondente ós novos traballadores contratados.

Tanto na primeira solicitude como nas sucesivas, a documentación ten que vir xunto cunha relación nominal dos traballadores con discapacidade polos que se solicita a subvención.

6. Documentación específica para a subvención de adaptación de postos de traballo:

Orzamento e facturas pro forma ou facturas do investimento que se vai realizar.

7. Documentación específica para as subvencións de saneamento financeiro ou equilibrio orzamentario:

-Memoria explicativa do desequilibrio económico ou orzamentario e a súa orixe: antecedentes do centro.

-Estudio económico-financeiro de viabilidade.

-Balances de situación e conta de perdas e ganancias dos dous últimos exercicios e provisionais para os dous próximos exercicios.

Oitava.-Pagamento e xustificación.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución de concesión, da documentación común e da especifica que corresponda, relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación común:

a) Certificación da inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego, de non achegarse con anterioridade.

b) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

c) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XII, para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

Cando se trate da subvención do custo salarial, a documentación sinalada nos puntos c) e d) terá que achegarse xunto coa primeira solicitude, e logo, renovarase nas mensualidades nas que perdan vixencia os documentos acreditativos correspondentes de non achegar coa solicitude a antedita autorización.

e) Declaración complementaria do establecido na base sétima, 1, e) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate de asistencia técnica na súa modalidade contractual, xuntarase copia do contrato e alta na Seguridade Social.

b) Cando se trate da subvención financeira, xuntarase copia do contrato de préstamo.

Con posterioridade, o beneficiario, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

c) Cando se trate dalgunha das axudas recollidas na base cuarta deste anexo, achegarase documentación acreditativa da contratación e alta na Seguridade Social, das persoas con discapacidade que ocupan os novos postos de traballo creados con carácter estable.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, común ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude a opción do interesado.

3. Cando se soliciten e concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

Nas sucesivas solicitudes de bonificación de cotas á Seguridade Social e para a subvención do custo salarial, de carácter mensual, a documentación, que xa figura na correspondente delegación provincial, non terá que presentarse mensualmente mentres manteña a súa validez.

Novena.-Prazos de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes para a bonificación de cotas á Seguridade Social e de subvencións do custo salarial deberán presentarse nos dous meses seguintes ó da mensualidade obxecto da axuda do custo salarial. As solicitudes de ámbolos dous tipos de axuda presentaranse, de se-lo caso, conxuntamente e tramitaranse como un único expediente administrativo, no que logo de dictarse resolución de concesión da axuda ó custo salarial, se é o caso, se autorizará a bonificación de cotas á Seguridade Social. A dita autorización correspóndelle ó director xeral de Promoción do Emprego.

2. As solicitudes de asistencia técnica, subvención financeira e subvención en función do investimento

en activo fixo realizarase con anterioridade á contratación da asistencia ou do inicio do proxecto da execución do investimento e, en ningún caso, transcorridos seis meses desde a contratación do primeiro traballador con discapacidade incorporado polo que se solicite subvención.

3. As solicitudes de subvención para adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación.

4. As solicitudes de axudas para o saneamento financeiro e o equilibrio orzamentario dos centros especiais de emprego poderán presentarse a partir da entrada en vigor da presente orde.

ANEXO C

Programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade.

Obxecto e beneficiarios

Primeira.-Obxecto.

A finalidade deste programa é promove-la integración laboral das persoas con discapacidade mediante o financiamento daqueles proxectos empresariais que faciliten a creación do seu propio posto de traballo a traballadores minusválidos desempregados que pretendan desenvolve-la súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores autónomos ou por conta propia.

Segunda.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa os traballadores con certificado de discapacidade igual ou superior ó 33%, en situación de desemprego, inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego, e que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos por conta propia, sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación, ou ben constitúan unha sociedade limitada, na que tódolos socios sexan persoas físicas, teñan un capital social fundacional inferior a 60.100 euros e cumpran os requisitos establecidos na base sexta deste anexo.

-Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou no réxime especial do mar da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

-Non percibiran subvencións ó abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolveran como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estiveran de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da

Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

2. Para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de beneficiarios os que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego e realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servicios inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, e sempre que cumpran as condicións establecidas no punto anterior.

3. Para os efectos deste anexo, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

Tipos de axuda

Terceira.-Tipos de axuda.

Neste programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade inclúense os seguintes tipos de axuda:

-Subvención financeira.

-Rendas para o inicio da actividade.

-Subvención en función do investimento en activo fixo.

-Axuda para a adquisición da condición de socio.

Cuarta.-Subvención financeira.

A subvención financeira ten por finalidade facilita-la creación do propio posto de traballo, mediante a reducción dos xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo podendo destinarse ata un 25% a financia-lo activo circulante. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Esta subvención será, como máximo, de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisface-lo beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia.

En todo caso, o importe máximo desta subvención non poderá supera-la contía de 4.500 euros agás casos excepcionais expresamente autorizados pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Non poderán acceder a este tipo de axuda aqueles traballadores autónomos que constitúan unha sociedade limitada.

Quinta.-Rendas para o inicio da actividade.

Poderán concederse subvencións de ata 3.600 euros, en concepto de renda para o inicio da actividade para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos, sempre que non medien máis de dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional ata a data da solicitude desta subvención.

Con carácter xeral, a contía da renda para o inicio da actividade non poderá supera-lo 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado ou, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, da achega inicial ó capital social.

No caso de que o beneficiario desta renda sexa unha muller, a dita porcentaxe será do 60% e o límite máximo da subvención incrementarase ata 4.800 euros.

Con carácter excepcional, cando concorran razóns de interese social e circunstancias especiais para o desenvolvemento dunha actividade en zona determinada, poderán concederse axudas en concepto de rendas para o inicio da actividade por unha contía máxima de 1.200 euros, sen necesidade de acreditar investimento en activo fixo.

Sexta.-Subvencións en función do investimento en activo fixo.

Poderá concederse unha subvención de ata un importe de 3.900 euros pola creación do seu posto de traballo, calculada en función do investimento en activo fixo.

Esta subvención deberá solicitarse con anterioridade ó inicio da execución do proxecto de investimento sen que en ningún caso poida solicitarse transcorridos 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutua profesional.

Non poderán acceder a esta axuda aqueles traballadores autónomos con discapacidade que constitúan unha sociedade limitada.

Sétima.-Axuda para a adquisición da condición de socio.

1. Poderán concederse subvencións, ata un límite máximo de 3.000 euros, en concepto de axuda para a adquisición de participacións do capital social dunha sociedade limitada, ós desempregados que figuren inscritos como demandantes de emprego no

Servicio Público de Emprego e que constitúan unha sociedade limitada cun capital social fundacional inferior a 60.100 euros.

2. A contía desta axuda, en ningún caso poderá ser superior ó 80% da cantidade que teña que desembolsar como contribución inicial para a adquisición da condición de socio.

3. O número inicial de socios da sociedade limitada que se constitúa non poderá ser superior a tres, agás que tódolos socios que reúnan os requisitos sinalados no parágrafo 1, pertenzan a algún dos seguintes colectivos:

-Mozos e mozas menores de 25 anos ou titulados universitarios de 25 a 29 anos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado.

-Mozos e mozas menores de 30 anos que estean incorporados e teñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia segundo o establecido no Decreto 184/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro).

-Mulleres que se reincorporen á actividade laboral tras unha ausencia prolongada dun mínimo de tres anos.

-Desempregados maiores de 45 anos.

-Desempregados que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados co posto de traballo ó que se incorporan.

-Desempregados que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnos en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo ó que se incorporan; ou ben, que traballasen, no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior, en obras ou servicios de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

-Desempregados cun tempo en desemprego igual ou superior a 12 meses.

-Desempregados en situación de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

A. Perceptores da Renda de integración social de Galicia ou membros da súa unidade familiar en desemprego.

B. Persoas que participen ou participaran en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

C. Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

D. Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de víctima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

E. Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

F. Inmigrantes ou persoas que formen parte de familias, grupos, colectivos ou minorías dos que as características poidan condiciona-las súas posibilidades de integración social.

-Mulleres desempregadas que non pertenzan a ningún dos colectivos anteriores.

4. O beneficiario da axuda quedará obrigado a mante-la súa achega ó capital social da sociedade e a súa porcentaxe de participación no capital social durante un período de tempo mínimo de tres anos. Así mesmo e durante o mesmo prazo, a sociedade deberá mante-lo importe do capital social fundacional, agás comunicación previa e a autorización do órgano que concedeu a subvención. Para estes efectos, no primeiro trimestre de cada ano natural e durante o período de tempo sinalado, o beneficiario deberá demostrar por calquera medio admisible en dereito estas circunstancias.

5. O prazo de presentación de solicitude desta axuda será de dous meses desde a data de alta no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional.

Solicitudes, documentación e xustificación

Oitava.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes deberán presentarse no modelo normalizado que figura como anexo desta orde, e deberán ir acompañadas, por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI e acreditación do NIF do solicitante e, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura pública de constitución.

b) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social.

De se-lo caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade e certificado da mutualidade de colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

De se-lo caso, documentos acreditativos das circunstancias sinaladas na base sétima.

c) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, documentación acreditativa de exención do imposto en virtude do establecido no artigo 83.1º b) da Lei 39/1998, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa redacción dada pola Lei 51/2002, do 27 de decembro. Alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de se-lo caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.

No suposto de que se solicite subvención financeira esta documentación deberá achegarse, se é o caso, na fase de xustificación de pagamento.

d) Memoria económica do proxecto empresarial, que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, xunto con facturas ou, no seu defecto, facturas pro forma ou orzamento dos activos que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención e, se é o caso, xustificantes dos activos circulantes.

e) Nos casos en que se solicite subvención financeira, xuntarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ó convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo XIV) ou, de se-lo caso, o contrato de préstamo.

f) No caso que se solicite axuda para a adquisición da condición de socio, documento acreditativo do desembolso total da achega inicial ó capital social da sociedade e, se é o caso, documentos acreditativos da concorrencia das circunstancias sinaladas na base sétima punto 3.

g) Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo XI).

h) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo XIII).

i) Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece na base oitava parágrafo 1º, punto A, letra d), deste anexo (segundo o modelo do anexo XII).

Novena.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo que sinale a resolución de con

cesión, da documentación común e específica que se relaciona nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acredita-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda, no prazo, nos termos e na forma que estableza a resolución de concesión.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas coa Seguridade Social.

c) Documentación acreditativa de que se encontran ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningun concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo XII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

d) Declaración complementaria do establecido na base oitava, f) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira xuntarase copia do contrato de préstamo.Con posterioridade, o beneficiario, no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención, deberá presentar certificación da entidade financeira, acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, a documentación acreditativa da exención do imposto e alta no réxime especial de traballadores autónomos da Seguridade Social ou no réxime especial do mar como traballadores por conta propia ou en mutualidade de colexio profesional, de non telo presentado con anterioridade.

b) Cando se trate da renda para o inicio da actividade, documentación acreditativa, se é o caso, do investimento en activo fixo.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento, xeral ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude á opción do interesado.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.