Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 14 de maio de 2003 Páx. 6.086

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 6 de maio de 2003 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asumiu as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio dos cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ó abeiro do disposto no Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia.

Consonte co anterior, á Dirección Xeral de Promoción do Emprego correspóndelle a regulación, xestión e control do aboamento de cotas á Seguridade Social ós traballadores que percibiron a prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, e regulado nos seus aspectos procedementais, pola orde ministerial do 13 de abril de 1994.

O Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, modificado pola Lei 22/1992, do 30 de xullo, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único, como medida de fomento de emprego, coa finalidade de facilita-la reincorporación ó mercado de traballo dos parados con dereito á prestación de desemprego, de nivel contributivo, que pretendan desenvolve-la súa actividade profesional como socios dunha cooperativa de traballo asociado ou dunha sociedade laboral, ou, como traballador autónomo, de tratarse dun discapacitado, en virtude do establecido no artigo 31 da Lei 50/1998, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social. Polo seu encadramento no réxime económico da Seguridade Social, o recoñecemento e aboamento da prestación de pagamento único é competencia da Administración central, mais, polo seu carácter de política activa de emprego, intervén a Administración autonómica na súa xestión e tramitación, nos termos previstos no convenio

subscrito entre o Inem e esta comunidade para a coordinación entre a xestión do emprego e a xestión das prestacións de desemprego.

Así mesmo, en virtude do disposto no artigo 4 do devandito Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño, ós perceptores da prestación de desemprego, na súa modalidade de pagamento único, correspóndelles unha axuda consistente no aboamento das cotas á Seguridade Social durante o período polo que percibisen a prestación de desemprego, correspondéndolle a xestión desta última á Administración autonómica.

Na súa consecuencia esta orde ten por obxecto regula-lo procedemento de aboamento das ditas cotas, co fin de contar con normativa autonómica adecuada e adaptada ás normas de procedemento, organización e xestión desta Comunidade Autónoma.

Pola súa vez, a Lei 45/2002, do 12 de decembro, de medidas urxentes para a reforma do sistema de protección por desemprego e mellora da ocupabilidade, introduce reformas na capitalización da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, de xeito que os desempregados que desexen incorporarse a una sociedade laboral ou cooperativa e as persoas con discapacidade que queiran constituírse como traballadores autónomos, poderán optar polo pagamento único de protección por desemprego de nivel contributivo ou como pagamento periódico para aboar cotizacións á Seguridade Social.

A presente orde axústase ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e á Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2003. A subvención obxecto desta orde financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2003 a dita determinación recóllese na disposición adicional quinta desta orde.

Polo exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, de 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e requisitos.

O obxecto desta orde é establece-las bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social dos traballadores que percibisen a prestación por desemprego, na súa modalidade de pagamento único, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter percibido a prestación por desemprego de nivel contributiva na súa modalidade de pagamento único.

b) Ter optado polo aboamento dunha soa vez da totalidade da prestación por desempregado.

c) Terse constituído como socio traballador ou de traballo dunha cooperativa ou sociedade laboral en Galicia; ou como traballador autónomo sempre que se trate dunha persoa con minusvalidez igual ou superior ó 33 por 100.

d) Ter iniciado a actividade nos termos previstos no Real decreto 1044/1985, do 19 de xuño.

e) Estar dado de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 2º.-Axuda.

Esta axuda consistirá no aboamento do 50 por 100 da cota ó réxime correspondente á Seguridade Social como traballador autónomo, calculada sobre a base mínima de cotización, ou o 100 por 100 da achega do traballador nas cotizacións ó correspondente réxime xeral da Seguridade Social, durante o período polo que se percibiría a prestación por desemprego de non percibirse na súa modalidade de pagamento único, computándose, para efectos desta axuda, a partir da data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. As solicitudes presentaranse, por triplicado exemplar, no modelo normalizado que figura como anexo a esta orde, na correspondente oficina de emprego ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e dirixiranse á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, competente por razón do territorio no que se desenvolva a actividade.

2. Cada solicitude deberá ir acompañada, tamén por triplicado exemplar, sendo un deles orixinal ou fotocopia compulsada, dos seguintes documentos:

a) Boletíns de cotización mensuais correspondentes ó trimestre natural polo que se solicita o aboamento das cotas.

b) Cando se trate da primeira solicitude, DNI ou NIF do solicitante, ficha de transferencia bancaria e certificado da entidade bancaria acreditativo de que o solicitante é titular da conta corrente que indica.

3. As solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social reguladas nesta orde non están suxeitas ó exercicio económico anual, polo que se presentarán a medida que o beneficiario vaia realizando o ingreso das súas cotas mensuais ó réxime da Seguridade Social correspondente, de acordo co establecido no punto seguinte.

4. A presentación dos boletíns mensuais de cotización terá periodicidade trimestral, as solicitudes para o aboamento de cotas á Seguridade Social realizaranse nos seguintes prazos:

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de xaneiro, febreiro e marzo: ata o 15 de maio.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de abril, maio e xuño: ata o 15 de agosto.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de xullo, agosto e setembro: ata o 15 de novembro.

-Boletíns de cotización correspondentes ós meses de outubro, novembro e decembro: ata o 15 de febreiro do ano seguinte.

Non obstante, o prazo de presentación dos correspondentes boletíns de cotización e o dereito ó conseguinte aboamento de cotas expirará transcorridos seis meses contados a partir do derradeiro día do mes obxecto de aboamento.

Artigo 4º.-Tramitación e instrucción.

As unidades administrativas receptoras remitirán as solicitudes recibidas á delegación provincial, para que o Servicio de Promoción do Emprego competente comprobe se a solicitude ou a documentación presentada reúne os requisitos esixidos nos artigos anteriores e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirase o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A resolución das solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social dos perceptores da prestación de desemprego, na súa modalidade de pagamento único, corresponderalle, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego, e Relacións Laborais, ós delegados provinciais da consellería en función do lugar onde se desenvolva a actividade.

2. As resolucións que se dicten neste procedemento serán notificadas ós interesados, debéndose motivar axeitadamente.

3. O prazo para resolver será de tres meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dicte resolución expresa, entenderase desestimada.

4. Os expedientes completos referidos a solicitudes do mesmo trimestre, acumularanse, con carácter periódico, dictándose unha única resolución na que consten os datos básicos correspondentes a tódolos beneficiarios dunha mesma provincia.

5. As resolucións que se dicten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdicción contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que

dictou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Incompatibilidades.

Esta axuda será incompatible coa percepción trimestral do importe da prestación por desemprego de nivel contributivo na súa modalidade de pagamento único por subvenciona-la cotización do traballador á Seguridade Social.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo a función de control das subvencións concedidas así como a avaliación e seguimento destes programas.

Para realiza-las ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comproba-lo cumprimento dos requisitos esixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.

1. Xunto coas solicitudes de aboamento de cotas á Seguridade Social deberá presentarse unha declaración comprensiva das axudas ou subvencións concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade ou, de se-lo caso, unha declaración de que non se solicitou nin percibiu ningunha axuda ou subvención dunha administración ou entidade pública.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente a súa revogación.

3. O beneficiario deberá facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

4. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades per

cibidas e a esixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-As delegacións provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderán requirir, en todo momento, a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións esixidas nesta orde.

Cuarta.-A concesión das axudas reguladas nesta orde quedará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias.

O aboamento de cotas á Seguridade Social reguladas nesta orde financiarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

Quinta.-En virtude do anterior, no exercicio 2003 o financiamento do aboamento de cotas á Seguridade Social ós perceptores da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único realizarase con cargo ós créditos da aplicación orzamentaria 16.04.241A.480.3, ó abeiro do disposto na Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003.

Sexta.-Respecto das solicitudes para o aboamento de cotas á Seguridade Social correspondentes a boletíns de cotización de mensualidades de 2002 que, na data de entrada en vigor desta orde, aínda non se presentasen, e sempre que na dita data non expirara o prazo establecido no artigo 3.4º da Orde do 8 de febreiro de 1999 modificada pola Orde do 25 de xaneiro de 2000, polo que se regulaba o procedemento obxecto desta orde, o prazo para a presentación dos correspondentes boletíns de cotización finalizará o 15 de xullo de 2003.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dicte, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2003.

María José Cimadevila Cea

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais