Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Martes, 13 de maio de 2003 Páx. 6.038

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 25 de marzo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte Castrelos da parroquia de Castrelos do concello de Vigo.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente: José A. López Rodríguez (delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutiérrez (xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muíños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia).

Vocais representantes da parroquia de Castrelos do concelllo de Vigo:

César Outerelo González.

Abdón Escariz Vázquez.

Secretaria:

Pilar Pita Ponte (xefa de Sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 20 de febreiro de 2003, coa asistencia das persoas á marxe citadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte Castrelos da parroquia de Castrelos do concello de Vigo.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 3 de febreiro de 1992, Jerónimo A. Escariz Vázquez, no nome e representación da Xunta Provisional de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Castrelos, solicita a clasificación como veciñais en man común dos montes A Mina ou Asno Morto, A Serra, Outeiro, Porto Loureiro e As Barallas da parroquia de Castrelos, do concello de Vigo.

Segundo.-En data do 11 de febreiro de 1992 o xurado provincial acordou inicia-los trámites para a clasificación dos devanditos montes, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da delegación provincial da Consellería de Medio Ambiente, que remitiu informe o 27 de xaneiro de 1998.

Terceiro.-Na sesión do 22 de xullo de 1998, o xurado adoptou o acordo de nomear relator do expediente de clasificación a José Barreiro Prado.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, no preceptivo trámite de audiencia o solicitante presentou alegacións nas que expón os fundamentos xurídicos que considera pertinentes as súas pretensións.

Quinto.-Na reunión do xurado do 24 de febreiro de 1999 por proposta do relator acórdase solicitar un informe complementario ó Servicio de Montes e Industrias Forestais, e que unha vez recibido dar traslado ó solicitante para alegacións.

Sexto.-Na sesión do xurado do 12 de decembro de 2001 nomeouse nova instructora a Mª Luisa Pardavila Pazos.

Sétimo.-En cumprimento do referido acordo, o 7 de novembro de 2002, ábrese novo trámite de audiencia, no que o solicitante presentou escrito remitíndose ás alegacións que xa tiña presentadas.

Oitavo.- Que visto o informe preceptivo do Servicio de Montes e Industrias Forestais, o informe complementario do mesmo servicio e efectuada visita ó terreo, os montes obxecto do presente expediente de clasificación, obedecen á seguinte descrición:

Concello: Vigo.

Parroquia: Castrelos.

Nome do monte: A Mina.

Cabida: 4,50 ha.

Lindes:

Norte: estrada camiño de Galindra e camiño particular con murete lateral.

Sur: camiño acceso ó campo de fútbol, camiño e muro de predio particular.

Leste: muro predio particular e camiño de Galindra.

Oeste: camiño particular, predio particular e camiño acceso ó campo de fútbol.

Neste monte existen dous situados coas seguintes superficies:

Situado 1: 1,5 ha.

Situado 2: 1,3 ha.

Nome do monte: A Serra.

Cabida: 3,50 ha. Superficie marcada: 2,6 ha.

Lindes:

Norte: camiño do Monte da Serra e propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: camiño do Monte da Serra e propiedades particulares.

Neste monte existen dous situados coas seguintes superficies:

Situado 3: 0,33 ha.

Situado 4: exterior á superficie total: 0,66 ha.

Nome do monte: Outeiro.

Cabida: 0,60 ha.

Lindes:

Norte: camiño do Río.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Nome do monte: Porto Loureiro.

Cabida: 0,1 ha.

Lindes:

Norte: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: pista.

Nome do monte: As Barallas.

Cabida: 0,4 ha.

Lindes:

Norte: propiedades particulares.

Sur: propiedades particulares.

Leste: propiedades particulares.

Oeste: propiedades particulares.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posibilidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-Aínda que o representante da xunta provisional acompañou coa solicitude copia de documentos onde se pode constatar que en tempos máis ou menos antigos os referidos montes tiveran un uso comunal, tales probas non se consideran suficientes tendo en conta a evolución lexislativa deste tipo de

propiedade característica do dereito civil de Galicia, recoñecéndoselle o carácter de imprescritibilidade a partir da Compilación Foral de Galicia de 1963, sendo este dato fundamental na interpretación do artigo 1 da Lei 13/1989, onde se definen os montes veciñais en man común, por dous elementos característicos que son a súa pertenza a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños.

Esta segunda característica dos montes veciñais, como xa teno dito o Tribunal Supremo na Sentencia de data 24-4-2000 e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, constitúe unha clara referencia a un período temporal de presente, e non dun pasado máis ou menos remoto.

A entidade promotora do expediente non achegou ningunha proba para acredita-la existencia do uso comunal durante as últimas décadas polo que, forzosamente, témonos que basear nos informes emitidos polo Servicio de Montes e Industrias Forestais.

A Mina.-Nesta parcela púidose aprecia-la existencia dun uso comunal eminentemente recreativo e de aproveitamentos forestais (esquilmes e cortas) ocasionais, exceptuando os dous situados ocupados por instalacións deportivas e edificacións, nos que o uso é eminentemente público.

A Serra.-Do mesmo xeito, nesta parcela puidose apreciar un uso comunal claro, caracterizado por aproveitamento de productos forestais, pastoreo, e como área de recreo, mesmo hai unha zona repoboada pola asociación de veciños coa colaboración do concello; exceptuando os dous situados nos que existen distintas edificacións e vivendas onde non se constatou ningún uso comunal.

Outeiro.-A existencia do uso veciñal tamén é claro nesta parcela.

Porto Loureiro.-Trátase dunha pequena parcela lindante coa vía pública, que pola súa reducida superficie non é susceptible de aproveitamento comunal como, efectivamente, resulta do feito de que non se puidera constatar ningunha sinal de aproveitamento comunal.

As Barallas.-O estado deste predio é de abandono, non se aprecia ningún uso comunal, e polo contrario concorre un uso particular de residencia de varias familias de etnia xitana.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios de xenérica e específica aplicación, proponse polo instructor e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Clasificar como veciñais en man común os montes A Mina, A Serra e Outeiro a excepción dos enclaves

existentes nos dous primeiros, a favor da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Castrelos do concello de Vigo, correspondéndose coas descricións reflectidas no feito oitavo, coas salvidades de que a superficie clasificada do monte A Mina é de 1,7 ha e a do monte A Serra é de 2,51 ha, xa excluídos os situados, así como a planimetría elaborada para o efecto polo Servicio de Montes e Industrias Forestais que forma parte inseparable desta resolución.

Non clasificar como veciñais en man común os montes Porto Loureiro e As Barallas por non quedar acreditado o seu aproveitamento veciñal.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da presente notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de marzo de 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra