Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2003 Páx. 5.593

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 14 de novembro de 2002 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, polo que se aproba a modificación das bases de axudas e subvencións do Instituto Galego de Promoción Económica para implementa-la autorización expresa dos solicitantes para a subministración automatizada de información tributaria ó Instituto Galego de Promoción Económica desde AEAT e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

A orde do Ministerio de Economía e Facenda do 18 de novembro de 1999, dictada en aplicación do disposto na disposición adicional cuarta da Lei 40/1998, do 9 de novembro, regula os requisitos para a subministración de información de forma directa a outras admimistracións públicas, establecendo a cautela da constancia da autorización do interesado.

A Xunta de Galicia e a Axencia Estatal de Administración Tributaria ten subscrito un convenio de colaboración en materia de subministración de información para finalidades non tributarias, Convenio ó que poden accede-los órganos e organismos que como o Igape dependen da Administración da Comunidade Autónoma, sendo imprescindible que o solicitante asine unha autorización expresa.

Para facilita-la tramitación ós interesados, estímase conveniente introducir nas convocatorias do Igape a posibilidade de que os solicitantes autoricen a este instituto a solicitar directamente ante os organismos competentes as acreditacións de atoparse ó corrente das súas obrigas fiscais e de non ter contraídas débedas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas

RESOLVO:

Único.-Publica-la seguinte modificación, acordada polo consello de dirección do instituto na súa

reunión do 31 de outubro de 2002, que afecta ás bases de axudas e subvencións do Igape:

«Nas convocatorias de axudas e subvencións do Igape que se enumeran no anexo II, os interesados poderán acudir individualmente á Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para solicita-la expedición dos certificados de atoparse ó corrente das súas obrigas fiscais e non ter débedas coa Xunta de Galicia, ou cubrir, debidamente asinada a autorización que se xunta como anexo I, para efectos de que este órgano poida solicitala por vía informática».

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2002.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Autorización de solicitude de certificacións fiscais

Don/Dona..., en nome e representación de... en relación a miña solicitude ó abeiro de... (convocatoria de axuda ou subvención).

Autorizo:

O Igape para que, conforme co disposto no artigo 2.4º da orde do Ministerio de Economía e Facenda do 18 de novembro de 1999 e cos requisitos sinalados no artigo 18.1º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en materia de axudas e subvencións, solicite da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Economía e Facenda, a información a que se refire o artigo 78.4º c) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, en relación co cumprimento das miñas obrigas tributarias estatais e coa Comunidade Autónoma de Galicia.

En..., ... de... de 200...

Sinatura e selo da entidade

ANEXO II

Convocatorias nas que se poderá incorpora-la autorización

1. Resolución do 20 de setembro de 2002 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ó comercio retallista na Comunidade Autónoma de Galicia 2002-2003 (DOG nº 205, do 23 de outubro).

2. Resolución do 12 de xullo de 2002 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica ós custos de auditoría de contas nos programas de préstamos e garantías. (DOG nº 143, do 26 de xullo).

3. Resolución do 26 de abril de 2002 pola que se fai público o acordo do seu consello de dirección que establece un programa de préstamos para financiar produccións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG nº 87, do 7 de maio).

4. Resolución do 2 de abril de 2002 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas financiado mediante contratos de arrendamento financeiro, subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras. (DOG nº 72, do 15 de abril).

5. Resolución do 2 de abril de 2002 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas subscrito entre o Instituto Galego de Promoción Económica e as entidades financeiras. (DOG nº 70, do 11 de abril).

6. Resolución do 30 de novembro de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro para reparación de danos causados polas chuvias e temporais en parques de cultivo de moluscos de Carril (DOG nº 236, do 7 de decembro).

7. Resolución do 7 de novembro de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, a Consellería de Economía e Facenda e o Instituto Galego de Promoción Económica para a posta en marcha na Comunidade Autónoma de Galicia de centros residenciais para maiores asistidos de iniciativa privada (DOG nº 220, do 14 de novembro).

8. Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para proxectos empresariais de investimento (DOG nº 142, do 23 de xullo).

9. Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega (DOG nº 142, do 23 de xullo).

10. Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para programas de emprendedores (DOG nº 142, do 23 de xullo).

11. Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para programas de especialización laboral (DOG nº 142, do 23 de xullo).

12. Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Igape para programas de salvamento e reestructuración de empresas en crise (DOG nº 142, do 23 de xullo).

13. Resolución do 26 de xuño de 2001 pola que se lle dá publicidade ó acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aproba as bases reguladoras da convocatoria de 20 bolsas de promoción exterior (DOG nº 131, do 6 de xullo).

14. Resolución do 13 de xuño de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro para reparación de danos causados polas chuvias e temporais en Galicia Igape-ICO-EEFF (DOG nº 132, do 9 de xullo).

15. Resolución do 22 de xuño de 2001 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ó sector pesqueiro Igape-EEFF (DOG nº 133, do 10 de xullo).

16. Resolución do 8 de novembro de 2000 pola que se fan públicas as bases reguladoras das axudas do Igape previstas no convenio de financiamento Xunta de Galicia/entidades financeiras do fondo de desenvolvemento INESGA (DOG nº 222, do 16 de novembro).

17. Resolución do 19 de xullo de 2000 pola que se fan públicas as bases reguladoras das achegas do Igape para a organización de iniciativas de interese socioeconómico (DOG nº 158, do 16 de agosto).