Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Venres, 09 de maio de 2003 Páx. 5.834

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 23 de abril de 2003 pola que se establece o procedemento de información das interrupcións da subministración eléctrica por parte das empresas distribuidoras.

A Orde de 29 de xullo de 2002 estableceu dentro da Comunidade Autónoma os procedementos de información en materia da calidade da subministración eléctrica.

Por esta norma faise extensiva ás empresas distribuidoras a obriga de proporcionar determinada información que pola orde ECO/797/2002 estaban obrigadas a dar á Administración do Estado; todo iso tendo en conta que o artigo 3.3º a) da Lei 54/1997, reguladora do sector eléctrico, autoriza as comunidades autónomas o desenvolvemento dentro do ámbito das súas respectivas competencias da normativa básica estatal.

Por todo o exposto, parece conveniente optimiza-los sistemas de información xa creados para ter un maior coñecemento dos niveis de calidade existentes da subministración eléctrica no ámbito territorial da Comunidade Autónoma. A comunicación áxil das incidencias de maior repercusión pode axudar a unha focaxe dos esforzos naquelas zonas onde existan maiores problemas, o que, unido a actuacións investidoras e de apoio, algunhas delas xa postas en marcha, como é o Plan de Mellora da Calidade da Suministración no Medio Rural 2001-2005, traerán como desexada consecuencia unha mellora dos índices de calidade destas zonas.

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto da presente orde é regula-la obriga das empresas distribuidoras de proporcionar en tempo e forma á Administración autonómica, a información verbo das interrupcións imprevistas da subministración eléctrica consideradas como importantes.

Artigo 2º.-Definicións.

Para efectos de interpretación desta orde adoptaranse as definicións establecidas na orde ECO/797/2002.

Así mesmo, clasificaranse as zonas de distribución segundo o establecido polo Real decreto 1955/2000 capítulo II, artigo 99.4º.

Non obstante, para empresas eléctricas que distribúan naqueles ámbitos territoriais con dispersión da localización da demanda en diferentes núcleos de poboación dentro dun municipio, a Consellería de Innovación, Industria e Comercio, por solicitude da empresa distribuidora afectada, poderá defini-las zonas, urbanas, semiurbanas e rurais en función dos

citados núcleos mediante orde da mencionada consellería.

Artigo 3º.-Interrupcións que se deben notificar.

1. Deberán notificarse aquelas interrupcións de subministración eléctrica que afecten a zona urbana ou semiurbana cando o producto S*T sexa maior ou igual a 600, e en zona rural cando o producto S*T sexa maior ou igual a 150, sendo S o número de subministracións afectadas polo corte de subministración, e T o tempo, expresado en horas, que durou a citada interrupción.

2. Non será necesario notificar interrupcións en zona urbana cunha duración inferior a 1 hora, en zona semiurbana interrupcións cunha duración inferior a 2 horas e en zona rural non será necesario notificar interrupcións inferiores a 3 horas de duración.

3. Sempre se deberán notificar aquelas interrupcións de duración igual ou superior a 8 horas, independentemente da zona a que afecten.

4. Todas aquelas interrupcións de subministración que en zona urbana afecten como mínimo a 3.000 subministracións, ou en zona semiurbana afecten como mínimo a 1.000 subministracións ou en zona rural afecten como mínimo a 400 subministracións, independentemente da súa duración, deberán ser notificadas.

5. Cando a distribución se realiza a subministracións con tensión nominal superior a 1 kV, serán notificadas aquelas interrupcións de subministración eléctrica na que a súa duración sexa igual ou superior a unha hora.

6. Se no transcurso das 24 horas dun día, se producen varias interrupcións de subministración eléctrica asociadas a un mesmo C.T. e o cómputo total das mesmas é igual ou superior a oito horas, considerarase como unha única interrupción que notificar.

Artigo 4º.-Recolla de datos.

As empresas distribuidoras de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia proporcionarán as informacións requiridas verbo das incidencias obxecto desta orde a través do sistema recollido no artigo 1 da Orde do 29 de xullo de 2002 pola que se establecen os procedementos de información en materia de calidade da subministración eléctrica e se crea a comisión de seguimento da calidade do servicio eléctrico de Galicia.

Artigo 5º.-Información asociada a unha interrupción.

Por cada incidencia producida deberase facilita-la seguinte información, especificando:

1. Situación xeográfica da interrupción:

Nº de expedientes dos centros de transformación

Provincias

Concellos

Parroquias

Lugares

Tipo de zona

2. Situación temporal das interrupcións e tempo de interrupción en minutos:

Data e hora de inicio.

Data e hora de finalización.

Tempo de interrupción.

3. Datos eléctricos:

Potencia instalada no C.T. afectado.

Potencia contratada no C.T.

Potencia interrompida no C.T.

4. Afectados:

Número de subministracións afectadas pola interrupción

% subminitración dos C.T. afectados.

5. Tipo de interrupción e causa que a xera:

Imprevistas, causas: de xeración, de transporte, terceiros, propias, forza maior.

6. Medidas de reparación adoptadas (definitiva, provisional).

Artigo 6º.-Periodicidade da información.

A información solicitada no artigo 5º remitirase á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, diariamente (de luns a venres en día laborable) no prazo de 12 horas, a partir do momento en que a subministración fose restablecida, ou antes das 11 horas do día seguinte en que se rexistrase a dita interrupción.

Se no momento da comunicación das interrupcións non se dispón da información referente ás alíneas 5 e 6 do artigo 5º, a empresa distribuidora deberá remitir no prazo dun mes á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas un informe onde se detalle a mesma.

Artigo 7º.-Actualización de información.

As empresas distribuidoras deberán remitir anualmente á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas un informe actualizado onde figure o número de subministracións por concello, dentro do ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Incumprimentos e sancións.

No suposto de incumprimento das obrigas reguladas nesta orde, observarase o disposto no título X, sobre infraccións e sancións, da Lei 54/1997.

Disposición transitoria

Primeira.-En canto non estea dispoñible o sistema ó que fai referencia o artigo 4, a información requirida será remitida á consellería en soporte electrónico, de acordo co modelo normalizado que se facilitará mediante resolución da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, ó enderezo de correo energia2*xunta.es.

Segunda.-Establécese o prazo dun ano, a partir da entrada en vigor desta orde, para que as empresas distribuidoras poidan facilita-lo número de expediente, segundo o solicitado no artigo 5º.1. Así mesmo, no prazo dun mes a partir da data de publicación da presente orde, as empresas distribuidoras deberán presentar na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas o informe ó que se fai referencia no artigo 7º, cos datos actualizados o 31 de decembro de 2002.

Disposicións finais

Primeira.-Autorízase o director xeral de Industria, Enerxía e Minas para dicta-las disposicións que sexan precisan para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2003.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio