Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Mércores, 30 de abril de 2003 Páx. 5.487

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

EDICTO do 25 de marzo de 2003, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se resolve a clasificación do monte lugar da Igrexa da parroquia de Porto, do concello de Salvaterra de Miño.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 60.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, faise constar que:

O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, dictou a seguinte resolución:

Asistentes:

Presidente:

José A. López Rodríguez (Delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente).

Vocais:

Mª Luisa Pardavila Pazos (avogada polo colexio da provincia).

Manuel Francisco Gutierrez (Xefe do Servicio de Montes e Industrias Forestais).

Luis Mª Muiños Vidueira (letrado da Asesoría Xurídica da Xunta).

Vocais representantes da parroquia de Porto do concello de Salvaterra do Miño:

José Araujo Peña.

Secretaria:

Pilar Pita Ponte (xefa de sección do Servicio Técnico-Xurídico da Delegación de Medio Ambiente).

Na cidade de Pontevedra, sendo as dezasete horas do día 20 de febreiro do 2003, coa asistencia das persoas na marxe indicadas, reúnese na 3ª planta do edificio sito no nº 47 da rúa Benito Corbal o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común co obxecto de decidir sobre a clasificación do monte lugar da Igrexa da parroquia de Porto do concello de Salvaterra do Miño.

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 4-5-2000 José Araujo Peña no nome e representación da comunidade de montes veciñais en man común de Porto, como presidente, solicitou a clasificación como veciñal en man común do monte lugar da Igrexa da parroquia de Porto, do concello de Salvaterra do Miño.

Segundo.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais na súa reunión do 8-2-2002 acordou inicia-los trámites para a clasificación do referido monte, así como a remisión do expediente ó Servicio de Montes e Industrias Forestais para o seu estudio e informe.

Terceiro.-Na sesión do día 3 de abril do 2002, o xurado adoptou o acordo de nomear relator do expediente de clasificación a Manuel Francisco Gutierrez.

Cuarto.-Cumprida e observada a tramitación legal e regulamentariamente esixida, nin no trámite de audiencia, exposición pública no Concello e publicación no DOG, nin ó longo da tramitación do expediente, non se formulou oposición á clasificación instada nin por parte do concello nin de particulares. Así mesmo, segundo a certificación rexistral que consta no expediente, as referidas parcelas non se atopan inscritas a favor de ningunha persoa.

Quinto.-O monte lugar da Igrexa obxecto do presente expediente de clasificación, obedece á seguinte descrición:

Concello: Salvaterra do Miño.

Lugar: parroquia de Porto.

Nome do monte: lugar da Igrexa.

Cabida: 1.053 m.

Lindeiros:

Norte: predios particulares muro por medio.

Sur: camiño de servicio.

Leste: predios particulares muro por medio.

Oeste: predios particulares muro por medio.

Servidumes e ocupacións: no muro correspondente ó límite N atópase practicada unha porta de acceso aínda que non hai senda trazada na parcela.

Descrición: o estado da parcela é raso con chan moi escaso sobre graveira. Existen marcos non labrados nas extremas de cada liña. Atópase fundida á construcción dun muro no límite sur, separando de camiño de servicio.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñece-los expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter a teor do establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segundo.-De conformidade co artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e no artigo 1 do Decreto 240/1992, do 4 de setembro, cómpre entender por montes veciñais en man común «... os terreos radicados na Comunidade Autónoma de Galicia que, con independencia da súa orixe, as súas posiblidades productivas, o seu aproveitamento actual e a súa vocación agraria pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e os veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade, sen asignación de cotas, os membros daquelas na súa condición de veciños».

Así, segundo abondosa xurisprudencia, o feito que xustifica a clasificación ou non como veciñal dun determinado monte, en vía administrativa, é a circunstancia de terse ou non demostrado o aproveitamento consuetudinario en man común, prescindindo das cuestións relativas á propiedade e demais dereitos reais.

Terceiro.-Coa solicitude non se xuntan copia de documentos onde se poida constatar que en tempos máis ou menos antigos, os referidos montes tiveran un uso comunal, aínda que tales probas non se consideran suficientes tendo en conta a evolución lexislativa deste tipo de propiedade característica do dereito civil de Galicia, recoñecéndoselle o carácter de «imprescritibilidade» a partir da Compilación foral de Galicia de 1963, sendo este dato fundamental na interpretación do artigo primeiro da Lei 13/1989 onde se definen os montes veciñais en man común, por dous elementos característicos que son a súa pertenza a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e que se veñan aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos veciños.

Esta segunda característica dos montes veciñais, como xa ten dito o Tribunal Supremo na sentencia do 24-4-2000 e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, constitúe unha clara referencia a un período temporal de presente, e non dun pasado máis ou menos remoto.

A entidade promotora do expediente non achegou ningunha proba para acreditar a existencia do uso comunal durante as últimas décadas polo que, forzosamente nos temos que basear nos informes emitidos polo Servicio de Montes e Industrias Forestais.

En consecuencia, vista a Lei galega 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común e o seu regulamento, aprobado por Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación ó caso examinado e tendo en conta que no expediente queda acreditado, de xeito efectivo, que os terreos obxecto

de clasificación non veñen aproveitándose consuetudinariamente polos membros desta comunidade e non proceden a súa pertenza a agrupacións veciñais, o instructor propón e de maneira unánime o xurado

ACORDA:

Non clasificar como veciñal en man común o monte lugar da Igrexa a favor dos veciños da parroquia de Porto do concello de Salvaterra do Miño por non reuni-los requisitos establecidos no artigo 1 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó desta notificación, de acordo co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Pontevedra, 25 de marzo do 2003.

José Antonio López Rodríguez

Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra