Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Xoves, 08 de maio de 2003 Páx. 5.815

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 20 de marzo de 2003, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se autoriza e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada: L.M.T. Barreiros, no concello de San Cibrao das Viñas. (Expediente 3658 A.T. Modificado).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos e notificacións na r/ A Batundeira, nº 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización, aprobación do proxecto e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, conforme o seu proxecto modificado presentado o 12-9-2002; resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro.-Esta delegación provincial, logo da súa tramitación regulamentaria, autorizou e aprobou o proxecto de execución da L.M.T. Barreiros, conforme o seu proxecto inicial, por resolución de data 28-6-1991, e outorgou a autorización de posta e servicio o día 30-3-1992.

Segundo.-Como consecuencia da execución da sentencia de 8-10-2001, que resolve o recurso de apelación 122/2001 da Audiencia Provincial de Ourense, Sección Segunda, a empresa eléctrica deixa sen tensión a citada L.M.T. Barreiros e desmonta o tramo de conductor existente entre os apoios números 4 e 5.

Terceiro.-A nova petición, obxecto deste modificado, someteuse a información pública por acordo do 17 de setembro de 2002, desta delegación provincial, publicado no DOG do 6 de novembro, no BOP de Ourense do 6 de novembro e no xornal La Región do 4 de outubro de 2002, en aplicación dos

artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Cuarto.-A finalidade deste proxecto, como consta no expediente, é a modificación do trazado orixinal como consecuencia do crecemento e ampliación do polígono de Barreiros e o restablecemento da tensión da L.M.T., coa instalación do van entre os apoios nº: 4 e 5, co fin de lle dar sobre alimentación ó C.T. de 630 kVA situado naquel polígono industrial, do que se abastecen en baixa tensión a maioría de empresas, pola seguridade, continuidade e calidade na subministración eléctrica que diso se deriva.

Quinto.-Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

-Wilson Jones Romero, en representación da comunidade de herdeiros de Aquilino Paredes Cabanelas, propietaria do predio nº 17 dos afectados, manifesta a súa oposición ó paso do tendido eléctrico polo seu predio e solicita que o promotor presente trazado alternativo, polos motivos que seguidamente se resumen:

1. Que existe sentencia xudicial que condenou a Fenosa á retirada do tendido eléctrico que sobrevoaba a súa propiedade por non ter dereito a iso. 2. Que esta delegación provincial instara a empresa eléctrica a varia-lo trazado, buscando outro alternativo. 3. Que en función do artigo 57 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, e 161 do seu regulamento, o tendido se pase polo extremo do predio. 4. Que, segundo o artigo 155 do citado regulamento, a servidume de paso xa estaría extinguida por retirada da instalación e 5. Polo demérito que desde o punto de vista urbanístico lle ocasionaría aquela.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000 e polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro (DOG do 16 de febreiro).

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada pola empresa solicitante e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. A empresa eléctrica, como queda dito, cumpriu a sentencia da Audiencia Provincial de Ourense, indicada máis arriba, derivada da instalación do tendido eléctrico sobre a propiedade sinalada -predio nº 17- sen ter dereito a iso. A servidume que agora se pretende constituír nace ó abeiro dos artigos 52 e seguintes da Lei 54/1997, do 27 de novembro,

do sector eléctrico, coa declaración de utilidade pública desta instalación, instada pola empresa, o que levará implícito en todo caso a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2. A liña eléctrica de alimentación ó C.T. polígono Barreiros, que en principio se buscou como alternativa a este proxecto e que se tramitou nesta delegación provincial con nº de expediente 02/43, autorizado con data 1-7-2002, non garante suficientemente a subministración na zona polo que, atendendo ó sinalado no punto cuarto dos antecedentes, en canto á dobre alimentación, vese a necesidade desta nova instalación.

3. Non se pode admiti-la variante proposta polo alegante xa que nela non se dan conxuntamente as condicións esixidas polo artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que aproba o regulamento que desenvolve a citada Lei 54/1997, xa que, como xustifica a empresa solicitante, a variante incrementaría en máis dun 10% a lonxitude do treito afectado. Ademais aquela xeraría novas afeccións a propiedades particulares.

4. Non corresponde a esta fase do procedemento resolve-las cuestións económicas derivadas do demérito que a instalación lle poida causar ó predio servente, pois iso é materia de competencia do Xurado Provincial de Expropiación, que resolverá en consecuencia logo de ve-las follas de aprecio contradictorias que presenten as partes no transcurso do expediente de prezo xusto, o cal se iniciará co levantamento das actas previas á ocupación.

Terceiro.-O proxecto conta con informe favorable dos servicios técnicos desta delegación provincial, ó estar conforme coa lexislación de aplicación na materia, e no expediente cumpríronse os trámites regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, entre os que cabe citar, no presente caso, a exposición pública no taboleiro de anuncios do Concello de San Cibrao das Viñas, onde non se presentaron alegacións.

Esta delegación provincial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. a execución das instalacións eléctricas previstas no proxecto L.M.T. Barreiros -proxecto modificado-presentado o 12-9-2002 nesta delegación provincial.

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, das instalacións eléctricas autorizadas, coas consecuencias establecidas no artigo 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, de necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e a

urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Igualmente levará implícita a autorización para o establecemento ou paso da instalación eléctrica sobre terreos de dominio, uso ou servicio público, ou patrimoniais do Estado, ou das comunidades autónomas, ou de uso público, propios ou comunais da provincia ou municipio, obras e servicios deles e zonas de servidume pública.

3. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ó levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique individualmente, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 20 de marzo de 2003.

Ramón Fernández-Linares Bouza

Delegado provincial de Ourense