Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.118

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 9 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2003 as axudas a empresarios autónomos sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ó abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ó Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

No marco das directrices anuais da estratexia europea para o emprego, e co obxectivo de favorece-la creación de novos empregos estables e a inserción laboral de persoas en desemprego, así como para contribuír ó desenvolvemento e crecemento de pequenas unidades productivas, en Galicia estableceuse un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen asalariados, que con potencialidade para a creación de emprego, non adoptan tal decisión polo risco ou carga que pode supoñe-la contratación do seu primeiro traballador e o cambio na dimensión do seu negocio, o que ten unha especial relevancia nesta Comunidade Autónoma polo significativo número de microempresas no que se detecta tal situación. Pola súa propia definición e polas condicións esixidas, as contratacións incentivadas mediante este programa supoñen, en todo caso, un incremento neto do emprego e do emprego fixo.

Nesta orde recóllense os incentivos á contratación indefinida do primeiro traballador dos autónomos sen asalariados, prevéndose, como medida de discriminación positiva, un incremento da axuda cando a contratación se realice con mulleres.

Así mesmo, e para avanzar nesta estratexia desde o ano 2002, prevese a posibilidade da contratación

dos familiares do empresario que poidan te-la consideración de traballadores por conta allea.

As axudas recollidas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (-2002) 1884 fin de 22-5-2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Nesta orde considerouse necesario introducir axustes técnicos, entre eles, e como novidade salientable, un novo sistema de prazos de presentación de solicitudes, que con carácter xeral é de dous meses desde a data da contratación pola que se solicita subvención. Así, as solicitudes reguladas nesta orde non están suxeitas ó exercicio económico anual, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras deste programa axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós créditos de aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2003, a dita determinación recóllese na disposición adicional cuarta desta orde.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos incen

tivos á contratación indefinida, a tempo completo ou a tempo parcial, incluídos os fixos-descontinuos, do primeiro traballador por parte dos empresarios sen asalariados, coa finalidade de impulsa-la capacidade de creación de emprego das pequenas empresas e favorece-la inserción laboral de desempregados.

2. Os incentivos aplicables ás contratacións indefinidas a tempo parcial serán proporcionais ó tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

3. Os contratos indefinidos, para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten con carácter indefinido o seu primeiro empregado para prestar servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que os ditos empresarios iniciaran a actividade cunha antelación mínima dun ano ó comezo da prestación de servicios polo traballador.

2. Para estes efectos, entenderase que se trata do primeiro empregado cando na empresa, nos 24 meses anteriores á contratación indefinida, non prestasen servicios traballadores por conta allea, agás con contratos de duración determinada ou temporal que, no seu conxunto, non superen os 180 días.

3. As contratacións deberán realizarse con desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

4. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións e contratacións de familiares.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislati

vo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servicios noutras empresas mediante contratos de posta a disposición.

b) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será, tamén, de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

c) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52. c) do Estatuto dos traballadores.

2. Sempre que se reúnan os requisitos e demais condicións esixidos nesta orde e poidan te-la consideración de asalariados, os incentivos establecidos no artigo 4º tamén poderán ser de aplicación ás contratacións do primeiro traballador fixo que se realice co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive. En todo caso, nestes supostos, e como condición indispensable na solicitude de axuda deberá declararse expresamente a condición de familiar do traballador contratado.

Artigo 4º.-Axudas.

As empresas que contraten con carácter indefinido o seu primeiro traballador de acordo cos requisitos e condicións establecidos nesta orde, poderán obter unha axuda, pagadeira dunha soa vez, que consistirá nunha subvención por unha contía equivalente ó importe do 30% da base mínima do grupo de cotización ó que pertenza o traballador contratado, establecida para o ano de cada convocatoria, calculada sobre tres anualidades, ata un máximo de 6.000 euros, se o contrato se realiza a xornada completa, ou a parte proporcional se se realiza a tempo parcial.

Cando a dita contratación se realice con mulleres, a dita porcentaxe elevarase ó 32% e o límite incrementarase ata 6.600 euros.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 5º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro

desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ó órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, a documentación acreditativa de exención do imposto e documentación que acredite que se trata da creación do primeiro posto de traballo de carácter fixo (vida laboral da empresa segundo os datos que consten na Tesourería Xeral da Seguridade Social).

3. DNI do traballador.

4. Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social, así como contrato de traballo e a alta na Seguridade Social do traballador contratado.

5. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo III).

6. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo IV).

7. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo V).

8. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 11º.1 b) desta orde (anexo VI).

Artigo 8º.-Instrucción e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polo órgano correspondente e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta, con carácter de prioritario, o seguinte:

a localización da empresa en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, mozos, maiores de 45 anos e parados de longa duración.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VI para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Declaración complementaria da establecida no artigo 7º.5 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Malia o sinalado no artigo 7º e nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción do interesado.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións indefinidas por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites esta

blecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo os traballadores contratados ó abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ó órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento, deberán mante-los postos de traballo durante un período de cinco anos.

5. As empresas beneficiarias, co fin de garanti-lo mantemento do posto de traballo estable creado obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha declaración do mantemento do emprego xunto co TC2 do mes de decembro do ano anterior.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se con

sidere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-No exercicio 2003, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.2, cun crédito de 13.978.892 euros, 16.04.241A.470.3 cun crédito de 1.500.000 euros, e 16.04.241B.475.0.105 cun crédito de 758.113 euros, 16.04.241B.475.0.106 cun crédito de 5.234.819 euros e 16.04.241B.475.1 cun crédito de 14.867.909 euros. Estas contías constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural; da orde que establece o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por

conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241.A e 241.B.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas polas contratacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2002 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 15 de xullo de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais