Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 22 de maio de 2003 Páx. 6.577

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 264/2003, do 2 de maio, polo que se modifica o Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de productos alimenticios relacionados co consumo humano.

O Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de productos alimenticios relacionados co consumo humano, ten entre outras finalidades, determina-la conformidade dos productos alimenticios para previ-los riscos para a saúde.

Segundo o establecido no artigo 10.2º do Decreto 44/2002, do 8 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Sanidade, correspóndenlle á Dirección Xeral de Saúde Pública, entre outras funcións, as actividades dirixidas a identifica-los factores determinantes da saúde dos cidadáns galegos, as actividades dirixidas a diminuí-lo impacto dos factores de risco, e as actividades de control e coordinación na rede de saúde pública. Así mesmo, é da súa competencia a aplicación e execución das directrices en materia de coordinación interna da organización de saúde pública e a relación con outras administracións ou entidades con competencia en saúde pública.

O Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados para a realización de ensaios sobre productos alimenticios relacionados co consumo humano, contémplase no artigo 6 do devandito Decreto 14/2000. Consta de dúas seccións, é de carácter público e queda adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade. Nel deberán inscribirse tódalas autorizacións que se concedan ós laboratorios para a realización deste tipo de ensaios.

Por todo isto, parece máis procedente e axeitado que o Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados para a realización de ensaios sobre productos alimenticios relacionados co consumo humano, ata hoxe adscrito á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade, pase a depender da Dirección Xeral de Saúde Pública, por ser este o órgano encargado da protección e promoción colectiva da saúde da poboación galega.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Innovación, Industria e Comercio; Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural; Sanidade e Pesca e Asuntos Marítimos, e por proposta do conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícanse os artigos 6.2º, 13.2º e 14.1º do Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de

autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de productos alimenticios relacionados co consumo humano, quedando redactados como segue:

1. Artigo 6.2º, último parágrafo:

«O devandito rexistro queda adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, correspondendo a súa xestión ó Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública».

2. Artigo 13.2º:

«A secretaría da comisión comunicará ó Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública as cancelacións que se produzan por petición dos interesados ou como consecuencia da falta de solicitude de renovación dentro do prazo solicitado».

3. Artigo 14.1º:

«O asento da inscrición no rexistro será practicado de oficio polo Servicio de Inspección e Laboratorios de Saúde Pública, unha vez que a comisión dicte resolución de autorización ó laboratorio para a realización de ensaios de control de productos alimenticios relacionados co consumo humano».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de maio de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións

Institucionais e Administración Pública