Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Luns, 12 de maio de 2003 Páx. 5.924

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de abril de 2003 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas a estudiantes con residencia fóra da Comunidade Autónoma de Galicia con aproveitamento académico excelente, que se incorporen por primeira vez ó sistema universitario de Galicia no curso 2003-2004.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica ós estudiantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por outra parte e, en relación cos estudios universitarios, tódolos sectores educativos coinciden en que, hoxe en día, a mobilidade é un compoñente desexable na formación universitaria e un medio para mellora-la calidade da ensinanza así como un elemento capaz de contribuír á integración e maior cohesión do sistema universitario español ó favorecer que os estudiantes experimenten sistemas docentes distintos, así como o coñecemento dos distintos aspectos sociais e culturais doutras autonomías.

Con este motivo púxose en funcionamento o denominado distrito aberto no curso 2001/2002, encamiñado a que os estudiantes poidan solicitar praza na universidade da súa elección, con independencia daquela na que superase a proba de acceso.

Entre os obxectivos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria atópase o de potencia-la calidade do sistema universitario de Galicia, dispoñendo dunha completa oferta de formación superior que debe poñer ó servicio do conxunto da sociedade.

Para que estes obxectivos sexan acadados, e coa finalidade de axudar ás familias a afronta-los gastos de desprazamento dalgún dos seus membros a outra

comunidade autónoma, por razóns de estudios, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha esta convocatoria de axudas dirixidas ós alumnos doutras comunidades autónomas españolas, con aproveitamento académico excelente, que desexen inicia-los seus estudios universitarios, por primeira vez, nunha titulación de carácter oficial e validez nacional nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña ou Vigo.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas en réxime de concorrencia competitiva destinadas a fomenta-la mobilidade dos alumnos de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, con residencia familiar no territorio nacional e con aproveitamento académico excelente, que desexen iniciar por primeira vez, no curso académico 2003-2004, estudios presenciais en titulacións universitarias de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas do sistema universitario de Galicia.

Artigo 2º.-Orzamento e contía.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003, cunha contía de 90.151,82 euros.

A contía máxima de cada axuda non poderá supera-la cantidade de 3,005 euros e determinarase en función do expediente académico.

Artigo 3º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas, e se é o caso ser beneficiarios delas, os alumnos que cumpran os seguintes requisitos:

-Non estar en posesión ou reuni-los requisitos legais para obter un título académico de carácter oficial e con validez no territorio nacional.

-Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun dos estados membros da Unión Europea.

-Te-la súa residencia familiar en territorio nacional, agás na Comunidade Autónoma de Galicia.

-Incorporarse por primeira vez ó sistema universitario de Galicia, no curso académico 2003-2004, nun curso completo, ou como mímimo en 60 créditos, para realizar estudios universitarios presenciais de 1º ciclo ou de 1º e 2º ciclo nunha titulación de carácter oficial e validez nacional.

-Posuír un bo expediente académico.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes segundo modelo ED 439A que se publica como anexo á presente orde, asinadas polos interesado, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dirixidas á Dirección Xeral de Universidades-Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 1º andar, 15781

Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificada.

2. Para os efectos de información os interesados tamén poderán consulta-la páxina web da Xunta de Galicia.

3. O prazo de presentación de solicitudes e documentación será de corenta días hábiles contados a partir desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

-Copia do DNI.

-Certificado de empadroamento, de tódolos membros da unidade familiar, ata o mes de xuño de 2003.

-Certificación académica completa ata a convocatoria de xuño do curso académico 2002-2003, ou copia compulsada dela, na que se fará consta-la nota media do expediente académico, o número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación de convocatorias.

-Para os que accedan ó segundo ciclo desde unha titulación de primeiro ciclo, certificación académica do primeiro ciclo dos seus estudios universitarios.

-Aqueles alumnos que pretendan acceder ó primeiro curso nas facultades, escolas técnicas superiores ou escolas universitarias do sistema universitario de Galicia, a través das PAUU, deberán presenta-lo certificado da convocatoria de xuño da comisión avaliadora da súa comunidade autónoma conforme é considerado apto para o ingreso na universidade, no que figuren as cualificacións correspondentes.

-Para os titulados de FP2 e ciclos formativos de grao superior que soliciten o ingreso nos estudios ou nas titulacións ás que lles dá acceso a súa titulación, certificación académica completa na que conste a nota media.

Para garanti-la maior equidade na determinación das notas medias, as cualificacións obtidas polos alumnos, deberán ser certificadas coas avaliacións de matrícula de honra, sobresaínte, notable e aprobado, esteblecendo para o cálculo da nota media o seguinte baremo: matrícula de honra 10 puntos, sobresaínte 9 puntos, notable 7,5 puntos e aprobado 5,5 puntos.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

-Documento facilitado pola entidade bancaria, a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente, os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 6º.-Selección.

1. A selección farase ordenando tódalas solicitudes que cumpran os requisitos en función expediente académico.

2. Terán prioridade para ser beneficiarios desta axuda aqueles estudiantes que se matriculen por primeira vez, no primeiro curso duna titulación universitaria de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

3. A valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do xeito seguinte:

a) Estudios organizados por materias:

Media= suma das notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados en créditos:

Media= (N1.P1+N2.P2+N3.P3+...)/(C1.N1+C2.N2+...).

Onde:

N1= nº de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= número de convocatorias empregadas en cada materia.

Para o cálculo da nota media non se terán en conta as materias ou créditos que, segundo os plans de estudios, soamente se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos nos que non figure cualificación.

As materias ou créditos validados, sen que se especifiquen na validación a cualificación obtida, valoraranse como aprobados.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais:

-Vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña.

-Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vicerrector de Extensión Universitaria e Estudiantes da Universidade de Vigo.

-O xefe do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia-Consellería de Educación e Ordenación Universitaria www.xunta.es/ceoug/dxu. As listas provisionais estarán expostas desde o 17 de xullo ó día 31 de xullo de 2003. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formula-las reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, arquivarase o expediente sen máis trámite.

Artigo 9º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º.-Aceptación da bolsa e pagamento.

Para os efectos de cobramento, o beneficiario deberá entrega-la seguinte documentación de conformidade co artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 5 de novembro de 2003 a seguinte documentación:

a) Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para este fin, das distintas administracións públicas competentes.

b) Xustificante de matrícula no curso 2003/2004.

Unha vez finalizado o curso, enviar á Dirección Xeral de Universidades, e sempre antes do 15 de outubro de 2004, certificación académica dos estudios ralizados.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto nos artigos 4 e 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvención públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de novembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril 2003.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria