Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 22 de maio de 2003 Páx. 6.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 9 de abril de 2003, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Mediterránea de Cátering, S.A. (Alimentación Meixoeiro-Vigo).

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Mediterránea de Cátering, S.A. (Alimentación Meixoeiro-Vigo), co nº de código 3602552 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 21-3-2003, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 20-3-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios

da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 9 de abril de 2003.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Capítulo I

Ámbito de aplicación e disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio regulará as relacións de traballo entre a empresa Mediterránea de Cátering, S.L. e o persoal dependente dela, no servicio de cociña e alimentación do Hospital do Meixoeiro de Vigo.

Artigo 2º.-Carácter.

O convenio ten carácter de mínimo necesario e indivisible para tódolos efectos, no sentido de que as condicións pactadas nel constitúen un todo orgánico e para efectos da súa aplicación práctica serán consideradas global e conxuntamente vinculadas á totalidade.

Artigo 3º.-Aplicación preferente.

As disposicións que contén este convenio aplicaranse con preferencia a calquera outras.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

A vixencia deste convenio será dun ano, do 1 de xaneiro ó 31 de decembro de 2003, independentemente da súa publicación no BOP, e producirá efectos a partir do día 1 de xaneiro.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para examinar e resolver cantas cuestións deriven da interpretación, vixencia e aplicación deste convenio, a mesa negociadora do mesmo constitúe unha comisión paritaria integrada por tres representantes da dirección e tres representantes do comité de empresa.

A comisión paritaria terá as seguintes funcións:

-Resolución de cantos asuntos ou reclamacións se sometan á súa consideración, así como de calquera das condicións establecidas neste convenio.

-Vixilancia e cumprimento do convenio colectivo.

-Atención ás denuncias de incumprimento do convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Serán respectadas na súa totalidade estrictamente ad personam aquelas condicións mais beneficiosas que teña o traballador/a concedidas pola empresa, por pacto ou costume.

Artigo 7º.-Denuncia e prórroga.

O presente convenio entenderase prorrogado por un ano, se algunha das partes non o denuncia cunha anticipación de dous meses, ó seu vencemento.

Artigo 8º.-Equiparación.

Os traballadores/as afectados por este convenio quedan equiparados ó persoal do Sergas segundo categoría que se reflicte no artigo 1º do capítulo II, de tal maneira que a partir desta equiparación toda modificación que repercuta no persoal do Hospital do Meixoeiro de Vigo se aplicará de igual forma ós traballadores/as afectados por este convenio.

Capítulo II

Remuneracións, salarios complementos

Artigo 1º.-Remuneracións.

As nóminas reflectirán as remuneracións dos traballadores/as, que serán iguais e polos mesmos conceptos que as que perciba mensualmente o persoal do Sergas segundo o grupo ó que se encontre equiparado e que é o seguinte:

Xestor/a: grupo B.

Dietista: grupo C.

Encargada/o: grupo C.

Xefe/a de cociña: grupo C.

Cociñeiros/as: grupo C.

Camareiras/os: grupo D (código 24).

Axudantes/as: grupo E.

Limpadora: grupo E.

Artigo 2º.-Antigüidade.

O concepto de antigüidade será retribuído cos mesmos criterios e contía que ten establecido o Sergas.

Artigo 3º.-Horas extraordinarias.

Realizaranse só as que se necesiten por calquera urxencia xustificada e, en todo caso, con coñecemento dos representantes legais dos traballadores/as. En caso de realización serán compensadas con tempo de descanso.

Artigo 4º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as mesmas gratificacións extraordinarias que o persoal do Hospital do Meixoeiro segundo os niveis que lle correspondan independentemente de que o traballador/a estea de baixa por incapacidade temporal. Para o seu devengo teranse en conta os períodos do 1 de xaneiro ó 30 de xuño na paga de xullo e do 1 de xullo ó 31 de decembro para a de Nadal. O seu aboamento será os días 15 de xullo e 15 de decembro.

Artigo 5º.-Complemento de nocturnidade.

As horas traballadas entre as 22 e as 7 horas terán a consideración de nocturnas e, consecuentemente, retribuiranse cos mesmos criterios que se apliquen ós traballadores/as do Sergas do correspondente nivel.

Artigo 6º.-Complemento de festividade.

Remuneraranse tódolos domingos e festivos igual que ó persoal do Sergas, sendo recoñecidos tamén como festivos os seguintes: 24 de decembro, 31 decembro e 5 de xaneiro.

Artigo 7º.-Complemento de IT ou accidente.

A empresa estará obrigada a complementar ata o 100% do salario e tódolos complementos en caso de accidente ou baixa por enfermidade desde o primeiro día.

Capítulo III

Dereitos sindicais de representación

Artigo 1º.-Organización sindical dos traballadores/as na empresa.

A empresa considera os sindicatos debidamente implantados no seu seo como elementos básicos e esenciais para canaliza-las relacións entre traballador/a e empresario/a.

En consecuencia, a empresa Mediterránea de Cátering, S.L. respectará o dereito dos traballadores/as que o desexen a sindicárense libremente e non poderán condiciona-lo ingreso de ningún traballador/a na empresa á súa afiliación sindical ou a que renuncie a isto e non incorrerá en conducta que supoña discriminación por razón de afiliación a un sindicato. En concreto, non poderá despedir ou prexudicar un traballador/a en calquera outra forma pola súa afiliación ou actividade sindical.

Artigo 2º.-Representantes dos traballadores/as.

O comité de empresa terá os dereitos e facultades que lles recoñece a lexislación.

Entre outras facultades deberán ser informados das propostas de sancións, variacións na cadro de persoal e, en xeral, vixiarán o cumprimento das disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Garantías dos representantes dos traballadores/as.

Os membros/as do comité de empresa non poderán ser despedidos ou sancionados durante o exercicio das súas funcións, nin no ano inmediato seguinte ó seu cesamento, salvo que este se produza por revogación ou demisión, se a causa do despedimento ou sanción se basea no exercicio legal da súa representación. Se o despedimento ou sanción por faltas moi graves ou graves obedecese a outras causas, deberase tramitar expediente contradictorio no que serán oídos, ademais do interesado/a, o comité de empresa.

Os citados representantes dos traballadores/as non poderán ser discriminados na súa promoción profesional ou económica por causa do desempeño da súa representación.

Artigo 4º.-Crédito horario.

Os membros do comité de empresa dispoñen dun crédito horario de 24 horas mensuais, retribuídas para o exercicio das súas funcións de representación, que poden ser acumuladas nun ou varios membros do comité durante cada un dos 12 meses do ano.

As horas de crédito que se utilicen na negociación do convenio colectivo e na xestión do conflicto derivado da negociación non computará como crédito horario mensual.

Artigo 5º.-Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa descontará a cota sindical ós traballadores/as afiliados ós sindicatos, logo da correspondente autorización destes e a remitiraa ós sindicatos correspondentes.

Artigo 6º.-Asembleas.

Os traballadores/as terán dereito a dispor de dúas horas mensuais para reunirse. Co ánimo de dificultar ó mínimo a organización do traballo, o tempo que se empregará en cada reunión non deberá superar os 60 minutos e celebrarase no horario acordado entre a dirección e o comité de empresa.

Artigo 7º.-Sección sindical.

Os sindicatos que acrediten ter máis do 50% de afiliación entre os traballadores/as da cadro de persoal, terán dereito á creación da sección sindical, o delegado/a terá recoñecidos, entre outros, os mesmos dereitos que ten o comité de empresa.

Capítulo IV

Organización do traballo, contratación e cadro de persoal

Artigo 1º.-Organización do traballo.

O responsable da organización do centro de traballo será o xestor.

A empresa, durante a vixencia do presente convenio, elaborará un planning de traballo orientado a mellora-la prestación de servicios que se dá no hospital, para isto manterá reunións periódicas co comité de empresa co obxectivo de consensua-los cambios que se poidan producir na organización do traballo.

O persoal nos chamados tempos mortos non realizan as tarefas de limpeza na cámaras, almacén e na zona de recepción de provedores.

Artigo 2º.-Contratación e altas na Seguridade Social.

Ó inicio da relación laboral, a empresa quedará obrigada a estender por escrito o contrato de traballo que conteña as especificacións contempladas pola normativa legal de aplicación, tanto sexa de carácter temporal como de duración indefinida, entregando copia deste contrato ó interesado/a.

A empresa estará obrigada a entregar ós traballadores/as fotocopia da alta destes na Seguridade Social, para o que disporá do prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo. Así mesmo, a empresa obrígase á colocación da fotocopia dos boletíns de cotización no taboleiro de anuncios das súas oficinas no Hospital do Meixoeiro.

A empresa entregará ó comité de empresa unha copia básica do contrato que realice inmediatamente despois de ser rexistrado na oficina de emprego.

Artigo 3º.-Substitucións.

Os contratos de traballo de carácter temporal para a substitución de baixas, excedencias ou período de vacacións deberanse realizar polo tempo que dure a IT, a excedencia ou o período de vacacións. Os contratos deberanse realizar tendo en conta as categorías profesionais que figuran no artigo 1º do capítulo II.

Para a súa contratación terase en conta os /as que figuran na bolsa de traballo constituída para efecto, a relación da cal figura no anexo deste convenio e poderá ser modificada de acordo entre a empresa e o comité.

Artigo 4º.-Cadro de persoal fixo.

O número de cadro de persoal mínimo establecido fixo será o seguinte:

Xestor/a: 1.

Dietista: 1.

Encargada/o: 1.

Xefe/a de cociña: 1.

Cociñeiros/as: 5.

Camareiras/os: 36.

Axudantes: 13.

Limpadora: 1.

No referente a camareiros/as, 2 de eles/as son os/as que prestan servicios nas fins de semana.

Non obstante, a presencia física diaria establécese en:

Responsable: 1.

Dietista: 1.

Cociñeiros/as:4.

Camareiros/as: 26.

Axudantes de cociña: 10.

Limpadora: 1.

Artigo 5º.-Promoción interna.

En caso de vacantes na cadro de persoal, pasarán a ocupar estes postos as persoas fixas de fin de semana, por mellora de posto de traballo, e os seus postos serán ocupados por persoal da bolsa de traballo, tendo en conta en todo momento a antigüidade.

Así mesmo, en caso de vacantes nunha categoría superior, o acceso a estas levarase a cabo por orde de antigüidade, sempre que se reúnan os requisitos de cualificación profesional para o posto de traballo que se vai cubrir.

Capítulo V

Xornada de traballo, vacacións, licencias, permisos e excedencias

Artigo 1º.-Xornada de traballo.

Durante a vixencia do presente convenio a xornada laboral será de 1.624 horas anuais, computando os trinta minutos de descanso como tempo efectivo de traballo.

A súa aplicación será acordada entre o comité e os representantes da empresa.

Artigo 2º.-Festivos.

Os traballadores/as terán dereito a 14 días festivos, os cales se desfrutarán de acordo cos criterios establecidos ata agora.

Artigo 3º.-Vacacións.

A empresa, de acordo co comité, elaborará os quendas correspondentes ás vacacións seguindo cada ano unha quenda rotatoria de preferencia. As vacacións desfrutaranse entre os meses de xuño e setembro, ambos incluídos, e a súa duración será dun mes, podéndose engadir a este días festivos.

Se ó inicio das vacacións un traballador/a estivese de baixa por accidente, enfermidade grave ou enfermidade con hospitalización, entendendo que está dentro do período de baixa, terá dereito ó desfrute das vacacións ó mes seguinte da súa incorporación ó traballo.

Artigo 4º.-Licencias e permisos.

Logo de solicitude dos traballadores/as afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e os casos seguintes:

a) Casamento do traballador/a 15 días naturais.

b) Casamento de pais, fillos ou irmáns 1 día natural.

c) Parto de esposa 5 días naturais.

d) Falecemento, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica de:

-Cónxuxe ou compañeiro/a: 5 días naturais.

-Parentes de primeiro grao (pais ou fillos, por consanguinidade, afinidade ou convivencia demostrable): 3 días naturais.

-Irmáns ou parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se o traballador/a e os parentes anteriormente detallados tiveren convivencia, a licencia será de 5 días naturais. O mesmo ocorrerá se o suposto d, se producise fóra da localidade.

e) Falecemento de tíos/as 1 día natural.

-Convivencia 2 días.

f) Traslado de domicilio 2 días laborables.

g) Permiso por lactación: as traballadoras, por lactación dun fillo/a menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. O traballador/a pola súa vontade poderá substituír este dereito pola reducción da xornada normal dunha hora coa mesma finalidade.

Da mesma forma, este dereito será de aplicación ós casos de adopción.

h) Todo o anteriormente exposto será de aplicación ás parellas de feito, fidedignamente acreditadas e inscritas no rexistro público correspondente.

i) Os traballadores/as que cursen estudios para a obtención dun título oficial, académico ou profesional terán dereito a un permiso retribuído de ata 6 días ó ano para concorreren a exames precedendo comunicación por parte dos traballadores/as á empresa e a súa posterior xustificación.

Igualmente o traballador/a, solicitándoo coa debida anticipación, terá dereito a dispor de 5 días de licencia ó ano non retribuído pola empresa.

Artigo 5º.-Solicitude e xustificación de permisos e licencias.

Os traballadores/as que necesiten un permiso deberán comunicalo á empresa con aviso da recepción, sempre e cando a circunstancia sexa previsible; se non é así, bastará a comunicación telefónica.

Xustificaranse tódolos permisos e licencias a posteriori cos documentos acreditativos correspondentes que se detallan a seguir:

a) e b) Por casamento: fotocopia do libro de familia.

c) Por natalidade: fotocopia de partida de nacemento.

d) Por falecemento: necrolóxica ou documento acreditativo.

Por hospitalización ou intervención cirúrxica: documento de ingreso no hospital.

Por enfermidade grave de familiar: deberase presentar xustificante de facultativo xeral ou pediatra da Seguridade Social.

Por traslado de domicilio: fotocopia de calquera documento oficial no que conste o novo domicilio (cambio de domicilio na Seguridade Social, contrato de compañía da auga, gas, electricidade, certificado do concello, etc.).

Outras ausencias do posto de traballo.

-Ausencias temporais inferiores a 1 día: a ausencia temporal do centro ou posto de traballo por tempo inferior a unha xornada laboral, indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal moi urxente (xulgados, notarios, médicos, etc.), será imprescindible acreditalas debidamente e será polo tempo indispensable para cumpri-la obriga de que se trate. Estes permisos serán autorizados pola dirección ou persoas en quen delegue, dando ó interesado/a o oportuno vale de saídas e que informará mensualmente dos concedidos, permisos e causas e duración. Formato de solicitude (anexo II).

-Asistencia a consutorios médicos: tódolos traballadores/as terán dereito a tres horas retribuídas pola empresa cada vez que teñan de asistir ó médico de cabeceira que lle corresponde ó traballador/a. Se tivese o seu consultorio en localidade distinta daquela na que presta o seu servicio o traballador/a, estes poderán dispor do tempo necesario.

O traballador/a que teña de acudir ó consultorio médico estará obrigado/a a avisar con anterioridade á empresa, debendo xustificar que foi atendido polo médico de cabeceira. Para a súa asistencia á consulta do especialista os traballadores/as terán dereito a todo o tempo necesario, logo da presentación do volante do médico de cabeceira.

Os traballadores/as terán dereito para poder asistir ó consultorio médico cos seus fillos menores de 4 anos ou minusválidos (calquera que sexa a súa idade) un máximo de tres veces ó mes.

Ausencias por enfermidade: as ausencias por enfermidade deberanse comunicar telefonicamente ó encargado/a de quenda antes do comezo do quenda de que se trate.

Tódalas ausencias por enfermidade se xustificarán mediante información do médico de cabeceira e o parte de baixa por enfermidade, que se entregarán na dirección ou se enviarán por correo certificado en casos de enfermidades de duración superior a tres días, seguindo o mesmo trámite para os partes de confirmación.

A non presentación do informe ou parte de baixa considerarase como falta sen xustificar para os efectos disciplinarios e que regulamentariamente correspondan.

Licencias non retribuídas: aplicarase o disposto na normativa vixente.

Artigo 6º.-Días de libre disposición.

Durante a vixencia deste convenio os traballadores/as terán os mesmos días retribuídos de libre disposición que teñan os do persoal do Sergas. O seu desfrute realizarase de acordo cos seguintes criterios: 4 días no período de xaneiro a xullo e 5 días

de agosto a decembro. Cando un traballador/a desfrute as vacacións fóra dos meses establecidos, estes 9 días poderanse xuntar ás vacacións. Non obstante, por situacións excepcionais os traballadores/as poderán dispor dos 9 días de forma continuada logo de coñecemento do comité e acordo coa empresa.

Artigo 7º.-Excedencias.

A empresa vén obrigada a conceder a todo o persoal que o solicite e leve nela o tempo mínimo de dous anos de servicio a excedencia voluntaria, a cal terá unha duración mínima de seis meses e máxima de 3 anos. A empresa queda obrigada a reincorporar ó seu posto de traballo o traballador/a excedente que o solicite, cunha anticipación dun mes, tempo de aviso previo, co obxecto de que a empresa poida acomoda-lo dito persoal.

Artigo 8º.-Excedencia especial.

A nai traballadora terá dereito a solicitar unha excedencia especial ata que o fillo cumpra os dous anos de idade, garantíndose a súa incorporación inmediata, con reserva do posto de traballo e sen que afecte o dereito da excedencia ordinaria do artigo anterior. Este dereito é optativo para o pai traballador, podendo exercelo só un membro da parella, no caso de ambos traballaren na mesma empresa.

Unicamente durante o primeiro ano se computará a antigüidade.

Capítulo VI

Prevención de riscos laborais

Artigo 1º.-Comité de seguranza e saúde.

De acordo coa Lei de saúde laboral constitúese un comité de seguranza e saúde. A súa composición será de 2 representantes dos traballadores/as e 2 da empresa. Con carácter anual este comité realizará un estudio de riscos e elaborará un plan para eliminalos. Os representantes dos traballadores/as disporán do mesmo crédito de horas retribuídas que os membros do comité de empresa, co obxecto de facilita-la súa formación e funcións.

Artigo 2º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido neste convenio terá dereito a efectuar unha revisión médica anual, a cargo da empresa, sendo esta realizada nunha clínica que dispoña a mutua.

O control médico obrigatorio consistirá en:

-Audiometría.-Control da vista.-Analítica de sangue.-Analítica de urina.-Espirometría.-Exploración clínica.-Vacinas do tétano, hepatite e gripe.

Todo traballador/a realizará a revisión en horas de traballo.

Artigo 3º.-Vestiario.

A empresa facilitará vestiarios adecuados e duchas.

Artigo 4º.-Roupa de traballo.

Tódolos traballadores/as serán provistos de dobre uniforme no mes de xaneiro (uniformes e zocos) as demais pezas como luvas, mandiletas, chaquetas,

roupas de abrigo e protección, adecuadas e accesibles, sempre que sexa necesario.

Uniformes de embarazada: forneceranse en cada caso que sexa necesario.

Artigo 5º.-Póliza de seguro.

Sempre que sexan derivados de accidente ou enfermidade profesional, a empresa indemnizará os traballadores/as nos seguintes supostos e cantidades:

-En caso de morte ou invalidez total: 18.030,36 euros.-En caso de invalidez absoluta: 24.040,48 euros.

Artigo 6º.-Cambios de posto de traballo por embarazo.

As traballadoras embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde coa súa situación.

Capítulo VII

Subrogación dos traballadores/as

Artigo 1º.-Adscrición do persoal.

Primeiro.-Ó termo da concesión da contrata, os traballadores/as da empresa contratista saínte pasarán a estar adscritos á nova titular da contrata, quen se subrogará en tódolos dereitos e obrigas, sempre que se dea algún dos seguinte supostos:

a) Traballadores/as en activo que presten os seus servicios no dito centro, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores/as que con contrato de interinidade substitúan algún dos traballadores/as enunciados no número anterior.

c) Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen ó centro como consecuencia de ampliación de contrata.

Segundo.-Tódolos supostos anteriormente contemplados, deberán ser acreditados fidedignamente e documentalmente pola empresa saínte á entrante, nun prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o primeiro momento en que a empresa entrante comunique fidedignamente á saliente e á Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra se-la nova adxudicaría do servicio. De non cumprir este requisito, a empresa entrante, automaticamente e sen mas formalidades, subrogarase en todo o persoal que presta os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores/as só se extingue no momento en que se produza o dereito da subrogación neste da nova adxudicataria. Enténdese que os traballadores/as non poderán ser trasladados do centro de traballo a non ser por mutuo acordo entre as partes.

Terceiro.-Documentos que facilitará a empresa saínte á entrante.

-Certificado do organismo competente de estar ó día do pagamento da Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores/as afectados.

-Fotocopias dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documento debidamente dilixenciado por cada traballador/a afectado/a no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da súa subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data do inicio do servicio como nova titular.

Cuarto.-O empresario/a saínte estará obrigado/a a liquidar ó entrante as partes proporcionais dos conceptos retributivos dos traballadores/as co obxecto de estes cobraren integramente as pagas correspondentes.

Artigo final.-Partes asinantes.

Pola empresa:

Alfredo Vázquez

Alberto Davila

Polo comité de empresa:

Mª Dolores Román Graña

María José Valderrama Martínez

Ana Carbajales González

Mª José Álvarez Rodríguez

José María Sáez Ruiz

Pola sección sindical de CC.OO.:

José Luís Tizón Guisande

Anexo ó convenio colectivo da empresa Mediterránea de Cátering, S.L. para o centro de traballo do Hospital do Meixoeiro de Vigo

Relación de traballadores e traballadoras que conforman a lista para as substitucións:

Lista-camareiras

Isabel Martín Amoedo: 19-6-1995.

Mª Jesús Alonso Abalde: 30-8-1995.

Silvia Alonso Abalde: 3-6-1999.

Ana M. Rivas Piñón: 5-6-1999.

Concepción Pérez Balado: 7-6-1999.

Concepción Cal Nicolao: 19-6-1999.

Mª Dolores Cameselle Costas: 20-6-1999.

Nuria Sotelino García: 23-10-1999.

Concepción Campos Lorenzo: 18-12-1999.

Mar Presa Fernández: 20-4-2000.

Ana Isabel Lago Costas: 21-6-2001.

Ana Mª Cabaleiro: 1-7-2001.

Clotilde Muñoz Bugallo: 11-12-2001.

Luz Dary Casas Camacho: 24-12-2001.

Olga Domínguez Pusada: 25-12-2001.

Lorena Moure Rodríguez: 20-12-2002.

Lista cociñeiros/axudantes

Cociñeiros:

Carlos Rodríguez Durán: 1-6-1998.

Axudantes:

Begoña Álvarez Losada: 17-9-1994.

Sonsoles Lage Reboreda: 14-5-1998.

Pilar Leiro Silva: 17-6-1999.

Carmen Portela Fernández: 22-5-2000.

Ana Mª Castro Cal: 25-6-2000.

Consuelo Lago Pérez: 2-7-2001.

Esther Rodrigueira Carrera: 28-12-2001.

Todo traballador incluído na lista de traballo terá un prazo máximo de 6 meses para a reserva da antigüidade, exceptuando baixa ou paro.