Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 12 de maio de 2003 Páx. 5.984

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2003, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza á entidade Enmacosa, S.A. como organismo de control autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia.

Examinado o escrito presentado por Manuel Gregorio Miranda Cadórniga, en calidade de representante de Enmacosa, S.A., con CIF A-36039956 e con domicilio social en edificio Enmacosa, S.A., O Pombal, 12-A Adina, 36979-Sanxenxo (Pontevedra), mediante o que solicita autorización como organismo de control autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia, resultan os seguintes

Antecedentes de feito

Primeiro.-Enmacosa, S.A. está acreditada por ENAC con número de acreditación 70/EI096, conforme os criterios recollidos na norma UNE-EN 45004:1995, para a realización de inspeccións nos campos e segundo os documentos normativos especificados no anexo técnico rev. 2, de data 17-1-2003, da acreditación de ENAC correspondente.

Segundo.-Con data 5 de febreiro de 2003, Manuel Gregorio Miranda Cadórniga, en nome e representación de Enmacosa, S.A., presentou un escrito mediante o que, ó abeiro do Decreto 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial e control regulamentario e se crea a Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia, solicitaba autorización como organismo de control autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia. Para tal efecto, achegaba a documentación esixida nos artigos 4, 5 e 6, así como a especificada no anexo II do citado decreto.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-Esta dirección xeral é competente para resolver este expediente con base no Decreto 15/2002, do 24 de xaneiro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 8/2003, do 18 de xaneiro e 23/2003, do 20 de xaneiro, na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, no Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro, polo que se aproba o Regulamento da infraestructura para a calidade e a seguridade industrial, e no Decreto 426/2001, do 15 de novembro, polo que se regulan os organismos de control en materia de seguridade industrial e control regulamentario e se crea a Comisión de Coordinación de Seguridade Industrial de Galicia.

Segundo.-A documentación presentada por Enmacosa, S.A. acredita que a empresa cumpre coas esixencias establecidas nos artigos 4, 5, 6 e 7 do Decreto 426/2001, para a súa actuación nos ámbitos regulamentarios solicitados.

Terceiro.-Na tramitación deste expediente cumpríronse tódolos requisitos regulamentarios.

A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Primeiro.-Autorizar a Enmacosa, S.A. como organismo de control autorizado na Comunidade Autónoma de Galicia, para as actividades de inspección indicadas e comprendidas nos campos regulamentarios que, de acordo cos documentos normativos recollidos no anexo técnico rev. 2, de data 17-1-2003, da acreditación nº 70/EI096 de ENAC, se relacionan de seguido:

-Instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

-Instalacións interiores de subministración de auga.

-Instalacións eléctricas.

-Elementos e instalacións de aparellos de elevación e manutención.

-Instalacións contra incendios.

Segundo.-Esta resolución pode ser suspendida ou revogada, ademais de nos casos contemplados na lexislación vixente, cando o sexa a citada acreditación de ENAC, e queda supeditada ó cumprimento das seguintes condicións:

1ª Calquera ampliación dos campos regulamentarios de actuación ou dos documentos normativos correspondentes deberá segui-los trámites establecidos nos artigos 4, 5 e 7 do Decreto 426/2001 para a súa autorización.

2ª Enmacosa, S.A. deberá cumpri-lo establecido na Lei 21/1992, do 16 de xullo, de industria, e no R.D. 2200/1995, de 28 de decembro, no que sexa de aplicación.

3ª Enmacosa, S.A. deberá cumprir nas súas actuacións na Comunidade Autónoma de Galicia os requisitos establecidos no Decreto 426/2001, do 15 de novembro.

Notifíquese esta resolución ó interesado facendo constar que poderá interpor recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó de notificación, ante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2003.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas