Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 19 de maio de 2003 Páx. 6.423

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2003, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para o persoal do arquivo de historias clínicas da empresa Severiano Gestión, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo para o persoal do arquivo de historias clínicas da empresa Severiano Gestión, S.L. (código convenio 1504001) que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-2-2003, complementado o 2-4-2003, e subscrito, en representación da parte económica, pola empresa, e, da social, polo comité de empresa o día 27-1-2003, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no Libro rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 23 de abril de 2003.

Elisa Madarro González

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo para o persoal de arquivo de

historias clínicas da empresa Severiano Gestión, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

Este acordo será de aplicación a todo o persoal de arquivos de historias clínicas da empresa Severiano Gestión, S.L. destinado actualmente ou que se poida destinar no futuro no centro de traballo a que se alude no artigo seguinte.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O seu ámbito de aplicación territorial, concrétase no centro de traballo situado no polígono de Pocomaco, parcela B 5-A Coruña, ou centro que o substitúa, na xestión de historias clínicas do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña ou calquera outro arquivo que se xestione no centro.

Artigo 3º.-Ámbito temporal: vixencia e denuncia.

A vixencia do acordo será de dous anos, desde o 1 de xaneiro de 2003 ata o 31 de decembro de 2004.

O pacto deberá ser denunciado, por escrito dirixido á outra parte e á autoridade competente, coa anticipación dun mes, ó menos, á data de terminación da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

En ausencia de denuncia, prorrogarase automaticamente por anos naturais, incrementando tódolos conceptos económicos no IPC real do ano natural anterior máis un punto, no caso de que o incremento do convenio de referencia non fose superior.

Artigo 4º.-Descrición de postos de traballo e equiparación.

Tendo en conta as peculiaridades dos servicios que presta a empresa, prevese a existencia dos seguintes postos de traballo:

* Xefe de servicio:

É o responsable, a nivel interno e fronte ó cliente, do servicio ou servicios concretos que teña encomendados. Salarialmente está equiparado a:

-Xefe superior do grupo II da táboa salarial do convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

* Coordinador:

É o responsable de organizar e controlar cada unha das áreas de actuación en que se poida organizar un servicio. Salarialmente está equiparado a xefe de segunda do grupo II da táboa salarial do convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

O número de coordinadores será establecido pola dirección da empresa tendo en conta para isto o número de traballadores e as características propias do servicio, quedando adscritos automaticamente os dous actuais.

* Persoal operativo:

É o persoal que executa a tarefa a que se refire o servicio, incluíndo as operacións de préstamo, arquivo, tratamento informático dos datos, traslado da información desde o arquivo ata os puntos de uso e viceversa, utilizando para isto os medios materiais da empresa precisos para un mellor desenvolvemento do servicio. Salarialmente está equiparado ó auxiliar administrativo do grupo II da táboa salarial do convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña ou categoría consolidada superior segundo o previsto no artigo 21 do citado convenio, co mesmo réxime de ascensos e promoción económica.

Artigo 5º.-Salarios.

Os salarios acomódanse ós seguintes parámetros:

* Retribucións básicas e complemento de antigüidade:

Serán as que correspondan á categoría equiparable do convenio de oficinas e despachos da provincia da Coruña, percibindo o persoal que desenvolva as

xornadas A o equivalente ó cento por cento e o que desenvolva as xornadas B e C a porcentaxe correspondente.

* Retribucións complementarias de carácter específico:

Establécense ó respecto, con carácter de non absorbibles, os seguintes complementos que se aplicarán un ou outro, ou ambos, segundo corresponda a cada traballador en función da distribución horaria da súa xornada de traballo:

-Complemento de polivalencia e quendas: aplicaráselle a todo o persoal destinado en quendas alternas ou fixas de mañá, tarde e noite ou xornada partida.

Este complemento, terá un importe de 48,08 euros brutos mensuais (8.000 pesetas) e aboaranse 12 mensualidades ó ano, incluído o período de vacacións e tamén se terá en conta para o cálculo do complemento ata o 100% nos casos de incapacidade temporal. Este complemento compensa a dispoñibilidade funcional dos traballadores, o tempo estructural de exceso de xornada de verán e o sistema de traballo continuo a quendas de mañá, tarde e noite, aboándose a partir do 1 de xaneiro de 2003.

-Complemento de nocturnidade: aplicaráselle ó persoal destinado en quendas alternas ou fixas de mañá e tarde ou xornada partida que por razóns operativas do servicio teñan que realizar quenda de noite (este complemento será un 25% do salario base).

-Complemento de transporte: establécese un complemento de transporte de 30,05 euros brutos mensuais (5.000 pesetas) e percibirase en 12 mensualidades, incluído o período de vacacións, e tamén se terá en conta para o cálculo do complemento ata o 100% nos casos de incapacidade temporal. Este complemento terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2003.

Artigo 6º.-Revisión salarial.

Durante o ano 2004 os conceptos económicos establecidos no artigo anterior terán a mesma porcentaxe de incremento que se pacte no convenio colectivo de oficinas e despachos da provincia da Coruña.

Artigo 7º.-Axudas de custo e quilometraxe.

O importe das axudas de custo será de 45,08 euros brutos/día (7.500 pesetas).

No caso de que as axudas de custo estipuladas sexan insuficientes, xuntaranse as facturas correspondentes.

A quilometraxe aboarase a razón do módulo 0,15 euros brutos/quilómetro (25 pesetas).

O importe das axudas de custo e a quilometraxe aboaranse a partir do día 1 de xaneiro de 2003.

Nos desprazamentos do persoal de base que está actualmente na cadro de persoal, superiores a dous meses, negociarase co traballador afectado a contía das axudas de custo e, en caso de desacordo, o traballador terá dereito a retornar ó seu centro de traballo ó cumprir ese prazo de dous meses.

Artigo 8º.-Xornada de traballo: módulos de distribución.

Establécense os seguintes módulos de xornada:

* Xornada tipo A: duración 1.800 horas ordinarias como máximo en cómputo anual. A xornada establecerase en función das necesidades do servicio, a razón de 40 horas semanais de luns a venres en quendas continuadas de 8 horas diarias de mañá ou tarde, non traballándose os días festivos, salvo nos casos nos que está previsto no convenio.

* Xornada tipo B: duración 31,5 horas semanais, en cómputo anual, que se desenvolverán durante todo o ano, cubrindo fins de semana e festivos, de sábado a venres, en semanas alternas, a razón de 9 horas diarias, en quenda de noite. Descanso semanal, na semana en que non presta servicio.

A xornada de tipo B continua será de domingo a xoves, en quenda de noite, a razón de 8 horas diarias, percibindo un complemento de nocturnidade do 25%.

O persoal que actualmente está adscrito a este quenda conservará, como condición máis beneficiosa, as mesmas condicións salariais e de xornada, percibindo os complementos de polivalencia, quendas e transporte, e un complemento de nocturnidade que consistirá no 15 % sobre o salario base, do cal na actualidade o 10 % está incluído no propio salario base, co que en concepto de complemento de nocturnidade se aboará exclusivamente o 5 %. Este complemento aboarase a partir do 1 de xaneiro de 2003.

O persoal adscrito á xornada tipo B (xornada de natureza nocturna), será substituído por semanas completas respectando as características desa xornada, con preferencia para aqueles que o soliciten, con autorización do xefe de servicio para a realización dese posto. En caso de que non existan voluntarios, realizarase unha lista por sorteo entre aqueles que puidesen desempeñar esa xornada. Os traballadores elixidos realizarán as substitucións no ano en curso, non podendo ser elixidos en sucesivos sorteos (excepto voluntarios) ata que todo o persoal que poida desempeñar ese posto fose elixido nalgunha ocasión.

A lista será elaborada no último trimestre do ano anterior.

As substitucións de días illados dunha semana serán efectuadas polo traballador que está esa semana de descanso, aboándose como horas extraordinarias. No suposto de que por unha causa xustificada o traballador que está de descanso non puidese efectua-la substitución, esta será realizada por un traballador da xornada de tipo A.

A compensación por cada semana de substitución por persoal da xornada tipo A será a seguinte:

-Complemento do 25% de 40 horas.

-7 horas extras incrementadas nun 25%.

-16 horas normais incrementadas nun 25%.

-O luns seguinte á realización da substitución de descanso.

* Xornada tipo C: duración 26,25 horas semanais, en cómputo anual, como xornada ordinaria, que se desenvolverá durante todo o ano, cubrindo fins de semana e festivos, de luns a domingo, en semanas alternas, a razón de 7,5 horas diarias, en quendas de mañá e tarde. Descanso semanal, na semana en que non presta servicio.

Os traballadores adscritos a este réxime de traballo percibirán tódolos conceptos económicos, excepto o complemento de transporte, que o percibirán integramente, que lles correspondan en proporción á xornada de tipo A pactada neste convenio.

De acordo coas necesidades da empresa realizaranse horas complementarias adicionais ás pactadas no convenio para cubri-los festivos que correspondan ó calendario deste tipo de xornada.

A entrada en vigor desta xornada será o 1-5-2003.

As substitucións por vacacións, ausencias ou incapacidade temporal serán realizadas por persoal da xornada tipo A, con preferencia de voluntarios, se non houbese mediante lista rotatoria. A compensación por cada semana da xornada será un día de libranza e 60,10 euros (10.000 pesetas). Se algún dos días de substitución fose un festivo, este compensarase como tal.

Tódolos traballadores en activo no momento da sinatura do convenio quedan adscritos á quenda A ou B.

A adscrición ás quendas B e C farase con carácter voluntario, salvo os contratados especificamente para o desempeño desas quendas.

A adscrición do persoal das quendas B e C á quenda A só se poderá realizar de común acordo entre empresa e traballadores.

Os traballadores en xornada continuada desfrutarán dun descanso de 20 minutos en cada xornada que computará como xornada efectiva.

En función das necesidades do servicio poderanse establecer outros tipos de xornada conforme a lexislación vixente e precedendo negociación co comité de empresa.

Artigo 9º.-Xornada de fin de semana.

Este réxime de xornada manterase ata que o día 1-5-2003 entre en vigor a xornada de tipo C.

A xornada de fin de semana comprende as quendas de mañá e tarde do sábado e domingo (excepto que algún deles ou ambos sexa festivo e que estes sexan realizados por persoal voluntario adscrito en lista) a razón de 8 horas diarias en xornada intensiva.

Esta xornada establécese en calendario anual de forma rotatoria cunha cadencia de 8 semanas e cun máximo de dúas fins de semana adicionais por persoa

por substitucións, sen incluír neste cómputo a/as fins de semana de substitución da xornada nocturna.

A compensación para este tipo de xornada será a seguinte:

-O traballador que realice a súa xornada de fin de semana en quenda de mañá librará un ou dous días (segundo os días traballados), que serán os inmediatamente anteriores á seguinte fin de semana.

-O traballador que realice a súa xornada de fin de semana en quenda de tarde librará un ou dous días (segundo os días traballados), que serán os inmediatamente posteriores ó seguinte fin de semana.

-Se no período de descanso citado anteriormente se estivese de baixa, atendendo á lexislación vixente, os dous días citados acumularanse ó segundo fin de semana desde a data de alta nos mesmos termos xa detallados.

Establecerase unha lista para as substitucións en caso de baixa laboral ou outros motivos xustificados. Terase en conta para a realización das substitucións a cadencia de dous fins de semana entre o fin de semana que lle corresponde e o fin de semana por substituír. Se o traballador a que lle corresponde substituí-la fin de semana, tivese causa xustificada para non realizalo, moveríase a lista ó seguinte traballador.

Artigo 10º.-Xornada partida.

A modalidade de xornada partida terá carácter excepcional afectando ó menor número posible de postos de traballo existentes. A súa implantación levarase a cabo tendo en conta o seguinte:

-Se leva asociado un aumento de cadro de persoal, as novas incorporacións serán adscritas a esta modalidade.

-Se afecta a un traballador ou grupo de traballadores adscritos a xornada continua, notificarase cun mínimo de 15 días de anticipación ó comité de empresa especificando as causas que obrigan a isto. Cando as causas desaparezan, incorporarase de novo ó traballador/é ó réxime de xornada continua.

Nota: os cambios de xornada continua a xornada partida, sempre que existisen causas técnicas xustificadas para a súa realización, afectarán por igual ó maior número de traballadores que puidesen rotar nese posto excepto, que exista persoal que voluntariamente se adscriba á dita xornada con autorización do xefe de servicio para o desempeño dese posto.

Artigo 11º.-Festivos.

Os traballadores adscritos á xornada de tipo C traballarán os días festivos en xornada de mañá e tarde e os traballadores adscritos á xornada de tipo B traballarán os días festivos en xornada de noite.

A compensación de cada hora dun festivo será dunha hora normal ordinaria incrementada nun 75%, ou ben un descanso equivalente (unha hora e 45 minutos por hora realizada). O traballador decidirá

a modalidade de compensación, con excepción dos traballadores da xornada tipo B e C, que non poderán optar polo descanso.

O traballador avisará o xefe de servicio con quince días de anticipación á realización do festivo se opta pola compensación económica ou polo descanso. Se optase polo descanso, deberao desfrutar dentro dos tres meses seguintes á realización do festivo. En caso de que o traballador que optase polo descanso non estivese de acordo en datas co seu xefe de servicio, percibirá a compensación económica.

Os traballadores asignados á realización de festivos poderán optar por intercambiar entre eles os festivos que lles correspondan, logo de comunicación ó xefe de servicio, con 7 días de anticipación.

No caso de que un traballador por motivo xustificado non puidese realiza-lo festivo que lle corresponde, será substituído polo seguinte da lista.

En canto non entre en vigor o día 1-5-2003 a xornada de tipo C, os días festivos serán realizados preferentemente por operarios adscritos á xornada tipo A en xornada de oito horas en quendas de mañá ou tarde. En quenda de noite serán realizados polos traballadores adscritos á xornada tipo B.

Terán preferencia na realización dos festivos os traballadores que voluntariamente o soliciten, sempre que estean autorizados polo xefe de servicio para o desempeño dos postos. En caso de non haber persoal voluntario ou que estes non sexan suficientes, o xefe de servicio xerará unha lista cun mínimo de seis traballadores, que terá carácter anual e rotatorio nos seguintes anos.

A lista establecerase cunha anticipación de 15 días á realización do ciclo de festivos.

Artigo 12º.-Vacacións anuais.

O persoal regulado por este convenio terá dereito a vintetrés (23) días laborais de vacacións anuais que se desfrutarán, preferentemente, coincidindo cos períodos de menor actividade en cada servicio, que na actualidade son os meses de xullo, agosto, setembro e decembro, en quenda rotatoria.

As quendas de vacacións serán fixadas pola empresa e os delegados de persoal ou comité de empresa, establecéndose o correspondente calendario cunha anticipación de dous meses da data de inicio do desfrute. A data de comezo farase coincidir cun luns laborable e desfrutaranse por semanas completas.

Se por calquera circunstancia non se puidesen desfruta-las vacacións no período previsto, desfrutaranse dentro do ano natural. Unha vez iniciado o desfrute das vacacións, non se suspenderá o seu cómputo polos procesos de incapacidade temporal.

O inicio das vacacións para o persoal adscrito á xornada tipo B e C terá que coincidir co primeiro día laborable da súa xornada.

Artigo 13º.-Contratos de traballo.

A todos aqueles traballadores que teñan ou cumpran unha antigüidade na empresa de dous anos ou máis, converteránselle-los seus contratos de traballo de duración determinada en contratos indefinidos adscritos ó servicio do arquivo de historias clínicas do centro de traballo do Polígono de Pocomaco da Coruña nos termos definidos no ámbito territorial.

Non se poderán realizar traslados definitivos, salvo con acordo do traballador. Sen embargo, os traballadores poderán ser desprazados temporalmente de conformidade co previsto no artigo 40.4º do Estatuto dos traballadores.

Para os efectos da conversión dos contratos indefinidos, computarase a antigüidade desde o primeiro contrato coa empresa, sempre que non tivese períodos de interrupción entre contratos superiores a 20 días.

Artigo 14º.-Roupa de traballo.

Proverase a cada traballador de roupa adecuada ó seu posto de traballo cada vez que sexa necesario e, polo menos dúas veces cada ano. Se algún traballador tivese que desempeña-las súas funcións en exteriores, zonas radioactivas ou infecciosas, disporán dos artigos necesarios para a súa protección.

A entrega da roupa de traballo realizarase nos meses de xaneiro e xullo.

Artigo 15º.-Quendas e formación.

Para facilita-la formación dos traballadores a empresa facilitará a rotación das persoas nos distintos postos de traballo dentro das funcións de cada categoría baixo o criterio de organización do traballo establecido polo responsable do servicio.

Tódolos traballadores terán dereito á realización de cambios de día libre e quendas de traballo con outras persoas que realicen a súa actividade en quenda rotatoria e exercendo as mesmas funcións, logo de autorización do responsable de cada servicio.

As quendas figurarán en cuadrantes trimestrais que serán elaborados con quince días de anticipación ó comezo do trimestre natural.

Artigo 16º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria, domiciliada nas Pontes, no domicilio social da empresa, como órgano de interpretación, conciliación e interpretación do pactado, formada preferentemente, polos representantes do persoal que interviñeron na negociación do acordo e polos representantes da empresa na negociación.

Tamén poderán intervir, con voz pero sen voto, os asesores correspondentes a ámbalas partes.

Os acordos da comisión requirirán para a súa validez a conformidade da maioría simple de membros de cada unha das representacións.

As funcións da comisión paritaria serán as seguintes:

a) Interpretación da aplicación de tódalas cláusulas deste acordo.

b) Mediación e conciliación en tódalas cuestións que as partes sometan á súa consideración e que deriven da aplicación do acordo.

c) Vixilancia do cumprimento do pactado no acordo.

Na falta de acordo da comisión, as partes sométense ós procedementos establecidos polo Acordo galego de solución extraxudicial de conflictos (AGA).

Artigo 17º.-Eficacia xurídica do acordo.

Este acordo ten forza de obrigar, en calidade de convenio colectivo do centro de traballo da empresa citado no artigo 2º, con carácter estatutario, ó abeiro do establecido no artigo 82 e seguintes do Estatuto dos traballadores.

Os seus efectos estenderanse por toda a duración ou ámbito temporal fixados no artigo 3º, (dous anos, contados desde o 1 de xaneiro do ano 2003) salvo que desapareza como unidade de negociación, o convenio colectivo provincial de oficinas e despachos da provincia de A Coruña, neste caso negociarase un novo acordo coa natureza xurídica e a duración que eventualmente se pacte.

Artigo 18º.-Dereito complementario e supletorio.

No non previsto expresamente neste acordo, será de aplicación en calidade de dereito complementario e supletorio o establecido no convenio colectivo provincial de oficinas e despachos da provincia da Coruña e o establecido no Estatuto dos traballadores e demais normativa laboral aplicable.

Artigo 19º.-Garantías persoais.

O pactado neste convenio colectivo enténdese de mínimos, respectándose a título individual as condicións máis beneficiosas que puidese ter calquera traballador.

Disposicións adicionais

Primeira.-De conformidade co establecido na lexislación sobre empresas de traballo temporal, Severiano Gestión, S.L., poderá realizar contratos de posta á disposición que non excederán, en ningún caso, un período de 3 meses nun ano. A estes traballadores aplicaráselle-lo réxime económico global pactado neste convenio.

En caso de ter que supera-los 3 meses, a empresa contratará directamente os traballadores a través de calquera das modalidades contractuais vixentes.

Segunda.-A empresa Severiano Gestión, S.L., como adxudicataria do contrato para a xestión da documentación clínica do Complexo Hospitalario Juan Canalejo-Marítimo Oza da Coruña en virtude do concurso público 169/00, comprométese a mante-los 28 postos de traballo que realizan a xestión do dito contrato, durante o tempo da súa vixencia.

Así mesmo, manterá o dito compromiso ata o 31 de decembro de 2004, sempre que o próximo concurso público saia nos mesmos termos que o actual e a empresa resulte adxudicataria do novo concurso público. En caso contrario negociarase co comité de empresa para os efectos de asignación do persoal.

Durante a vixencia do compromiso, a empresa só poderá amortiza-los ditos postos de traballo nos casos de traslado, baixa voluntaria, despedimento procedente, perda do concurso ou acordo co traballador.