Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 22 de maio de 2003 Páx. 6.584

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2003 pola que se convoca un curso básico de medio ambiente.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003, en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Lugo, anúnciase a realización dun curso básico de medio ambiente, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñece-la normativa máis importante que afecta á operativa medioambiental.

-Domina-la operativa básica de actuación profesional na área de medio ambiente.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Lugo, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Lugo.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de policía local da provincia de Lugo.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 3 de xuño de 2003, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Lugo, Área de Formación (fax: 982 26 01 69), rúa San Marcos, nº 8, 27001 Lugo; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 9 ó 13 de xuño de 2003.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:

I. Animais en catividade. Caza e pesca.

II. Verteduras.

III. Residuos.

IV. Incendios.

V. Procedemento sancionador.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase pública o día 5 de xuño a partir das 14 horas, tanto pola Deputación Provincial de Lugo como pola Academia Galega de Seguridade. Os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 982 26 00 64/982 26 00 65 (Área de Formación da Deputación Provincial de Lugo).

Lugar.

O curso desenvolverase no Concello de Lugo, na aula de Formación da Deputación Provincial de Lugo, sita na rúa San Marcos, nº 8, 27001 Lugo.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a este.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Lugo, se é o caso, poderán modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 13 de maio de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade