Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.106

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 8 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2003 o Programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con discapacidade.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 29.1º atribúelle á Comunidade Autónoma, en concordancia co artigo 149.1º.7 da Constitución española, competencia para a execución da lexislación do Estado en materia laboral, asumindo as facultades, funcións e servicios correspondentes a este ámbito.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio dos cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Consonte co anterior, correspóndelle á Dirección Xeral de Promoción do Emprego, a convocatoria, a regulación específica, a xestión e o control das axudas e subvencións á contratación indefinida de traballadores con discapacidade, antes xestionadas polo Instituto Nacional de Emprego e reguladas no Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, modificado polo Real decreto 4/1999, do 8 de xaneiro, e pola Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección polo desemprego e mellora da ocupabilidade, e na Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o capítulo II do mencionado real decreto.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, o abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ó Programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Nesta liña de actuación, de acordo cun dos piares básicos das directrices anuais establecidas na estratexia europea para o emprego, que incide na necesidade de loitar contra a discriminación e promove-la integración social mediante o acceso ó emprego, articúlase un programa específico, coa finalidade de apoia-la integración sociolaboral e a calidade do emprego das persoas con discapacidade como colectivo con dificultades particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo.

Nesta orde establécense as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 do Programa de axudas á contratación indefinida de traballadores con

discapacidade, coa finalidade de impulsa-la súa inserción laboral por ser este o mellor instrumento para logra-la plena e eficaz integración social deste colectivo. De acordo co artigo 37 da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos, que establece que a integración laboral destas persoas debe realizarse fundamentalmente a través do sistema ordinario de traballo, preténdese favorece-la incorporación dos traballadores con discapacidade a postos de traballo na empresa ordinaria. Dadas as especiais dificultades que encontra este colectivo para a súa inserción no mercado de traballo, nesta orde, en concordancia co Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, modificado polo Real decreto 4/1999, do 8 de xaneiro, e pola Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección polo desemprego e mellora da ocupabilidade, establécense diversos incentivos que pretenden incidir na decisión dos empresarios á hora de incorporar ós seus cadros

de persoal traballadores con discapacidade.

Para avanzar na estratexia dirixida a promove-la integración laboral das persoas con discapacidade en Galicia, no ano 2001 engadíronse incentivos autonómicos adicionais ós previstos na normativa citada, co obxecto de incidir máis favorablemente no emprego das mulleres con discapacidade e daqueles minusválidos cunha maior limitación funcional, en atención ó grao de minusvalidez.

Co obxecto de potencia-lo tránsito ó emprego ordinario, no ano 2002, ademais das persoas con discapacidade en desemprego, estableceuse a posibilidade de acceso ós beneficios previstos neste programa dos traballadores procedentes de centros especiais de emprego.

As axudas establecidas nesta orde están amparadas na súa adecuación ó dereito comunitario pola autorización da Comisión Europea C (-2002) 1884 fin, do 22-5-2002. E, cando se trate de empregos ligados a un investimento polo seu sometemento ó Regulamento (CE) nº 70/2001, da Comisión do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado da CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DOCE L10; 13-1-2001).

Nesta orde, considerouse necesario introducir axustes técnicos, entre eles, e como novidade salientable, un novo sistema de prazos de presentación de solicitudes, que con carácter xeral é de dous meses desde a data da contratación ou transformación do contrato temporal pola que se solicita subvención. Así as solicitudes reguladas nesta orde non están suxeitas ó exercicio económico anual, o que simplifica e clarifica as datas de presentación e axiliza a tramitación administrativa.

Neste marco de actuación as bases reguladoras deste programa axústanse ó disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo

que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en especial, o relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas públicas e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo ós créditos de aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2003 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixa-las bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2003 dos incentivos para o fomento da contratación por conta allea establecidos pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, coa finalidade de fomentar e favorece-la integración laboral das persoas con discapacidade no sistema ordinario de traballo, mediante a concesión de axudas pola súa contratación indefinida nos termos previstos nesta orde.

2. Os contratos iniciais e as transformacións de contratos temporais en indefinidos para que poidan ser obxecto de subvención, deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

3. Para os efectos das axudas establecidas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

4. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ó disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que contraten traballadores con discapacidade para prestaren servicios en centros de traballo situados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións e requisitos.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As contratacións realizadas con traballadores, que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido. O disposto no parágrafo precedente, será, tamén de aplicación, no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que a solicitante dos beneficios sucedera en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

b) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención.

2. As exclusións previstas no punto 1.a) e b), non serán de aplicación cando a contratación indefinida se realice cun traballador con discapacidade procedente dun centro especial de emprego.

3. Para que poidan ser de aplicación os incentivos previstos nesta orde, as contratacións deberán realizarse para ocupar postos de traballo que non quedaran vacantes como consecuencia dun despedimento declarado improcedente e, no caso de empregos ligados a un investimento, deberán supoñer incremento neto de emprego.

Artigo 4º.-Axudas.

1. As empresas que contraten con carácter indefinido a traballadores cunha discapacidade igual ou superior ó 33%, cunha diminución da súa capacidade de traballo, polo menos igual ou superior á dita porcentaxe, que sexan desempregados e estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación ou que procedan dun centro especial de emprego, poderán obte-las seguintes axudas:

a) Unha subvención de ata 3.907 euros por cada traballador con discapacidade contratado por tempo

indefinido a xornada completa. Así como á bonificación prevista no artigo 7.1º.a) do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, das cotas empresariais á Seguridade Social, incluídas as de accidentes de traballo e enfermidade profesional e as de recadación conxunta, do 70% por cada traballador con discapacidade contratado menor de 45 anos e do 90% se ten 45 anos ou máis.

b) Un incentivo adicional ó previsto na alínea a) deste artigo de ata 600 euros, no caso da contratación indefinida de persoas cun grao de discapacidade superior ó 49%.

c) Cando se trate da contratación indefinida dunha muller con discapacidade, establécese un incentivo adicional ós anteriores de ata 600 euros, calquera que sexa o seu grao de minusvalidez.

d) Cando o contrato por tempo indefinido se realice a tempo parcial, manteranse as bonificacións nas cotas descritas na alínea a) anterior, ben que as subvencións e os incentivos adicionais, se é o caso, se reducirán proporcionalmente á xornada pactada.

e) Unha subvención, compatible coas anteriores, que poderá alcanza-los 902 euros, para a adaptación dos postos de traballo ou para a dotación de medidas de protección persoal necesarias para evitar accidentes laborais ó traballador con discapacidade contratado. A necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da inspección de traballo.

Esta axuda, se non é solicitada pola empresa poderá ser solicitada polo propio traballador.

2. A transformación en indefinidos de contratos de aprendizaxe, para a formación ou en prácticas, así como dos contratos temporais de fomento do emprego para persoas con discapacidade prevista no artigo 44.3º da Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, serán obxecto das subvencións establecidas no punto anterior. Tamén nestes supostos se aplicarán, se é o caso, os incentivos adicionais previstos nas alíneas b) e c) do número 1 deste artigo.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 5º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolve-las solicitudes de axudas e subvencións presentadas ó abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderá ós delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando a contratación se realice para prestar servicios en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 6º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ó órgano competente

para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral en virtude dunha contratación inicial ou se produza a transformación do contrato en indefinido.

3. As solicitudes de axuda para a adaptación de postos de traballo prevista no programa de axudas á contratación indefinida de persoas con discapacidade, non están suxeitas ós prazos sinalados no número anterior. Non obstante, deberán presenta-la solicitude antes do inicio da dita adaptación.

Artigo 7º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do suposto e tipo de axuda que solicita, no que deberá facerse consta-lo tipo e grao de minusvalidez (anexo III).

3. DNI do traballador.

4. No caso de contratación inicial, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e, salvo no caso de que se trate dun traballador que proveña dun centro especial de emprego, do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social. Así como, contrato de traballo e a alta na Seguridade Social.

5. Cando se trate de transformacións de contratos temporais en indefinidos realizados con traballadores con discapacidade, o contrato temporal do que trae causa e as súas posibles prórrogas, así como a comunicación da conversión do contrato temporal en indefinido á oficina pública de emprego e a comunicación da variación de datos á Seguridade Social.

6. Cando se trata de empresas de nova creación deberá xuntarse proxecto e memoria da empresa que se vai crear, nos que se fará constar expresamente as características do proceso productivo e o cadro de persoal da empresa que será cuberto con traballadores con discapacidade.

7. Descrición detallada do posto de traballo que se vai cubrir e as súas características técnicas.

8. No caso de axudas para adaptación dos postos de traballo ocupados por traballadores con discapacidade, se é o caso, memoria descritiva da necesidade de adaptación ou dotación de medios de protección persoal con indicación do seu custo e calendario de execución.

9. Declaración comprensiva do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou de se-lo caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo IV).

10. Declaración da estructura da empresa e do emprego (anexo V).

11. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (anexo VI).

12. Se é o caso, autorización para obte-la información tributaria nos termos que se establece no artigo 11º.1.b desta orde (anexo VII).

Artigo 8º.-Instrucción e tramitación.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se xunta a documentación esixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente requirirán o interesado para que nun prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dictándose resolución para o efecto.

2. Unha vez completos os expedientes, a delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais solicitará os seguintes informes:

-Dos equipos multiprofesionais, sobre a adecuación do posto de traballo á minusvalidez dos traballadores contratados.

-Da Inspección de Traballo, sobre a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal, para o suposto de solicitude de subvención de adaptación de postos de traballo.

-Cando se trate de empresas de nova creación, analizarase a viabilidade técnica e económica do proxecto, podendo solicitar para estes efectos da Inspección de Traballo e Seguridade Social cantos documentos e informes se consideren oportunos.

Artigo 9º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas correspondentes intervencións, as resolucións serán dictadas polos delegados provinciais e deberán serlles notificadas ós interesados. As resolucións, de concesións ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tra

mitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se dictase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

Para a valoración da contía das subvencións terase en conta, con carácter de prioritario, o seguinte: o tamaño das empresas, a súa localización en zonas especialmente desfavorecidas, así como os colectivos de mulleres, mozos, maiores de 45 anos e parados de longa duración, cando non se considere a súa prioridade de forma específica.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións, quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se esixa de forma expresa nela, entre a que deberá figura-la seguinte:

a) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas coa Seguridade Social.

b) Documentación acreditativa de que se encontran ó día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario achegue a solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VII para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

c) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, concesión de exención do imposto en virtude do establecido no artigo 83.1º b) da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa redacción dada pola Lei 51/2002, do 27 de decembro.

d) Documento de alta na Seguridade Social e contrato de traballo debidamente formalizado, de non terse achegado con anterioridade e, de se-lo caso,

documentos acreditativos da transformación do contrato en indefinido.

e) A xustificación para a percepción da subvención para a adaptación do posto de traballo requirirá, ademais, a presentación das correspondentes facturas que acrediten a referida adaptación ou dotación.

f) Declaración complementaria da establecida no artigo 7º.9 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de se-lo caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo IV).

2. Malia o sinalado no artigo 7º e nos puntos anteriores, a documentación esixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción do interesado.

3. Estas axudas faranse efectivas en forma de pagamento único. Non obstante o anterior, de conformidade co disposto no artigo 9 do Real decreto 1451/1983, do 11 de maio, para facer efectivas as bonificacións da Seguridade Social as empresas dilixenciarán os seus documentos de cotización na forma establecida con carácter xeral e con suxeición ás normas que o regulan.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. Os diferentes tipos de axuda previstos nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorga-las administracións públicas como medida de fomento de emprego.

2. Os beneficios establecidos á contratación indefinida nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

3. Non obstante os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan supera-los límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Ter acreditado, previamente ó cobramento, que se encontran ó día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que

non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. Comunicarlle ó órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de se-lo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público nacional ou internacional.

3. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea.

4. Manter no seu cadro de persoal fixo ós traballadores contratados ó abeiro desta orde, por un período mínimo de tres anos, non podendo despedir a estes traballadores sen causa xustificada, e, no caso de despedimento procedente, deberán substituílos por outros traballadores minusválidos, beneficiándose neste caso soamente da bonificación da cota á Seguridade Social correspondente ós traballadores substitutos.

E, cando se trate de empregos ligados a un investimento deberán mante-los postos de traballo durante un período de cinco anos.

5. Co fin de garanti-lo cumprimento do anterior, as empresas deberán presentar anualmente, dentro do primeiro trimestre, á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais unha relación dos traballadores polos que se lles concederon axudas para efectos de acredita-la súa permanencia na empresa e, no caso de despedimento procedente, dos traballadores que os substituíron; esta obriga esténdese durante os tres anos seguintes á data de concesión da axuda.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto

refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumpri-las obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ó dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nos diferentes programas desta orde.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolve-la concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e propoñe-los correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de minusválido será realizada directamente polo órgano xestor das axudas, agás que fose recoñecida por outra administración, distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinta.-Para o caso de que se soliciten os incentivos previstos nesta orde pola transformación en indefinido dun contrato en prácticas, que fose obxecto de subvención ó abeiro dos programas de fomento da contratación en prácticas e para a innovación tecnolóxica, convocados pola Consellería de Asuntos

Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e a conversión se produza con anterioridade a súa duración mínima inicial de 12 meses, compensarase a parte da subvención concedida correspondente ó período non esgotado reducindo na mesma contía o incentivo pola transformación do contrato en indefinido.

Sexta.-No exercicio 2003 as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ós créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.04.241A.470.1, cun crédito de 13.341.735 euros, 16.04.241A.470.2 cun crédito de 13.978.892 euros, e 16.04.241B.475.1 cun crédito de 14.867.909 euros. Estas contías están recollidas na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde que regula os incentivos á contratación dirixidos a favorece-la conciliación da vida laboral e familiar, da orde reguladora dos incentivos ás iniciativas de emprego cualificadas como iniciativas locais de emprego ou como iniciativas de emprego rural; da orde que establece o réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á

contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241 A e 241 B.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposición transitoria

As solicitudes de axudas polas contratacións ou transformacións realizadas entre o 1 de outubro do ano 2002 e a data de entrada en vigor desta orde, poderán presentarse ata o 15 de xullo de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais