Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 19 de maio de 2003 Páx. 6.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Promotora Industrial Sadense, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Promotora Industrial Sadense, S.A. (código convenio 1503771) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 13-3-2003, complementado o 1-4-2003 e subscrito, en representación da parte económica, pola empresa, e, da social, polo seu delegado de persoal o día 10-12-2002, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, obrante nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Concliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de abril de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Acta

Artigo 1º.-Partes signatarias.

Son partes asinantes deste convenio colectivo, dunha parte a empresa Promotora Industrial Sadense, S.A., e doutra a representación legal dos traballadores da mencionada empresa, que se reco

ñecen mutuamente lexitimación para a negociación deste convenio.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio afectará a todo o persoal que preste os seus servicios na empresa, no centro de traballo da provincia da Coruña, directamente vinculado ós cultivos mariños, nos seus diversos postos de traballo, así como ós de novo ingreso durante a vixencia deste convenio.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

Este convenio entrará en vigor o un de xaneiro de dous mil dous e estará vixente para tódolos efectos ata o día trinta e un de decembro de dous mil catro, independentemente da súa data de publicación no BOP ou diario oficial.

Artigo 4º.-Procedemento de revisión do convenio.

A revisión do convenio poderá ser realizada, por escrito, por calquera das partes asinantes con dous meses de antelación ó remate da súa vixencia.

A parte que formule a denuncia deberá entregar unha proposta concreta sobre os puntos e contido que desexa modificar. Seguiranse os trámites administrativos procedentes.

Mentres non se alcance un acordo para un novo convenio, manterase prorrogada a vixencia do anterior.

De non existir denuncia, o convenio prorrogarase tacitamente por períodos anuais, revisándose os conceptos económicos de acordo co índice de prezos para o consumo (en diante IPC) previsto e axustándose esta previsión ó IPC real no momento que se teña coñecemento deste.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións máis beneficiosas que os traballadores teñan recoñecidas á entrada en vigor deste convenio, pero as melloras salariais serán absorbibles e compensables coas que actualmente perciban os traballadores.

A pesar do mencionado no parágrafo anterior, durante a vixencia deste convenio, a empresa soamente poderá absorber e compensa-las melloras existentes sobre a táboa salarial do anexo, no que exceda do importe do IPC real.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

Sendo as condicións pactadas un todo orgánico e indivisible, este convenio será nulo e quedará sen efecto no suposto que a xurisdicción competente anule ou invalide algún dos seus pactos. Se se dese este suposto, as partes asinantes deste convenio comprométense a reunirse dentro dos dez días seguintes á firmeza da resolución correspondente, con obxecto de resolve-lo problema formulado. Se no termo de 45 días a partir da firmeza da resolución en cuestión, as partes que asinan non chegasen a un acordo, comprométense a fixar un calendario de reunións para a renegociación do convenio na súa totalidade.

Artigo 7º.-Comisión mixta paritaria.

Acórdase establecer unha comisión paritaria como órgano para a conciliación, interpretación e vixilancia do pactado neste convenio colectivo, integrada por un representante da empresa e un representante dos traballadores, podendo solicita-lo asesoramento de especialistas na materia, para o cumprimento das funcións que lle son propias.

A comisión reunirase para resolver todas aquelas cuestións da súa competencia que xurdan durante a vixencia deste convenio e que non precisen de trámite de urxencia; neste caso, a comisión reunirase e resolverá nun prazo non superior a 15 días.

As decisión adoptadas pola comisión paritaria vincularán as partes, se ben a decisión final sobre os acordos adoptados corresponderá ós órganos xudiciais.

Artigo 8º.-Horario de traballo e xornada.

A xornada fíxase en 40 horas efectivas á semana, repartíndose de luns a venres a razón de 8 horas diarias.

Xornada de mañá: das 8.30 ás 13 horas.

Xornada de tarde: das 14.30 ás 18 horas.

A xornada establécese de mañá e tarde, sen prexuízo de que poida modificarse, sen altera-lo número total de horas, por razóns de carga de traballo acumulada por vendas, marea vermella ou calquera outra circunstancia obxectiva.

Artigo 9º.-Vacacións.

A licencia anual regulamentaria consistirá en 30 días naturais, que serán aboados a razón de 30 días de salario real.

A empresa proporalles ós traballadores, dentro do primeiro trimestre do ano, a distribución dos diversos períodos vacacionais.

Artigo 10º.-Salario.

O salario, a menos que se indique outra cousa no contrato de traballo, corresponderá sempre a unha dedicación do traballador por unha actividade productiva normal e dentro da xornada establecida. Polo tanto, quen non realice a xornada prevista neste convenio colectivo, de forma inxustificada, percibirá o salario proporcional á xornada real e efectiva que desenvolva.

O salario será aboado por meses vencidos, o último día hábil ou, como máis tarde, dentro dos cinco días do mes seguinte. As cargas fiscais e de Seguridade Social por conta do traballador serán satisfeitas por este, sendo nulo todo pacto en contrario.

O persoal poderá recibir anticipos, a partir dos seis meses de antigüidade na empresa, por importe dunha mensualidade e que se devolverá en períodos ó longo dun ano da petición. En caso de baixa na empresa, esta poderá esixir no momento da liquidación a devolución do importe íntegro da cantidade pendente de devolución.

En anexo desagréganse as categorías e a súa retribución.

Artigo 11º.-Estructura do salario.

Na estructura do salario distinguirase entre o salario base e os complementos do salario.

Considerarase salario base a parte da retribución do traballador fixada por unidade de tempo ou de obra en función da súa cualificación profesional.

Considerarase complemento do salario as cantidades que, se é o caso, se lle teñan que engadir ó salario base, fixadas en función das circunstancias relativas ás condicións persoais do traballador ou do traballo realizado.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O complemento do salario de antigüidade consistirá en trienios, sendo a súa contía un 5% cada trienio do salario base.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

Durante os meses de marzo, xullo e decembro aboaráselles ós traballadores unha paga extraordinaria consistente no aboamento de 30 días de salario base e antigüidade.

Artigo 14º.-Licencias con soldo.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito, avisando coa posible antelación e posterior xustificación, ós seguintes permisos retribuídos:

a) Quince días naturais en caso de matrimonio.

b) Dous días nos casos de nacemento de fillos, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando o traballador, polo dito motivo, teña que efectuar un desprazamento fóra da provincia onde estea situado o centro de traballo, o permiso amplíase a catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación dos traballadores.

f) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada laboral en media hora na mesma finalidade. Este permiso poderá ser exercido indistintamente polo pai ou pola nai, en caso de que ámbolos dous fosen traballadores.

g) Polo tempo indispensable para asistir a exames ou probas de capacitación.

Artigo 15º.-Seguridade no traballo.

Todo o persoal será dotado pola empresa de roupa de traballo adecuada.

Artigo 16º.-Traballos de categoría superior.

Tódolos traballadores englobados nas categorías de subalterno ata oficial primeira, realizarán tódalas funcións propias do seu grupo profesional, independentemente da categoría que teñan.

Artigo 17º.-Complemento de IT.

A empresa complementará ata o 100% do salario base e antigüidade durante o primeiro ano.

Artigo 18º.-Seguro de accidentes.

A empresa subscribirá un seguro de accidentes, de cobertura no traballo, cunha entidade aseguradora que cubrirá os seguintes capitais:

En caso de morte: 16.527,83 euros.

En caso de invalidez permanente total: 19.653,10 euros.

En caso de gran invalidez: 19.653,10 euros.

En caso de invalidez permanente absoluta: 19.653,10 euros.

Artigo 19º.-Extinción do contrato de traballo.

As causas, formas, procedementos e efectos tanto das suspensións como das extincións colectivas do contrato de traballo son as establecidas na lexislación vixente ou por acordo entre os traballadores e a dirección da empresa.

No referente á extinción individual do contrato de traballo establécese que quen desexe cesar voluntariamente no servicio á empresa estará obrigado a poñelo en coñecemento desta, por escrito, cumprindo os seguintes prazos mínimos de aviso previo:

Persoal superior, técnico ou administrativo: un mes natural.

Resto do persoal: 15 días.

O incumprimento por parte do traballador desta obriga de avisar previamente coa suficiente antelación dará dereito a que se lle desconte da liquidación final o importe do salario real dun día por cada día de atraso no aviso previo, ou o seu equivalente en partes proporcionais.

Asínase este convenio en Sada o 10 de decembro de 2002.

ANEXO I

Categorías e retribucións

Salario/mesSalario/ano

Peón589,29 A8.839,36 A

Oficial 2ª654,77 A9.821,51 A

Oficial de 1ª752,98 A11.294,74 A

Conductor752,98 A11.294,74 A

Biólogo752,98 A11.294,74 A

Técnico811,91 A12.178,68 A

Técnico superior916,67 A13.750,12 A

Xefe de equipo1.158,94 A17.384,08 A

O salario fixouse tendo en conta a previsión do IPC realizada polo Goberno para o ano 2003 (2%) e partindo da base do salario do ano 2002 regularizado recollido no anexo II. No suposto de que o IPC real sexa superior ó 2% previsto procederase, durante a primeira quincena do mes de febreiro de 2004, a regulariza-la táboa salarial anterior na diferencia entre o IPC real e o IPC previsto.

Para o ano 2004, unha vez coñecido o IPC real do ano 2003, incrementarase esta táboa salarial ou a táboa salarial resultante do parágrafo anterior, na previsión do Goberno para este ano. No suposto de que o IPC real sexa superior ó 2% previsto procederase, durante a primeira quincena do mes de febreiro de 2005, a regulariza-la táboa salarial anterior na diferencia entre o IPC real e o IPC previsto.

O acceso da categoría de peón a oficial 2ª producirase ó cabo dun ano de permanencia na empresa.

As demais categorías son de libre designación por parte da empresa.

ANEXO II

Regularización do ano 2002

Nos salarios pagados durante o ano 2002 recollíase unha previsión do IPC do 2%, sendo a real do 4%, procedéndose á súa regularización de acordo coa seguinte táboa.

PagadoCorrespondenteDiferencia

Salario/anoSalario/anoSalario/ano

Peón8.499,39 A8.666,04 A166,65 A

Oficial 2ª9.443,76 A9.628,94 A185,17 A

Oficial 1ª 10.860,33 A11.073,28 A212,95 A

Conductor10.860,33 A11.073,28 A212,95 A

Biólogo10.860,33 A11.073,28 A212,95 A

Técnico11.710,27 A11.939,88 A229,61 A

Técnico superior13.221,27 A13.480,51 A259,24 A

Xefe de equipo16.715,46 A17.043,22 A327,75 A

Estas diferencias, tendo en conta antigüidade, satisfaranse durante a primeira quincena do mes de febreiro de 2003.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA