Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 85 Luns, 05 de maio de 2003 Páx. 5.592

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2003 pola que se convoca un curso sobre dereitos humanos e ética policial.

Dentro das actividades programadas para o ano 2003 en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, en virtude do convenio de formación asinado entre a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e a Deputación Provincial de Pontevedra, anúnciase a realización dun curso sobre dereitos humanos e ética policial, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

-Coñece-los cambios sociais que afectan as relacións policía-cidadán, así como a recomendación 10-2001 do Comité de Ministros do Consello de Europa sobre o Código Europeo de Ética da Policía.

-Coñece-los criterios de comportamento profesional: principios básicos de actuación, integridade moral e dignidade profesional.

-Domina-los valores de importancia nas relacións corporativas: trato cos superiores, iguais e inferiores; disciplina e xerarquía.

-Ter claros os principios que rexen nas relacións coa comunidade: corrección, atención, calidade e imaxe pública da policía.

Publicación.

Esta actividade formativa, e tamén todas aquelas que se desenvolvan en colaboración coa Deputación Provincial de Pontevedra, será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e no BOP de Pontevedra.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos de Policía Local da provincia de Pontevedra.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

30 prazas.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 13 de maio de 2003, ás 14 horas.

3. As instancias deberán enviarse á Deputación Provincial de Pontevedra (Área de Recursos Humanos e Formación (fax: 986 80 41 41): avda. Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra; ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso realizarase en datas do 19 ó 23 de maio de 2003.

O horario será de 16.30 a 20.30 horas.

Contido.

O curso desenvolverase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse os seguintes módulos:

I. Integridade e dignidade socioprofesional.

II. Relacións corporativas.

III. Relacións coas autoridades.

IV. Relacións coa comunidade.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos farase publica o día 15 de maio a partir das 14 horas, tanto pola Deputación Provincial de Pontevedra como pola Academia Galega de Seguridade. Os interesados poden coñecer e confirma-la súa asistencia chamando ós teléfonos 986 59 00 21 (AGS) ou 986 80 41 00 ext. 306/307 (Área de Recursos Humanos e Formación da Deputación Provincial de Pontevedra).

Lugar.

O curso desenvolverase na aula de formación da Deputación Provincial de Pontevedra, sita no pazo da deputación na avda. Montero Ríos, s/n, 36001 Pontevedra.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el.

Modificacións.

Tanto a Academia Galega de Seguridade como a Deputación Provincial de Pontevedra, se é o caso, poderase modifica-lo desenvolvemento normal do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 22 de abril de 2003.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade