Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Venres, 02 de maio de 2003 Páx. 5.525

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 237/2003, do 27 de marzo, polo que se crea o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

Polo Real decreto 1679/2000, do 2 de outubro acordouse a segregación da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Biólogos.

A disposición adicional única do real decreto citado dispón que a segregación terá efectividade a partir da entrada en vigor da norma autonómica de creación do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia. En virtude do exposto, a Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Biólogos presentou ante a Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local a solicitude de creación do devandito colexio.

Tendo en conta a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido no artigo 36 da Constitución española, no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, no Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado na materia de colexios oficiais e profesionais, no Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia sobre asunción de funcións e competencias a que se refire o real decreto citado; por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de marzo de dous mil tres,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase o Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, por segregación do Colexio Oficial de Biólogos.

Artigo 2º

O ámbito territorial do colexio será o da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

1. A Xunta de Goberno da Delegación de Galicia do Colexio Oficial de Biólogos quedará constituída en comisión xestora do novo colexio, e deberá aprobar no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor deste decreto uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Biólogos de Galicia, nos que se regulará a asemblea colexial constituínte, coa previsión da forma da convocatoria, que deberá ser anunciada, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior difusión de Galicia, e do procedemento do desenvolvemento dela.

2. A asemblea colexial constituínte deberá:

a) Elaborar e aproba-los estatutos do colexio.

b) Elixi-los membros dos seus órganos colexiais de goberno.

3. Os estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellería competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, publicación no Diario Oficial de Galicia e inscrición no rexistro de colexios profesionais.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintesete de marzo de dous mil tres.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local